Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Xoves, 23 de agosto de 2001 Páx. 11.329

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2001, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, pola que se fai pública a clasificación do monte Vieiro, a favor dos veciños de Verducedo e Cascarballo, no concello de Montederramo (Ourense).

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense acordou, na sesión que tivo lugar o trinta de maio de dous mil un, adopta-lo seguinte acordo:

Visto o expediente de clasificación do monte como veciñal en man común denominado Vieiro e a solicitude dos veciños dos lugares de Verducedo e Cascarballo, no concello de Montederramo.

Resultando que con data do 9 de abril de 1999, tivo entrada no rexistro da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente de Ourense, escrito dirixido ó Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común asinado polos veciños dos lugares de Verducedo e Cascarballo, da parroquia de San Cosme de Montederramo, no concello de Montederramo, solicitando se declare o monte Vieiro como veciñal en man común.

Resultando que o xurado provincial en sesión do 30 de xuño de 1999, acordou tomar en consideración o citado escrito e inicia-lo expediente de clasificación do monte designando instructores deste a Abel Carbajales Santaeufemia e Jose Ramón Goyanes Flores, que aceptaron tal cargo, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade da Pobra de Trives, e remitíndose comunicacións dirixidas ós veciños representantes dos lugares anteditos, ó presidente da Deputación Provincial de Ourense, ó alcalde do Concello de Montederramo, á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria: Servicio de Estruc

turas e Desenvolvemento Rural, á delegación provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, á Xerencia Territorial do Catastro, e ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, publicándose edictos no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios do Concello de Montederramo, durante o prazo dun mes segundo consta en dilixencia redactada ó dorso do edicto polo secretario do citado concello, que durante o prazo sinalado en edictos para que os interesados puidesen comparecer ou intervir nel, en defensa dos seus dereitos, non consta presentada ningunha alegación.

Resultando que a anotación preventiva de iniciación do expediente se practicou no Rexistro da Propiedade da Pobra de Trives, como segue:

«Asento 1.116 do Diario 19, anotación preventiva letra A».

Resultando que na tramitación do expediente se cumpriron tódalas formalidades legais.

Considerando que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten xurisdicción e competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da citada lei.

Considerando que o tipo de comunidade xermánica que institúe a Lei de montes veciñais en man común ten como características esenciais as seguintes:

1. Que os condominios se unen por vínculos persoais de veciñanza agrupados en parroquias, aldeas, lugares, casaríos ou barrios non constituídos formalmente en entidades muncipais;

2. Que polo tanto o número de titulares é variable e indeterminado;

3. Que o patrimonio colectivo é utilizado e aproveitado polo veciño, en canto membro da agrupación veciñal, faltando a idea de cota no sentido xurídico-romano;

4. Que o patrimonio e a participación é inalleable, imprescritible e inembargable; e

5. Que a comunidade é indivisible, non podendo os comuneiros pedi-la actio communi dividumdo.

Considerando que segundo informacións e testemuños resulta que os montes citados son aproveitados e posuídos en réxime de comunidade xermánica polos veciños dos lugares de Verducedo e Cascarballo, no concello de Montederramo (Ourense).

Considerando que das informacións recollidas resulta que os veciños dos lugares de Verducedo e Cascarballo están conformes coa clasificación do citado monte coma veciñal en man común.

Considerando que a teor do disposto na Lei de montes veciñais en man común, o expediente de clasificación se iniciou por acordo do xurado, por instancia dos veciños dos lugares de Verducedo e

Cascarballo e para que este xurado puidese acorda-la iniciación do expediente de clasificación.

Considerando que no recoñecemento en campo se comproba e concreta o seu perímetro e se precisan os lindeiros, tal e como se reflictan na parte dispositiva do acordo.

Vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, Decreto 260/1992 do 4 de setembro, así como o establecido na Lei de procedemento administrativo do 26 de novembro de 1992, modificada pola Lei 4/1999.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man común á vista dos antecedentes e fundamentos expostos e por unanimidade dos seus membros:

ACORDA:

Primeiro.-Clasifica-lo monte denominado Vieiro, de 9,3 ha de superficie aproximadamente, a favor dos veciños dos lugares de Verducedo e Cascarballo, parroquia de San Cosme de Montederramo, no concello de Montederramo (Ourense), e cos datos que a seguir se citan, como veciñal en man común, en réxime de comunidade xermánica.

Os datos do citado monte son:

Concello: Montederramo

Denominación: monte Vieiro.

Comunidade propietaria: veciños de Verducedo e Cascarballo (parroquia de San Cosme de Montederramo).

Superficie: 9,3 ha, aproximadamente.

Estremas:

Norte: propiedade particular de Manuel Vázquez Gómez, e outros dous.

Sur: límite termos municipais entre Montederramo e Maceda.

Leste: camiño de Escuadra.

Oeste: límite termos municipais entre Montederramo e Maceda.

Descrición do perímetro:

Partindo do alto denominado Coto, sito no límite entre os concellos de Montederramo e Maceda, a liña en dirección sueste, seguindo o límite entre os concellos citados, ata o denominado Camiño de Escuadra. De seguido a liña segue o camiño citado, en dirección noroeste, ata a leira propiedade particular de Manuel Vázquez Gómez, veciño de Verducedo. Desde este punto do camiño, o límite do monte segue unha liña recta ata o alto denominado Coto.

Segundo.-Que se proceda á exclusión do citado monte de calquera inventario, catálogo ou rexistro público no que poidan figurar inscritos a favor de persoa ou entidade distinta á que agora se asigna a súa pertenza.

Notifíquese esta resolución ó alcalde-presidente do Concello de Montederramo (Ourense), ós representantes da comunidade veciñal, ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, ós que se lles fará saber que esta resolución, que pon fin á vía administrativa, pode ser obxecto de recurso de reposición potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, ámbolos dous prazos a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa).

O que por orde do presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, se fai público no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento.

Ourense 30 de maio de 2001.

Miriam Areal López

Secretaria do Xurado Provincial

de Clasificación de Montes Veciñais

en Man Común de Ourense

Visto e prace

Agustín Prado Verdeal

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Ourense