Antecedentes.
Segundo o artigo 1.2º da Lei 6/2001, do 8 de maio de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II deste real decreto lexislativo, só deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental na forma prevista nesta disposición, cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.
Á vista das características do proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental con data 1 de xuño de 2001.
O obxecto do proxecto é a definición das obras e instalación necesarias para o traslado dos residuos do antigo vertedoiro de Dozón ó actual co fin de rexenera-lo lugar do primeiro e aborda-la selaxe conxunta no lugar deste último. O actual atópase a 1.600 m do núcleo urbano e o antigo a 800 m. Ambos están moi preto da N-525, o actual a uns 50 m e o antigo xunto a ela.
O vertedoiro actual atópase nunha zona a media ladeira, de pendente moderada, onde se escavou un oco de forma rectangular para utizalo como depósito de residuos, verténdoos desde a parte superior do oco. O vertedoiro está rodeado por un peche de bloques de formigón e nel atópanse principalmente RSU parcial ou totalmente queimados. O volume de residuos é duns 300 m, esperando que acade no momento da clausura 1.021 m.
No que respecta ó antigo está situado nun espacio entre o tramo antigo e o actual da estrada N-525, non conta con ningún tipo de infraestructura ambiental de control nin cerramento. Debido a vertedura incontrolada poden observarse residuos de todo tipo: RSU, pneumáticos usados, voluminosos, etcétera. O volume de residuos calculado é de 925 m, esperando que se acaden 1.076 m, no momento do traslado ó actual.
Prevese realiza-la selaxe duns 2.100 m, é dicir, os que se atopaban no actual vertedoiro máis os trasladados do antigo.
A vexetación, nos arredores do actual vertedoiro, está formada por unha cuberta arbustiva mixta, densa e baixa, formada maioritariamente por ericáceas, sen presencia de exemplares arbóreos. No antigo, a única vexetación presente é o mato dominado polas xestas e o toxo.
Co obxecto de rexenera-la zona do vertedoiro actual prévese realizar en toda a parcela (uns 2.690 m) unha sementeira coa seguinte mestura de especies herbáceas e arbustivas: xoio (Lolium perenne, 20%), festuca encarnada (Festuca rubra, 20%), pelo de raposo (Agrostis curtissi, 15%), dactilo (Dactylis glomerata, 15%), trevo branco (Trifolium repens, 10%), trevo encarnado (Trifolium pratense, 10%), xesta (Citysus scoparius, 6%) e toxo (Ulex europaeus, 4%). Ademais realizarase unha plantación de 9.932 unidades das seguintes especies arbustivas: urceira branca (Erica arborea, 25%) e queirugas (Calluna vulgaris, 25%, Erica umbellata, 25% e Erica cinerea, 25%).
No antigo vertedoiro, unha vez retirados os residuos, procederase a estender unha capa de terra vexetal e a repoboa-la parcela cunha sementeira de herbáceas e arbustivas e unha plantación de especies arbustivas. As especies que se van utilizar na sementeira serán as mesmas que para o vertedoiro actual,
mentres que na plantación se empregarán 3.528 unidades das seguintes especies arbustivas: xesta (Cytisus scoparius, 50%) e queiruga (Calluna vulgaris, 50%).
No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, ademais das medidas preventivas e correctoras previstas no estudio ambiental presentado.
O estudio de impacto ambiental do proxecto de adecuación e clausura de vertedoiros de RSU en Dozón (Pontevedra) someteuse ó trámite de información pública, polo prazo de 30 días, mediante Resolución do 19 de xuño de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 132, do 9 de xullo de 2001. O certificado de exposición pública na Delegación da Consellería de Medio Ambiente da provincia de Pontevedra recíbese con data 23 de agosto de 2001, non tendo constancia da presentación de alegacións.
Con data 19 de xuño de 2001 consúltase a Dirección Xeral de Saúde Pública e á de Obras Públicas. Non tendo constancia da emisión dos informes no prazo legalmente establecido, e á vista do tempo transcorrido, procede prosegui-la tramitación de conformidade co artigo 83 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.
Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula para os sós efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de adecuación, selaxe e clausura dos vertedoiros de RSU de Dozón (Pontevedra), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello de Dozón.
O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Concello de Dozón, a obriga de asumi-lo mantemento e conservación das obras unha vez recibidas será do Concello de Dozón. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
Declaración de impacto ambiental.
Examinado o documento Proxecto de adecuación, selaxe e clausura de vertedoiros de RSU en Dozón (Pontevedra). Abril 2000 e tendo en conta o carácter de corrección ambiental das obras, estímase a necesidade de realiza-lo proxecto.
Nembargantes, coa finalidade de optimizar estas medidas e co obxecto de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar ademais das medidas que se propoñen no proxecto, as
recollidas na presente declaración de impacto ambiental, todo isto para cumprir co disposto na Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia.
No caso de que exista contradicción entre o establecido na documentación avaliada e a presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Condicionado
1. Ámbito da declaración.
A presente declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto de adecuación, selaxe e clausura de vertedoiros de RSU en Dozón (Pontevedra).
2. Sobre o nivel sonoro ambiental.
Rexerá ó disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG de 20 de agosto), así como o estipulado, se é o caso, pola ordenanza municipal ó respecto.
3. Sobre a calidade do aire.
Durante a adecuación da masa de residuos, consideraranse as condicións metereolóxicas, evitando a remoción de residuos en presencia de vento, alta temperatura ou elevada pluviosidade.
Trala finalización das obras vixiarase que as emisións nas chemineas de desgasificación non sexa percibida de forma habitual polas poboacións do contorno, e se é o caso, recollerase este gas e procederase a queimalo.
Asemade, na escavación de residuos procederase á súa aireación, co obxecto de evitar explosións.
Os vehículos que se empreguen para o transporte de residuos desde o vertedoiro antigo ó actual cubriranse cunha lona ou similar antes de inicia-lo seu traslado, co fin de evita-la xeración de voantes.
4. Sobre as augas.
Para calquera vertedura de efluentes, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia.
As regas previstas para evita-la emisión de po efectuaranse de xeito que se humecte o solo, pero non se formen asolagamentos nin regatos. Este aspecto tamén deberá ser tido en consideración durante os movementos de terras e residuos, de tal xeito que non se impida o libre fluxo de auga.
Os lixiviados acumulados na arqueta durante o mantemento posterior á clausura retiraranse cando se acade como máximo as 3/4 partes da súa capacidade e serán entregados a xestor autorizado, para o seu traslado ata unha estación depuradora de augas residuais ou planta de tratamento.
Garantirase o adecuado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.
As augas de escorrega superficial, segundo o proxecto, conduciranse a través das cunetas de intercepción ata á arqueta e de aí, a partir dun conducto, desaugarán ó medio. Para evita-la erosión na incor
poración das augas á rede natural de drenaxe, deberanse colocar sistemas de disipación de enerxía (encachados de pedra, pequenos diques, etcétera) nos puntos de vertido. Asemade, nestes puntos débense impedi-los fenómenos de asolagamento ou deposición.
Realizaranse periodicamente labores de mantemento co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e de lixiviados.
As reparacións e cambios de aceite da maquinaria móbil realizaranse en talleres autorizados.
5. Sobre o solo.
De maneira previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas, de maneira que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio, restrinxíndose o movemento da maquinaria ás zonas destinadas ó efecto.
Os materiais sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante, xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega a xestor autorizado, deberán poñerse en contedores localizados nun lugar debidamente sinalizado.
Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo fóra da superficie delimitada para os vertedoiros.
Os materiais precisos para a adecuación e selaxe do vertedoiro deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada.
6. Sobre a restauración.
De acordo co proxecto, na superficie que se vai revexetar empregarase unha dose mínima de sementes de 400 kg/ha en ámbolos dous vertedoiros e no caso das plantacións de arbustivas a dose será de 40.000 pés/ha no vertedoiro actual é de 20.000 pés/ha no antigo.
Ata asegura-la viabilidade da sementeira e da plantación, procederase á rega regular e á fertilización mineral de reforzo anual e á resementeira das superficies nas que se aprecie a presencia de calvas e a reposición de marras no caso de que se produzan.
7. Sobre a protección e control de accesos.
Adoptaranse as medidas precisas para evita-la aparición de focos de vertedura, tanto na fase de adecuación e selaxe como na fase posclausura.
No vertedoiro actual planifícase mante-lo peche perimetral existente colocando un portón de entrada e no antigo instalar unha bionda, co fin evita-la vertedura incontrolada, a este respecto, deberá asegurarse a funcionalidade destes peches en todo momento, así como limita-la entrada ó vertedoiro selado.
8. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).
O obxecto deste programa é o de garantir, ó longo do tempo, o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódolas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará á disposición da administración competente. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes para remitir a esta dirección xeral.
As analíticas que se van realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar así mesmo a toma de mostras.
A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
8.1. Informe final de obras.
Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo, como mínimo os seguintes elementos:
a) Data de finalización das obras.
b) Plano en planta de cada un dos vertedoiros, a escala 1:250 no caso do actual e a escala 1:500 no antigo. Estes planos estarán dotados de coordenadas UTM, e neles localizaranse os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a situación exacta dos dispositivos de control. Os planos acompañaranse da relación de coordenadas UTM que definan o perímetro da parcela.
c) Reportaxe fotográfica das zonas, que reflicta o estado final de ambos lugares, incluíndo a zona non selada. Esta reportaxe acompañarase de planos onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.
d) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados durante a obra, e que non puideron ser obxecto de depósito no vertedoiro.
e) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertedura. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 9.2 desta declaración.
8.2. Informe de seguimento ambiental.
Presentarase con periodicidade semestral, contado desde o final das obras e ata que esta dirección xeral informe da súa finalización. O seu contido será
o indicado no anexo 14. Plan de seguimento ambiental do proxecto, debendo incluír ademais a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da entrega dos lixiviados a xestor autorizado, indicando os volumes e as súas características.
b) Reportaxe fotográfica que reflicta o estado de ámbolos dous lugares, das zonas nas que quedaron implantados os diversos elementos, do peche perimetral e da eficacia do sistema de disuasión de verteduras. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.
Se durante o período de control posclausura se producise unha variación significativa na calidade das augas superficiais ou nos lixiviados, ou un incremento importante na producción destes últimos, deberá notificarse inmediatamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control posclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la lista dos parámetros que hai que controlar, así como a frecuencia dos controis que se van realizar.
9. Condicións adicionais.
9.1. O Concello de Dozón poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.
Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada a presente declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó concello o acordo adoptado.
9.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
9.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da decla
ración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.
9.4. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental poderá paralizar cautelarmente as obras ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.
9.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.
9.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial das condicións impostas nesta DIA poderá ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.
9.7. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou normas subsidiarias.
9.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.
ANEXO I
Resumo do proxecto
Vertedoiro actual Vertedoiro antigo
Situación Concello de Dozón a uns 1.600 m do núcleo urbano Concello de Dozón a uns 800 m do núcleo urbano
Superficie ocupada por residuos 477 m 959 m
Superficie que se vai selar 1.350 m
Superficie de actuación 2.690 m 1.764 m
Volume de residuos actual 269 m 925 m
Volume de residuos previsto no momento de executa-lo proxecto 1.021 m 1.076 m
Volume de residuos que se van trasladar 1.076 m
Volume de residuos a selar 2.097 m
Tipos de residuos RSU parcialmente incinerados
RSU maioritariamente incinerados ou degradados, pneumáticos usados e voluminosos.
Tipo de vertedoiro Recheo de oco Combinado área-ladeira
Uso do vertedoiro 4 anos Máis de 20 anos
Situación actual e situación prevista do vertedoiro actual de Dozón coa realización do proxecto
actual
Situación
Proxecto
Lixiviados Fondo impermeabilizado Non, terreo natural Non, terreo natural
Drens lixiviados Non Si
Captación de lixiviados Non Si
Tratamento Non Arqueta e traslado a EDAR
Gases Drens Non Si
Captación Non Si, 3 pozos
Tratamento Non Extracción pasiva
Pluviais Gabias de recollida perimetral Non Si
Punto de vertedura Non Ó medio
Cuberta Lámina/Capa impermeable Non Si
Terra vexetal Non 30 cm
Vexetación Non Si
Estabilidade Estabilidade Si Si
Accesos Posibilidade de acceso Si, pero restrinxida a vehículos. Non
Vixilancia ambiental Plan de vixilancia ambiental Non Si
Compoñentes do sistema de selaxe no vertedoiro actual de Dozón
Superficie do vertedoiro
Capa de asentamento 30 cm de xabre compactado
Protección da capa de impermeabilización Xeotéxtil de 300 g/m
Capa de impermeabilización Xeocomposto bentonítico
Capa de drenaxe Xeocomposto drenante
Capa de cobertura 70 cm de solo seleccionado e 30 cm de terra vexetal
Situación actual e situación prevista do vertedoiro antigo de Dozón coa realización do proxecto.
A rexeneración do lugar do vertedoiro antigo de Dozón consiste nun traslado de 1.076 m de residuos ó vertedoiro actual co fin de proceder á súa selaxe conxunta neste último. Ademais, estenderase unha capa de terra de 30 cm de espesor para a continuación proceder á repoboación cunha sementeira de herbáceas e arbustivas e cunha plantación de especies arbustivas.
Resumo das medidas preventivas e correctoras.
-Atmosfera:
Eliminación dos procesos de combustión que sofren os residuos e reducción das emisións gasosas e dos malos olores producidos polo vertedoiro.
-Solo:
Recuperaración do terreo mediante solo seleccionado e terra vexetal, facilitando a incorporación de vexetación.
-Augas:
Recollida dos lixiviados producidos e conducción destes a unha arqueta, onde serán recollidos e xestionados.
Drenaxes que eviten a entrada da auga de escorrega no interior do oco.
-Vexetación:
Rexeneración ambiental da zona afectada polo proxecto.
Non se afectará a ningún tipo de vexetación que non se atope no interior do vertedoiro, limitando a eliminación desta ó estrictamente necesario.
Achegarase o substrato axeitado para a implantación da vexetación, o que permitirá restituír hábitats e o acceso da vexetación natural.
Procederase a revexeta-la zona, o que facilitará a sucesión climática.
-Fauna:
Coa creación de novos hábitats producirase unha progresiva utilización destes espacios por especies máis esixentes e en condicións de maior naturalidade, ó tempo que se evita en gran medida a presencia de vectores.
-Paisaxe:
Integración paisaxística da zona.
-Socioeconomía:
Elimínanse riscos para a saúde das persoas motivados pola presencia do vertedoiro, aumentando o valor económico dos terreos próximos.
Diminúese o risco de incendios forestais ó eliminar un axente potencialmente xerador.
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2001.
Francisco Pan-Montojo González
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

