Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 02 de abril de 2002 Páx. 4.129

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

DECRETO 92/2002, do 22 de marzo, polo que se convocan eleccións a cámaras agrarias.

A Lei 1/2000, do 10 de xullo, pola que se refunde a normativa en materia de cámaras agrarias, regula o procedemento para elixi-los membros das cámaras agrarias da Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co disposto no artigo 25 da referida lei, correspóndelle á Xunta de Galicia, mediante decreto, a convocatoria de eleccións, logo de comunicación ó Goberno do Estado e tras consultar coas organizacións profesionais agrarias de ámbito estatal e as implantadas na Comunidade Autónoma.

Segundo establece a referida lei, o devandito decreto sinalará a data de celebración das eleccións a cámaras agrarias, determinando a data de inicio e fin da campaña electoral, a data de constitución dos plenos das cámaras agrarias provinciais, os gastos do proceso electoral, así como o seu financia

mento e os seus mecanismos de control e as axudas de custo e indemnizacións.

Na súa virtude, unha vez cumpridos os trámites legalmente establecidos, por proposta do conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do vintedous de marzo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Capítulo I

Convocatoria de eleccións

Artigo 1º

Convócanse eleccións ás cámaras agrarias da Comunidade Autónoma de Galicia, que se celebrarán o día 26 de maio de 2002.

O calendario polo que se rexerán as presentes eleccións a cámaras agrarias publícase como anexo ó presente decreto.

Artigo 2º

A campaña electoral terá unha duración de quince días naturais, tendo o seu inicio o día 10 de maio ás 0 horas e o seu final o día 24 de maio ás 24 horas.

Artigo 3º

Os plenos das respectivas cámaras agrarias provinciais constituiranse o 14 de xuño de 2002, trala toma de posesión dos seus cargos dos proclamados electos na sede da cámara agraria que corresponda ante o seu secretario, que estenderá a oportuna acta de toma de posesión con entrega da copia ó interesado.

Capítulo II

Os administradores e as contas electorais

Artigo 4º

1. Cada unha das candidaturas que se presente ás eleccións a cámaras agrarias debe ter un administrador electoral, responsable dos seus ingresos e gastos e da súa contabilidade.

2. Pode ser designado administrador electoral calquera persoa física, maior de idade, en pleno uso dos seus dereitos civís e políticos.

3. Os representantes das candidaturas e os representantes xerais das organizacións poden acumula-la condición de administrador electoral.

4. Os candidatos non poderán ser administradores electorais.

Artigo 5º

1. As organizacións concorrentes ás eleccións que presenten candidaturas en máis dunha provincia terán, ademais, un administrador xeral.

2. Os candidatos non poderán ser administradores xerais.

3. O administrador xeral responde de tódolos ingresos e gastos electorais realizados pola organización e polas súas candidaturas, así como da correspondente contabilidade.

4. Os administradores das candidaturas ás que se refire o artigo 4º actúan baixo a responsabilidade do administrador xeral.

Artigo 6º

1. Os administradores, designados antes do vixésimo segundo día natural posterior á presente convocatoria de eleccións, por escrito remitido á Xunta Electoral galega polos respectivos representantes das candidaturas que conteña a aceptación da persoa designada, deberán comunicarlle á Xunta Electoral galega e ás xuntas electorais provinciais, respectivamente, as contas abertas para a recadación de fondos dentro das vintecatro horas seguintes á citada apertura.

2. A apertura das contas pode realizarse a partir da data do nomeamento dos administradores electorais, en calquera entidade bancaria ou caixa de aforros.

3. Se as candidaturas presentadas non son proclamadas ou teñen renunciado a concorrer ás eleccións, as imposicións realizadas por terceiros nestas contas deberán serlles restituídas pola organización ou agrupación de electores que as teña promovido.

Artigo 7º

1. Tódolos fondos destinados a sufraga-los gastos electorais, calquera que sexa a súa procedencia, deberán ser ingresados nas citadas contas e tódolos gastos deberán ser pagados con cargo a estes.

2. Os administradores electorais e as persoas por eles autorizadas para dispoñer dos fondos das contas son responsables das cantidades ingresadas e da súa aplicación ás finalidades sinaladas.

3. Unha vez finalizada a campaña electoral, só se poderá dispoñer dos saldos destas contas para pagar, dentro dos noventa días seguintes ó da votación, gastos electorais previamente contraídos.

4. Calquera reclamación por gastos electorais que non teña sido notificada ós correspondentes administradores dentro dos sesenta días seguintes ó da votación será considerada nula e non pagadoira. Cando exista causa xustificada, as xuntas electorais provinciais ou, se é o caso, a Xunta Electoral galega poderán admitir excepcións a esta regra.

Capítulo III

Financiamento electoral

Artigo 8º

1. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural subvenciona, de acordo coas normas contidas neste decreto, os gastos ocasionados polas organizacións ou agrupacións concorrentes ás eleccións. En ningún caso a subvención correspondente poderá sobrepasa-la cifra de gastos electorais declarados xustificados pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

2. As subvencións ás organizacións ou agrupacións outorgaranse de acordo coas seguintes regras:

601,01 euros por membro da cámara elixido.

0,36 euros por voto obtido.

3. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, concederá adiantos das subvencións citadas ás organizacións ou agrupacións concorrentes ás eleccións. Para estas eleccións o adianto consistirá nun máximo de 8.000 A para as organizacións que se presenten ás eleccións nas catro provincias. Para a concesión dos ditos adiantos non será necesario achegar garantía ningunha.

4. No caso de organizacións que concorran en máis dunha provincia, a solicitude de adianto deberá ser presentada polos seus respectivos administradores xerais ante a Xunta Electoral galega. Nos restantes supostos as solicitudes serán presentadas polos administradores electorais das candidaturas ante as xuntas electorais provinciais, que cursarán a solicitude á Xunta Electoral galega.

5. Estes adiantos deberán ser devoltos, despois das eleccións, na contía en que superen o importe da subvención que finalmente corresponda a cada organización ou agrupación. O dito reintegro estará suxeito ó disposto no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 9º

1. Con excepción das subvencións ás que se refire o artigo 7º, queda prohibida a achega ás contas electorais de fondos provenientes de calquera Administración ou corporación pública, organismo autónomo ou entidade paraestatal, das empresas do sector público das que a súa titularidade corresponda ó Estado, ás comunidades autónomas, ás provincias ou ós concellos e das empresas de economía mixta, así como das empresas que, mediante contrato vixente, presten servicios ou realicen subministracións ou obras para algunha das administracións públicas.

2. Ninguna persoa, física ou xurídica, poderá achegar máis de 6.010,12 euros ás contas abertas por unha mesma organización ou agrupación para recadar fondos nas eleccións convocadas.

Capítulo IV

Gastos electorais

Artigo 10º

Consideraranse gastos electorais aqueles que realicen as organizacións ou agrupacións participantes nas eleccións desde o día da convocatoria ata a celebración das eleccións polos seguintes conceptos:

a) Confección de sobres e papeletas electorais.

b) Propaganda e publicidade directa ou indirectamente dirixida a promove-lo voto ás súas candidaturas, sexa cal sexa o medio ou a forma que se utilice.

c) Aluguer dos locais para a celebración de actos de campaña electoral.

d) Remuneracións ou gratificacións ó persoal non permanente que preste os seus servicios ás candidaturas.

e) Medios de transporte e gastos de desprazamento dos candidatos, dos dirixentes das entidades con

correntes ás eleccións, agrupacións de electores e do persoal ó servicio da candidatura.

f) Correspondencia e franqueo.

g) Xuros dos créditos recibidos para a campaña electoral, devengados ata a data de percepción da subvención correspondente.

h) Aqueloutras que sexan necesarias para a organización e o funcionamento das oficinas e servicios precisos para as eleccións.

Artigo 11º

Ningunha organización ou agrupación concorrentes ás eleccións poderá realizar gastos electorais, excluída a subvención da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, que su-

peren o límite resultante de multiplica-lo número de

poboación con dereito a voto por 0,46 A.

Capítulo V

Control da contabilidade electoral e adxudicación das subvencións

Artigo 12º

1. Desde a data da convocatoria ata o centésimo día posterior ás eleccións, a Xunta Electoral galega e as provinciais velan polo cumprimento das normas establecidas neste decreto.

2. Con esta finalidade poden solicitar en calquera das entidades bancarias e das caixas de aforros o estado das contas electorais, números e identidades dos impositores e calquera outro extremo que se coide oportuno para o cumprimento da súa función fiscalizadora.

3. Así mesmo, poden solicitar dos administradores electorais as informacións contables que consideren necesarias e deberán resolver por escrito as consultas que estes lles presenten.

4. Se das súas investigacións resultan indicios de conductas constitutivas de delictos electorais, comunicaranllo ó Ministerio Fiscal para o exercicio das accións oportunas. A Xunta Electoral galega sancionará as infraccións nesta materia, de acordo co que dispón o artigo 153 da Lei orgánica reguladora do réxime electoral xeral.

5. Así mesmo, as xuntas electorais informarán á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma dos resultados da súa actividade fiscalizadora.

Artigo 13º

1. Entre os cen e os cento vintecinco días posteriores ás eleccións, as organizacións ou agrupacións que teñan acadado os requisitos esixidos para recibir subvencións, ou que teñan solicitado adiantos con cargo a estas, presentarán ante a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma unha contabilidade detallada e documentada dos seus respectivos ingresos e gastos electorais.

2. Presentada a contabilidade á que fai referencia o artigo anterior, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma pronunciarase, no prazo de trinta días, sobre a regularidade ou irregularidade desta.

3. A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no prazo de trinta días despois de presentadas as contas ás que se refiren os parágrafos anteriores, e en concepto de anticipo mentres non conclúan as actuacións fiscalizadoras, entregaralles ós administradores electorais o 90% do importe das subvencións que, de acordo cos criterios establecidos no presente decreto, lles corresponde, deducindo, se é o caso, os adiantos recibidos. No dito acto, as organizacións profesionais agrarias e agrupacións de electores deberán presentar, para poder percibir este anticipo, aval bancario por un importe do 10% da subvención percibida.

Capítulo VI

Axudas de custo

Artigo 14º

1. Os membros da Xunta Electoral galega percibirán, pola súa asistencia ás reunións que lles correspondan, 150 A.

2. Os membros das xuntas electorais provinciais percibirán 90 A por reunión.

3. O presidente da mesa electoral percibirá a cantidade de 90 A e os vocais a cantidade de 72 A en concepto de axuda de manutención.

4. Os funcionarios designados pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, polas funcións de asistencia e asesoramento ás mesas electorais e traslado da documentación electoral, a cantidade de 90 A.

Disposición adicional

Única.-Co obxecto de daren unha maior transparencia e claridade ó proceso electoral, tódalas publicacións da distinta documentación electoral realizaranse nos locais da cámara agraria respectiva e nos taboleiros de anuncios dos servicios centrais, das delegacións provinciais e oficinas agrarias comarcais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o que non estea previsto expresamente neste decreto será de aplicación a Lei 1/2000, do 10 de xullo, e a Lei orgánica reguladora do réxime electoral xeral.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sobrado dos Monxes, vintedous de marzo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural

ANEXO

2 de abril (martes) data de publicación do decreto de convocatoria de eleccións.

Elaboración dos censos.

5 de abril (venres): exposición de censos.

12 de abril (venres): fin do prazo de presentación de reclamacións ós censos.

15 de abril (luns): resolución polas xuntas provinciais das reclamacións presentadas.

20 de abril (sábado): fin do prazo de presentación de reclamación ás resolucións das xuntas provinciais.

25 de abril (xoves): resolución pola xunta galega das reclamacións.

Voto por correo.

Do 5 de abril (venres) ó 16 de maio (xoves): prazo de solicitude de voto por correo ás xuntas provinciais, solicitando os impresos nas oficinas agrarias comarcais.

19 de maio (domingo): último día para remitirlles ós solicitantes do voto por correo a documentación electoral.

22 de maio (mércores): prazo máximo para remiti-lo voto por correo á xunta provincial.

Mesas electorais.

8 de abril (luns): determinación do número de mesas electorais polas xuntas provinciais e exposición pública.

13 de abril (sábado): fin do prazo de presentación de reclamacións polos electores contra a delimitación efectuada ante a Xunta Electoral galega.

18 de abril (xoves): resolución das reclamacións polas xuntas provinciais.

16 de maio (xoves) ó 25 de maio (sábado): publicación en xornais das mesas e locais electorais correspondentes a estas.

Determinación dos membros das mesas electorais.

29 de abril (luns): sorteo dos membros das mesas electorais por parte da Xunta Electoral galega (titulares e suplentes).

2 de maio (xoves): prazo máximo de notificación ós membros das mesas da súa designación.

9 de maio (xoves): alegacións ante a XEG que impidan a aceptación dos membros das mesas electorais.

14 de maio (martes): resolución por parte da XEG das alegacións e comunicación, se é o caso, ó primeiro suplente da substitución producida.

Candidaturas.

Do 5 de abril (venres) ó 22 de abril (luns): prazo de presentación de candidaturas.

24 de abril (mércores): exposición de candidaturas en cada xunta provincial.

26 de abril (venres): comunicación de irregularidades polas xuntas provinciais ós representantes das candidaturas.

28 de abril (domingo): reparación de irregularidades nas candidaturas.

29 de abril (luns): proclamación e exposición de candidatos e listas nas respectivas sedes das xuntas electorais provinciais.

1 de maio (mércores): último día de presentación de recursos polos candidatos excluídos ou os representantes das candidaturas ante a Xunta Electoral galega.

3 de maio (venres): resolución pola Xunta Electoral galega dos recursos presentados.

Campaña electoral.

10 de maio (venres): inicio da campaña electoral.

24 de maio (venres): fin campaña electoral.

25 de maio (sábado): xornada de reflexión.

26 de maio (domingo): votación.

Escrutinio.

29 de maio (mércores): data da realización do escrutinio xeral.

30 de maio (xoves): prazo de presentación de recursos contra as incidencias recollidas nas actas de escrutinio ou nas actas de sesión das mesas electorais.

2 de xuño (domingo): fin do prazo de resolución de recursos contra actas de escrutinio.

3 de xuño (luns): proclamación de electos polas xuntas electorais provinciais.