Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Venres, 24 de agosto de 2001 Páx. 11.339

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 31 de xullo de 2001 pola que se regula o procedemento para a concesión, uso e control da marca Artesanía de Galicia, propiedade da Xunta de Galicia.

O artigo 8 da Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia faculta a Consellería de Industria e Comercio para que, logo da proposta da Comisión Galega de Artesanía, dicte as normas precisas para crear distintivos que garantan a procedencia da producción artesanal galega e posibiliten a súa identificación nos mercados.

Trala entrada en vigor da citada lei, un elemento indispensable para delimita-lo sector artesanal é o recoñecemento oficial, por parte da Xunta de Galicia mediante a súa inscrición no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia da Consellería de Industria e Comercio, das actividades artesanais que se exercen na Comunidade Autónoma, así como das persoas ou unidades económicas que teñen a acreditación oficial de artesáns.

Nembargantes, para os consumidores non é posible en moitas ocasións poder identifica-los productores artesáns galegos unha vez que estes acceden ós mercados, ó non dispoñer dun distintivo que acredite a súa condición artesanal.

Para obviar esta dificultade, a Xunta de Galicia creou unha imaxe gráfica, que consiste nun símbolo e o logotipo Artesanía de Galicia, como distintivo dos productores artesáns de Galicia, e que foi rexistrada como marca na Oficina Española de Patentes e Marcas.

Procede, polo tanto, regula-lo procedemento para a concesión, uso e control da marca, propiedade da Xunta de Galicia, e determina-la forma e contidos dos modelos que utilicen a denominación Artesanía de Galicia.

Na súa virtude e, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regula-lo procedemento para a concesión, uso e control do distintivo da marca que coa denominación de Artesanía de Galicia é propiedade da Xunta de Galicia para identifica-los productores artesáns da Comunidade Autónoma galega e acreditar que o producto que o leva se elaborou nun obradoiro artesán inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Artigo 2º.-Finalidade do distintivo da marca.

Con este distintivo preténdese:

a) Dota-la artesanía galega dunha imaxe que a distinga e identifique.

b) Protexer e mante-lo prestixio dos artesáns de Galicia e das súas obras.

c) Informa-lo consumidor sobre a producción artesanal.

d) Apoia-los puntos de venda, ofrecendo información necesaria que distinga a obra artesanal.

e) Atende-la demanda, cada vez maior, dos mercados en materia de identificación.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

O distintivo da marca poderá ser utilizado nas súas distintas versións ou modelos polos obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e polos establecementos de venda de artesanía galega que sexan autorizados pola dirección xeral con competencias en materia de artesanía (en diante dirección xeral).

Artigo 4º.-Características.

1. O distintivo da marca consiste nun símbolo deseñado en cor azul, pantone 2718 e o logotipo Artesanía de Galicia en cor negra, tipo óptima, na súa versión regular, en caixa alta sen distorsións, que se utilizarán sobre fondo branco ou negro invertendo neste caso a cor do logotipo. Excepcionalmente poderán admitirse outras versións cando non sexa posible a reproducción na súa cor orixinal.

2. Calquera modificación, transformación ou implantación dun novo tipo de marca ou modelo sobre Artesanía de Galicia é exclusiva responsabilidade da dirección xeral e, de levarse a cabo, sería comunicada ós usuarios dela.

Artigo 5º.-Aplicacións.

1. O distintivo da marca aplicarase en etiquetas e en elementos de promoción tales como bolsas, carteis, caixas, papel, así como noutros modelos que implante a dirección xeral.

2. As etiquetas, para colgar, deseñaranse en tres tamaños e todas levarán no seu anverso o logotipo e o símbolo de Artesanía de Galicia e no seu reverso o contido que se indica a continuación:

a) A etiqueta de tamaño grande, cunhas dimensións mínimas de 51,2 mmx17 mm, e a etiqueta de tamaño mediano, cun mínimo de 35,8 mmx11,9 mm levarán no seu reverso un código de barras, unha letra maiúscula cun número correlativo de cinco díxitos e os seguintes textos: «Este producto foi elaborado por un obradoiro artesán inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia co número 000», e o símbolo de copyright.

b) A etiqueta pequena medirá como mínimo 22,5 mmx7,5 mm e levará no reverso o número de rexistro de obradoiro, unha letra maiúscula cun número correlativo de cinco díxitos e o símbolo de copyright.

Artigo 6º.-Solicitude.

Os interesados en utiliza-la marca deberán presentar solicitude segundo anexo I perante a dirección xeral, na que farán consta-lo tipo de material ou modelo no que pretenden utiliza-lo distintivo e no caso de etiquetas o número de exemplares que solicitan. Se a solicitude a fai un obradoiro artesán deberá indica-lo número de inscrición no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Se o solicitante é un establecemento de venda de artesanía, ademais deberá achegar como mínimo declaración de 5 obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, segundo anexo II. Así mesmo, os solicitantes achegarán unha fotocopia compulsada do último recibo do imposto de actividades económicas.

Artigo 7º.-Concesión.

1. A dirección xeral poderá autoriza-lo uso da marca ós obradoiros artesáns e ós establecementos de venda de artesanía con carácter individual, así como ás cooperativas ou asociacións profesionais se dispoñen de obradoiro inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, nos seguintes termos:

a) As etiquetas da marca Artesanía de Galicia só poderán ser utilizadas de forma exclusiva polos obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia debidamente autorizados pola dirección xeral. Os ditos obradoiros poderán utiliza-la devandita marca unha vez autorizados, ademais, noutros elementos de promoción, agás outras etiquetas de calquera tipo ou modelo.

b) A aplicación da marca Artesanía de Galicia en elementos de promoción, agás as etiquetas, poderá ser autorizada pola dirección xeral para o seu uso por establecementos de venda de artesanía, que comercializan artesanía de alomenos 5 obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, circunstancia que deberán acreditar documentalmente segundo o anexo II.

2. A dirección xeral comunicará por escrito ós solicitantes que cumpran os requisitos establecidos nesta orde, a autorización para utiliza-la marca Artesanía de Galicia.

3. A concesión do uso do distintivo da marca será por un período de 2 anos, contados a partir da data da súa concesión e, para proceder á súa renovación, o usuario deberá presentar unha nova solicitude coa que achegará, se é o caso, a documentación que acredite a modificación dos datos que constan no rexistro.

8º.-Utilización.

1. As persoas ou entidades autorizadas para utiliza-la marca Artesanía de Galicia poderán mencionar, en tódalas actuacións de promoción e divulgación que realicen, que teñen concedido o seu uso pola dirección xeral.

2. Os usuarios poderán editar pola súa conta o material de promoción da marca Artesanía de Galicia, agás as etiquetas, para o que deberán contar previamente coa autorización expresa da dirección xeral. Por tal motivo, antes da súa edición, deberán presentarlle á dirección xeral unha proba de preimpresión na que se respecten as características técnicas orixinais. En caso contrario, responderán dos prexuízos que se ocasionen.

Artigo 9º.-Rexistro de usuarios.

1. A dirección xeral levará un rexistro no que se anotarán os obradoiros artesáns e os establecementos de venda de artesanía que sexan autorizados por ela para utiliza-la marca Artesanía de Galicia e a data da dita autorización.

2. Neste rexistro constarán, por cada cesión, os seguintes datos:

a) O nome do usuario.

b) O tipo de material ou modelo para o que se autoriza a utilización do distintivo, de acordo co establecido nos artigos 5º e 7º deste regulamento,

c) Data de entrega.

d) Cantidade e numeración das etiquetas.

Artigo 10º.-Compromiso dos usuarios.

A dirección xeral entregará, xunto coa autorización para utiliza-la marca, un exemplar deste regulamento ó usuario, o cal deberá subscribir un documento no que aceptará as condicións de uso que nel se estipulan e asumirá o compromiso de presenta-lo último recibo do imposto de actividades económicas perante a dirección xeral dentro do primeiro trimestre de cada ano.

Artigo 11º.-Distribución do material.

1. A dirección xeral poderá distribuí-lo material no que se utilice a marca ós productores e establecementos autorizados.

2. Para os ditos efectos, cada usuario deberá presenta-la súa solicitude de acordo coas seguintes condicións:

Cando se trate de etiquetas o pedido mínimo non será inferior ós 1.000 exemplares, no caso de material promocional (bolsas, adhesivos, caixas) a petición non poderá ser inferior ós 400 exemplares.

3. O solicitante deberá facer fronte ós gastos que orixine, tanto á realización como á distribución dos exemplares ou material que solicite.

Artigo 12º.-Entidades colaboradoras.

1. A dirección xeral para facilitar e axiliza-la entrega do material ó que se refire o artigo anterior, poderá autoriza-la súa distribución polas entidades colaboradoras, públicas ou privadas, que considere máis adecuadas e que o soliciten previamente.

2. As entidades colaboradoras poderán editar pola súa conta o material de promoción da marca Artesanía de Galicia, agás as etiquetas, se contan coa autorización expresa da dirección xeral. Por tal motivo, antes da súa edición, deberán presentar á dirección xeral unha proba de preimpresión na que se respecten as características técnicas orixinais, respondendo en caso contrario dos prexuízos que se ocasionen.

3. A dirección xeral asinará un contrato coas entidades colaboradoras no que constarán as condicións para a distribución e edición do material coa marca. As devanditas entidades estarán obrigadas a informar á dirección xeral trimestralmente sobre as entregas realizadas, con referencia ás persoas, material e unidades entregadas.

4. Tódolos ingresos e gastos relacionados coa utilización da marca serán xestionados e administrados polas entidades colaboradoras a través dunha conta específica establecida para o efecto e levarán unha contabilidade dela. Os ingresos destinaranse a sufraga-los gastos que ocasione o uso da marca.

5. Anualmente presentarán á dirección xeral información detallada sobre a contabilidade xerada polo uso da marca.

6. A dirección xeral poderá solicitar canta información precise en relación coa distribución da marca.

Artigo 13º.-Suspensión e retirada da marca.

1. A dirección xeral poderá suspende-la autorización para utiliza-lo distintivo da marca, por un período de ata seis meses e logo de tramita-lo correspondente expediente con audiencia do interesado, polas seguintes causas:

a) A colocación de etiquetas ou calquera outro material coa marca Artesanía de Galicia, de maneira accidental en obxectos que non sexan artesáns.

b) A colocación das etiquetas en productos deficientes.

2. A dirección xeral poderá elevar ata dous anos o prazo de suspensión da devandita autorización pola realización dos seguintes feitos:

a) A reproducción total ou parcial do material impreso coa marca sen autorización previa da dirección xeral.

b) A alteración do número das etiquetas.

c) O uso das etiquetas en obxectos non artesáns.

d) A cesión do uso de etiquetas ou do material coa marca Artesanía de Galicia a outro usuario.

e) A negativa a da-la información requirida pola Consellería de Industria e Comercio, en calquera momento.

f) A reiteración nas conductas sinaladas no apartado 1 deste artigo.

3. A dirección xeral poderá decreta-la perda definitiva do dereito á utilización da marca no caso de reincidencia na comisión dos feitos sinalados no apartado anterior.

Artigo 14º.-Prazo de resolución.

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes a este regulamento será de 6 meses contados a partir do día seguinte á presentación no rexistro das solicitudes. Se no dito prazo non se dictara resolución expresa entenderanse como desestimadas as solicitudes presentadas.

Artigo 15º.-Recursos.

As resolucións da dirección xeral dictadas en aplicación deste regulamento poderán ser obxecto de recurso de alzada ante o conselleiro competente en materia de artesanía.

Disposicións adicionais

Primeira.-Transcorrido un ano desde a entrada en vigor do presente regulamento, a dirección xeral efectuará unha valoración das experiencias adquiridas mediante unha sondaxe entre usuarios, comerciantes e consumidores, procedendo a aplicar, se é o caso, as accións correctoras necesarias.

Segunda.-A utilización desta marca por parte dos obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia compromete ás ditas entidades a responder dos artigos por eles producidos e a facer fronte ás reclamacións que se susciten.

Disposicións finais

Primeira.-Facúltase o director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Segunda.-A presente orde entregará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2001.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio