A Deputación Provincial da Coruña convoca o Premio Otero Pedrayo 2002, segundo as seguintes bases:
1. Convocatoria.
1.1. Convócase o Premio Otero Pedrayo 2002, dotado con 30.050,61 euros, atendendo ás disposicións do regulamento correspondente.
1.2. A presente convocatoria corresponde ó ano 2002, de acordo co disposto no regulamento no que se establece o seu ámbito rexional e o seu carácter anual, organizándoo cada ano unha das deputacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, por esta mesma orde.
1.3. Atendendo ás razóns expostas, a tramitación e concesión do premio na edición de 2002 atribúese á Deputación Provincial da Coruña, que consignará no seu orzamento de gastos o importe do premio (30.050,61 euros), máis os gastos correspondentes á súa organización, e no de ingresos, as sumas que entregarán cada unha das demais deputacións de Galicia, cotitulares do premio, na contía de 3.606,07 euros, e a Xunta de Galicia, na contía de 15.626,33 euros.
2. Obxecto do premio.
O Premio Otero Pedrayo ten por obxecto:
2.1. Perpetuar e honra-la memoria do egrexio home de letras.
2.2. Premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega.
2.3. Promociona-los valores propios de Galicia e as obras que leven ó esclarecemento e mellora dos seus homes e institucións.
3. Candidatos.
3.1. Poderán optar ó premio:
-As persoas naturais nacidas en Galicia ou con residencia en calquera das súas catro provincias, por tempo dabondo para determinar, a xuízo do xurado, unha cumprida raizame nelas.
-Os grupos de traballo constituídos para este fin, radicados en Galicia.
-As entidades ou institucións que se teñan caracterizado pola difusión e mantemento da cultura galega.
3.2. A opción ó premio determinarase por unha candidatura, que poderá ser feita:
-Por calquera persoa física ou xurídica das sinaladas no número 3.1., respecto de si mesmas.
-Polas entidades académicas e culturais radicadas en Galicia, respecto dos seus membros.
-Por calquera dos presidentes das deputacións provinciais de Galicia, por proposta das respectivas comisións de cultura.
-Pola Xunta de Galicia, atendida a consellería correspondente.
-Polo mesmo xurado, xa constituído.
4. Tramitación.
4.1. A presentación de candidatos ó premio formularase en escrito dirixido ó presidente da Deputación Provincial da Coruña, acompañado dos seguintes documentos:
-Descrición biográfica da persoa que aspira ó premio.
-Documentos e antecedentes que se consideren de interese para o coñecemento da súa dimensión literaria ou científica.
-Cinco exemplares mecanografíados a dobre espacio do traballo co que se optase ó premio, no caso de que a proposta estea baseada nunha obra ou producción singular concreta.
-No caso de entidades e institucións, un exemplar do regulamento ou estatutos polos que se rexan e unha relación das tarefas levadas a cabo en relación co obxecto do premio.
4.2. A presentación de candidatos realizarase no prazo de tres meses a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no BOP da Coruña.
Tal publicación realizarase tamén nos boletíns oficiais das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra,
no Diario Oficial de Galicia e nos dous diarios de máis difusión da Comunidade Autónoma.
4.3. A presentación dun candidato determina a aceptación íntegra das condicións desta convocatoria e das contidas no regulamento do premio.
4.4. Rematado o prazo ó que se refire o número 4.2., a Secretaría da Deputación Provincial da Coruña expedirá certificación das propostas presentadas que, xunto con elas e coa documentación correspondente, pasarán ó xurado do premio.
4.5. A cada solicitude ou proposta xuntaranse cantos documentos sexan considerados de interese para o mellor coñecemento do candidato.
5. Xurado e actuacións.
5.1. Para adxudica-lo premio ó que se refire esta convocatoria constituirase un xurado integrado do xeito seguinte:
-Presidente: o da Xunta de Galicia.
-Vicepresidente: o presidente da deputación convocante do premio, que neste ano corresponde á Deputación Provincial da Coruña.
-Vocais:
-Os presidentes das tres deputacións restantes ou persoas nas que deleguen.
-O presidente da Comisión de Cultura da deputación convocante.
-O conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia.
-Un representante de cada un dos seguintes organismos:
a) Universidade da Coruña.
b) Universidade de Santiago de Compostela.
c) Universidade de Vigo.
d) Real Academia Galega.
e) Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos.
-Cinco persoas de recoñecida autoridade científica e literaria designadas pola Xunta de Galicia e cada unha das deputacións.
-Secretario, con voz e sen voto, o da Deputación Provincial da Coruña.
5.2. O xurado constituído emitirá o seu dictame no mes seguinte ó día que remate o prazo de presentación de candidatos e a súa actuación suxeitarase ó determinado nos artigos 4.2º a 4.6º do regulamento do premio.
5.3. Da actuación do xurado e da adxudicación do premio redactarase acta detallada que, asinada polos seus membros e coa totalidade da documentación presentada, pasará a coñecemento do Pleno da Deputación convocante na primeira sesión que celebre.
5.4. Redactarase copia da acta e dos demais antecedentes que cumpran para o coñecemento da tra
mitación do premio remitirase ás deputacións de Lugo, Ourense e Pontevedra.
6. Entrega do premio.
A entrega do premio realizarase no lugar e data que determine o presidente da Deputación Provincial da Coruña, nun acto solemne e coa asistencia dos membros da Corporación Provincial e do xurado, así como de personalidades das artes, letras e ciencias da Comunidade Autónoma.
Xunto co premio, o galardoado recibirá unha copia da acta da reunión do xurado.
7. Normas supletorias.
No que non estea previsto expresamente nestas bases, o xurado e a deputación convocante terán en conta as normas contidas no regulamento do premio e nos xerais de funcionamento da Corporación Provincial.
A Coruña, 27 de febreiro de 2002.
José Luis Torres Colomer
Presidente da Deputación Provincial da Coruña
José Luis Almau Supervía
Secretario da Deputación Provincial da Coruña

