Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 27 de marzo de 2002 Páx. 3.935

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de marzo de 2002 pola que se regula a concesión de subvencións a empresas editoriais para impulsa-la creación, traducción e adaptación de libros e materiais didácticos, para niveis non universitarios, impresos en lingua galega.

O Estatuto de autonomía para Galicia, no seu artigo 5 especifica que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento. Segundo o artigo 27.20º, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva da promoción e o ensino da lingua galega.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu título III, do uso do galego no ensino, establece: «O galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en tódolos niveis educativos e as autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promove-lo uso progresivo do galego no ensino».

Así mesmo, no artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, disponse que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ó que lle corresponden as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado, en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, así como a promoción e o ensino da lingua galega. Todo isto sen prexuízo do disposto na Constitución e nas leis orgánicas e demais disposicións legais.

O Decreto 247/1995, do 14 de setembro, polo que se desenvolve a citada Lei 3/1983, ordena no seu artigo 8.2º que os materiais que se empreguen nas áreas e materias impartidas en lingua galega estarán escritos normalmente en galego, terán a calidade científica e pedagóxica adecuada e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, as peculiaridades de Galicia. Concrétase a seguir que, con esta finalidade,

a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fomentará a elaboración e a publicación dos materiais curriculares correspondentes.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Suxeitos.

Esta orde vai dirixida ás editoriais legalmente constituídas como empresas privadas que elaboren material escolar incluíble no seu ámbito de aplicación.

Artigo 2º.-Obxecto.

Convócanse subvencións en réxime de concorrencia competitiva a empresas do sector editorial para impulsa-la creación, traducción e adaptación de libros e material didáctico de niveis educativos recollidos na LOXSE, con suxeición ás normas contidas nesta orde.

Artigo 3º.-Orzamento.

As subvencións concederanse con cargo á partida orzamentaria 07.06.353E 470.1, por unha contía máxima total de 901.518 euros. Queda sometido o gasto á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002.

Cada empresa solicitante poderá percibir un máximo de 150.253 euros ó abeiro desta orde, tendo en conta sempre a existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 4º.-Requisitos.

Subvencionaranse os libros de texto e o material didáctico que cumpran as seguintes condicións:

Primera.-Estaren correctamente escritos en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

Segunda.-Atérense ó disposto no Decreto 89/1993, do 19 de abril, polo que se regula a autorización de libros de texto e outros materiais curriculares para o ensino de réxime xeral, e ás ordes que o desenvolven.

Terceira.-Posuíren o correspondente número de ISBN e o do depósito legal definitivo, debendo estar feito o depósito de exemplares recollido no Decreto 36/1991. O depósito legal terá unha data posterior o 1 de xaneiro de 2001.

Entenderase por material didáctico os diccionarios, atlas, mapas temáticos, láminas de aula, CD-Rom, vídeos, libros que complementen o currículo, etc., que se utilicen como material de apoio, complementario ou de aula.

Artigo 5º.-Exclusións.

Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta orde, mesmo cumprindo os requisitos esixidos no artigo precedente:

1. Os libros de bibliófilo.

2. Os libros destinados a seren distribuídos gratuitamente.

3. Os libros publicados por clubs do libro ou entidades similares, destinados a seren distribuídos entre os seus subscritores.

4. Os libros de uso escolar correspondentes ás áreas ou materias de lingua e literatura galegas.

5. As publicacións ou material didáctico non destinado a uso escolar.

6. As publicacións que recibiran subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

7. As publicacións ou material didáctico que recibiran subvención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Política Lingüística, en anteriores convocatorias.

8. As que non posúan número de ISBN nin depósito legal definitivo, ou que teñan un número anterior ó ano 2001.

9. As publicacións ou material didáctico que teñan un prezo de venda ó público (incluído IVE) superior a 30,05 euros, agás, excepcionalmente, os casos que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria considere debidamente xustificados.

Artigo 6º.-Documentación.

Os editores que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición, desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de maio de 2002 e, en todo caso, nun prazo que non será inferior a 20 días hábiles, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo os modelos que figuran como anexos desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou nas súas delegacións provinciais, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A solicitude irá xunto coa seguinte documentación:

1. Declaración xurada, asinada polo presidente ou director da empresa, especificando o número de contratos da empresa acollidos ó réxime da Seguridade Social.

2. Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia compulsada da escritura pública de constitución da sociedade ou modificación, se é o caso, da sociedade, e do poder notarial correspondente; a inscrición de ámbolos dous documentos debe constar no Rexistro Mercantil.

3. Se o solicitante é unha persoa física deberá acredita-la súa constitución como editor, así como fotocopia compulsada da cédula de identificación fiscal ou do número de identificación fiscal.

4. Copia compulsada do último recibo de pagamento do imposto de actividades económicas.

5. Certificación bancaria orixinal onde conste como titular a empresa solicitante.

6. Catálogo da producción realizada pola editorial, así como documentación acreditativa dunha actividade editorial ininterrompida mínima de dous anos.

7. Certificación do editor na que se faga consta-la relación de títulos publicados en galego durante o ano anterior.

8. Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado, se o houber, co autor ou co

traductor da obra, que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

9. Un exemplar editado da obra para a que se solicita subvención. Para o material complementario aceptarase, se é o caso:

a) Un exemplar completo da maqueta definitiva da obra, ou ben os guións e as imaxes cando se trate de vídeos didácticos.

b) Unha memoria explicativa na que se recollan as características técnicas, a temporalización da edición, os destinatarios ós que vai dirixido o citado material, etc.

c) Unha declaración xurada do editor pola que se compromete a ter editada a obra subvencionable o día 1 de setembro de 2002 como data límite. Unha vez rematada a edición notificarase expresamente á Dirección Xeral de Política Lingüística dentro do citado prazo, enviando, así mesmo, un exemplar da obra.

Desestimaranse automaticamente as solicitudes que non se axusten estrictamente a estes requisitos e os expedientes arquivaranse sen máis trámite.

10. Xustificante, se houber lugar, de ter iniciada a xestión de cesión dos dereitos precisos para a publicación da obra.

11. O orzamento desagregado de gastos correspondente ó custo real de execución da obra, no que ademais deberá constar expresamente a tiraxe de exemplares e o prezo de venda ó público sen IVE.

12. Declaración de conxunto de tódalas solicitudes, efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

A documentación relacionada nos puntos 1 a 7 deste artigo presentarase unha soa vez no caso de presentar varias solicitudes de subvención.

Toda a documentación que se lle deba xuntar á solicitude, ou que sexa requirida no seu momento para a tramitación do expediente, presentarase en orixinal ou fotocopia compulsada.

As publicacións que teñan un carácter trimestral presentaranse como un título único e para iso cubrirase un só anexo.

Artigo 7º. Procedemento.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación serán analizadas e, se é o caso, requirirase dos editores que nun prazo de dez días hábiles emenden os posibles erros ou ausencias de documentación; transcorrido este prazo, as solicitudes arquivaranse sen máis trámite. Aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos da orde de convocatoria serán valoradas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística, contando alomenos cun funcionario experto en deseños curriculares, segundo os criterios de valoración establecidos no artigo 8º. O director xeral de Política Lingüística elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias desta convocatoria. A resolución comunicaráselles ós solicitantes e porá fin á vía administrativa; é de aplicación o recollido no artigo 10º desta orde.

Artigo 8º.-Criterios de concesión e valoración das propostas.

Consideraranse criterios preferentes de concesión da subvención os seguintes:

1. A calidade das obras presentadas, que se valorará segundo os seguintes parámetros:

-Adaptación dos contidos ó currículo establecido.

-Estructura pedagóxica da obra (secuenciación, temporalización, etc.).

-Exposición e recursos didácticos.

-Calidade técnica (encadernación, fotografía, etc.).

Cada un destes parámetros será valorado de 0 a 10 puntos e será preciso acadar unha puntuación global mínima de 20 puntos para ser obxecto de subvención.

2. O grao de orixinalidade, de acordo coa seguinte escala:

a) Creación propia (0-10 puntos).

b) Refundición e adaptación (0-6 puntos).

c) Traducción (0-4 puntos).

3. O número de receptores ós que vai dirixido o libro ou material didáctico (0-10). Este aspecto valorarase de maneira inversamente proporcional ó número de alumnos ós que vai dirixida a obra, por mor de premia-lo esforzo da empresa editora.

Artigo 9º.-Limitacións e obrigas.

Ós libros e material educativo susceptibles de recibiren axudas ó abeiro desta convocatoria seralles de aplicación o seguinte:

a) Os editores deberán comercializar nas librerías un mínimo do 50% da tiraxe declarada certificada.

b) A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade de dezaoito mil trinta (18.030) euros por título para o caso das obras orixinalmente editadas en lingua galega e nove mil vinte (9.020) euros para as obras traducidas ou adaptadas, co límite da porcentaxe máxima do 100% do custo de producción (excluído o IVE).

c) Os importes máximos de cada subvención estableceranse con estricta suxeición ás dispoñibilidades orzamentarias. A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión da axuda, se o prezo de venda ó público e a tiraxe definitiva certificada non concordasen cos inicialmente declarados na solicitude.

d) Cada editor achegará un número de exemplares da obra subvencionada, que resultará da relación entre o importe da axuda asignada a cada título e o prezo de venda ó público sen IVE das obras subvencionadas.

Artigo 10º.-Resolución.

Entenderanse desestimadas as solicitudes presentadas, de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de cinco meses a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes

a partir do día seguinte ó da recepción da resolución polo solicitante, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 11º.-Aceptación da subvención e compromisos .

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria notificarálle-la resolución ós solicitantes, que quedarán obrigados a xustifica-las subvencións concedidas e deben comunica-la súa aceptación por escrito no prazo máximo de dez días naturais contados a partir da recepción da resolución polo solicitante. A omisión desta comunicación dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite. Do mesmo xeito, nun prazo non superior a dez días naturais deberán achega-las posibles renuncias ás subvencións adxudicadas, cun escrito no que se expresen os motivos que a ocasionan.

2. Os beneficiarios deberán facer constar en cada obra que esta recibiu unha subvención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria-Dirección Xeral de Política Lingüística, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

3. Recibidos os exemplares e a documentación para a xustificación das subvencións, a Dirección Xeral de Política Lingüística, de atopalos conformes, proporá o libramento dos fondos, de acordo coa normativa orzamentaria vixente.

Artigo 12º.-Xustificación.

O prazo improrrogable de xustificación e entrega da documentación das subvencións concedidas rematará o día 15 de setembro de 2002.

Antes da citada data deberán remitirse á Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, xunto cun escrito no que se cite o número de expediente, os seguintes documentos:

1. Xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos relizados para a edición da obra, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados na proposta pesentada, xunto cunha relación detallada e numerada destes, que incluirá o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación.

Só se admitirán como xustificantes os relativos a:

a) Gastos de imprenta e material: composición, impresión, encadernación, fotomecánica, etc.

b) Gastos de persoal: autoría/dereitos, ilustración/deseño, maquetación, fotografía, traducción, revisión de textos, etc.

Sempre que a factura ou xustificante de gasto teña un concepto xenérico, xuntarase unha certificación na que se recolla qué parte proporcional lle corresponde á edición da obra subvencionada.

2. Os exemplares obxecto da axuda concedida ou, se é o caso, copia dos albarás de entrega dos citados

volumes no lugar que se lles indique na resolución de concesión.

3. Certificacións expresas de estar ó día coas súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter contraídas débedas por ningún concepto coa Xunta de Galicia.

4. Un certificado da tiraxe expedido polo impresor ou fabricante e do prezo de venda ó público (excluído o IVE).

5. Unha copia do impreso da axencia do ISBN.

6. Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para cada proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 13º.-Perda da subvención.

Calquera alteración verbo dos datos que figuran no impreso de solicitude e calquera outro incumprimento das normas contidas nesta orde terá como consecuencia a revogación da axuda logo da audiencia á empresa interesada e esta, se fose o caso, terá que reintegra-las cantidades percibidas e mailos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, de acordo co estipulado nos artigos 78.7º e 78.9º da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Os beneficiarios das subvencións teñen a obriga de lles facilitar ós servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística toda a información requirida. Así mesmo, os devanditos órganos poderán levar a cabo labores de inspección destinados a verificar que as subvencións sexan destinadas á finalidade para a que foron concedidas.

No caso de que se lle conceda á empresa outra subvención para esta mesma finalidade no prazo de vigor desta orde, a empresa terá que llo comunicar á Administración e é de aplicación o disposto no artigo 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, segundo a cal o importe da subvención se minorará na contía precisa para non supera-lo límite do 100% do investimento subvencionable.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL