Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Venres, 20 de decembro de 2002 Páx. 17.417

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 19 de decembro de 2002 pola que se modifica a Orde do 11 de decembro de 2002, pola que se establecen medidas que complementan as axudas establecidas na Orde do 18 de novembro de 2002, pola que se establecen medidas transitorias e urxentes para facer fronte ás consecuencias do buque Prestige.

A Orde do 11 de decembro de 2002 establece medidas que complementan as axudas establecidas na Orde de 18 de novembro de 2002 pola que se establecen medidas transitorias e urxentes para facer fronte ás consecuencias do buque Prestige ampliando estas axudas a outras actividades, que non sendo extractivas si se ven seriamente afectadas pola prolongada inactividade pesqueira e marisqueira da zona afectada polo vertido do buque Prestige.

O Real decreto lei 7/2002, do 22 de novembro, sobre medidas reparadoras en relación co accidente do buque Prestige, modificado polo Real decreto lei 8/2002, do 13 de decembro, establece que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través do Instituto Social da Mariña aboará unha axuda complementaria de 10 euros ós armadores embarcados, tripulantes e mariscadores, así como para ós redeiros e colaboradores familiares de embarcacións, ó persoal laboral das confrarías, ós operarios das lonxas e fábricas de xeo, e ós comercializadores de primeiro nivel que poidan amosa-la súa dependencia do recurso afectado.

Dado o elevado número de axentes que interveñen no proceso de comercialización do peixe en Galicia e a complexa interrelación entre eles, faise necesario definir aqueles que pudieran ser considerados afectados directos e ser beneficiarios das axudas establecidas na Orde do 11 de decembro de 2002.

Visto o anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os preceptos da Orde do 11 de decembro de 2002 pola que se establecen medidas que complementan

as axudas establecidas na Orde do 18 de novembro de 2002 pola que se establecen medidas transitorias e urxentes para facer fronte ás consecuencias do buque Prestige, quedan modificados nos seguintes termos:

Primeiro: modifícase o artigo 1 que quedará como segue:

«Poderán acollerse ás presentes axudas os colectivos que, cumprindo o establecido no artigo seguinte, a continuación se definen:

-Redeiros e colaboradores familiares de embarcacións.

-Persoal laboral das confrarías.

-Operarios das lonxas e fábricas de xeo.

-Comercializadores de primeiro nivel que poidan amosa-la súa dependencia do recurso afectado, incluíndo os traballadores por conta allea.

Enténdese por comercializadores de primeiro nivel, aqueles axentes económicos que se dediquen, de xeito exclusivo, á compra de productos pesqueiros e marisqueiros nas lonxas dos portos incluídos procedentes das flotas paralizadas nas áreas afectadas e realice a súa comercialización, de xeito maiorista.

Non se inclúen neste grupo, tódolos comercializadores que, aínda podendo proverse de productos pesqueiros e marisqueiros directamente nas lonxas afectadas, teñen como actividade principal a venda de carácter retallista (peixerías, venda ambulante, restauración e similares).

Nestes casos, de considerarse afectados, poderán acudir ás axudas fiscais e sociais, así como ás liñas de crédito establecidas, para os efectos polo Real decreto lei 7/2002, do 22 de novembro, modificado polo Real decreto lei 8/2002, do 13 de decembro, sobre medidas reparadoras en relación co accidente do buque Prestige, destinadas a minora-lo impacto negativo do accidente na economía dos diferentes sectores económicos, e ás reclamacións directas ó Fondo Internacional de Danos debidos á Contaminación por Hidrocarburos-FIDAC».

Segundo: modifícase ampliando o artigo 3º, incluíndo un novo parágrafo:

«Non obstante ó disposto no parágrafo anterior, e tendo en conta o novo prazo de remate da presentación de solicitudes, as axudas que se concedan no ano 2003, concederanse de conformidade coa normativa en vigor sobre a tramitación anticipada de expedientes de gasto, imputándose este ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2003».

Terceiro: modifícase o artigo 4º, engadindo ó primeiro punto do artigo 4º, no referente á documentación que deben presentar, o seguinte guión, na alínea de «en tódolos casos».

«-Fotocopia do DNI ou tarxeta de identificación fiscal no caso de persoas xurídicas».

Cuarto: modifícase o penúltimo parágrafo do artigo 4º, que quedará redactado como segue:

«Toda a documentación deberá ser presentada antes do 31 de decembro de 2002 nos rexistros das delegacións territoriais e comarcais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos».

Quinto: modifícase a redacción do artigo 6º que queda como segue:

«Estas axudas serán incompatibles con:

1. A realización polo perceptor de calquera actividade laboral, durante o período establecido, agás no caso da participación nos traballos de limpeza ou análogos que se leven a cabo nas zonas afectadas polo vertido producido polo accidente do buque Prestige.

2. O recoñecemento do dereito á protección por desemprego e co resto das prestacións do sistema da Seguridade Social, non compatibles co traballo do beneficiario».

Disposición adicional

Non obstante ó disposto no artigo 6º, punto 1 da orde modificada, dada a situación de emerxencia que se vive nos portos afectados e o carácter social do traballo que desenvolven, o pagamento das axudas ó persoal laboral que se acolla a estas, estará vinculado á sinatura dun compromiso coa confraría de continuar realizando o seu labor nas condicións e modos nos que o viñan desenvolvendo ata o momento da solicitude.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos