A Real Academia Galega decidiu dedica-lo Día das Letras Galegas do ano 2002 a frei Martín Sarmiento. Grande humanista, intelectual de fondos e extensos coñecementos, realizou traballos eruditos sobre os máis diversos temas, destacando a súa vocación como botánico e os seus traballos lingüísticos e etimolóxicos. A súa obra contribuíu de xeito decisivo ó coñecemento de Galicia e do idioma galego.
Aínda que son escasos os seus textos escritos en galego, frei Martín Sarmiento dedicou parte da súa obra a defende-la lingua, propuxo a edición de textos e a creación de cátedras para o seu ensino.
A faceta fundamental de frei Martín Sarmiento foi a súa contribución ó coñecemento e a defensa apaixonados do idioma galego, nunha época en que a nosa fala estaba reducida a usos case exclusivamente orais. Pioneiro nos estudios lingüísticos, a súa preocupación pola etimoloxía calla na obra Onomástico Etimológico de la Lengua Gallega que foi o grande apoio intelectual do noso idioma na época do Rexurdimento.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día dez de xaneiro de dous mil dous,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Declárase o ano 2002 en Galicia ano de frei Martín Sarmiento, polo que debe constituír unha obriga para tódolos galegos participar na homenaxe debida a este insigne persoeiro da nosa historia.
Artigo 2º
As institucións públicas galegas, os centros de ensino, as bibliotecas, as asociacións e federacións culturais dependentes da Xunta de Galicia dedicarán unha parte da súa actividade a poñer de relevo a obra deste erudito, pensador e escritor que tanto fixo polas letras galegas.
Artigo 3º
Como testemuña da homenaxe a frei Martín Sarmiento a Xunta de Galicia cuñará unha medalla conmemorativa de trescentos exemplares numerados.
Disposición derradeira
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, dez de xaneiro de dous mil dous.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Jesús Pérez Varela
Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo