Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Martes, 11 de febreiro de 2003 Páx. 1.523

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 5 de febreiro de 2003 pola que se clasifica como de interés docente a Fundación Universidade Virtual de Galicia.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Universidade Virtual de Galicia, con domicilio en Lugo.

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Lugo, o día 7 de novembro de 2002, ante o notario Germán Aguilera Cristóbal, co número dous mil seiscentos dezasete do seu protocolo, por Celso Currás Fernández, Francisco Cacharro Pardo e José Luis Méndez López; interveñen Celso Currás Fernández no seu carácter de conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Francisco Cacharro Pardo como presidente da

Deputación Provincial de Lugo e José Luis Méndez López en representación da Fundación Caixa Galicia-Claudio San Martín e como vicepresidente do su padroado.

3. O obxecto da fundación é, segundo establece o artigo 6 dos seus estatutos, promove-la creación e o recoñecemento dunha universidade de formulación xurídica de dereito privado coa finalidade de ofrecer ensinanzas universitarias a todas aquelas persoas que, por razóns persoais, laborais, económicas ou de calquera outro tipo, desexen cursa-las devanditas ensinanzas.

A fundación, mediante a universidade que creará, dedicará unha atención preferente á investigación no ámbito das metodoloxías e técnica aplicada ó ensino non presencial.

A fundación pode amplia-las súas actividades e os seus servicios a outros ámbitos do ensino, en tódolos seus niveis, etapas, ciclos e graos, modalidades e especialidades, tanto do ensino de réxime xeral como de réxime especial, e tamén ensinanzas non regradas.

4. O padroado da fundación estará integrado por Celso Currás Fernández como presidente e en razón do seu cargo de conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Francisco Cacharro Pardo como vicepresidente primeiro en razón do seu cargo de presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Luis Méndez López como vicepresidente segundo en razón do seu cargo da Fundación Caixa Galicia Claudio San Martín, José Eduardo López Pereira como vocal primeiro en razón do seu cargo de director xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Carlos Rodríguez Andina como vocal segundo en razón do seu cargo de vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Ángel Antonio Beade Torreiro como vocal terceiro en representación da Fundación Caixa Galicia Claudio San Martín.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese docente da Fundación Universidade Virtual de Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese docente e á súa adscrición á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de

autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 4 de febreiro de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese docente a Fundación Universidade Virtual de Galicia adscribíndoa á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública