Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Venres, 20 de decembro de 2002 Páx. 17.396

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 347/2002, do 5 de decembro, polo que se regulan os pisos protexidos, vivendas de transición e unidades residenciais para persoas con trastornos mentais persistentes.

A Constitución española, no seu artigo 43, recoñece o dereito de tódolos cidadáns á protección da saúde, encomendando ós poderes públicos a súa organización e tutela a través de medidas preventivas e das prestacións e servicios necesarios. Por outra banda, no seu artigo 49, encárgalles ós poderes públicos, a realización dunha política de previsión, tratamento, rehabilitación e integración dos diminuídos físicos, sensoriais e psíquicos ós que se lles deberá presta-la atención especializada que requiran, amparándoos para o goce dos dereitos que o título I outorga a tódolos cidadáns.

A Lei xeral de sanidade, do 25 de abril de 1986, determina, pola súa vez, no seu artigo 20, que conforma a totalidade do capítulo III do título I, «Da saúde mental», a integración plena desta no sistema sanitario xeral, indicando que a atención ós problemas de saúde mental da poboación se realizará no ámbito comunitario, potenciando os recursos asistenciais a nivel ambulatorio, os sistemas de hospitalización parcial e atención a domicilio, con reducción ó máximo posible da necesidade de hospitalización.

A rehabilitación psiquiátrica constitúe un proceso onde a meta é axuda-las persoas con discapacidade psíquica para logra-la súa integración na comunidade e mellora-lo seu funcionamento psicosocial, de modo que lles permita manter no seu contorno social e familiar, unhas condicións o máis normalizadas e independentes que sexa posible.

Asegurar que estas persoas poidan recuperar e/ou adquirir aquelas habilidades psíquicas, emocionais, sociais e intelectuais que cada unha necesita para vivir. Aprender, traballar e relacionarse na comunidade co maior grao posible de autonomía e independencia, debe ser polo tanto o fin último da rehabilitación.

A avaliación funcional das habilidades do discapacitado, a planificación sistemática e estructurada de todo o proceso de rehabilitación que se leva con cada usuario, a implicación e participación de grupos de apoio, especialmente da familia, no adestramento específico e estructurado das habilidades que o suxeito necesita para manexarse nos diferentes ambientes concretos do contorno e o seguimento, monitorización e avaliación dos resultados é obxecto dun traballo enfocado desde unha perspectiva multidisciplinar e realizada en equipo, constituíndo uns elementos básicos que integran un programa que ten que ser individualizado.

O Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia, promove

a canalización destes programas no ámbito comunitario, coa potenciación dos recursos asistenciais a nivel ambulatorio, os sistemas de hospitalización parcial e atención a domicilio, reducindo a necesidade de hospitalización á que se debe acudir soamente cando se aprecie a súa necesidade.

A meirande parte destes doentes atopan no longo proceso da súa enfermidade, graves problemas coa súa residencia habitual, algunhas veces por dificultades de convivencia cos máis achegados e outras a situación xeográfica desta imposibilita ou dificulta a integración nun recurso de día que puidera incrementa-la súa autonomía, e polo tanto mellora- la calidade de vida ó reduci-las consecuencias da enfermidade.

Para a integración e o axuste persoal en determinados doentes vese necesaria a potenciación de sistemas alternativos á vivenda habitual, posibilidade que apunta o Decreto 389/1994, no seu artigo 16, denominando a estas unidades como pisos protexidos e vivendas de transición.

Con esta finalidade regúlanse neste decreto os pisos protexidos, vivendas de transición e unidades residenciais, que non teñen carácter de sanitarios, polo que a súa autorización está á marxe do Decreto 77/2001, do 29 de marzo, sobre centros, servicios e establecementos sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, deberán anotarse no Rexistro de Centros, Servicios e Establecementos Sanitarios, dentro da inscrición correspondente ó centro hospitalario ó que pertenza a unidade de saúde mental da que dependan asistencialmente.

Por todo isto, oídas as asociacións, entidades e institucións relacionadas coa saúde mental e coa asistencia psiquiátrica, de acordo co Dictame 534/2002, do 10 de outubro do Consello Consultivo de Galicia, por proposta do conselleiro de Sanidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de decembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto deste decreto a regulación das fórmulas de aloxamento previstas, como unidades de apoio comunitario, no artigo 16 do Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia, que comprenden:

a) Pisos protexidos e vivendas de transición como fórmulas de aloxamento alternativas á institucionalización do enfermo con trastorno mental persistente, públicos e privados.

b) Unidades residenciais.

Artigo 2º.-Conceptos.

1. Para efectos deste decreto, enténdese por enfermo con trastorno mental persistente aquel doente con autonomía de conducta pero sen posibilidades de convivencia familiar, e que require axuda psicosocial para o seu desenvolvemento e integración social na comunidade.

2. Os pisos protexidos e vivendas de transición como fórmulas de aloxamento alternativas á institucionalización do enfermo con trastorno mental persistente, públicos e privados, son unidades de apoio comunitario que acollen doentes con autonomía de conducta pero sen posibilidades de convivencia familiar, e que requiren axuda psicosocial para o seu desenvolvemento e integración social na comunidade.

Enténdese por piso protexido aquela unidade na que a estadía do paciente tende a ser por tempo indefinido e pasando a se-lo domicilio habitual deste.

Enténdese por vivenda de transición, aquela unidade na que, estadía do paciente é por un período concreto de tempo, como paso previo a un piso protexido ou como estadía temporal no caso de ausencia do coidador principal.

3. As unidades residenciais, son aquelas unidades de apoio comunitario destinadas a aloxar doentes que non precisen coidados sanitarios específicos, pero que presenten carencias de autonomía que requiran dunha atención sociosanitaria continuada de carácter tutelar.

Artigo 3º.-Funcións.

Dentro da función xeral de acollemento a enfermos con trastornos mentais persistentes, así como a de facilitarlles aloxamento e outros servicios complementarios determinada nos artigos 2 e 16 do Decreto 389/1994, correspóndenlle a estas unidades de apoio comunitario:

a) O mantemento no contorno comunitario das persoas con trastorno mental persistente, promovendo e apoiando a súa integración social e familiar.

b) Mellora-lo funcionamento psicosocial do enfermo, posibilitando a maior autonomía e independencia posible.

c) O apoio ás familias das persoas con trastornos mentais persistentes, favorecendo as súas capacidades e recursos de adaptación á enfermidade, e promovendo unha melloría na súa calidade de vida.

d) A prestación de servicios de rehabilitación psíquica e social, podendo estar conectados con outras unidades que os realicen.

Artigo 4º.-Principios de actuación.

1. O marco de actuación encádrase dentro dun modelo de atención comunitaria das persoas con trastornos mentais persistentes que ademais teñan dificultade para a incorporación á súa vivenda habitual.

2. A organización e funcionamento basearase nos principios de igualdade, normalización, rehabilitación, integración e participación do usuario.

3. Estas unidades deberán servir, a través de diferentes programas levados a cabo polos seus responsables, para a adquisición de:

-Habilidades sociais que permitan unha maior integración na sociedade.

-Actividades da vida diaria que posibiliten unha maior autonomía funcional.

-Educación do usuario acerca da súa enfermidade e discapacidade.

-Habilidades que eviten as recaídas propias da enfermidade.

Artigo 5º.-Situación.

Tanto os pisos protexidos como as vivendas de transición e as unidades residenciais deberán estar situados no ámbito comunitario, ben comunicadas e cunha estructura diferenciada de calquera outro dispositivo ou centro sanitario.

Artigo 6º.-Pisos protexidos e vivendas de transición.

Os pisos protexidos e vivendas de transición terán unha capacidade máxima de 5 persoas, preferentemente do mesmo sexo.

A) Condicións materiais e arquitectónicas.

Estas unidades deberán cumpri-las seguintes condicións materiais e arquitectónicas:

a) Deberá garantir, en todo caso, as condicións de habitabilidade e hixiénico-sanitarias mínimas, con cuartos independentes entre si, sendo necesario que dispoñan de electricidade, instalación de auga fría e quente en baño e cociña, instalación de sumidoiros e saneamento de augas residuais, dun sistema de calefacción, sistema de iluminación correcto e ventilación e luz natural en dormitorios, cociña e sala.

b) Contará como mínimo cunha sala de estar que posibilite a convivencia e interrelación das persoas que ocupan a vivenda, e haberá de ter luz e ventilación natural.

c) A superficie útil mínima dos dormitorios individuais será de 6 m e na súa planta deberá poder inscribirse un círculo de 2 m de diámetro.

d) O cuarto de aseo terá unha superficie útil mínima de 2 m cunha distancia entre paredes enfrontadas superior a 1 metro, composto por baño ou ducha, lavabo e inodoro.

e) Cada usuario disporá como mínimo dunha mesa de noite, unha cama de 0,90 m, e un armario con chave. Sen prexuízo do anterior, cada usuario poderá achegar obxectos persoais, sempre que sexa posible e non cause ningún trastorno para os demais convivintes.

f) O mobiliario e as estructuras da vivenda estarán dotadas de medidas de seguridade que reduzan ó máximo os posibles riscos dos usuarios.

g) Os pisos, vivendas de transición ou fórmulas de aloxamento alternativas que sexan para ámbolos dous sexos, contarán preferentemente de dous servicios hixiénicos diferenciados, un para cada sexo, cunha dotación mínima de lavabo, inodoro e ducha ou bañeira con ducha.

B) Requisitos de persoal.

Ademais, os pisos protexidos e vivendas de transición deberán contar como mínimo cun responsable encargado da coordinación e organización da atención, tendo unha cualificación profesional mínima de diplomado universitario, que ademais terá unha formación específica en saúde mental. Deberase, así mesmo, garanti-lo apoio en caso de emerxencia durante as 24 horas do día mediante un sistema de localización.

Artigo 7º.-Unidades residenciais.

As unidades residenciais son equipamentos de pequeno ou mediano tamaño destinados a albergar, en réxime de convivencia case-familiar, a un número máximo de 25 persoas.

A) Condicións materiais e arquitectónicas.

As unidades residenciais deberán cumpri-las seguintes condicións materiais e arquitectónicas:

a) Ser vivendas unifamiliares, xa sexa de forma unitaria ou agrupada. Tanto no medio urbano como no rural deberán estar integrados nun contorno vivo e próximas ós servicios sanitarios e sociais.

b) Estar situadas en zonas suficientemente comunicadas ou con fáciles accesos. Así mesmo, é recomendable que existan espacios verdes e paseos próximos.

c) O seu deseño e construcción deberá procura-la maior similitude posible a un fogar normalizado, escapando de toda concepción institucional. Deberá garantir, en todo caso, as condicións de habitabilidade e hixiénico-sanitarias mínimas, con cuartos independentes entre si, sendo necesario que dispoñan de electricidade, instalación de auga fría e quente en baño e cociña, instalación de sumidoiros e saneamento de augas residuais, dun sistema de calefacción, sistema de iluminación correcto e ventilación e luz natural en dormitorios, cociña e sala.

d) Contará como mínimo cunha sala de estar cunha superficie que nunca será inferior a 23 m e deberá dispor de iluminación e ventilación natural.

e) Os dormitorios serán preferentemente individuais, non obstante, toda vivenda comunitaria contará polo menos cun dormitorio para uso dobre. A superficie útil mínima será de 6 m e na súa planta deberá poder inscribirse un círculo de 2 m de diámetro.

f) O equipamento mínimo por usuario será dunha cama de 0,90 m, mesa de noite, armario con chave cun mínimo de 0,60 m de largo e 1 m de capacidade, cadeira de brazos, mesa, enchufe eléctrico e sistema de iluminación adecuado. Sen prexuízo do anterior, cada usuario poderá achega-lo seu propio mobiliario, ou obxectos persoais sempre que sexa posible e non cause ningún trastorno para os demais convivintes.

g) Toda unidade residencial contará, como mínimo, con dous servicios hixiénicos diferentes, un para cada sexo, que terá unha superficie útil mínima de 2 m, cunha distancia entre paredes enfrontadas superior a 1 m, composto por baño ou ducha, lavabo e inodoro. Deberán estar dotados dun timbre de chamada con conexión ás zonas comúns. O chan será antiesvaradizo e de doada limpeza e as portas terán un dispositivo sinxelo de peche e apertura.

h) Servicios comúns: manutención, lavado de roupa e limpeza de zonas comúns, así como o apoio preciso para a realización das actividades da vida cotiá segundo necesidade.

B) Requisitos de persoal.

As unidades residenciais deberán contar como mínimo cun responsable, encargado da coordinación e organización da residencia comunitaria, tendo unha cualificación profesional mínima de diplomado

universitario, preferentemente en traballo social ou enfermería, que ademais deberá ter unha formación específica en saúde mental. Establécese unha ratio mínima de atención directa en réxime de xornada completa de 0,20 por usuario, garantindo a presencia física na unidade as 24 horas do día.

Artigo 8º.-Xestión.

1. Os pisos protexidos, as vivendas de transición e as unidades residenciais serán xestionados pola Consellería de Sanidade, entidades locais ou outras entidades públicas, fundacións, asociacións sen ánimo de lucro ou outras entidades privadas que teñan, entre outros como fin a atención a persoas con trastorno mental persistente, e recibirán apoio sanitario de tódolos dispositivos asistenciais da área na que estean situadas.

2. No concernente á saúde mental, a asistencia sanitaria correspóndelle ás unidades de saúde mental ou ás unidades hospitalarias de rehabilitación psiquiátrica.

Artigo 9º.-Autorización de posta en funcionamento.

A solicitude para obte-la autorización da posta en funcionamento dos pisos protexidos, vivendas de transición e unidades residenciais será presentada na correspondente delegación provincial da Consellería de Sanidade, ou nos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, subscrita polo propietario do centro ou representante legal da asociación ou sociedade que solicite o recurso ou organismo do que dependa, e axustarase ó modelo que figura no anexo I, xunto coa seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da personalidade do solicitante (DNI) e, se é o caso, da representación que teña.

b) Tratándose de asociacións, fotocopia compulsada dos estatutos e da súa acta de constitución.

No caso de sociedades, fotocopia da escritura de constitución e certificación da súa inscrición no rexistro mercantil.

c) Memoria da actividade que se vai realizar.

d) Planos que permitan coñece-la localización, identificación e tamaños das dependencias.

e) Cadro de persoal, con xustificación da súa titulación e formación, identificando ó responsable da unidade, tanto de apoio como de presencia física.

f) Relación de equipamento con que contará o piso, vivenda de transición ou unidade residencial.

g) Xustificante de ter aboada a taxa correspondente prevista no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases no artigo 3 do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º.-Resolución.

1. Recibida a solicitude, xunto coa correspondente documentación, e comprobado o cumprimento dos requisitos mediante inspección do persoal correspondente da delegación provincial, o delegado provincial elaborará a proposta de resolución que se elevará á Secretaría Xeral da Consellería de Sani

dade para a súa resolución tralo informe da Subdirección Xeral de Atención Sociosanitaria. A resolución deberá conceder ou denega-la autorización solicitada.

2. As resolucións do secretario xeral, autorizando ou non a posta en funcionamento dos pisos, vivendas de transición e unidades residenciais para persoas con trastornos mentais persistentes, non poñen fin á vía administrativa, e contra elas poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes ante o conselleiro de Sanidade, conforme o disposto no artigo 114, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 11º.-Inscrición.

Os pisos protexidos, vivendas de transición e unidades residenciais para persoas con trastornos mentais persistentes, unha vez autorizados, deberán anotarse no Rexistro de Centros, Servicios e Establecementos Sanitarios, dependente da Consellería de Sanidade, dentro da inscrición correspondente ó centro hospitalario o que pertenza a unidade de saúde mental da que dependan asistencialmente.

Artigo 12º.-Normas de acceso e participación no financiamento dos usuarios.

1. Son requisitos imprescindibles para acceder ós pisos protexidos, vivendas de transición e unidades residenciais, padecer un trastorno mental persistente e ser maior de 16 anos e menor de 60.

2. Para acceder a aquelas unidades de titularidade pública ou subvencionadas polas entidades públicas, o solicitante deberá achega-lo informe do médico psiquiatra ou psicólogo clínico e do traballador social da unidade de saúde mental ou do recurso de hospitalización psiquiátrica do Servicio Galego de Saúde onde recibe tratamento, onde se faga consta-la situación de estabilidade da enfermidade, as causas que lle impiden retornar ó seu domicilio, así como unha valoración acerca do beneficio que suporía a atención do paciente na unidade e un plan funcional de atención e programa de rehabilitación.

3. Nos centros de titularidade privada, o informe poderá ser emitido por un médico psiquiatra ou psicólogo clínico.

4. Co obxecto de optimiza-las unidades de apoio comunitario reguladas neste decreto, a prestación da atención será cofinanciada polos usuarios. Para este cofinanciamento, enténdese como custo da estadía a cantidade atribuíble á necesidade de substituí-lo domicilio habitual do usuario durante o tempo de permanencia na unidade. A Consellería de Sanidade publicará anualmente o prezo máximo por praza para os centros con subvención pública.

5. Naquelas unidades de apoio comunitario subvencionadas polas administracións públicas a achega económica do usuario corresponderá ó 75% dos seus ingresos líquidos mensuais, quedando excluído do cómputo as gratificacións extraordinarias, e sen que a dita achega supere en ningún caso a cantidade fixada como importe mensual do custo da estadía. A contía da achega ponderarase tendo en conta as cargas familiares dos usuarios e segundo o anexo II.

Artigo 13º.-A coordinación das unidades.

Os pisos protexidos, as vivendas de transición e as unidades residenciais, estarán coordinados cos servicios de Saúde Mental da área xeográfica na que estean situados, preferentemente polo responsable da área de referencia de cada hospital ou complexo hospitalario. No seu defecto, a coordinación será efectuada polos xefes dos servicios seguintes, de acordo con esta orde de preferencia: unidade de saúde mental referente, a unidade hospitalaria de rehabilitación psiquiátrica, hospital de día psiquiátrico e a unidade de hospitalización psiquiátrica.

Artigo 14º.-Planificación e subvencións.

A Consellería de Sanidade e o Servicio Galego de Saúde, dentro das súas dispoñibilidades orzamentarias, poderán subvenciona-los gastos de funcionamento destas unidades, tendo en conta a planificación e obxectivos da atención ás persoas con trastornos mentais persistentes establecidas pola propia consellería.

Artigo 15º.-Obrigas das unidades.

Tódalas unidades de apoio comunitario reguladas neste decreto estarán obrigadas a:

1. Garantir tódolos dereitos constitucionais e legalmente recoñecidos.

2. Ter un libro de rexistro de usuarios onde conste o nome e apelidos, data de alta, incidencia, data de baixa e a súa causa.

3. Expoñer, para o coñecemento dos usuarios, tanto as autorizacións concedidas como, se é o caso, os prezos dos servicios prestados.

4. Dispoñer dun regulamento de réxime interior do funcionamento da unidade.

5. Ter á disposición dos usuarios un libro de reclamacións, constituído por follas numeradas.

6. Ter subscrita unha póliza de seguros de responsabilidade civil que garanta a cobertura das indemnizacións ós usuarios e sinistros do edificio.

Ademais deberán remitir á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade:

a) Unha memoria anual onde consten as actividades realizadas.

b) A avaliación funcional periódica dos usuarios así como as altas e as baixas, de acordo co sistema de información indicado pola Consellería de Sanidade.

Artigo 16º.-Vixencia e renovación.

1. A autorización de apertura e posta en funcionamento dos pisos protexidos, vivendas de transición e unidades residenciais para persoas con trastornos mentais persistentes terá unha vixencia de catro anos, transcorridos os cales deberá ser obxecto de renovación. Así mesmo, a vixencia das sucesivas renovacións será polo mesmo período.

2. A solicitude de renovación deberá efectuarse cunha antelación mínima de tres meses respecto da data de finalización da vixencia da autorización de apertura e funcionamento, e deberá presenta-la documentación sinalada no artigo 9 deste decreto.

3. De non solicitarse oportunamente a renovación, entenderase que o devandito piso protexido, vivenda de transición ou unidade residencial cesou na súa actividade, polo que se procederá á supresión da anotación no Rexistro de Centros, Servicios e Establecementos Sanitarios, dentro da inscrición correspondente ó centro hospitalario ó que pertenza a unidade de saúde mental da que dependa asistencialmente.

Disposición transitoria

As unidades reguladas neste decreto que estean en funcionamento con anterioridade á súa publicación, disporán do prazo máximo dun ano para adaptarse ós requisitos e condicións fixadas nesta norma.

Disposicións derradeiras

Primeira.- A Consellería de Sanidade dictará as normas e adoptará as medidas oportunas para o desenvolvemento e aplicación do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ós 20 días seguintes ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de decembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

ANEXO II

Ingresos mensuaisSó/oaUnha persoa a cargoDúas persoas a cargoTres persoas a cargoCatro persoas a cargo

Ata o S.M.I.75%ExentoExentoExentoExento

Ata 1,5 veces o S.M.I.75%2%ExentoExentoExento

Ata 2 veces o S.M.I.75%18%ExentoExentoExento

Ata 2,5 veces o S.M.I.75%24%7%ExentoExento

Ata 3 veces o S.M.I.75%29%10%2%Exento

Ata 3,5 veces o S.M.I.75%32%13%5%Exento

Máis de 3,5 veces o S.M.I.75%34%15%7%Exento

S.M.I.: 442,20 euros para o ano 2002.