Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 13 de xuño de 2002 Páx. 8.904

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 200/2002, do 6 de xuño, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas prazas de corpos e escalas de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002.

A Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 3/1995, do 10 de abril, no seu artigo 29 establece os criterios en que debe enmarcarse a oferta de emprego público, concibida como instrumento de programación das necesidades de persoal e de racionalización do emprego público e dos procesos de selección do persoal ó servicio das administracións públicas, nos que deben prima-los principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

Os artigos 9.2º e 34 da dita Lei 4/1988 establecen os sistemas de acceso para o ingreso á función pública, mediante convocatoria pública, baseados nos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

A Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo (DOG nº 251, do 29 de decembro), na súa disposición adicional quinta creou a escala de profesores do Instituto Nacional de Educación Física de Galicia (INEF), establecendo que se modificará a relación de postos de traballo, configurados como laborais, en postos de persoal funcionario da escala de profesores do INEF, e a convocatoria de dous procesos selectivos, un no que se ofertarán os postos ocupados polo persoal laboral fixo, e outro no que se ofertarán os ocupados por persoal laboral temporal e as vacantes.

Por resolución da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 11 de xaneiro de 2002 (DOG nº 20, do 28 de xaneiro), ordenouse a publicación do acordo do consello da Xunta de Galicia polo que se modifica a relación de postos de traballo de conformidade co establecido na Lei 5/2000, do 28 de decembro, polo que na oferta de emprego público que se aproba polo presente decreto se inclúen os postos ocupados polo persoal laboral fixo e os desempeñados por persoal interino, condición que, na actualidade, ten o persoal laboral temporal incluído no ámbito da dita lei.

Polo anterior, e tendo en conta os postos de traballo vacantes en distintas escalas da Administración xeral e desta Comunidade Autónoma que afectan o funcionamento dos servicios públicos esenciais, de conformidade co previsto no artigo 25 da Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, así como no artigo 21 da Lei 23/2001, do 27 de

decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2002, cómpre aproba-la oferta de emprego público relativa ó persoal funcionario de distintos corpos e escalas de Administración xeral, no ano 2002.

Na súa virtude, consultadas as organizacións sindicais correspondentes, logo de informe da Comisión de Persoal e de conformidade co establecido no artigo 12.8º da Lei 4/1988, do 26 de maio, modificado pola Lei 3/1995, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 6 de xuño de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Aprobación da oferta de emprego público.

De conformidade co disposto no artigo 29.6º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 3/1995, do 10 de abril, apróbase a oferta de emprego público correspondente a distintos corpos e escalas de Administración xeral da Xunta de Galicia para o 2002 nos termos que se establecen no presente decreto.

Artigo 2º.-Cuantificación da oferta de emprego público.

Na presente oferta de emprego público inclúense as necesidades de recursos humanos con asignación orzamentaria que non poden ser cubertas con efectivos de persoal existentes na actualidade e os postos de profesores do INEF de Galicia de acordo cos criterios e segundo a composición que se detalla no anexo.

Artigo 3º.-Consolidación de emprego temporal.

Para lle dar continuidade ó emprego temporal, entrementres se abordan os correspondentes procesos selectivos de acceso con carácter permanente á función pública, poderase transforma-la relación de emprego inicial noutra de natureza interina nos termos previstos no Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, ou na normativa de función pública, todo isto de conformidade co artigo 25 da Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002.

Artigo 4º.-Persoas con minusvalideces.

1. Ós procesos selectivos para o ingreso en corpos e escalas de funcionarios da Xunta de Galicia, incluídos os correspondentes á promoción interna, agás as de profesores do INEF de Galicia, serán admitidas as persoas con minusvalidez nos termos previstos no presente artigo e demais normativa aplicable.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

Nas probas selectivas, incluíndo os cursos de formación ou período de prácticas, estableceranse, para as persoas con minusvalidez que o soliciten, as adaptacións posibles de medios para a súa realización. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que os interesados deberán formula-la correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para tal efecto os tribunais ou comisión de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.

2. En cada convocatoria reservarase o tres por cento das vacantes ofertadas para seren cubertas por quen teña a condición legal de persoa con minusvalidez, de conformidade co previsto na disposición adicional sétima da Lei 4/1988, do 26 de maio, agás no relativo ós profesores do INEF de Galicia.

Cando o resultado da aplicación da citada porcentaxe dea un resto igual ou superior a 0,5 prazas de reserva computarase como unha praza a incluír en tal cota.

Cando o número de vacantes ofertadas en cada convocatoria sexa igual ou superior a 10 pero inferior ó número necesario para aplica-lo sinalado nos parágrafos anteriores reservarase, en todo caso, unha praza á devandita cota.

En todo caso, en cada convocatoria establecerase o número concreto de prazas que quedan reservadas para persoas con minusvalidez ás que puidese corresponder esta cota. Farase constar, así mesmo, que non se reserva ningunha praza no suposto de que non se alcanzase o mínimo necesario para isto de acordo co previsto nos puntos anteriores.

A opción a prazas reservadas terá que formularse na solicitude de participación nas convocatorias con declaración expresa dos interesados de reuni-la condición esixida ó respecto, que se acreditará se obtivese praza, mediante certificación dos órganos competentes. As probas selectivas realizaranse en condicións de igualdade cos aspirantes de libre acceso, sen prexuízo das adaptacións previstas neste artigo.

Se na súa realización se lle suscitasen dúbidas ó tribunal respecto da capacidade do aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos funcionarios do corpo, escala ou persoal laboral da categoría á que se opta, poderán solicita-lo correspondente dictame do órgano competente.

Con anterioridade ó nomeamento e unha vez superado o proceso selectivo, a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública poderá requirir, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, dictame do órgano competente sobre a compatibilidade do candidato para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste último.

Artigo 5º.-Concurso oposición para o acceso á escala de profesores do INEF de Galicia.

1. Convocarase un proceso selectivo, polo sistema de concurso oposición, para o acceso á escala de profesores do INEF de Galicia no que se ofertarán os postos ocupados por laborais fixos e no que só poderán participar estes traballadores, valorándoselles como mérito preferente para cada un deles o tempo de servicios prestados nel.

2. Convocarase un proceso selectivo polo sistema de concurso-oposición libre para o acceso á antedita escala no que se ofertarán os postos da escala de profesores do INEF de Galicia desempeñados por persoal interino e as vacantes.

3. Ámbalas dúas convocatorias se adaptarán á normativa vixente sobre o acceso do profesorado universitario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para dictar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

Oferta de emprego público 2002

Administración xeral.

Grupo A:

Corpo superior da Administración da Xunta10 prazas

Escala de letrados4 prazas

Escala de profesores do INEF de Galicia48 prazas

-Ocupadas por persoal laboral fixo26 prazas

-Ocupadas por persoal interino e vacantes22 prazas

Escala superior de finanzas 12 prazas

Total grupo A 74 prazas

Grupo B:

Escala técnica de finanzas 15 prazas

Total grupo B 15 prazas

Grupo D:

Corpo auxiliar da Xunta 200 prazas

Total grupo D 200 prazas

Grupo E:

Corpo subalterno da Xunta 150 prazas

Total grupo E 150 prazas

Total Administración xeral 439 prazas

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL