Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Martes, 24 de setembro de 2002 Páx. 13.979

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2002, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector da hostalería da provincia de Lugo.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector de hostalería da provincia de Lugo (código 2700325), asinado o día 29 de xuño de 2002, pola representación da Asociación de Empresarios de Hostelería da Provincia de Lugo e das centrais sindicais UGT (46,5%), CC.OO. (32,6%), CIG (14%), e de conformidade co disposto no artigo 90 números 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do citado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 22 de xullo de 2002.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo de hostalería da provincia de Lugo

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio colectivo de traballo rexerá para toda a provincia de Lugo, regulando as relacións de traballo entre as empresas e os traballadores e a quen sexa de aplicación a ordenanza laboral de hostalería, aprobada por O.M. do 28 de febreiro de 1974. En todo o que non estea modificado por este texto de convenio será de aplicación, subsidiariamente, a citada ordenanza laboral e as normas contidas no Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

Este convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2001 e rematará a súa vixencia o 31 de decembro de 2004.

Artigo 3º.-Denuncia.

Este convenio deberá ser denunciado por calquera das partes, de acordo coa lexislación vixente, cunha antelación mínima dun mes á data da súa finali

zación. A ausencia significará a súa prórroga por períodos anuais nos mesmos termos que este texto, salvo no referente á táboa salarial.

Artigo 4º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente.

No caso de nulidade parcial por modificación de calquera das súas condicións, quedará na súa totalidade sen eficacia práctica, debendo negociarse todo o seu contido.

Artigo 5º.-Garantías persoais e das condicións laborais.

Respectaranse as condicións superiores pactadas a título individual que as empresas teñan pactado ou establecido á entrada en vigor deste convenio e que globalmente e en cómputo anual excedan del, manténdose estas condicións como ad personam.

Artigo 6º.-Publicidade.

As empresas afectadas por este convenio terán que expoñer nos seus centros de traballo un exemplar para coñecemento de todo o persoal.

Artigo 7º.-Salario base.

Nas táboas salariais anexas especifícanse os salarios correspondentes a cada categoría profesional para os anos 2001 e 2002. Para o resto dos anos de vixencia deste convenio, as partes asinantes aprobarán as táboas salariais que correspondan conforme o establecido no artigo de incremento salarial.

En todo momento respectarase, como mínimo, que o salario base sexa igual ó salario mínimo interprofesional.

Artigo 8º.-Incremento salarial.

Para o período que vai desde o 1 de xaneiro de 2001 ó 31 de decembro de 2001, serán de aplicación os salarios recollidos na táboa anexa I, que supoñen un incremento do 2,7% sobre os salarios do ano anterior.

Para o período que vai desde o 1 de xaneiro de 2002 ó 31 de decembro de 2002, serán de aplicación os salarios recollidos na táboa anexa II, que supoñen un incremento do 4% (IPC real do ano 2001 máis un 1,3%) sobre os salarios do ano anterior.

Para o período que vai desde o 1 de xaneiro de 2003 ó 31 de decembro de 2003, aplicarase sobre os salarios do ano 2002 un incremento consistente no IPC real do ano 2002 máis 1,5 puntos.

Para o período que vai desde o 1 de xaneiro de 2004 ó 31 de decembro de 2004, aplicarase sobre os salarios do ano 2003 un incremento consistente no IPC real do ano 2003 máis 1,5 puntos.

Artigo 9º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 1.826 horas e 27 minutos de traballo efectivo, en cómputo anual.

Artigo 10º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense dúas gratificacións extraordinarias de 25 de xullo e Nadal, que se aboarán no día laborable inmediatamente anterior a estas festividades. Estas gratificacións consistirán na cantidade resultante de suma-lo salario base mensual e a antigüidade correspondente.

Artigo 11º.-Complemento de transporte e desgaste de vestiario.

Establécese con carácter xeral para todo o persoal, sen distinción, complementos extrasalariais, denominados de transporte e desgaste de vestiario, coas contías que se especifican, para cada categoría, para os anos 2001 e 2002, nas táboas salariais anexas. Para os anos 2003 e 2004, o importe destes complementos extrasalariais especificarase, xunto co importe do salario base do convenio, para cada categoría profesional, nas táboas que aproben as partes asinantes en aplicación dos incrementos salariais pactados.

Tales complementos devengaranse en todo caso en proporción á xornada efectivamente traballada, entendéndose que a contía establecida nas táboas salariais anexas é a que corresponde para o caso de prestación de servicios a xornada completa.

Artigo 12º.-Complemento de antigüidade.

Sobre dos salarios base garantidos que lle corresponden ó traballador relacionados na táboa salarial, acreditaranse e devengaranse, cos límites establecidos no artigo seguinte, os seguintes complementos de antigüidade:

-Un 5% ó cumpri-los 3 anos de servicio na empresa.

-Un 8% ó cumpri-los 6 anos de servicio na empresa.

-Un 16% ó cumpri-los 9 anos de servicio na empresa.

-Un 25% ó cumpri-los 15 anos de servicio na empresa.

-Un 38% ó cumpri-los 19 anos de servicio na empresa.

-Un 40% ó cumpri-los 20 anos de servicio na empresa.

-Un 45% ó cumpri-los 22 anos de servicio na empresa.

-Un 50% ó cumpri-los 28 anos de servicio na empresa.

A data inicial para computa-la antigüidade será a do ingreso na empresa. Na actividade de casinos e sociedades recreativas de primeira e segunda categoría, os traballadores devengarán bienios a razón do 5% sen ningunha limitación, sen prexuízo do establecido no artigo 25 do Estatuto dos traballadores.

Na actividade de casinos e sociedades recreativas de terceira e cuarta categoría, continuarán devengando trienios ó 5%. O disposto nos puntos anteriores enténdese sen prexuízo dos dereitos adquiridos ou no trance de adquisición no tramo temporal correspondente.

Artigo 12º bis.-Límites ó complemento de antigüidade.

O complemento de antigüidade que se vén devengando segundo os anos de permanencia na empresa e que se recolle no artigo anterior, entenden as partes asinantes que dificulta a contratación indefinida dos traballadores.

Por este motivo, e na busca de promover e consolida-la contratación e o emprego na hostalería e dalgunha forma primar ás empresas que xeren emprego fixo fomentando a estabilidade no emprego e, polo tanto, a seguridade económica dos traballadores, acórdase establecer un réxime alternativo ó complemento de antigüidade previsto no artigo 12, que será de aplicación unicamente para os traballadores que se incorporen ós cadros de persoal fixos das empresas a partir do 1 de xaneiro de 1997, traballadores que percibirán polo concepto de complemento de antigüidade un 3% sobre dos salarios base garantidos na táboa salarial por cada tres anos de servicio na empresa (trienios ó 3%).

Artigo 13º.-Liquidación por cesamento.

1. Cando o traballador cause baixe na expresa, seralle aboada a liquidación de salarios que legalmente lle corresponda.

2. As empresas aboaranlles ós traballadores que, tendo a antigüidade que seguidamente se expresa e idades comprendidas entre os 60 e os 65 anos, causen baixa na empresa, pola súa vontade, as seguintes contías en concepto de premio de constancia:

-De 5 a 9 anos de antigüidade, 2 mensualidades.

-De 10 a 14 anos de antigüidade, 3 mensualidades.

-De 15 a 19 anos de antigüidade, 4 mensualidades.

-A partir dos vinte anos de antigüidade, 5 mensualidades.

-Unha mensualidade máis por cada 5 anos que excedan dos 20 de referencia.

O importe de cada mensualidade farase efectivo sobre do salario base máis antigüidade e para o suposto de que, en tal momento o traballador estivese en situación de baixa, calquera que fose a causa desta, calcularanse as mensualidades sobre do salario base máis antigüidade que lle correspondería percibir se estivese traballando.

Artigo 14º.-Xubilación.

Será de aplicación neste convenio a xubilación do traballador ós 64 anos, nos termos establecidos no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, debendo as empresas substituí-lo traballador simultaneamen

te ó seu cesamento por xubilación por outro traballador nas condicións previstas no citado real decreto.

Artigo 15º.-Vacacións.

O período de vacacións anual terá unha duración de 30 días naturais. Os traballadores menores de 18 anos e maiores de 60 terán 32 días de vacacións naturais. A retribución correspondente ó período vacacional estará constituída polo salario base, antigüidade e os complementos.

Artigo 16º.-Festivos.

As festas non recuperables segundo a lexislación vixente, cando non se desfruten ou coincidan co descanso semanal, serán desfrutadas polo traballador noutra data. No suposto de que as festas non recuperables se desfruten de forma continuada, a empresa respectará o descanso semanal acumulando este ó número de festas.

Artigo 17º.-Licencias retribuídas.

As empresas concederán as licencias retribuídas que a continuación se indican, sen prexuízo das previstas no Estatuto dos traballadores:

a) Por casorio do traballador, 15 días naturais; se o casorio é de pais, fillos, irmáns e cuñados, 2 días se ten lugar dentro da provincia e 4 días se é fóra dela.

b) Por parto da dona, 3 días se reside na mesma localidade e 5 días se reside en localidade distinta.

c) Por enfermidade ou operación cirúrxica do cónxuxe, pais ou fillos, 4 días ampliables a 8 cando o enfermo resida fóra da provincia, a máis de 500 km de distancia.

d) Por pasamento de cónxuxe, pais ou fillos, 5 días se ten lugar na localidade ou 7 se ocorre fóra dela.

e) Por traslado de domicilio, dous días.

f) Por asuntos propios, dous días.

Artigo 18º.-Comisión mixta paritaria.

Coa denominación de comisión mixta paritaria, constitúese un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento deste convenio. Esta comisión queda integrada por 6 representantes das asociacións empresariais e outros tantos polos sindicatos (3 de UGT, 2 de CC.OO., 1 de CIG).

A comisión reunirase por solicitude de calquera das partes, logo de convocatoria cunha antelación de 3 días, debendo xuntarlle á convocatoria a proposta do orde do día, por escrito.

Artigo 19º.-Incapacidade temporal do traballador.

No caso de incapacidade temporal do traballador, tanto derivada de accidente como de enfermidade, a empresa complementará o 100% do salario real (salario base e complementos) mentres dure tal situación.

Artigo 20º.-Gratificacións extraordinarias de casinos e sociedades recreativas.

Todo o persoal que preste os seus servicios en casinos e sociedades recreativas, terá dereito ó percibo, ademais das gratificacións extraordinarias do 25 de xullo e Nadal, dunha paga o día 5 de outubro de cada ano, sen distinción de categorías nin actividades. Estas gratificacións poderán ser compensadas e absorbidas polas empresas, en cómputo anual, con aquelas outras que, voluntariamente, viñeran aboándose ós traballadores destas empresas. Non computará o complemento de transporte e vestiario.

Artigo 21º.-Complemento de actividad de casinos e sociedades recreativas.

Todo o persoal que preste os seus servicios en casinos e sociedades recreativas, terá dereito ó percibo dun complemento de actividade na contía de 2.000 pesetas ó mes.

Artigo 22º.-Roupa de traballo.

As empresas facilitaranlle ó seu persoal dous uniformes ó ano, naqueles supostos nos que a empresa estableza condicións determinadas no tocante ó modelo ou cor da roupa que se vaia empregar durante a xornada de traballo, excluíndose polo tanto desta obriga o emprego de pantalón negro e camisa branca.

O mencionado uniforme será de emprego obrigatorio por parte do persoal durante a xornada laboral, dentro dos locais da empresa ou fóra deles, no exclusivo caso de que a saída sexa en cumprimento das súas funcións laborais.

Os traballadores deberán empregar e conservar con dilixencia os uniformes, que recibirán en calidade de depósito e que devolverán no caso de cesar na empresa.

Artigo 23º.-Traballo nocturno.

As horas traballadas ante o período comprendido entre as 12 da noite e as 8 da mañá, terán unha retribución específica incrementada nun 25% sobre do salario base.

Artigo 24º.-Posibilidade de corrección de erros na táboa.

No suposto de detección dun erro nas táboas salariais do convenio, de acordo cos criterios cos que se teña elaborado, reunirase a comisión mixta paritaria para corrixilo.

Artigo 25º.-Póliza de seguros.

Tódalas empresas afectadas por este convenio subscribirán unha póliza de accidentes que, no caso pasamento do traballador ou traballadora, o seu cónxuxe, ou herdeiros legais, percibirán 15.025,30 euros e, no caso de invalidez permanente, o traballador ou traballadora percibirá 18.030,36 euros.

A partir do 1 de xaneiro de 2003, os importes referidos no parágrafo anterior serán, respectivamente, de 16.530 euros e 19.535 euros.

Artigo 26º.-Período de proba.

No ámbito de aplicación deste convenio poderá pactarse por escrito un período de proba con suxeición ós seguintes límites de duración:

* Técnicos titulados: 6 meses.

* Resto dos traballadores: dous meses.

Artigo 27º.-Contratación eventual.

Os contratos de duración determinada regulados no artigo 15.1º b) do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, poderán ter unha duración máxima de doce meses dentro dun período de dezaoito meses.

Artigo 28º.-Contrato para a formación.

O número máximo de traballadores para a formación por centro de traballo que as empresas poden contratar non poderá ser superior á seguinte escala:

Ata 7 traballadores: 1.

De 8 a 15 traballadores: 2.

De 16 a 30 traballadores: 3.

De 31 a 50 traballadores: 4.

De 51 a 100 traballadores: 8.

De 101 a 250 traballadores: 10 ou o 8% do cadro de persoal.

De 251 a 500 traballadores: 20 ou o 6% do cadro de persoal.

Máis de 500 traballadores: 30 ou o 4% do cadro de persoal.

No caso de que, na data de publicación deste convenio no BOP de Lugo, algunha empresa supere o número máximo de traballadores para a formación previsto neste artigo, seguirá rexéndose, ata a data de finalización dalgún dos contratos para a formación formalizados, pola lexislación laboral vixente no tocante ó número máximo de traballadores para a formación.

A retribución dos traballadores contratados para a formación non poderá ser, a partir da publicación deste convenio no BOP de Lugo, inferior ó 100% do salario mínimo interprofesional vixente para cada ano. Segundo o dito, o incremento de retribución que se pacta para os traballadores para a formación non terá efectos retroactivos.

Artigo 29º.-Contrato a tempo parcial.

1. Nos contratos a tempo parcial de media xornada ou inferiores a media xornada, o horario de traballo será continuado, salvo que existan causas que xustifiquen a xornada partida.

Entenderase que existe causa xustificativa de tal xornada, en todo caso, cando a xornada partida sexa

unha opción do traballador afectado, cando as necesidades do posto de traballo esixan a prestación de servicios a distintas horas ou cando concorran razóns técnicas, organizativas ou productivas que xustifiquen o horario.

2. Para os efectos de facilitar que os traballadores contratados a tempo parcial vexan incrementada a súa xornada laboral, no caso de que a empresa necesite acudir a unha nova contratación para cubri-lo mesmo posto de traballo que o traballador empregado a tempo parcial, este terá dereito preferente a ver ampliada a súa xornada de traballo. Para estes efectos, as empresas que precisen realizar unha nova contratación no marco xa indicado, comunicaranlle ó traballador contratado a tempo parcial a nova xornada e o horario de traballo que resultaría de exerce-lo seu dereito preferente á ampliación da xornada, debendo o traballador dar resposta á empresa sobre se exerce ou non o seu dereito preferente, no prazo de 48 horas desde a comunicación da empresa.

Nestes casos, a empresa non terá que recoñecer, con relación á nova xornada ampliada e, polo tanto, aboar, a antigüidade que o traballador tivera recoñecida polo resto da xornada.

O establecido nos puntos 1 e 2 deste artigo afectará ás contratacións que se formalicen a partir da publicación deste convenio no BOP de Lugo.

Artigo 30º.-Formación profesional.

As partes asinantes acordan constituír unha comisión paritaria provincial sectorial de formación profesional, integrada por 1 representante de cada unha das centrais sindicais asinantes do convenio e un número de representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Asociación de Empresarios de Salas de Festas e Discotecas de Lugo igual ó total das centrais sindicais.

Serán funcións desta comisión:

-Requirir das administracións autonómicas competentes o recoñecemento desta comisión como interlocutor social sectorial, que reciba a información existente sobre programas e cursos de formación profesional con financiamento oficial que afecten ó sector da hostalería, co fin de colaborar tanto nos que estean en marcha, coma nos que se poidan programar en diante.

-Facer plans formativos necesarios para consegui-la homologación das cualificacións profesionais de traballadores técnicos, administrativos e manuais, cos seus equivalentes na Comunidade Económica Europea, con vistas á entrada en vigor do mercado único.

-Cantas outras funcións a comisión se atribúa, orientadas ó desenvolvemento e á mellora da formación profesional no sector na provincia de Lugo.

Artigo 31º.-Comisión de seguridade e hixiene no traballo.

As partes signatarias acordan constituír unha comisión paritaria provincial sectorial de seguridade e hixiene no traballo, integrada por un representante de cada unha das centrais sindicais asinantes do convenio e un número de representantes da Asociación de Empresarios de Hostelería de Lugo, igual ó total das centrais sindicais.

Ámbalas representacións comprométense a manter reunións periódicas, logo de convocatoria de calquera das partes con 15 días de antelación.

As funcións básicas da comisión de seguridade e hixiene terán como obxectivos prioritarios:

1. Promove-la observancia das disposicións legais vixentes para a prevención dos riscos profesionais no ámbito do sector.

2. Prestar asesoramento ós empresarios e traballadores para evitar e/ou reduci-los riscos que atenten contra a integridade física e a saúde dos traballadores.

3. Dar a coñece-las normas e procedementos que en materia de seguridade e hixiene dicten os organismos especializados nesta materia.

4. Solicitar informes sobre os resultados estatísticos dos recoñecementos médicos que se lles realicen ós traballadores deste sector.

Cantas outras funcións a comisión se atribúa, orientadas ó desenvolvemento e á mellora da seguridade e hixiene no traballo, no sector, na provincia de Lugo.

Artigo 32º.-AGA.

As partes asinantes este convenio consideran o Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA) como a canle idónea para a solución dos conflictos colectivos laborais.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os atrasos por diferencias de salarios consecuencia da tardía publicación deste convenio, deberán aboarse dentro dos dous meses seguintes á publicación deste convenio no BOP de Lugo ou Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-O dereito á manutención previsto nas táboas salariais enténdese sempre que o traballador preste servicios no horario de comidas.

Disposición derradeira

Entenderase por soldos anuais, o resultado de multiplica-los salarios mensuais por 14 (12 mensualidades e 2 pagas extraordinarias) excepto para o persoal que preste os servicios en casinos e sociedades recreativas xa que, neste caso, o soldo anual será o resultado de multiplica-los salarios mensuais por 15 (12 mensualidades e 3 pagas extraordinarias).