Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 27 de marzo de 2002 Páx. 3.940

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 22 de marzo de 2002 pola que se convocan, para o ano 2002, as axudas ós plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia.

O Regulamento (CE) 1493/1999, do 17 de maio, do Consello, modificado polo 2585/2001, do 19 de decembro, establece a organización común do mercado vitivinícola, e as súas disposicións de aplicación no relativo ó potencial de producción veñen previstas no Regulamento (CE) 1227/2000, do 31 de maio, da Comisión, modificado polos regulamentos (CE) 784/2001, do 23 de abril, e 1253/2001, do 26 de xuño.

As medidas de desenvolvemento da dita normativa comunitaria veñen establecidas no Real decreto 1472/2000, do 4 de agosto, que regula o potencial de producción vitícola.

Pola súa banda, a Orde do 5 de setembro de 2000 da anteriormente denominada Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, modificada posteriormente pola Orde do 14 de xuño de 2001, regula os plans de reestructuración e reconversión do viñedo nesta Comunidade Autónoma, establecendo un réxime de axudas para a realización dos ditos plans, que poderán abrangue-la reconversión varietal, a reimplantación de viñedos e as melloras das técnicas de xestión.

A dita orde cumpre os requisitos previstos, para as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas e subvencións, no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, polo que, previstas as bases reguladoras das axudas ós plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia, con vixencia indefinida, na Orde do 5 de setembro de 2000, cóm

pre establece-la súa convocatoria para o ano 2002, mediante esta orde que, pola súa vez, cumpre os requisitos esixidos no artigo 8.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establece-la convocatoria, para o ano 2002, das axudas ós plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia, de acordo coas bases previstas na Orde do 5 de setembro de 2000, publicadas no DOG nº 175, do 8 de setembro, modificada pola Orde do 14 de xuño de 2001 (DOG nº 123, do 26 de xuño).

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

1. Para poderen acceder ás axudas previstas no artigo 5 da Orde do 5 de setembro de 2000, os beneficiarios deberán cumpri-los requisitos establecidos nos artigos 2 a 4 da devandita orde.

2. As ditas axudas teñen por finalidade incentiva-los plans de reestructuración e reconversión do viñedo, no marco do obxectivo xeral, establecido no artigo 11 do Regulamento (CE) 1493/1999, do 17 de maio, do Consello, de adapta-la producción á demanda do mercado abranguendo algunha das accións seguintes:

a) Reconversión varietal.

b) Reimplantación de viñedos.

c) Melloras das técnicas de xestión do viñedo.

Artigo 3º.-Prazo e presentación das solicitudes de axuda.

1. As solicitudes de axuda presentaranse entre o 1 de abril e o 31 de maio de 2002, en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, preferentemente, nas oficinas agrarias comarcais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

2. Os interesados presentarán a solicitude de axuda axustada ó modelo do anexo I desta orde, e achegarán, ademais, toda a documentación a que se refire o punto 5 do artigo 6 da Orde do 5 de setembro de 2000, conforme os modelos dos seus anexos IV a X.

Artigo 4º.-Pagamentos anticipados.

No caso de solicita-lo pagamento anticipado das axudas, observarase o disposto no artigo 9, puntos 2º e 3º da Orde do 5 de setembro de 2000.

Artigo 5º.-Xustificación.

O cumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda xustificarase de conformidade co previsto no artigo 9, puntos 1º e 4º da Orde do 5 de setembro de 2000.

Artigo 6º.-Financiamento.

As axudas ós plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia para o exercicio de 2002 estarán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.614-A776.0 dos orzamentos prorrogados da Comunidade Autónoma da Galicia para o ano 2002. A súa dotación será de 454.000 euros, que se verá incrementada con outros remanentes orzamentarios e en función das asignacións financeiras fixadas en consonancia co artigo 25 do Real decreto 1472/2000, do 4 de agosto, polo que se regula o potencial de producción vitícola.

Disposicións adicionais

Primeira.-O anexo I da orde do 5 de setembro de 2000 (DOG nº 175, do 8 de setembro), pola que se regulan os plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia, substitúese polo que figura como anexo I desta orde.

Segunda.-As referencias contidas na Orde do 5 de setembro de 2000, á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, entenderanse feitas á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e á Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, respectivamente.

Terceira.-O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición dos certificados acreditativos de atoparse ó día das súas obrigas tributarias e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia ou, se é o caso, cubrir, debidamente asinada, a autorización que figura no anexo II desta orde, para os efectos de que a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria ou os servicios provinciais de Explotacións Agrarias, poidan solicitala por vía informática.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural