Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 13 de xuño de 2002 Páx. 8.906

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 7 de xuño de 2002 pola que se establecen as medidas necesarias para a aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia do programa de abandono voluntario e definitivo da producción leiteira para o período 2002/2003.

O sector leiteiro segue a estar sometido a fortes tensións producidas polo crecente incremento da

competitividade debido, por unha parte, á paulatina liberalización do mercado mundial como consecuencia dos acordos da Organización Mundial de Comercio (OMC) e, por outra, ás perspectivas, cada vez máis próximas, dunha Unión Europea ampliada á Europa do Leste.

Por iso cómpre efectuar un esforzo de acomodación deste sector productivo, eliminando as súas deficiencias estructurais e favorecendo a incorporación dos productores novos ás explotacións leiteiras.

Nesta perspectiva e no marco da normativa comunitaria que resulta de aplicación, basicamente os regulamentos 3950/1992, do consello, que establece unha taxa suplementaria no sector do leite e os productos lácteos, así como o 536/1993, da comisión, no que se recollen as disposicións de aplicación do anterior, o Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, configura unha serie de medidas tendentes á modernización e mellora da competitividade no sector lácteo, en uso das atribucións que, con base no principio de subsidiariedade, os estados membros poden adoptar en relación coas medidas estructurais na agricultura. Neste real decreto, establécense, entre outras medidas, no seu capítulo 3, artigos 4 a 11, programas de abandono indemnizado, voluntario e definitivo da producción leiteira, facultando na súa disposición derradeira primeira o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para a aprobación dos programas nacionais de abandono.

Neste senso, a orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), do 17 de abril de 2002, establece as características básicas deste novo programa nacional de abandono para este exercicio, -para unha cantidade máxima de 55.000 toneladas-, en relación coa dotación financeira e importe da indemnización, entre outras.

A metade das cantidades de referencia liberadas como consecuencia deste plan de abandono destinaranse ó Fondo Nacional Coordinado de cotas lácteas e o resto á reserva nacional, asignándose, posteriormente, ós gandeiros nas condicións establecidas no capítulo IV do devandito real decreto.

Esta regulamentación dispón tamén que a tramitación e resolución das solicitudes presentadas polos gandeiros, así como o pagamento das correspondentes indemnizacións, serán efectuadas polos órganos competentes da Administración autonómica respectiva, en función do lugar onde estean situadas as explotacións, polo que, a través desta orde, cómpre determina-los órganos competentes e o procedemento de tramitación, con base no establecido na normativa interna de distribución de competencias.

Tendo en conta a acollida que o programa nacional de abandono establecido no período 2001/2002 tivo na Comunidade Autónoma de Galicia e considerando que persiste a necesidade de continuar con estas accións, cómpre pór en marcha para o actual período 2002/2003 un novo plan de abandono voluntario, definitivo e indemnizado de producción leiteira.

Ó abeiro do disposto no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, correspóndelle á Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria a execución da política da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no que se refire á xestión das cantidades de referencia de leite das explotacións situadas en Galicia, sendo o Servicio de Axudas Estructurais da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias a unidade administrativa encargada da dita xestión.

De acordo con todo o anterior, nesta orde desenvólvese o citado real decreto en canto á instrumentación do sistema de xestión do programa de abandono indemnizado, voluntario e definitivo da producción leiteira na campaña 2002/2003.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.3º do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de xaneiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, así como o Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito.

1. Por esta orde establécese o procedemento para a solicitude, tramitación, concesión e pagamento na Comunidade Autónoma de Galicia das indemnizacións recollidas no plan nacional de fomento do abandono voluntario e definitivo da producción leiteira para o período 2002/2003, segundo o disposto no Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, e na orde do MAPA do 17 de abril de 2002.

2. O abandono afectará a totalidade da producción leiteira de cada gandeiro productor e a indemnización a cada un deles concederáselle pola cantidade de referencia individual, tanto de entregas a compradores como de venda directa, que tivese asignada o un de abril de 2002.

Artigo 2º.-Solicitantes.

1. De acordo co establecido no artigo 6.1º do citado real decreto, poderán acollerse a esta indemnización os productores que desexen abandona-la producción de leite pola totalidade da cantidade de referencia que tiveran asignada o un de abril de 2002.

2. Os gandeiros que recibisen cantidades de referencia suplementaria procedentes da reserva nacional poderán solicita-lo abandono da súa producción, aínda que as devanditas cantidades de referencia non serán indemnizadas e reincorporaranse á devandita reserva.

3. Os gandeiros que non lles entregasen leite ou productos lácteos a compradores ou que non os vendesen directamente no período comprendido entre o 1 de abril de 2001 e o 31 de marzo de 2002,

non poderán acollerse a este plan, agás que tivesen cedidas temporalmente as súas cantidades de referencia individuais.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. Os gandeiros interesados que teñan a explotación leiteira situada na Comunidade Autónoma de Galicia poderán presenta-las solicitudes para se acolleren ós beneficios establecidos nesta orde, nos servicios provinciais de Explotacións Agrarias ou, preferentemente, na oficina agraria comarcal que corresponda á súa explotación. Así mesmo, poderán presentarse as devanditas solicitudes en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As ditas solicitudes, formalizadas no modelo de impreso que se xunta como anexo I a esta orde, dirixiranse ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, debendo presentarse antes do 30 de setembro de 2002.

Artigo 4º.-Documentación.

Para acredita-lo cumprimento dos requisitos esixidos, xunto coa solicitude deberase presenta-la seguinte documentación:

a) En todo caso:

-Fotocopia cotexada do DNI ou CIF do titular da cota.

-Certificación da entidade financeira na que desexa domicilia-lo aboamento da indemnización, con indicación do código-conta-cliente.

b) No caso de persoas xurídicas, fotocopia do poder acreditativo da representación.

c) Cando se alegue a existencia de razóns ambientais que poidan obrigar ó peche da explotación, deberase achegar xustificante da Administración competente.

Artigo 5º.-Tramitación, concesión e recursos.

1. A tramitación dos expedientes corresponderalles ós servicios provinciais de Explotacións Agrarias, para o que comprobarán a documentación e emitirán un informe, conforme o que os delegados provinciais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural efectuarán a oportuna proposta, que elevaran ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

2. En base á devandita proposta, segundo o disposto no artigo 9.2º desta orde, o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural dictará a correspondente resolución antes do 15 de decembro do 2002.

3. A devandita resolución de concesión notificaráselle ó solicitante, debéndose, así mesmo, comunicar á Dirección Xeral de Gandería do MAPA unha relación dos solicitantes ós que se lles tivese concedido a indemnización.

No caso de que o solicitante non recibise a oportuna notificación no prazo establecido no punto 5.2, poderá entender desestimada por silencio a súa solicitude.

Artigo 6º.-Importe.

1. De acordo co establecido no artigo 3 da Orde do MAPA do 17 de abril de 2002, o importe da indemnización que se aboará, en función da cantidade de referencia individual do solicitante o 1 de abril deste ano, será a seguinte:

a) 0,40 euros, para os productores que teñan cantidade de referencia individual indemnizable o 1 de abril de 2002 inferior a 50.001 quilogramos.

b) 0,25 euros, para os productores que teñan unha cantidade de referencia individual indemnizable o 1 de abril de 2002 superior a 50.000 quilogramos e inferior a 120.001 quilogramos.

c) 0,25 euros, para os productores que teñan unha cantidade de referencia individual indemnizable o 1 de abril de 2002 superior a 120.000 quilogramos, incorresen nalgunha causa de forza maior debidamente xustificada e estean suxeitos ó compromiso de non transferiren cota propia por algunha das seguintes circunstancias:

-Ter adquirido cota desvinculada dunha explotación de acordo co establecido no capítulo VII do Real decreto 1486/1998.

-Ter adquirido cota do Fondo Nacional Coordinado de acordo co establecido no capítulo IV do Real decreto 1486/1998.

-Resultar beneficiarios de asignación de acordo co disposto no Real decreto 1192/2000, do 23 de xuño, polo que se establecen normas para a asignación individual de cantidades de referencia da reserva nacional procedentes do aumento de cotas lácteas.

d) 0,15 euros, para os restantes productores non incluídos en ningún dos tres casos anteriores.

2. Para efectos do establecido no número anterior, terán consideración de forza maior os seguintes casos:

a) Unha catástrofe natural grave que afectase de forma importante a explotación.

b) A destrucción accidental dos recursos para a alimentación do gando ou das edificacións da explotación destinadas ás vacas leiteiras.

c) A morte ou sacrificio dunha parte significativa do rabaño de vacas leiteiras como consecuencia dunha epizootia oficialmente declarada ou que sexa obxecto de programas nacionais de erradicación.

d) Calquera outra causa debidamente documentada e así considerada pola autoridade competente.

3. Se a materia graxa asignada á cota dun gandeiro é superior ó 3,64 por cento, o importe total da indemnización verase incrementado un 0,18 por cento por

cada 0,01 por cento de diferencia. No caso contrario, o importe verase reducido do mesmo modo.

Artigo 7º.-Criterios de prioridade.

De acordo co establecido no artigo 8 do citado Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, se a suma dos importes das indemnizacións correspondentes ás solicitudes propostas favorablemente nesta comunidade autónoma fose superior á asignación orzamentaria para este plan, na concesión das axudas aplicaranse os criterios de prioridade que de seguido se indican:

1º Os titulares de explotacións con dificultades específicas para continuar na actividade e, dentro destes:

a) Os que teñen dificultades de adaptación ó cumprimento das esixencias establecidas no Real decreto 1679/1994, do 22 de xullo.

Neste caso a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria poderá solicitar informe da respectiva oficina agraria comarcal ou dos servicios veterinarios oficiais.

b) Cando existan razóns ambientais que obriguen ó peche da explotación.

2º Os gandeiros productores de maior idade, a partir dos 55 anos.

3º Resto dos productores.

Dentro de cada grupo, as solicitudes ordenaranse de menor a maior cantidade de referencia asignada. En caso de empate daráselle prioridade ó productor de maior idade.

Artigo 8º.-Pagamento da indemnización.

1. Antes do 31 de marzo do ano 2003 os beneficiarios deberán acreditar debidamente o cumprimento do seguinte:

a) Que deixaron de comercializar leite e/ou productos lácteos e a data efectiva da última entrega ou venda directa, de acordo cos modelos que se xuntan como anexos II e III desta orde.

b) O destino das vacas productoras de leite afectadas polo abandono, de acordo co modelo que se xunta como anexo IV a esta orde.

2. Ademais do anterior, os beneficiarios da indemnización deberán acreditar, no mesmo prazo, que se atopan ó día das súas obrigas tributarias y coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento débedas, por ningún concepto, coa Administración pública autonómica.

3. Os documentos xustificativos ós que se refiren os dous puntos anteriores presentaranse nas oficinas indicadas no artigo 3º.1 desta orde.

Os servicios provinciais de Explotacións Agrarias elevaranlle, a través da respectiva delegación provincial da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, un informe á Dirección

Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, sobre os solicitantes das axudas que presentaron a dita documentación xustificativa.

4. Unha vez acreditado o cumprimento dos requisitos establecidos nos puntos 1 e 2 deste artigo, no prazo máximo de seis meses, contados desde a notificación da resolución de concesión, a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria procederá ó aboamento da indemnización ó productor nun único pagamento.

Artigo 9º.-Financiamento.

1. O financiamento da indemnización por abandono da producción leiteira realizarase a través da aplicación orzamentaria de gastos da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural 09.03.614A.775.0, na que existe crédito orzamentario adecuado polo importe de 3.552.957 euros.

2. A dita cantidade incrementarase coa que lle corresponda a esta Comunidade Autónoma unha vez determinada a súa porcentaxe de participación na cantidade máxima establecida para todo o Estado no programa de abandono, segundo o disposto na orde do MAPA do 17 de abril de 2002.

Artigo 10º.-Incumprimento.

En caso de incumprimento, o perceptor deberá reembolsa-la indemnización percibida máis os xuros de demora, calculados en función do prazo transcorrido entre o pagamento e o reembolso.

Artigo 11º.-Deber de información.

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lle poidan esixi-los órganos competentes da Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, o gandeiro ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13º.-Reintegro da indemnización.

Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da axuda máis os xuros de demora devengados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 14º.-Recursos administrativos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpo-los seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, se é expresa; ou de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co previsto na Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os expedientes presentados ó abeiro da orde desta consellería, do 24 de agosto de 2001, respecto dos que non se dictou resolución expresa de concesión da axuda, poderanse ter en conta na convocatoria deste ano, sempre que o interesado así o solicite expresamente e cumpra o disposto nesta orde.

Segunda.-Solicitude de datos pola Administración.

O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición dos certificados acreditativos de atoparse ó día das súas obrigas tributarias e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, ou, se é o caso, cubrir, debidamente asinada, a autorización que figura no anexo V desta orde, para os efectos de que a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria ou os servicios provinciais de Explotacións Agrarias poidan solicitala por vía informática.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dictar cantas instruccións considere necesarias para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural