Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 04 de febreiro de 2002 Páx. 1.283

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 13/2002, do 24 de xaneiro, polo que se regula a débeda de tesourería da Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ó exercicio 2002.

O artigo 31 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece que no endebedamento que a Comunidade Autónoma leve a cabo con persoas físicas ou xurídicas para atender necesidades transitorias de tesou

rería, calquera que sexa a forma como se documente, o prazo de reembolso será inferior a un ano. O límite máximo destas operacións establécese na Lei de orzamentos de cada exercicio.

O Decreto 401/2001, do 28 de decembro, polo que se regula a prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, do ano 2001, para o exercicio de 2002, establece no artigo 5 que o texto articulado da Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, coas excepcións derivadas da súa adaptación ó establecido nel, quedará prorrogado ata a aprobación e publicación da Lei de orzamentos xerais de 2002.

A Lei 4/2000, do 27 de decembro (Diario Oficial de Galicia nº 251, do 29 de decembro), de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, establece no seu artigo 28 que o Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, poderá concertar ou emitir operacións de débeda de tesourería, durante o exercicio do ano 2001, conforme o disposto no artigo 31 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Con este decreto acórdase a autorización pertinente para que, a medida que xurdan as necesidades de financiamento, poida ser formalizada esta débeda pola Consellería de Economía e Facenda.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xaneiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para concertar operacións de crédito ou emitir débeda pública, en calquera das súas modalidades, por un prazo de reembolso inferior a un ano, para atender necesidades transitorias de tesourería.

Artigo 2º

O importe que se concertará ou emitirá, de acordo co artigo anterior, non poderá superar en ningún momento, como límite acumulativo máximo para as operacións en vigor, o disposto no artigo 28 da Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, prorrogado polo artigo 5 do Decreto 401/2001, do 28 de decembro, polo que se regula a prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, do ano 2001, para o exercicio de 2002.

Disposición adicional

O conselleiro de Economía e Facenda fixará as condicións, tipo de xuro, modalidade, amortización e demais características ás que terán que axustarse as operacións de débeda reguladas neste decreto.

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de xaneiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda