Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Mércores, 28 de agosto de 2002 Páx. 12.862

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 5 de agosto de 2002 sobre axudas ós estudios náutico e marítimo-pesqueiros nos centros docentes dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para o curso académico 2002-2003.

O Real decreto 4189/1982, do 29 de decembro, que ó abeiro das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes, traspasa á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servicios da Admi

nistración do Estado en materia de ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

O Decreto 125/2002, do 4 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos atribúelle á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro a organización e xestión das ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

Co obxecto de fomentar e potencia-la formación da poboación mariñeira, é necesario artella-las accións que faciliten o acceso á formación náutico e marítimo-pesqueira, con especial incidencia na formación permanente de adultos, programas de garantía social e ciclos formativos de grao medio e superior. Neste sentido, é fundamental a dotación de axudas ó transporte, de comedor e residencia. Esta acción está cofinanciada polo Fondo Social Europeo. En virtude das atribucións conferidas no artigo 24 do Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convocar axudas cofinanciadas co Fondo Social Europeo para os alumnos que cursen estudios de formación náutico e marítimo-pesquera nos centros docentes dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

O pagamento do presente programa de axudas farase con cargo á aplicación orzamentaria 12.04.322S.480.0 Formación profesional F.S.E. dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2002 ata un límite máximo de 198.092 euros. Esta orde regula a súa concesión dentro dos preceptos legais de igualdade, concorrencia e publicidade.

Artigo 2º.-Fins.

Os estudios para os que se podrán solicitar axudas, no curso académico 2002/2003, son os seguintes:

a) Marítimo-pesqueiros:

-Ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica.

b) Náutico-pesqueiros:

-Mecánico naval maior, capitán de pesca, patrón de pesca de altura, patrón costeiro polivalente e patrón local de pesca.

c) Programas de garantía social:

-Navegación e pesca costeira e operario acuicultor.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas tódolos alumnos que cursen os estudios sinalados no artigo 2º nos centros docentes dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e que reúnan os seguintes requisitos:

-Ser cidadán de calquera país da Unión Europea.

-Reuni-los requisitos académicos e profesionais esixidos polo ordenamento xurídico vixente.

Os alumnos con materias convalidadas ou aprobadas en convocatoria libre, non se considerarán repetidores sempre que estas non superen o 50% das materias do curso.

-Non estar en posesión de título académico que habilite para actividades profesionais, a menos que o dito título supoña un nivel ou grao inferior ó dos estudios que se pretendan realizar, ou que estes estudios constitúan unha especialización dos xa realizados.

-Que a puntuación do baremo establecido para o efecto, obtida polo alumno, se sitúe dentro do crédito dispoñible.

Artigo 4º.-Clases e contía das axudas.

As axudas poderán te-los seguintes compoñentes:

a) Axuda para gastos determinados por razón da distancia entre o domicilio familiar do bolseiro e o centro docente.

b) Axudas para gastos derivados da residencia do alumno durante o curso escolar fóra do domicilio familiar.

c) Axudas de manutención para alumnos que cursen estudios nos centros de Ribeira e A Illa de Arousa, sempre que reúnan os requisitos esixidos.

Artigo 5º.-Axudas para transporte.

As axudas por razón da distancia no transporte diversificaranse na súa contía segundo a seguinte escala:

De 5 a 10 km: 144 euros.

De 11 a 30 km: 264 euros.

De 31 a 50 km: 510 euros.

Más de 50 km: 631 euros.

En ningún caso serán compatibles as axudas por razón da distancia no transporte interurbano coa axuda de residencia.

Artigo 6º.-Axudas por residencia.

1. Para a adxudicación de axudas para gastos derivados da residencia do alumno fóra do domicilio familiar, requirirase que o solicitante acredite que, por razón da distancia entre o domicilio familiar e o centro docente e os medios de comunicación existentes, ten que residir fóra do domicilio familiar durante o curso. Para estes efectos, os órganos de selección de bolseiros poderán considerar como domicilio da familia o máis próximo ó centro docente, aínda que non coincida co domicilio legal.

2. A contía máxima das axudas por razón de residencia fóra do domicilio familiar será de 1.382 euros.

3. Poderá denegarse esta axuda cando existan prazas vacantes nas residencias dos centros docentes dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos

Marítimos onde o alumno vaia cursa-los seus estudios.

Artigo 7º.-Axudas de manutención.

A axuda de manutención, defínese como os gastos derivados da comida do mediodía do alumno fóra do seu domicilio habitual por razón da distancia ós centros de ensinanza de Ribeira e da Illa de Arousa dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

1. Poderán solicitar axuda de comedor os alumnos que acrediten documentalmente te-lo domicilio familiar a unha distancia superior a 10 km do centro docente, ou ben que, aínda sendo inferior, acrediten a imposibilidade de chegar coa puntualidade requirida ás clases da tarde.

2. A axuda de comedor será incompatible coa axuda para gastos por razón da residencia do alumno durante o curso escolar fóra do domicilio familiar.

3. A contía máxima da axuda de manutención será de 240 euros.

Artigo 8º.-Adxudicación de axudas.

1. A adxudicación das axudas farase segundo un baremo no que se terán en conta os seguintes conceptos: renda familiar, rendemento académico e outras circunstancias familiares que se poidan xustificar.

A puntuación resultante de sumar estes conceptos será a que determine a adxudicación das axudas convocadas.

2. No caso de que os solicitantes obtiveran o mesmo coeficiente, terán preferencia os que acrediten documentalmente unha relación persoal ou familiar directa co sector, e dentro destes, terán preferencia os de menor renda familiar.

a) Rendemento académico.

-Nota media de sobresaliente: 4 puntos.

-Nota media de notable: 3 puntos.

-Nota media de ben: 2 puntos.

-Nota media de suficiente: 1 punto.

-Nota media de insuficiente: 0 puntos.

Nas ensinanzas nas que existan cualificacións globais por curso, aplicarase o baremo directamente. Cando a cualificación se faga por cada unha das materias cursadas, obterase a nota media de todas e despois aplicarase o baremo.

Nos ciclos formativos, onde as cualificacións se fan de 1 a 10, seguiranse as equivalencias que a continuación citamos:

9-10: sobresaliente.

7-8: notable.

6: ben.

5: suficiente, apto, validado.

3-4: insuficiente.

b) Renda familiar.

b.1) Por renda familiar entenderase a suma dos ingresos brutos obtidos no ano 2001 por tódolos membros computables da familia, calquera que sexa a súa procedencia.

b.2) No caso de actividades empresariais, profesionais, artísticas, deportivas e agrarias, computaranse os rendementos netos.

b.3) A renda familiar dispoñible obterase despois de deducir da renda familiar o importe das retencións e ingresos a conta, os xuros de capitais investidos na adquisición da primeira vivenda, as cotizacións á Seguridade Social, dereitos pasivos e mutualidades obrigatorias.

b.4) Os titulares de explotacións agrarias ou pesqueiras computarán ademais como ingresos os productos que utilicen para o seu propio consumo.

b.5) Considéranse membros da unidade familiar: o pai e a nai, os irmáns menores de 23 anos, o solicitante, os irmáns solteiros menores de vinteseis anos e que convivan no domicilio familiar ou os de maior idade, cando se trate de diminuídos físicos, psíquicos ou sensoriais, así como os ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio que estes co certificado municipal correspondente.

b.6) No caso de que o solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar esta circunstancia e o seu domicilio, así como a titularidade ou o aluguer da vivenda e os medios económicos con que conta.

b.7) Ó cociente da renda familiar dispoñible computada entre o número de membros da unidade familiar, adxudicaráselle a seguinte puntuación:

Ata 3.155,31 euros: 10 puntos.

De 3.155,32 a 3.606,07 euros: 8 puntos.

De 3.606,08 a 4.056,83 euros: 7 puntos.

De 4.056,84 a 4.507,59 euros: 6 puntos.

De 4.507,60 a 4.958,35 euros: 5 puntos.

De 4.958,36 a 5.409,11 euros: 4 puntos.

De 5.409,12 a 5.859,87 euros: 3 puntos.

De 5.859,88 a 6.310,63 euros: 2 puntos.

De 6.310,64 a 6.761,39 euros: 1 punto.

Máis de 6.761,39 euros: 0 puntos.

b.8) Poderanse denega-las axudas cando a comisión considere que a renda da unidade familiar é elevada.

c) Circunstancias familiares.

c.1) Ós aspirantes que teñan irmáns cursando estudios de bacharelato, formación profesional especí

fica ou universitarios fóra da súa residencia habitual, engadiránselle 2 puntos polo primeiro e 1 punto por cada un dos seguintes.

c.2) Ós aspirantes en condición de orfandade, 2 puntos.

c.3) Ós aspirantes membros de familia numerosa de 1ª clase, 1 punto, de 2ª clase e honra, 2 puntos.

c.4) Ós aspirantes que teñan algún membro da unidade familiar en estado de enfermidade permanente ou con discapacidade, 3 puntos.

Tódolos puntos referentes ás circunstancias familiares deberán xustificarse documentalmente.

Artigo 9º.-Regras de procedemento.

1. Tódolos alumnos que soliciten axuda deberán fomaliza-lo impreso oficial que figura no anexo I.

2. Tódolos solicitantes, xunto coa solicitude, deberán presenta-la seguinte documentanción:

-Declaración responsable do interesado de que non ten solicitada nin vai solicitar ninguna outra subvención ou axuda para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público.

-DNI do solicitante e demais membros da unidade familiar.

-Certificado de estudios, se fose o caso.

-Certificado de ter formalizada a matrícula.

-Certificado de empadroamento e residencia habitual expedido polo concello e referido ó ano de presentación da solicitude.

-Fotocopia compulsada completa das declaracións polo imposto sobre a renda das persoas físicas dos compoñentes que integran a unidade familiar e que teñan a obriga de realizala, correspondentes ó ano 2001, ou certificado da Axencia Estatal de Administración Tributaria de non tela presentado.

-De non achega-la fotocopia compulsada da declaración da renda ou certificado de non tela presentada outorgarase 0 puntos por este epígrafe.

Artigo 10º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes poderanse presentar ata a data límite do 30 de setembro nos centros docentes onde os solicitantes vaian segui-los seus estudios durante o curso académico 2002/2003.

Así mesmo, as solicitudes poderán presentarse nas delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, ou por calquera das formas establecidas na Lei 30/1992, de réxime xurídico da administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999), dentro do prazo establecido no anterior parágrafo.

Artigo 11º.-Comisión de valoración.

1. Para o estudio das solicitudes presentadas e selección de posibles bolseiros, constituirase en

cada centro unha comisión coa seguinte composición:

Presidente: o delegado territorial correspondente.

Vocais: o director do centro.

O xefe de estudios do centro.

Un representante da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Dous profesores membros do consello escolar do centro docente.

Un representante dos pais de alumnos, membro do consello escolar.

Secretario: o secretario do centro docente, que actuará como secretario da comisión, con voz e sen voto.

2. Das reunións realizadas polas comisións a que se refire o punto anterior, comezando pola da súa constitución, levantarase acta, que será remitida á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

3. As solicitudes de bolsa deberán ser estudiadas e comprobadas para selecciona-las que deban ser atendidas.

4. A comisión de valoración confeccionará e fará pública no taboleiro de anuncios do centro correspondente a lista provisional de solicitudes admitidas e denegadas, coa causa de denegación, se é o caso, e tendo en conta a prelación segundo o baremo establecido para o efecto.

5. Publicada esta lista, os solicitantes terán un prazo de 10 días naturais para reclamacións e emenda da documentación por eles achegada.

6. Transcorrido o dito prazo, a comisión elaborará a lista definitiva de solicitudes admitidas e excluídas que será remitida á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Artigo 12º.-Resolución.

1. A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro dictará resolución pola que se aproba a lista definitiva de adxudicatarios que se publicará nas delegacións territoriais correspondentes e no taboleiro de anuncios dos centros docentes respectivos.

2. Contra esta resolución poderase interpoñer, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, recurso de alzada perante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da notificación ou publicación da citada resolución, que será substanciado pola Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

3. A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro poderá denega-la axuda se se comprobase a falsidade nalgún dos documentos achegados, así como que a familia do solicitante teña unha renda familiar dispoñible elevada.

A falsidade dos datos ou falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento no que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de tódolos dereitos dos solicitantes que incorran nesta situación, e, polo tanto, a devolución total da cantidade percibida, ademais das responsabilidades a que houbese lugar, logo da apertura do correspondente expediente.

Artigo 13º.-Pagamento.

1. Os pagamentos faranse dunha soa vez polo importe concedido, unha vez rematado o curso para o que se solicitou a axuda e logo de certificación do centro de que os alumnos beneficiarios asistiron regularmente ás clases e se presentaron ós exames.

2. Xunto coa mencionada certificación deberase acompañar, unha declaración de cada un dos beneficiarios manifestando que non percibiu nin está pendente de percibir outra subvención ou axuda para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público.

Artigo 14º

1. O beneficiario está obrigado ó reintegro total ou parcial da axuda no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

2. Ademais, está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Para o non establecido especificamente na presente orde, haberá que aterse ó disposto nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro e demais normativa aplicable.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos