Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 05 de febreiro de 2002 Páx. 1.347

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 4 de febreiro de 2002 pola que se abre o prazo para a inscrición das persoas xurídicas como electores das cámaras agrarias de Galicia.

O artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva sobre cámaras agrarias, sen prexuízo do disposto no artigo 149 da Constitución. Con este título xurídico, e trala promulgación de distintas leis básicas estatais e correspondentes adaptacións da propia normativa autonómica, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 1/2000, do 10 de xullo, pola que se refunde a normativa en materia de cámaras agrarias.

Neste marco, a realización de eleccións democráticas que, ademais, acrediten a representatividade das diferentes organizacións profesionais agrarias, fai necesaria a previa disposición dun censo actualizado de electores, de acordo co previsto no artigo 21 da Lei 1/2000, do 10 de xullo, en concordancia co establecido no artigo 15 do mesmo texto legal.

Por outra banda, a disposición transitoria terceira da referida Lei 1/2000, encomenda a elaboración dos censos electorais para as primeiras eleccións a cámaras agrarias á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, logo da audiencia das organizacións profesionais agrarias e posterior aprobación deles pola Xunta Electoral galega.

Nesa medida a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural dedice que o cen

so electoral respecto das persoas físicas sexa o correspondente ós afiliados ó Réxime Especial Agrario da Seguridade Social por conta propia ou no réxime especial de traballadores autónomos en función da súa actividade agraria.

Sen embargo, carécese do censo correspondente ás persoas xurídicas, polo que, de conformidade co establecido no artigo 21.3º, parágrafo segundo, da Lei 1/2000, do 10 de xullo, as persoas xurídicas que posúan a condición de posibles electores deberán inscribirse por medio de representante legal.

En consecuencia, en virtude das facultades que teño conferidas consonte a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, oídas as organizacións profesionais agrarias,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Esta orde ten por obxecto a apertura do prazo de inscrición das persoas xurídicas que desexen integra-lo censo electoral das cámaras agrarias provinciais, para os comicios de elección dos integrantes dos plenos das ditas corporacións.

Artigo 2º

As persoas xurídicas que teñen a condición de electores son aquelas que, conforme os seus estatutos, teñan por exclusivo obxecto a actividade agraria, gandeira ou forestal e a exerzan efectivamente, sempre que se inclúan no correspondente censo provincial.

O dereito de sufraxio exercerano a través do seu representante legal.

Artigo 3º

Durante o prazo de 20 días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde, as persoas xurídicas que posúan a condición de posibles electores deberán inscribirse por medio do seu representante legal. As solicitudes de alta formalizaranse no modelo que figura como anexo desta orde, e irán asinadas polo representante legal, debendo adxuntarlle á solicitude a seguinte documentación debidamente cotexada:

a) Copia da escritura constituínte da entidade.

b) Copia dos estatutos.

c) Copia da última declaración do imposto de sociedades ou alta en sociedades para as de nova constitución.

d) Certificación do acordo do órgano societario competente no que manifeste a súa vontade de ins

crición no censo e a designación dun suplente do representante legal.

e) Copia do documento nacional de identidade do representante legal.

f) Copia do documento nacional de identidade do suplente.

2. Unha vez recibidas as solicitudes de alta e efectuadas as comprobacións que se consideren oportunas, entenderase aprobada a alta, pasando automaticamente a figurar no censo.

3. Non obstante o anterior, para que o suplente poida votar en caso de ausencia, enfermidade ou incapacidade do representante legal, terá que presentar, o día das eleccións, ante o presidente da mesa electoral que lle corresponda, unha certificación do órgano societario competente xustificativa da imposibilidade do exercicio do voto por parte do representante legal que xuntará ó seu DNI.

Artigo 4º

No caso de que se apreciase imposibilidade de alta censual, terá que notificárselle á persoa xurídica interesada a proposta correspondente, facéndolle consta-la posibilidade de rectifica-lo censo en período electoral mediante a reclamación ante a xunta electoral que corresponda.

Artigo 5º.

O censo electoral será elevado á Xunta Electoral galega para a súa aprobación e será exposto nos locais das cámaras agrarias, nos taboleiros de anuncios dos concellos e nas dependencias da Administración autonómica a partir do terceiro día seguinte ó da publicación do decreto de convocatoria electoral, abríndose un prazo de oito días naturais para presentar reclamacións ante as respectivas xuntas electorais provinciais; contra a súa resolución, que deberá recaer no prazo máximo de tres días, caberá recurso ante a Xunta Electoral galega por un prazo de cinco días, que resolverá nun prazo máximo doutros cinco días naturais, facendo publico o censo definitivo. Contra a resolución da Xunta Electoral galega caberá o oportuno recurso contencioso-administrativo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da consellería para dictar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural