Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 26 de febreiro de 2002 Páx. 2.695

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 18 de febreiro de 2002 pola que se convocan axudas de formación en réxime de empresa tutelada para os alumnos do Instituto Galego de Formación en Acuicultura da Illa de Arousa (Igafa).

O tránsito á vida laboral é un dos aspectos máis relevantes nos novos enfoques da formación profesional. Dentro das iniciativas que se teñen revelado como máis eficaces para producir con éxito ese tránsito está o modelo de empresa tutelada, no que a entidade formadora facilita un período de práctica laboral nun ámbito de empresa ficticia, no que se reproducen os medios e procesos de producción e xestión reais, pero na que a titularidade dos medios de producción é da administración responsable do proceso de formación.

Como experiencia innovadora dese tipo comezaron a funcionar no exercicio do 2000 dúas empresas tuteladas no Instituto Galego de Formación en Acuicultura da Illa de Arousa, dedicadas á producción de cría de bivalvos.

Resulta necesario proseguir con ese período de práctica laboral e selecciona-los alumnos participantes nese itinerario de perfeccionamento profesional e adxudicarlles unha bolsa de axuda para desenvolve-la súa actividade durante o tempo de permanencia como traballadores en formación dentro das empresas tuteladas.

Polo exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Con cargo á aplicación orzamentaria 12.04.322S.480.0

Formación profesional F.S.E., dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2002, convócanse catro (4) bolsas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, para a especialización pos-formativa para alumnos de formación profesional específica do Igafa.

A concesión destas axudas rexerase polas bases do anexo I desta orde.

Artigo 2º

O importe global máximo que acadará o conxunto das axudas é de 32.400 euros.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO I

Bases

Primeira.-Obxecto e dotación.

-O obxecto desta convocatoria é a concesión de catro bolsas dun ano de duración, para a realización dun proxecto de xestión e producción de cría de bivalvos na modalidade de empresa tutelada para tódolos alumnos que remataron os ciclos formativos de acuicultura no Igafa dentro dos 3 anos anteriores á publicación desta orde de convocatoria.

-A contía de cada unha das bolsas será de oito mil cen euros, que se aboarán en doce mensualidades de seiscentos setenta e cinco (675) euros cada unha delas e nas que se aplicará, se é o caso, a correspondente retención fiscal.

Segunda.-Carácter da bolsa.

Dado o seu carácter formativo e de especialización, a concesión destas bolsas non implica relación laboral ou administrativa entre o beneficiario e a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, aínda que si a necesaria e natural coordinación co horario e normas de funcionamento do centro onde realiza a súa formación; nin dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social, se ben quedará incluído nunha póliza colectiva de seguro de accidentes durante o período de concesión.

Terceira.-Condicións dos aspirantes.

-Ter rematado un dos ciclos formativos no Igafa dentro dos 3 anos anteriores á publicación desta orde de convocatoria.

-Formar equipo de dúas persoas para a redacción, presentación e posterior execución do proxecto, no caso de seren seleccionados.

-Que, como mínimo, un dos membros do equipo sexa do ciclo de grao superior

Cuarta.-Documentación e trámites.

1. A solicitude destas bolsas farase mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, segundo o modelo normalizado do anexo I, xunto cos seguintes documentos:

-Fotocopia compulsada do DNI.

-Currículum vitae de cada membro do equipo solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

-Fotocopia compulsada do título do ciclo formativo cursado.

-Proxecto de execución e producción da cría de bivalvos por equipo.

-Declaración responsable de cada interesado de que non ten solicitado nin vai solicitar ningunha

outra axuda ou subvención para a mesma finalidade procedente de calquera outra administración ou ente público.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde do DOG.

3. A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro comprobará que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e publicará unha resolución no taboleiro de anuncios do Instituto Galego de Formación en Acuicultura coa lista de admitidos e excluídos, indicando, se é o caso, as causas de exclusión. Contra a dita resolución poderán os interesados formular reclamación para emendar erros e falta de documentos, perante a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro no prazo de 10 días a partir da publicación da resolución e achegarán, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se corrixan as causas de exclusión procederase ó arquivo do expediente logo de resolución.

Quinta.-Outorgamento da bolsa.

1. As bolsas serán adxudicadas pola directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, por proposta da comisión de selección e o prazo máximo para resolve-lo procedemento será de 2 meses.

2. A comisión de selección, presidida pola directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro ou persoa en quen delegue estará, ademais, formada por dous vocais en representación do Instituto Galego de Formación en Acuicultura e un vocal en representación do Instituto de Investigacións Mariñas, un dos membros actuará como secretario.

3. Na fase de selección teranse en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Proxecto de execución elaborado polo equipo e a súa defensa diante da comisión de valoración, puntuación máxima 6 puntos.

b) Expediente académico e profesional de cada un dos membros, puntuación máxima 4 puntos.

4. Efectuada a selección pola comisión de selección, a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, nun prazo de 10 días, dictará a relación provisional de beneficiarios seleccionados que se publicará nos taboleiros de anuncios do Igafa e da dita dirección xeral. Contra esta resolución poderase formular reclamación no prazo de 10 días. Transcorrido o dito prazo a comisión procederá a estudia-las reclamacións presentadas e elevará a proposta definitiva á dirección xeral, que no prazo de 10 días naturais resolverá as adxudicacións definitivas.

5. A dita resolución farase pública no taboleiro de anuncios do centro e poñerá fin á vía adminis

trativa. Contra esta resolución poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición perante a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados en ámbolos casos desde o día seguinte á notificación ou publicación da citada resolución.

6. Se, transcorridos 10 días desde a publicación da resolución de adxudicación no taboleiro de anuncios, os bolseiros non formalizasen a aceptación, perderán a bolsa e procederase a cubri-las vacantes cos suplentes nomeados.

Sexta.

1. O beneficiario está obrigado ó reintegro total ou parcial da axuda no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

2. Ademais, está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

3. Toda alteración das condición tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Sétima.-Pagamento.

Unha vez producida a incorporación á empresa tutelada e tras ser certificada esta polo director do Igafa, procederase ó pagamento da cantidade mensual con efecto a mes vencido.

Xunto coa mencionada certificación deberase xuntar unha declaración de cada un dos beneficiarios na que manifesten que non percibiron nin están pendentes de percibir outra subvención ou axuda para a mesma finalidade de calquera outra administración ou ente público.

Oitava.-Duración.

As bolsas concederanse polo período dun ano prorrogable por outro máis a solicitude da parte interesada.

Novena.

Para o que non se estableza expresamente nesta orde, observarase o disposto nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa), o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e demais normativa que sexa de aplicación.