Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 02 de abril de 2002 Páx. 4.129

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 91/2002, do 7 de marzo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto complementario número 1 de desdobramento do corredor C.R.G. 1.1 de Catabois a Igrexafeita (treito I). (Clave: AC/98/146.1 C.1).

Con data do 27 de decembro de 2001, o director xeral de Obras Públicas, por delegación do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda aprobou o proxecto complementario nº 1 de desdobramento do corredor C.R.G. 1.1 de Catabois a Igrexafeita (treito I). Clave: AC/98/146.1 C.1.

Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectua-la declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, considerándose xustificada na referida declaración pola súa incidencia na seguridade vial.

O corredor C.R.G. 1.1 de Catabois (Ferrol) a Igrexafeita, cunha lonxitude de 18,3 km, ten na actualidade catro enlaces: Río do Pozo, A Carreira, San Sadurniño e Penavidrieira-Narahío. Non obstante, para articula-la conexión da rede viaria local coa futura autovía Ferrol-Vilalba, o primeiro treito do cal o constitúe o desdobramento do dito corredor, resulta conveniente a construcción dun novo enlace no p.k. 7+120 no lugar de Sedes.

Desta forma daríaselle unha nova posibilidade de enlace coa autovía a Neda e a unha ampla zona de Narón, a través da estrada provincial CP-5404 desconxestionando a conexión a través da AC-113. É dicir, dotaríase a toda a zona dunha malla de conectividade e accesibilidade á autovía, moito máis eficaz que na actualidade.

Por outra parte, este enlace viña sendo demandado polas asociacións de veciños locais, en particular a Asociación de Veciños Rosa dos Ventos, xa desde a construcción do corredor, demanda que se viu reactivada ó comeza-las obras do desdobramento.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 8 da Lei 25/1988, do 29 de xullo, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de marzo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declara-la utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación no proxecto complementario nº 1 de desdobramento do corredor C.R.G. 1.1 de Catabois a Igrexafeita (treito I). Clave: AC/98/146.1 C.1.

Santiago de Compostela, sete de marzo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL