Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 25 de xuño de 2002 Páx. 9.837

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Penas Grandes, nos concellos de Carballedo (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra), promovido pola empresa Elecnor, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 28 de xaneiro de 2002, da Dirección

Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Penas Grandes, nos concellos de Carballedo (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra), promovido pola empresa Elecnor, S.A. que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

-Proyecto Parque Eólico de Penas Grandes. Octubre de 2000.

-Estudio de impacto ambiental. Parque Eólico Penas Grandes. Octubre 2000.

-Simulación virtual Faro-Farelo. Enero 2001.

-Documentación ambiental complementaria al estudio de impacto ambiental del parque eólico de Penas Grandes. Junio 2001.

-P.E. Chantada. Documentación complementaria al estudio de impacto ambiental. Estudio de la afección a los hábitats naturales de interés comunitario. Septiembre 2001.

-P.P.E.E. Chantada, Monte Cabeza, Farelo y Penas Grandes. Documentación complementaria a los estudios de impacto ambiental. Línea de evacuación de energía. Septiembre 2001.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente DIA, sen prexuízo do disposto no artigo 6.4º do Real decreto 1997/1995, do 7 de decembro, polo que se establecen medidas para contribuír a garanti-la biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

L 1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva ó proxecto denominado Parque eólico de Penas Grandes, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 11,7 MW de potencia total nos concellos de Carballedo (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra), constituído por 9 aeroxeradores de 1.300 kW

de potencia unitaria, que se localizarán na Serra do Faro, dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

587.5004.715.000

588.5004.716.000

589.0004.717.000

589.0004.718.000

590.0004.719.000

590.1284.719.000

589.8894.718.354

590.0084.717.589

589.5004.716.000

589.0004.715.000

Atendendo ó exposto no punto 7 desta DIA, deberá efectuarse o desprazamento da gabia de conducción do cableado que une os aeroxeradores A-4 e A-5 pola marxe oeste do camiño existente, no contorno dos Túmulos de Pena Boa 1 e 2, nas condicións sinaladas no citado punto da DIA.

A localización dos aeroxeradores e infraestructura asociada ó parque eólico será a que se recolle nos planos P. E. Penas Grandes. Plano General de Instalaciones. PPG-GE.04 e P.E. Penas Grandes. Planta General Viales. PPG-GE.04, do estudio de impacto ambiental, agás para o indicado no parágrafo anterior.

As coordenadas UTM dos 9 aeroxeradores proxectados son as seguintes:

AeroxeradorUTM XUTM Y

A-1588.3104.715.021

A-2588.7874.715.335

A-3588.7484.715.448

A-4589.0274.715.775

A-5589.4424.717.206

A-6589.4004.717.319

A-7589.3584.717.431

A-8589.7654.717.637

A-9589.7274.717.752

Liña de evacuación de enerxía.

Tendo en conta a información achegada no estudio ambiental, na documentación ambiental complementaria e no documento P.P.E.E. Chantada, Monte Cabeza, Farelo y Penas Grandes. Documentación complementaria a los estudios de impacto ambiental. Línea de evacuación de energía. Septiembre 2001, respecto da solución global para a evacuación da enerxía xerada polos parques eólicos Farelo, Monte Cabeza, Chantada e Penas Grandes e a conexión das súas respectivas subestacións transformadoras coa subestación de Chantada, a totalidade do proxecto de evacuación (incluíndo os pasos aéreo-subterráneo e calquera outra infraestructura eléctrica non

considerada nos estudios ambientais) será obxecto de estudio de impacto ambiental específico, someténdose ó correspondente trámite de avaliación de impacto ambiental.

L 2. Protección da atmosfera.

2.1. Sobre a emisión de po.

Durante a fase de obras procederase, nos períodos de seca, á humectación continua dos viais e das zonas onde se estean a realizar movementos de terras, co fin de evita-lo levantamento excesivo de po. Así mesmo, os camións de transporte de terras ou materiais que poidan xerar po, deberán ir cubertos con lonas ou similar.

2.2. Sobre a contaminación acústica.

Os niveis de presión sonora no parque e nas vivendas máis próximas non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

Para tal fin, realizarase un seguimento do nivel de ruído durante as fases de construcción e funcionamento do parque, de acordo co plan de control do nivel de ruído proposto no anexo IV do estudio ambiental.

L 3. Protección das augas e leitos fluviais.

Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga precisará da autorización de Augas de Galicia, segundo se establece no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Augas, axustándose ás directrices do Plan hidrolóxico de Galicia-costa.

A achega das augas das drenaxes transversais e lonxitudinais á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía á súa saída, co fin de evitar erosións, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas ós cursos naturais.

Realizarase un control do funcionamento dos dispositivos de drenaxe artificial (tanto transversais como lonxitudinais) e das condicións de incorporación das augas á rede natural de drenaxe, conforme o plan de vixilancia proposto no anexo V do estudio ambiental, co fin de comprobar que non se producen alteracións no réxime hídrico preexistente e verifica-la eficacia das medidas protectoras e correctoras propostas no estudio ambiental e na documentación complementaria presentada polo promotor.

Non estando previsto no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.

A medida que avanza a obra procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e terraplén resultantes da execución dos viais, así como das plataformas de montaxe e foxos, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega e calquera outra medida necesaria para evita-lo arrastre de materiais ladeira abaixo.

Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou áreas hidromorfas, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non está permitida a lavada de maquinaria e materiais nos cursos de auga.

Co fin de controlar que a calidade das augas non resulta afectada, tanto na fase de obras como na de funcionamento levarase a cabo o plan de control da calidade das augas proposto no estudio ambiental.

L 4. Protección do solo.

Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, que se axustará ó establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.

Procederase á delimitación das distintas zonas de obra, mediante o seu balizado, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen.

Para calquera modificación que fose necesario introducir no proxecto, independentemente da súa causa, haberá que aterse ó indicado no punto 13.4 da presente declaración.

As infraestructuras asociadas á construcción do parque eólico executaranse de acordo coas especificacións técnicas e dimensións sinaladas no proxecto, non permitíndose o seu sobredimensionamento.

A circulación de vehículos e maquinaria de obra no parque restrinxirase ós viais e zonas acondicionadas para o efecto.

Nos movementos de terras equilibrarase ó máximo o volume de desmonte co de terraplén, tendo en conta que se trala finalización das obras existise material sobrante das escavacións, será retirado e depositado en lugar autorizado por órgano competente. Así mesmo, no caso de precisar materiais de préstamo, deberá acreditarse previamente a súa procedencia, indicando a localización, extensión, volume e condicións de restauración do préstamo que se vai efectuar.

Na realización das voaduras disporanse os medios materiais necesarios (redes, mallas, lonas...) que impidan a proxección de fragmentos de rocha ó contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.

Para a localización das instalacións de obra seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga, zona hidromorfa ou área de protección arqueolóxica, e tendo en conta o indicado na DIA do parque eólico Chantada, respecto do seu uso conxunto para estes dous parques.

No caso de deterioración de camiños ou calquera outra infraestructura ou instalación preexistente debido ós labores de construcción do parque, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras.

A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten ós terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

L 5. Xestión de residuos.

Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da instalación, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte ó vertido.

Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia.

Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construcción realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derrames accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (mobilidade restrinxida), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles vertidos.

Ó finaliza-las obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.

En tanto non se produzan as sucesivas entregas ó xestor autorizado, durante a fase de construcción os contedores localizaranse na zona de instalacións de obra, e durante a fase de explotación disporanse no edificio de control situado no parque de Chantada.

L 6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

6.1. Sobre a fauna.

Respecto á avifauna, levaranse a cabo os controis oportunos co fin de determina-la existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar posibles cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presencia dos aeroxeradores.

Así mesmo, efectuarase unha valoración conxunta dos resultados dos plans de seguimento de avifauna dos restantes parques eólicos previstos pola empresa promotora na zona, de acordo co estudio de efectos sinérxicos presentado, co fin de determina-la aparición ou non deste tipo de efectos sobre as aves.

Para tal fin, o contido do plan de seguimento de avifauna presentado debe ser debidamente desenvolvido e completado, de acordo co requirido no punto 11.4 desta DIA.

6.2. Sobre a vexetación.

A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario, efectuándose mediante sistemas de roza.

Previamente á corta de arboredo realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

Calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira precisará da preceptiva autorización ou informe, segundo o caso, do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, tal como se establece na Lei 7/1992, de pesca fluvial, e no Decreto 130/1997, que desenvolve o regulamento da antedita lei.

Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase a súa trituración e espallado homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

6.3. Sobre os hábitats naturais.

Dado que o parque se proxecta no LIC denominado Monte Faro e sobre o hábitat de interese comunitario tipificado como breixeiras secas europeas, o que suporá a afección a unha fracción deste hábitat, deberán propoñerse medidas compensatorias, segundo o punto 4º, artigo 6, do Real decreto 1997/1995, do 7 de decembro.

Para tal fin, deberanse levar a cabo as seguintes medidas compensatorias, de acordo co proposto na documentación presentada polo promotor:

4. A restauración, co antedito hábitat, dunha superficie como mínimo equivalente á afectada polo proxecto, debendo realizarse dentro do perímetro do espacio natural.

5. Realización dun estudio da totalidade do LIC Monte Faro, que versará sobre o clima, xeoloxía, xeomorfoloxía, solos, hidroloxía, flora, vexetación, fauna, hábitats, paisaxe, medio socioeconómico e cultural, en coordinación coa Dirección Xeral de Consevación da Natureza.

6. Actuacións de divulgación ambiental, entre as que se incluirán a instalación de paneis informativos dos valores do espacio natural e un centro de divulgación no edificio de control do parque eólico.

Así mesmo, observarase o estricto cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no documento Documentación ambiental complementaria al estudio de impacto ambiental del parque eólico de Penas Grandes. Junio 2001 e levarase a cabo o plan de vixilancia de hábitats prioritarios proposto no antedito documento.

No caso de que se detectase algún impacto non previsto na documentación presentada polo promotor ou na presente declaración, tomaranse as medidas oportunas para paraliza-la actuación, poñendo en coñecemento desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a incidencia detectada, quen a avaliará e informará sobre a conveniencia ou non de continua-la actuación nesas circunstancias.

L 7. Protección do patrimonio cultural.

Cara á evitar posibles afeccións, establécese, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural, cun radio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado.

A realización de calquera tipo de obra nas referidas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Así mesmo, evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.

Co fin de evita-los impactos críticos sobre os xacementos arqueolóxicos Túmulos de Pena Boa 1 e 2, non se poderán efectuar remocións de terras nin modificacións de calquera tipo no camiño nin na devasa existentes nas súas inmediacións, desprazarase a gabia de conducción do cableado ó lado contrario (oeste) do citado camiño, ata acada-la distancia de 50 m dos túmulos, balizaranse estes elementos, reflictiranse na cartografía de obra e levarase a cabo o control arqueolóxico das obras, de acordo coas medidas correctoras indicadas no estudio ambiental.

En todo o ámbito do parque eólico deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, así como a sinalización dos xacigos arqueolóxicos, polo que previamente ó inicio das obras, se elaborará un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ó proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (aquelas obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Na fase de

replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

L 8. Protección dos valores paisaxísticos.

Empregaranse cores pouco rechamantes e tonos mate no acabado dos aeroxeradores e as liñas eléctricas previstas no interior do parque, tanto en baixa como en media tensión, así como as de telemando, comunicacións, etcétera, estarán soterradas en gabias, tal como se indica no estudio ambiental.

O desenvolvemento do plan de revexetación, conforme avanza a obra, xunto co seguimento da súa efectividade, deberá garanti-la integración paisaxística das restantes infraestructuras do parque eólico.

L 9. Outras medidas.

Co fin de evitar posibles colisións de aeronaves cos aeroxeradores, deberanse instalar sinalizacións conforme a normativa OACI (Organización de Aviación Civil Internacional), de tal xeito que indiquen a presencia dos aeroxeradores.

L 10. Restauración.

Tódolos terreos afectados ou deteriorados pola execución das obras (marxes dos viais, foxos, gabias do cableado, plataformas de montaxe, obras de drenaxe, zonas de acopio de materiais...) deberán ser recuperados mediante revexetación, de xeito que se restitúa a vexetación autóctona presente na zona e se favoreza a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal, garantindo o seu mantemento ó longo do tempo.

Para tal fin, levarase a cabo o plan de revexetación incluído no estudio ambiental, realizando un seguimento posterior da súa efectividade, debendo presentarse un plan de vixilancia da restauración, de acordo co requirido no punto 11.5 da DIA.

Os labores de restauración realizaranse conforme avanza a obra e as distintas superficies que se van restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de controla-los fenómenos erosivos, arrastre de materiais e lograr unha maior integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio. A este respecto, presentarase un calendario dos labores de restauración que considere o antedito.

A capa edáfica ou horizonte vexetal do solo será retirada previamente á ocupación do terreo, acopiada sen mesturala con outros horizontes e mantida nas condicións sinaladas no plan de restauración.

Previamente á revexetación efectuarase o acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e laboreo superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada. Minimizarase o estendido de terra vexetal, restrinxíndoo ás zonas alteradas que vaian ser restauradas.

Ó finaliza-las obras dos parques para os que se efectúe o uso común das instalacións de obra, retiraranse as casetas e calquera outra estructura relacionada, procedendo á recuperación da zona afectada.

Así mesmo, o plan de restauración presentado debe ser completado, incluíndo a descrición e valoración económica de tódalas actuacións previstas na fase de desmantelamento e abandono do parque unha vez rematada a vida útil da instalación, tendo en conta os posibles usos futuros da área, de acordo co requirido no punto 11.5 desta DIA.

L 11. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, nun prazo de tres (3) meses desde a notificación da presente DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, catro (4) exemplares da seguinte documentación:

11.1. Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a poligonal do parque e tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, incorporando o desprazamento da gabia do cableado, conforme ó indicado no punto 7 da DIA. Diferenciaranse os viais preexistentes dos de nova construcción e aqueles a acondicionar (indicando lonxitude de cada tipo), reflectindo asemade o acceso ó parque, elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela e, no seu caso, a localización prevista da zona de instalacións de obra, parque de maquinaria e acopio de materiais.

11.2. Identificación da empresa que efectuou as medicións de ruídos na fase preoperacional, que deberá estar homologada. No caso de que non o estivese, presentaranse novas medicións efectuadas por empresa que cumpra o requisito anterior.

11.3. Resultados da campaña preoperacional de análise da calidade das augas, conforme o plan de control incluído no estudio ambiental. As analíticas serán efectuadas por laboratorio homologado.

11.4. Novo plan de seguimento da avifauna, integrando a información achegada no plan presentado e desenvolvendo detalladamente os seguintes contidos:

-Caracterización cualitativa e cuantitativa da avifauna na área do parque, baseada en traballo de campo, independentemente da información bibliográfica que se poida achegar ó respecto. Deberá caracterizarse, con base nas sucesivas campañas, a avifauna nidificante, en paso migratorio, sedentaria e invernante, describindo a metodoloxía que se vai empregar nesta caracterización. Consideraranse así mesmo metodoloxías específicas para a caracterización da comunidade de aves rapaces, tanto diúrnas como nocturnas, baseadas en censos e estacións de observación e escoita. Mapificación dos itinerarios

de censo, puntos de observación e escoita, áreas de campeo e nidificación, especialmente das aves rapaces e especies protexidas e uso do espacio pola avifauna, relativizándoos coas infraestructuras proxectadas. Indicarase a frecuencia de tódolos censos e controis que se vaian efectuar. Caracterización do paso migratorio e movementos de aves na área afectada, achegando información sobre as especies e tipoloxía do paso, nº de aves, períodos de paso, altura do voo, traxectoria e sentido dos movementos. Caracterización do uso do espacio polas aves rapaces.

-Valoración da vulnerabilidade da avifauna á construcción e funcionamento do parque, en función dos resultados das campañas anteriores, da topografía da zona e da configuración das aliñacións de aeroxeradores. O plan de seguimento deberá valora-la singularidade e valor ecolóxico das especies detectadas, incidindo naquelas máis susceptibles de ser afectadas e as que presentan figuras de protección.

-Metodoloxía para o seguimento da incidencia do parque sobre a avifauna, nas fases de obra e funcionamento, detallando os controis que se van efectuar e a súa frecuencia, considerando a detección do efecto baleiro, posibles molestias, caracterización do comportamento das aves ante os aeroxeradores e detección de morte por colisión. No referente á busca de aves accidentadas por colisión, describirase con detalle a metodoloxía que se vai empregar na selección e posterior revisión dos aeroxeradores en cada visita, tendo en conta as dimensións do aeroxerador, a súa posición topográfica, posible interferencia coas rutas de paso de aves ou áreas de campeo e nidificación, e posición relativa destes no conxunto do parque, co fin de proceder á selección daqueles que poidan ter unha maior incidencia sobre a avifauna. O número de aeroxeradores revisados en cada visita non será inferior ó 70%, e nas sucesivas campañas incorporaranse novos aeroxeradores ata determina-la afección da totalidade

destes. Incluirase unha valoración da distorsión que pode introducir nos resultados das campañas e na estimación de índices de colisión o diferente esforzo de mostraxe realizado, condicións climatolóxicas durante as mostraxes, detectabilidade e desaparición dos cadáveres por necrófagos, así como os factores de corrección que se van introducir para corrixir posibles desviacións. A frecuencia das visitas será como mínimo mensual, considerando unha visita quincenal nas épocas reproductoras e de paso migratorio, en función dos resultados das campañas de caracterización da avifauna, así como unha redefinición en función dos resultados do seguimento, aumentando a frecuencia no caso de detectarse afección.

-Definición cuantitativa e cualitativa dos limiares de risco (alerta e inadmisible) por colisión e aparición do efecto baleiro, que indiquen a necesidade de adopción de medidas protectoras ou correctoras específicas, detallando e xustificando o método para a súa determinación.

-Descrición detallada das medidas protectoras e/ou correctoras que se van adoptar, tanto na fase de obras como na de funcionamento, no caso de acada-las situacións de risco indicadas no punto anterior, ou ante a manifestación de efectos acumulativos e/ou sinérxicos. Considerarase, entre outras, a estipulación dun período de parada dos aeroxeradores e un incremento na frecuencia dos controis que se van efectuar. Describiranse así mesmo as medidas propostas para a detección de posibles impactos imprevistos, así como as medidas protectoras de aplicación inmediata ante unha situación deste tipo.

-Presentación dos resultados, describindo a estructura e contido dos informes, que constarán, como mínimo, dun punto introductorio, indicando datas e descrición das campañas efectuadas, outro cos datos e resultados obtidos e un de valoración, discusión e conclusións finais.

11.5. Addenda ó plan de restauración presentado, conforme o indicado no punto 10 da DIA, que inclúa: novo calendario dos labores de restauración considerando a súa execución conforme avanza a obra; plan de vixilancia do desenvolvemento da revexetación; descrición e valoración económica de tódalas actuacións previstas para o desmantelamento e abandono do parque, integrada por memoria, planos, prego de condicións e orzamento, que incluirá medicións debidamente xustificadas, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos descompostos, orzamentos parciais, orzamento total de execución material e orzamento total de execución por contrata.

11.6. Identificación do responsable ambiental por parte do promotor, en cumprimento do indicado no punto 13.3 da presente DIA.

11.7. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

11.8. En relación coas medidas compensatorias indicadas no punto 6.3 desta DIA, presentarase a seguinte documentación:

-Proxecto de recuperación, de acordo co indicado no punto 6.3.1., que estará integrado, como mínimo, por memoria, planos, prego de condicións, orzamento e plan de vixilancia da súa execución e posterior evolución.

-Prego de condicións para a realización do estudio requirido no punto 6.3.2, debendo estar consensuado e aprobado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

-Anteproxecto das actuacións de divulgación ambiental propostas polo promotor, acompañado da súa valoración económica.

11.9.- Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o

indicado no punto 7 da presente DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental respecto da totalidade da documentación requirida.

Unha vez informado por esta dirección xeral o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta dirección xeral as datas de replanteo e inicio das obras, remitindo como mínimo 48 horas antes do seu comezo o cronograma de obras actualizado, contendo tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista.

L 12. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudio ambiental e do condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, catro (4) exemplares da seguinte documentación:

12.1. Durante a execución das obras, con carácter mensual, presentarase:

a) Cronograma de obras debidamente actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de avance respecto do total. No cronograma figurará a data de actualización.

Con carácter trimestral presentarase un informe de obras que inclúa:

b) Resultados das medicións do nivel de ruído, en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento durante a realización da medición. As medicións serán efectuadas por entidade homologada e os informes presentaranse asinados por técnico desa entidade. Así mesmo, deberá indicarse a velocidade do vento (máxima, mínima, media e desviación típica) durante o período de medición.

c) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe, da calidade das augas e das súas condicións de incorporación á rede natural, da incidencia das obras sobre a fauna e vixilancia dos hábi-

tats naturais prioritarios e de interese comunitario, conforme os plans de vixilancia presentados polo promotor, e de acordo co indicado nos puntos 3, 6.1 e 6.3 desta DIA.

d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos, controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras (control de eficacia), tanto as indicadas na documentación avaliada como as establecidas nesta declaración, incidencias ou imprevistos acontecidos, labores de restauración levados a cabo, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflictirá o cumprimento das condicións establecidas na declaración, en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

e) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e porcentaxe de execución respecto ó total, referido ós distintos elementos que conforman o proxecto: viais, aeroxeradores, plataformas de montaxe, gabias do cableado, etcétera.

12.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en marcha da instalación. No prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, presentarase un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:

a) Memoria onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia (indicando datas das visitas), medidas protectoras e correctoras levadas a cabo e resultado destas (control de eficacia), incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra e biomasa vexetal e descrición detallada do estado final da área afectada, en relación a tódolos aspectos incluídos no estudio ambiental e no condicionado desta declaración.

b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado dos viais, drenaxes e foxos, gabias do cableado, estado de limpeza da área, en especial da zona destinada a instalacións de obra, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

c) Documentación acreditativa da entrega xestor autorizado dos residuos xerados.

d) Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

e) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, que reflicta a situación real de tódalas instalacións e infraestructuras do parque, correspondente a un levantamento topográfico da obra realizada, indicando así mesmo as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental.

12.3. Seguimento ambiental semestral, contado desde o inicio da explotación, durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Resultados das medicións do nivel de ruído na fase de funcionamento do parque, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición e a duración desta. Os resultados da primeira medición realizada serán remitidos no momento no que sexan obtidos. Así mesmo, deberá indicarse a velocidade do vento (máxima, mínima, media e desviación típica) durante o período de medición.

b) Resultados do control do funcionamento dos dispositivos de drenaxe, da calidade das augas e das condicións de incorporación das augas á rede natural, de acordo co indicado no punto 3 da presente DIA.

c) Resultados dos plans de seguimento de avifauna, quirópteros e hábitats naturais, conforme o indicado nos puntos 6.1 e 6.3 desta DIA.

d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica detallada, no que se describan os resultados da aplicación do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado dos viais, noiros, drenaxes, foxos, gabias do cableado e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detalle dos controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas) para verifica-la eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas, avaliando o seu resultado. Descrición das posibles incidencias en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados da DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

12.4. Seguimento ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá, salvo indicación en contra por parte desta dirección xeral, os contidos do informe requirido no punto anterior.

12.5. Seguimento do posibles afectos acumulativos e/ou sinérxicos: xunto cos informes de seguimento ambiental, acompañarase un anexo cos resultados da análise e valoración dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos dos parques do promotor nesta zona, conforme o estudio de sinerxias presentado, prestando especial atención á avifauna e hábitats naturais protexidos e indicando as medidas protectoras e/ou correctoras adoptadas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos.

12.6. Informe previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, remitirase o cronograma previsto das actua

cións de desmantelamento e abandono da instalación. Se é o caso, xuntarase un informe indicando as posibles variacións respecto do previsto na addenda que se vai presentar de acordo co punto 11.5 desta DIA, xunto coa súa xustificación.

12.7. Informe posterior ó abandono: no prazo de dous (2) meses contados desde o fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.

No caso de que se detecten durante o seguimento ambiental que se vaia efectuar, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente a esta dirección xeral, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas.

L 13. Condicións adicionais.

13.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

13.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Nembargantes, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá a súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta Dirección Xeral para o efecto.

13.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

13.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente, a través do órgano substantivo, a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando así mesmo se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

13.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó medio ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, o 4% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de trescentos trinta e dous mil oitocentos oitenta e catro con oitenta e cinco (332.884,85) euros (55.387.379 pesetas). O importe definitivo do aval proporase cando o promotor presente o orzamento completo do plan de restauración, tendo en conta o requirido no punto 11.5 da presente DIA.

13.6. O órgano ambiental, a iniciativa propia ou a proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e só os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non considerado actualmente.

13.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou á solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos.

13.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

13.9. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións desta, incluído, se é o caso, o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou Normas Subsidiarias.

13.10. O proxecto de referencia estará ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

13.11. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

13.12. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa cumprimentado este trámite.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto denominado Parque Eólico de Penas Grandes. Octubre de 2000, promovido pola empresa Elecnor, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 9 aeroxeradores e a súa infraestructura asociada, nos concellos de Carballedo (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra). Os aeroxeradores disporanse na zona sur da Serra do Faro, dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

587.5004.715.000

588.5004.716.000

589.0004.717.000

589.0004.718.000

590.0004.719.000

590.1284.719.000

589.8894.718.354

590.0084.717.589

589.5004.716.000

589.0004.715.000

As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:

-Número de aeroxeradores: 9.

-Potencia unitaria por aeroxerador: 1.300 kW.

-Potencia total instalada: 11,7 MW.

-Altura das torres: 50/60 m.

-Diámetro do rotor: 60 m.

-Producción neta anual prevista: 28.080 MWh/ano.

-Investimento previsto: 8.322.121,37 A (1.384.684.486 ptas.)

A obra civil inclúe o acondicionamento de accesos existentes e a creación duns 3.853 m de viais de acceso e servicio ós aeroxeradores, cunha largura de rodadura de 5 m, firme de saburra compactada e dotados de foxos de 0,5 x 0,5 para a recollida e evacuación de pluviais, labores de cimentación dos aeroxeradores e a escavación duns 4.274 m de gabias de conducción do cableado, cunha largura máxima de 60 cm. A duración estimada da fase de obras é de catro (4) meses.

A evacuación da enerxía efectuarase a través da subestación do parque de Chantada, nun proxecto de evacuación conxunto dos parques de Elecnor na zona (Farelo, Monte Cabeza, Chantada e Penas Grandes), que considera a interconexión das respectivas

subestacións coa subestación de Chantada, propiedade de Unión Fenosa Distribución, S.A., a través dun tendido aéreo a 132 kV, que enlazará coa actual liña a 66 kV Chantada-Lalín, que será substituída por unha de dobre circuíto 132/66 nun tramo duns 14 km.

Medidas preventivas e correctoras

-Boas prácticas xerais de obra.

-Mecánica preventiva da maquinaria de obra.

-Limita-las accións que poidan emitir po cando o vento exceda os 10 km/h.

-Rega dos materiais que poidan xerar po.

-Plan de xestión de vertidos e residuos.

-Tódolos residuos xerados serán xestionados de acordo coa súa tipoloxía.

-Minimización da corta de árbores.

-A vexetación retirarase sempre mediante corta.

-Asistencia técnica medioambiental e arqueolóxica na fase de replanteo.

-Restauración das superficies afectadas.

-Evitarase a afección directa a leitos.

-Preservación de la vexetación de ribeira.

-Non se acumularán terras nin entullos de obra nas zonas de servidume dos cursos fluviais.

-Non se extraerá auga dos regos para obras ou abastecemento.

-Calquera alteración ou afección nas zonas de servidume dos cursos de auga precisará a autorización da Confederación Hidrográfica do Norte.

-Os sobrantes de excavacións serán levados a vertedoiro autorizado.

-Minimizarase o movemento de terras ó máximo.

-A achega das drenaxes transversais dos viais á rede hídrica farase gradualmente, de xeito que non se modifique o caudal habitual dos regos.

-Nos noiros de pendente acusada empregaranse mallas para evita-la erosión.

-O mantemento da maquinaria de obra realizarase en talleres autorizados.

-Evitaranse superficies planas no deseño dos aeroxeradores para que as aves non poidan pousar e evitar accidentes ó entrar en funcionamento os aeroxeradores.

-Realización dun seguimento de afección á fauna.

-Reducción de efectos visuais.

-Reposición e/ou indemnización de danos.

-Reducción da duración da obra.

-Balizamento previo dos elementos que se van protexer.

-Posta a terra.

-Información veciñal.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable ó estudio de impacto ambiental, aceptando as medidas correctoras do estudio de impacto sobre o patrimonio cultural (recollidas no anexo 2 do E.I.A.), cos seguintes condicionantes que se van incluír na correspondente declaración de impacto ambiental:

1. É necesario unifica-la cartografía do E.I.A., dado que non se corresponde coa cartografía recollida no anexo 2 (estudio arqueolóxico), apreciándose discrepancias entre elas.

2. Cara á evitar posibles afeccións, establecerase, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural, cun raio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obras nestas áreas precisará o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.

3. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico, así como a sinalización dos xacigos arqueolóxicos. Para tal fin, e previo ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ó proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal de obra durante o seu transcurso, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

4. En relación cos impactos críticos sobre os xacigos arqueolóxicos túmulos de Pena Boa 1 e 2, levarase a cabo a medida correctora recollida no anexo 2 do EIA.

5. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

6. De acordo co anexo evacuación de energía. PP.EE. das Serras do Faro e Farelo, o estudio detallado do medio afísico, biótico e socioeconómico terá que contar cun estudio sobre o patrimonio cultural afectado, e deberá informalo por esta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

7. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emite un primeiro informe sobre o documento Estudio de impacto ambiental. Parque Eólico Penas Grandes. Octubre 2000, no que conclúe:

1. Parte das instalacións e infraestructuras do proxecto enclávanse na proposta de LIC Monte Faro. Este espacio atópase, na actualidade, no Rexistro Xeral de Espacios Naturais en Réxime de Protección Xeral, establecido así na Orde do 28 de outubro de 1999, prorrogada na Orde do 7 de novembro de 2000. No estudio non se fai referencia a esta circunstancia, e por tanto non se fai unha descrición daqueles valores naturais polos que o espacio natural foi declarado, e que van ser afectados polas obras previstas.

O presente proxecto, en caso de executarse, xerará unha afección a algunhas das formacións vexetais e dos hábitats que serviron para incluí-lo espacio no citado rexistro. Afección que se produce como consecuencia da ocupación do solo con elementos permanentes (zapatas dos aeroxeradores, gabias do cableado, pistas...).

O estudio debe garantir, cousa que non fai, que a execución do proxecto previsto non comprometa o mantemento ou restablecemento dos hábitats de interese comunitario ou prioritarios nun estado de conservación favorable.

2. Toda a documentación preséntase fotocopiada en branco e negro.

3. Preséntanse lendas que impiden unha identificación axeitada.

4. Moita da información presentada é ilexible.

5. Hai índices temáticos que non se corresponden co contido sinalado. A numeración das páxinas, en casos, non é correlativa.

6. O estudio presenta separadores de planos baleiros, carecendo dos fundamentais.

7. Non se localizan nin se define o deseño de moitos dos elementos previstos como medidas correctoras (rede de drenaxe, sistemas de disipación de enerxía...).

8. Non se desenvolven nin describen moitas das medidas propostas e que teñen repercusión medioambiental, caso da rede de drenaxe artificial, por exemplo.

9. Non se considera o trazado e afección da liña de evacuación, nesgándose a información do estudio e minimizando os posibles efectos sinérxicos negativos. Tampouco se considera a presencia na área de máis proxectos de parques eólicos e liñas de alta tensión.

10. Sumamente importante é a estimación dos efectos sinérxicos que se introducen nas poboacións de aves, así como o seu seguimento. A este respecto, preséntase un anexo de aves, que vai presentar nesgo por non considera-los efectos sinérxicos pola presencia de máis parques na área e a liña de evacuación, ademais das xa existentes. Deberá completarse o plan de vixilancia e integralo cos dos demais parques na área.

11. En relación ós impactos negativos, e non paliables, non se establecen ningunhas medidas compensatorias ó seu respecto, sumamente importantes para compensa-los efetos negativos dentro do espacio natural de Monte Faro.

12. No referente ás medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias, destaca a súa descrición pouco detallada ou indefinicións. Preséntanse como de adopción optativa e só se consideran directrices para a súa aplicación, obviándose o seu desenvolvemento. As medidas correctoras e protectoras deben quedar definidas a nivel executable, incluíndose nos correspondentes cronogramas de obras e programándose dentro do plan de obra, tendo en conta que a integración ambiental non é un tema menor subordinado á funcionalidade da obra, antes ben o medio é anterior á actuación e é esta a que debe subordinarse a aquel, debendo establecerse os custos e as medidas de xestión correspondentes.

En consecuencia, deberá completarse o estudio ambiental tendo en conta as indicacións do informe.

No segundo informe, á vista da documentación complementaria presentada polo promotor, indica o seguinte:

Con anterioridade a esta documentación, a empresa promotora emendou a carencia dos planos en cor, que deberán anexarse ó expediente do órgano substantivo e ambiental. Posteriormente, presenta unha documentación adicional, que tamén deberá anexarse ó expediente.

1. En relación co plan de vixilancia da avifauna, é de interese que se incorporen as seguintes propostas:

-Presentación con regularidade periódica dos resultados obtidos.

-Presentación de forma explícita dos datos empregados na consecución dos resultados; zonas de mostraxe (mapificación), factores de corrección, desenvolvemento estatístico. En resumo, todo o contido analítico e conceptual debidamente desenvolto para a obtención dos referidos resultados.

-O parque eólico e as liñas de alta tensión poden ocasionar unha mortandade de aves desprezable durante moitos anos e provocar despois repentinamente (durante unha xustaposición casual de certa bandada de aves con certas condicións meteorolóxicas adversas e certa alteración) unha mortandade espectacular de centos de aves nunha soa noite. Por conseguinte, poderíase argumentar que non poden

cuantificarse as taxas de mortandade específicas, salvo despois de moitas décadas de estudio exhaustivo. Isto levar a propoñer que o plan debe presentarse para que se solape en duración co tempo de afección do proxecto, ou sexa, durante a súa vida útil.

-Non está de máis lembra-la necesidade de implementa-las medidas mínimas para a detección de calquera impacto negativo imprevisto que se poida producir sobre as poboacións de aves, tanto durante a execución como a explotación. Unha vez detectado o posible impacto adoptaranse as medidas cautelares que procedan, dando comunicación inmediata dos feitos ó organismo competente.

-Determinación de limiares de alerta, cunha metodoloxía rigorosa que sirva para a adopción das medidas oportunas, como pode se-la estipulación dun período de parada de aeroxeradores por mortandade temporal de aves.

-Integración, nun único plan de vixilancia de aves, as afeccións que se produzan polos distintos parques eólicos da zona (Farelo, Chantada, Monte Cabeza e Penas Grandes), así como polas liñas de evacuación de enerxía. Isto sempre con independencia da presentación dos datos discretizados para cada un dos parques e para a liña.

2. Dentro das medidas compensatorias propostas cabe face-las seguintes consideracións:

-A recuperación do hábitat prioritario que se propón será consensuada coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

-A extensión da recuperación será, como mínimo, equivalente á superficie afectada de hábitats de interese comunitario ou prioritario, localizándose as zonas que se van recuperar dentro do perímetro da LIC.

-Respecto ó compromiso de realización de estudios que axudarán a orienta-la futura xestión do espacio protexido, cabe puntualizar que, unha vez acordada a súa realización na correspondente declaración ambiental, terase que formaliza-la súa redacción mediante o correspondente prego de condicións. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza será a responsable da súa conformidade. Puntualizar que estes estudios se deberán centrar na totalidade de espacio natural de Monte Faro.

Como remate, expoñer que, con independencia do previsto no plan de vixilancia do estudio ambiental, durante o replanteo e execución deberanse efectua-los controis oportunos para garantir que non se produzan impactos imprevistos, sobre todo nas poboacións de aves. No momento no que se detecte un posible impacto, tomaranse as medidas oportunas para evitalo, comunicando ó correspondente Servicio de Medio Ambiente Natural tal situación, así como as medidas que se planifican adoptar. En todo caso, paralizaranse aquelas obras susceptibles de produci-la devandita afección, en tanto o organismo competente non se pronuncie.

A Dirección Xeral de Obras Públicas informa que a realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que atinxe ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten ós terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

A Dirección Xeral de Industria emite informe favorable, que inclúe un resumo das características básicas do proxecto, da tramitación realizada, dos informes emitidos polos distintos organismos consultados, dos resultados de información pública e unha proposta de condicionado ambiental que inclúe os seguintes apartados:

-Ámbito territorial de actuación.

-Impacto causado pola ocupación do terreo.

-Residuos.

-Flora e fauna.

-Impacto visual.

-Urbanismo.

-Programa de vixilancia ambiental.

O organismo autónomo Augas de Galicia emite informe que inclúe a descrición das unidades de coñecemento na zona do parque e un resumo das características do proxecto avaliado, acompañado do seguinte condicionado:

En todo momento, durante a construcción e na fase de explotación deberán terse en conta as medidas protectoras de non alteración dos cursos fluviais e a prohibición de verter refugallos neles, no caso de que estes se producisen, prohibíndose o lavada de camións e formigoneiras e o cambio de aceite da maquinaria de construcción nas proximidades dos leitos dos regos afectados.

A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de tal xeito que trala construcción do parque eólico, a súa calidade e clasificación sexa a mesma que antes do inicio das obras.

Un condicionante básico que hai que entender desta área, sería que a futura autorización reflictise que a instalación se axustará á proposta do Plano Hidrolóxico de Galicia-Costa e ás súas directrices.

Se co motivo da realización de accesos, viais, gabias do cableado ou calquera tipo de obras se producise algún cruzamento ou afección ós cursos fluviais, serán necesarias medidas de protección e corrección dos seus efectos, sendo en todo caso preceptiva a autorización do organismo Augas de Galicia, segundo o establece o R.D. 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico e a Lei de augas 29/1985.

En definitiva, ese servicio considera que a instalación do citado parque eólico non produce ningunha alteración de importancia en relación coa planificación hidrolóxica da zona, sempre e cando se

cumpran as medidas preventivas e correctoras, durante a fase de construcción e período de explotación, especificadas no presente informe.

Non obstante, faise indispensable unha correcta execución dos viais, de tal xeito que a incidencia sobre a rede hidrolóxica da zona sexa mínima, evitando sobre todo o vertido accidental de substancias contaminantes.

ANEXO III

Resumo das alegacións

Mª Luisa López Bastos alega cuestións referidas á ocupación dalgún dos terreos afectados, contraprestacións económicas que ofrece a empresa ós propietarios, planeamento urbanístico e deficiencias no estudio ambiental, indicando que hai que reflectir tódalas accións de proxecto que sexan susceptibles de producir efectos sobre o medio ambiente, tanto na fase de construcción como na de funcionamento e abandono, incluíndo a instalación dos aeroxeradores, ocupación do terreo, movementos de terra, eliminación de masa forestal, infraestructuras e proceso expropiatorio, realizando ocupacións de terreos que son propiedade dos veciños. O inventario ambiental parece obedecer a modelos estandarizados. A valoración de efectos debe empregar métodos normalizados con fundamentación científica e describi-los procedementos utilizados para coñece-la aceptación ou repulsa social da instalación. Deberíase coñece-los antecedentes do trazado da liña de tensión. Por último, reitera a disconformidade coa

oferta económica efectuada pola empresa, moi desproporcionada en relación á doutros parques eólicos instalados na nosa Comunidade Autónoma.