Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 18 de xullo de 2002 Páx. 11.334

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 4 de xullo de 2002 pola que se regula a concesión de axudas económicas para o curso 2002-2003 a unidades que escolaricen alumnos de 4 ou 5 anos en centros docentes privados.

É vontade do Goberno da Comunidade Autónoma facilita-la escolarización da etapa de educación infantil nos centros que elixan os seus pais ou titores, sen que condicionamentos de tipo económico impidan a efectiva liberdade de elección de centro recollida na Constitución española de 1978. Foi por iso polo que se estableceron axudas económicas ós centros docentes privados que escolarizan alumnos da dita etapa a partir do curso 1991-1992.

Co fin de proseguir nesta liña, xa consolidada ó abeiro do establecido nas leis 14/1970, do 4 de agosto, orgánica 8/1985, do 3 de xullo, e orgánica 1/1990, do 3 de outubro, esta consellería, oído o Consello Escolar de Galicia, na súa sesión do día 13 de xullo de 1994,

DISPÓN:

Primeiro.-A concesión de axudas económicas ós centros docentes privados na etapa de educación infantil que escolaricen nenos deste nivel, no curso escolar 2002-2003, rexerase polo disposto na presente orde.

Segundo.-Poderanse solicitar axudas para subvenciona-las unidades de educación infantil de catro ou cinco anos.

Terceiro.-As axudas consistirán en subvencionar ós centros seleccionados cunha cantidade, por cada unidade de educación infantil que se determine na resolución da presente convocatoria, equivalente, na súa contía e distribución, á establecida para tal fin, por unidade e ano, para as unidades de primaria con concertos.

Se en virtude da correspondente lei orzamentaria ou da aplicación no disposto no artigo 49.4º da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación (BOE do 4 de xullo), se visen modificadas as contías dos módulos económicos de concertos educativos, incrementarase, con esa mesma finalidade e sempre e cando as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, a contía da subvención. Este incremento non será de aplicación no caso de que a contía do módulo se vexa modificada pola variación da ratio profesor/unidade.

No caso de que o incremento do módulo económico se produza en virtude da aplicación do mencionado artigo 49.4º da LODE, tódolos beneficiarios da subvención convocada mediante a Orde do 18 de xuño de 2001 (DOG do 26 de xuño) e resolta por Orde do 5 de decembro de 2001 (DOG do 13 de decembro), verán incrementada a subvención para o pagamento dos salarios e cargas sociais en igual contía que o profesorado de primaria.

Cuarto.-Os centros que perciban as axudas sinaladas no punto anterior, non lle poderán cobrar ó alumnado das unidades subvencionadas ningunha cantidade, agás as autorizadas expresamente para actividades ou servicios complementarios pola administración educativa que, en todo caso, terán carácter voluntario para o alumnado.

Quinto.-O titular do centro queda obrigado a ter en funcionamento o número total de unidades que son obxecto de subvención. Os centros subvencionados deberán ter unha relación media alumno/aula, por unidade de educación infantil subvencionada, en tódolos casos, non inferior a 15, nin superior a 25.

O titular do centro queda obrigado, necesariamente, a cubri-las prazas escolares de conformidade cos criterios do Decreto 87/1995, do 16 de marzo (DOG do 28 de marzo), e da Orde do 16 de marzo de 2001 (DOG do 11 de abril).

Sexto.-A concesión de axudas farase de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e tendo en conta as seguintes prioridades:

1º Subvencionaranse as unidades de educación infantil que contan coa dita subvención no curso 2001-2002.

2º Subvencionaranse unidades de educación infantil de centros que impartan tamén educación primaria concertada coa seguinte orde de preferencia:

a) Unidades que escolaricen unicamente alumnos de 5 anos.

b) Unidades que escolaricen unicamente alumnos de 4 anos.

c) Unidades que escolaricen conxuntamente alumnos de 4 e 5 anos cando o centro conte, unicamente, cunha unidade de educación infantil.

3º Subvencionaranse unidades en centros que imparten exclusivamente educación infantil, sempre

que no concello non existan outras unidades dese nivel.

4º Poderanse subvencionar finalmente, outras unidades de centros de educación infantil, sempre que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

Dentro de cada unha das alíneas anteriores establecerase a seguinte prelación:

1. Centros que atendan a poboacións escolares de condicións socio-económicas desfavorables.

2. Unidades que escolaricen alumnos discapacitados.

3. Centros que desenvolvan experiencias de interese pedagóxico para o sistema educativo.

En todo caso, e sempre que se dea igualdade de condicións, terán preferencia os centros en réxime de cooperativa.

Sétimo.-Os centros docentes que desexen acollerse ó sistema de axudas económicas a unidades de educación infantil, establecido na presente orde, solicitarano á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo de vinte (20) días contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial Galicia. As solicitudes presentaranse nas respectivas delegacións provinciais da consellería do ámbito territorial no que estean situados os centros, especificando se a axuda é para unidade de catro anos (nados no 98) ou de cinco anos (nados no 97) ou mixta (4 e 5 anos) e deberán subscribilas os titulares dos centros que, no suposto de que se trate de persoas xurídicas, serán os que obstenten a súa representación.

Oitavo.-As solicitudes, que se farán no modelo que se xunta no anexo I, irán acompañadas de:

a) Memoria explicativa na que se faga constar explicitamente:

-Nº de alumnos de 5 anos, nados en 1997.

-Nº de alumnos de 4 anos, nados en 1998.

-Media alumno/aula no nivel de primaria.

b) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para este mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes.

Noveno.-As solicitudes presentadas serán avaliadas por comisións provinciais, presididas polo delegado provincial de Educación e Ordenación Universitaria, que terán a composición sinalada no punto décimo segundo da Orde do 22 de xaneiro de 2001 (DOG do 24 de xaneiro) para as comisións de concertos educativos.

Décimo.-As comisións provinciais avaliarán as solicitudes e mailas documentacións presentadas, de acordo cos criterios establecidos nesta orde, e elaborarán unha proposta motivada de resolución.

Estas propostas serán enviadas polas delegacións provinciais á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa no prazo máximo de quince días natu

rais a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Décimo primeiro.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, acordará a resolución provisional no prazo máximo de tres meses contados a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde. Contra dita resolución provisional cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Décimo segundo.-Os centros ós que se lles conceda axuda económica para algunha unidade deberán abrir un novo prazo de admisión de alumnos para o nivel subvencionado, sempre que existan prazas libres, a partir do terceiro día da públicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e por un período mínimo de dez días. Esta admisión deberá axustarse ós criterios establecidos no Decreto 87/1995, do 16 de marzo, e na Orde do 16 de marzo de 2001.

Décimo terceiro.

a) Os titulares dos centros que figuran na resolución provisional como beneficiarios de axuda remitirán, ó Servicio de Inspección, entre o 12 e o 27 de setembro de 2002, ámbolos dous inclusive, certificación do número de alumnos definitivamente escolarizados en cada unha das unidades subvencionadas. O Servicio de Inspección, feitas as oportunas comprobacións, remitirá á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, antes do 10 de outubro, as referidas certificacións xunto cos seus correspondentes informes.

b) Os anteditos centros deberán acreditar, ante a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, antes do 15 de outubro de 2002 que están ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social.

Décimo cuarto.-Á vista das certificacións e dos informes sinalados no punto anterior a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, formularalle ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria proposta de resolución definitiva.

A resolución de concesión de axudas dictada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria producirase no prazo máximo de seis meses a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde. As solicitudes denegadas serán motivadas.

No suposto de que non recaese resolución expresa, dentro do prazo máximo previsto, o sentido do silencio será negativo.

A resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na

Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Décimo quinto.-Os centros ós que se lle concedan as axudas económicas obxecto da presente orde subscribirán un convenio (anexo II ou anexo III), que será asinado polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e polo titular ou representante legal do centro, no que se farán consta-los dereitos e obrigas recíprocos, así como as características concretas do centro. Se o titular do centro non subscribise o convenio na data que se lle notifique, entenderase decaído no seu dereito.

De acordo co establecido no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, procederá o reintegro, total ou parcial, da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Así mesmo, no artigo 12.1º de dito Decreto 287/2000, establécese que toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Décimo sexto.-De conformidade co disposto no artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establécese o seguinte réxime de pagamentos:

1. Con carácter de anticipo aboarase un 50% da subvención concedida, realizándose un pagamento do 33'33% (equivalente a 1/3 da subvención) durante o último cuadrimestre do exercicio económico de 2002 e o restante 16'67% no mes de xaneiro do ano 2003.

Así mesmo, durante o mes de abril de 2003, tramitarase un pagamento parcial equivalente ó 30% do total da subvención, para o cal o centro presentará perante a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, antes do 31 de marzo de 2003, a xustificación de gastos consistente nunha certificación do acordo do Consello Escolar do Centro no que conste o destino dos gastos realizados. No caso dos centros dedicados exclusivamente a educación infantil a xustificación consistirá nunha certificación do titular e copia compulsada do xustificante de gasto. As facturas e xustificantes orixinais quedarán en poder do centro a disposición dos órganos de control da Xunta de Galicia.

A non presentación desta certificación suporá que o centro renuncia a este parcial no cuadrimestre, acumulando o dito importe á liquidación definitiva da subvención.

2. Para a percepción do 20% restante o centro presentará perante a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, antes do 15 de setembro de 2003, a xustificación total da subvención concedida, mediante unha certificación do acordo do Consello Escolar do Centro no que conste o destino dos gastos realizados con cargo á subvención. No caso dos centros dedicados exclusivamente a educación infantil a xustificación consistirá nunha certificación do titular e copia compulsada dos xustificantes de gasto. As facturas e xustificantes orixinais quedarán en poder do centro a disposición dos órganos de control da Xunta de Galicia.

3. Os centros acreditarán, previamente ó cobramento, que están ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o artigo 18 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, no momento da xustificación total da subvención e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. Os centros subvencionados quedarán suxeitos ó control de carácter financeiro establecido nas disposicións vixentes.

Décimo sétimo.-En todo o que non se determina especificamente nesta orde, aplicaráselle a normativa relativa ós concertos educativos de educación primaria.

Décimo oitavo.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Décimo noveno.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa a dicta-los actos e disposicións complementarios que se consideren necesarios para o desenvolvemento desta orde.

Vixésimo.-As axudas concederanse con cargo ó crédito orzamentario consignado no programa 07.03.322A.480.0. desta Consellería, por un importe de 15.644.910 euros dos que 5.214.970 son do exercicio orzamentario de 2002 e 10.429.940 de 2003.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación y Ordenación Universitaria

ANEXO II

En Santiago de Compostela o ... de dous mil dous

Dunha parte:

Celso Currás Fernández, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Doutra parte:

D ... na condición de titular/representante legal do Centro do cal se expresan a continuación os datos:

Denominación:

Código:

Enderezo:

Localidade:

Concello:

Provincia:

A teor do disposto no punto décimo quinto da Orde do 4 de xullo de 2002, pola que se regula a concesión de axudas económicas para o curso 2002-2003 a unidades que escolaricen alumnos de 4 ou 5 anos en centros docentes privados.

ACORDAN:

Subscribi-lo presente convenio, de acordo coas seguintes cláusulas:

Primeira.-O presente convenio ten por obxecto o sostemento de unidades de educación infantil con fondos públicos.

Segunda.-Terá vixencia desde o 1 de setembro de 2002 ata o 31 de agosto de 2003, ámbolos dous incluídos, e para ... unidades nas que se escolarizan alumnos do segundo ciclo de educación infantil (4 ou 5 anos).

Terceira.-A Administración obrígase á asignación de fondos públicos para o sostemento das ditas unidades cunha cantidade equivalente, na súa contía e distribución, á establecida para tal fin, por unidade e ano, para as unidades de educación primaria con concerto xeral. Os correspondentes libramentos faranse de acordo co establecido no punto décimo sexto da orde de convocatoria.

Cuarta.-O titular do centro obrígase a imparti-las ensinanzas obxecto deste convenio gratuitamente, sen percibir concepto algún que, directa ou indirectamente, supoña unha contrapartida económica pola impartición das ditas ensinanzas, de acordo cos correspondentes deseños curriculares base e planos de estudio e con suxeición ás normas de ordenación académica en vigor, agás as autorizadas expresamente para actividades ou servicios complementarios pola administración educativa que, en todo caso, terán carácter voluntario para o alumnado.

Quinta.-O titular do centro queda obrigado a ter en funcionamento o número total de unidades que son obxecto de axuda económica. As ditas unidades terán unha relación media alumno/aula non inferior a 15, nin superior a 25.

Sexta.-O convenio obriga o titular do centro ó cumprimento das normas de admisión de alumnos que se establecen no artigo 53 da Lei orgánica reguladora

do dereito á educación, no Decreto 87/1995, do 10 de marzo, polo que se regula a admisión de alumnos nos centros sostidos con fondos públicos de educación infantil, de educación primaria e de educación secundaria, na Orde do 16 de marzo de 2001 pola que se regula o procedemento para admisión de alumnos en educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria en centros sostidos con fondos públicos, e demais normativa aplicable ó procedemento de admisión de alumnos nos centros sostidos con fondos públicos.

Sétima.-Correspóndelle ó Consello Escolar a aprobación, por proposta do titular, do orzamento do centro no que se refire tanto ós fondos provenientes da Administración como ás cantidades autorizadas, así como á rendición anual de contas. O titular do centro deberá remitir, antes do 15 de setembro de 2003, á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa a certificación do acordo do Consello Escolar que aproba as contas.

O centro quedará suxeito ó control de carácter financeiro establecido nas disposicións vixentes.

Oitava.-En todo o que non se determina especificamente na Orde do 4 de xullo de 2002 e no presente convenio, seralle de aplicación a normativa relativa ós concertos educativos de educación primaria.

Novena.-As incidencias ou cuestións litixiosas que xurdan durante o tempo de aplicación deste convenio serán resoltas polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria ou órgano en quen delegue, que esgotarán a vía administrativa.

E para que así conste, na data e lugar antes indicados, asinan este por triplicado.

Polo centro privado. Rubricado. Pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

ANEXO III

En Santiago de Compostela o ... de dous mil dous.

Dunha parte:

Celso Currás Fernández Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Doutra parte:

D ... na condición de titular/representante legal do centro do cal se expresan a continuación os datos:

Denominación:

Código:

Enderezo:

Localidade:

Concello:

Provincia:

A teor do disposto no punto décimo quinto da Orde do 4 de xullo de 2002, pola que se regula a concesión de axudas económicas para o curso 2002-2003 a

unidades que escolaricen alumnos de 4 ou 5 anos en centros docentes privados.

ACORDAN:

Subscribi-lo presente convenio, de acordo coas seguintes cláusulas:

Primeira.-O presente convenio ten por obxecto o sostemento de unidades de educación infantil con fondos públicos.

Segunda.-Terá vixencia desde o 1 de setembro de 2002 ata o 31 de agosto de 2003, ámbolos dous incluídos, e para .. unidades nas que se escolarizan alumnos do segundo ciclo de educación infantil (4 ou 5 anos).

Terceira.-A Administración obrígase á asignación de fondos públicos para o sostemento das ditas unidades cunha cantidade equivalente, na súa contía e distribución, á establecida para tal fin, por unidade e ano, para as unidades de educación primaria con concerto xeral. Os correspondentes libramentos faranse de acordo co establecido no punto décimo sexto da orde de convocatoria.

Cuarta.-O titular do centro obrígase a imparti-las ensinanzas obxecto deste convenio gratuitamente, sen percibir concepto ningún que, directa ou indirectamente, supoña unha contrapartida económica pola impartición das ditas ensinanzas, de acordo cos correspondentes deseños curriculares base e planos de estudio e con suxeición ás normas de ordenación académica en vigor, agás as autorizadas expresamente para actividades ou servicios complementarios pola Administración educativa que, en todo caso, terán carácter voluntario para o alumnado.

Quinta.-O titular do centro queda obrigado a ter en funcionamento o número total de unidades que son obxecto de axuda económica. As ditas unidades terán unha relación media alumno/aula non inferior a 15, nin superior a 25.

Sexta.-O convenio obriga o titular do centro ó cumprimento das normas de admisión de alumnos que se establecen no artigo 53 da Lei orgánica reguladora do dereito á educación, no Decreto 87/1995, do 10 de marzo, polo que se regula a admisión de alumnos nos centros sostidos con fondos públicos de educación infantil, de educación primaria e de educación secundaria, na Orde do 16 de marzo de 2001 pola que se regula o procedemento para admisión de alumnos en educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria en centros sostidos con fondos públicos, e demais normativa aplicable ó procedemento de admisión de alumnos nos centros sostidos con fondos públicos.

Sétima.-O titular do centro deberá remitir, antes do 15 de setembro de 2003, á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa a certificación da xustificación total da subvención concedida e copia compulsada dos xustificantes de pagamento.

O centro quedará suxeito ó control de carácter financieiro establecido nas disposicións vixentes.

Oitava.-En todo o que non se determina especificamente na Orde do 4 de xullo de 2002 e no presente convenio, seralle de aplicación a normativa relativa ós concertos educativos de educación primaria.

Novena.-As incidencias ou cuestións litixiosas que xurdan durante o tempo de aplicación deste convenio serán resoltas polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria ou órgano en quen delegue, que esgotarán a vía administrativa.

E para que así conste, na data e lugar antes indicados, asinan este por triplicado.

Polo centro privado. Rubricado. Pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.