Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 04 de abril de 2003 Páx. 4.271

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 201/2003, do 20 de marzo, polo que se desenvolve a autonomía na xestión económica dos centros docentes públicos non universitarios.

A autonomía dos centros, con carácter xeral, está recollida na Constitución española, que prevé no seu artigo 27.7º a intervención de profesores, pais e, se é o caso, dos alumnos no control e xestión dos centros públicos de ensino non universitario, nos termos que a lei estableza.

Este dereito plasmouse nos artigos 19 e 42.1º.e) da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, este último reformulado polo artigo 11.f) da Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes. O primeiro deles sinala que o principio de participación dos membros da comunidade escolar inspirará as actividades educativas e a organización e o funcionamento dos centros públicos.

Recentemente, este principio de autonomía de xestión económica dos centros docentes é propugnado como un dos cinco piares nos que se fundamentan as medidas encamiñadas a promove-la mellora da calidade do ensino non universitaria que persegue a Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, da calidade do ensino.

Deste xeito, conságrase legalmente a necesaria autonomía de xestión económica dos centros docentes públicos, e permíteselles a estes, tanto a elaboración e aprobación do orzamento como o contido e a súa modificación.

A Lei 8/1987, do 25 de novembro, do Parlamento de Galicia, pola que se establece a gratuidade dos estudios de bacharelato, formación profesional e artes aplicadas e oficios artísticos nos centros públicos, e a autonomía de xestión económica dos centros públicos non universitarios, establece as bases para unha verdadeira autonomía na xestión económica dos centros públicos de ensino, sen prexuízo do indispensable control que a utilización dos recursos públicos leva consigo, sinalando no seu artigo 10 a posibilidade de lles aplicar ós gastos de funcionamento os ingresos que os centros puidesen obter por legados, doazóns e venda de bens, podendo allea-los productos da propia actividade docente e outros análogos, nas condicións que se determinen.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, reitera no seu artigo 58.2º, que os centros públicos disporán de

autonomía na súa xestión económica nos termos establecidos nas leis.

O artigo 7 da Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes, recolle, entre outras, a posibilidade de que os centros educativos públicos poidan obter recursos complementarios coa única limitación de que non procedan das actividades desenvolvidas polas asociacións de pais de alumnos no cumprimento dos seus fins, sen prexuízo dos necesarios que reciban da Administración, e a posibilidade, incluso, de que as administracións educativas poidan delegar nos órganos de goberno dos ditos centros a adquisición de bens, contratación de obras, servicios e subministracións. Esta disposición amplía considerablemente o ámbito da autonomía dos centros para xestiona-los seus recursos.

Os decretos 324/1996, do 26 de xullo, 374/1996, do 17 de outubro, e 7/1999, do 7 de xaneiro, polos que se aproban os regulamentos orgánicos dos institutos de educación secundaria, das escolas de educación infantil e de educación primaria, e se implantan e regulan os centros públicos integrados na Comunidade Autónoma de Galicia, respectivamente, tamén recollen as normas relativas á autonomía na xestión dos recursos económicos nos centros públicos establecidas con carácter xeral na Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes.

Tendo en conta a normativa citada e a experiencia acumulada ó longo destes anos, cómpre potenciar e desenvolve-la autonomía na xestión económica dos centros docentes públicos non universitarios, tanto no que se refire á elaboración e aprobación dos seus orzamentos, como ó seu desenvolvemento e aplicación, sen prexuízo do imprescindible control que o uso de recursos públicos leva consigo.

Este desenvolvemento da autonomía dos centros, en consonancia co disposto no artigo 7 da referida Lei 9/1995, e no artigo 70 da citada Lei orgánica 10/2002, quere sistematizar nunha única norma as previsións contidas en normas dispersas, pretende ser un motor que impulse o funcionamento dos centros con criterios de eficacia, efectividade e eficiencia, e pretende, ademais, acadar unha modernización na xestión dos centros que contribúa a acada-los seus fins, introducindo mecanismos de mellora continua, ó mesmo tempo que se integran tódolos recursos precisos para a consecución de tales fins, que serven como un instrumento máis ó servicio da mellora da calidade da educación.

Na súa virtude, por proposta dos conselleiros de Educación e Ordenación Universitaria, e de Economía e Facenda, co referendo do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, consultado o Consello Escolar de Galicia, oído o Consello Consultivo de Galicia

e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de marzo de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Autonomía na xestión económica dos centros públicos.

Os centros docentes públicos de niveis non universitarios disporán de autonomía na xestión económica dos seus recursos nos termos establecidos na Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, na Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, na Lei 8/1987, do 25 de novembro, do Parlamento de Galicia, neste decreto, e nas demais normas que lle sexan de aplicación.

Artigo 2º.-Definición da autonomía na xestión económica.

A autonomía na xestión económica dos recursos é a xestión polo propio centro dos gastos necesarios para o seu funcionamento, de xeito que permitan acada-los obxectivos previstos.

Artigo 3º.-Xestión integrada.

A xestión económica dos distintos programas, servicios ou actividades que a Administración educativa xestione a través dos centros docentes públicos de niveis non universitarios considerarase, para tódolos efectos, integrada na xestión económica destes.

Artigo 4º.-O orzamento do centro.

1. O orzamento dos centros docentes públicos de niveis non universitarios é a expresión cifrada, conxunta e sistemática dos ingresos previstos e das obrigas que como máximo pode recoñece-lo centro para o seu funcionamento. É o instrumento de planificación económica do centro no que se refire ós ingresos e gastos para acada-los seus obxectivos nun tempo determinado. O orzamento será equilibrado contablemente, de xeito que a totalidade dos ingresos debe ser igual á totalidade dos gastos.

2. O orzamento anual de ingresos comprenderá unha previsión detallada de tódolos ingresos que o centro prevexa recibir no exercicio orzamentario. O orzamento anual de gastos, que será limitativo, estará integrado pola totalidade dos créditos precisos para o funcionamento do centro e o cumprimento dos obxectivos contidos nos seus proxectos institucionais, de acordo coa clasificación económica do gasto que se estructurará.

Terán preferencia na ordenación dos gastos, os fixos e periódicos e, naqueles centros nos que non sexa competencia doutras entidades ou institucións, tamén os de reparación e conservación das instalacións do centro.

3. O exercicio orzamentario dos centros docentes públicos abranguerá desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de cada ano, en correspondencia cos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Estado de ingresos.

O estado de ingresos do orzamento anual do centro estará integrado polos seguintes recursos:

a) Dotacións procedentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para gastos de funcionamento.

b) Os procedentes doutros organismos públicos, das institucións da Unión Europea ou doutros organismos internacionais.

c) Achegas económicas procedentes de legados e doazóns legalmente adquiridas, axudas e subvencións de calquera entidade ou institución privada, ou particulares.

d) Ingresos derivados de convenios con persoas físicas ou xurídicas, de acordo coa normativa reguladora.

e) Os procedentes do alleamento de bens mobles en desuso, que requirirán a autorización documental previa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

f) Os procedentes da prestación de servicios distintos dos remunerados polos prezos públicos dos servicios académicos, e os derivados das pequenas vendas de productos obtidos polos centros a través das súas actividades lectivas.

g) Os derivados do uso das instalacións do centro.

h) Os créditos que se autoricen, procedentes de remanentes do exercicio anterior, que se incorporarán ó orzamento do exercicio seguinte.

i) Os derivados da venda de fotocopias e uso do teléfono.

j) Achegas de entidades ou particulares para o pagamento dos servicios de comedor, residencias, instalacións deportivas e outros.

k) Xuros da conta bancaria.

l) Calquera outro ingreso, para o que se deberá contar coa autorización da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 6º.-Estado de gastos.

O estado de gastos do orzamento anual do centro recollerá tódolos créditos necesarios para o funcionamento do centro, e clasificarase nas seguintes partidas:

1. Arrendamentos.

2. Reparacións, mantemento e conservación.

3. Material de oficina.

4. Subministracións.

5. Comunicacións.

6. Transporte.

7. Traballos realizados por outras empresas.

8. Primas de seguro.

9. Tributos.

10. Axudas de custo e locomoción.

11. Gastos diversos.

12. Mobiliario e utensilios inventariables.

13. Outros materiais inventariables.

Artigo 7º.-Elaboración e aprobación do orzamento.

1. O secretario do centro, ou quen teña atribuída regulamentariamente a competencia, elaborará o anteproxecto de orzamento anual do centro, tendo en conta as instruccións que dicte a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a súa elaboración, e de acordo coa súa estructura orgánica. O dito anteproxecto converterase en proxecto unha vez aprobado pola Comisión Económica do centro.

2. O proxecto de orzamento, que irá xunto cunha memoria xustificativa que defina os obxectivos que se pretenden conseguir, será presentado pola Comisión Económica ó Consello Escolar, para que proceda ó seu estudio e aprobación, se é o caso, no prazo máximo dun mes contado a partir da data de coñecemento dos créditos asignados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Nos centros en que excepcionalmente, e por razóns xustificadas, non exista Consello Escolar, corresponderalle ó equipo directivo, logo de conformidade da delegación provincial, a aprobación do orzamento.

3. Un exemplar do orzamento aprobado remitirase á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o seu coñecemento, constancia e revisión para efectos de legalidade. De non mediar reparo no prazo dun mes, o orzamento entenderase definitivo; noutro caso a delegación provincial comunicaralle ó centro as correccións que corresponda, sempre motivadas, para que os órganos pertinentes procedan á adecuación á legalidade, remitíndoo de novo á delegación.

4. Se non se aprobase o orzamento polo Consello Escolar no prazo fixado, remitirase este á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria xunto coa certificación do acordo que figure na acta da sesión onde consten os motivos para a non aprobación, e o delegado provincial resolverá o que proceda no prazo máximo dun mes.

Artigo 8º.-Prórroga do orzamento.

1. No suposto de que no primeiro día hábil do exercicio económico non se encontrase aprobado o orzamento anual, entenderase prorrogado o do exercicio inmediatamente anterior, tendo en conta unicamente a achega da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Das contías resultantes do indicado no parágrafo anterior só se poderá dispoñer dun doceavo por mes mentres perdure a situación de prórroga.

2. Unha vez aprobado o orzamento, antes de realizar calquera operación, serán regularizadas as actuacións que tiveron lugar no período de prórroga.

Artigo 9º.-Modificacións do orzamento.

1. Os créditos de gasto do orzamento aprobado vinculan o centro ó nivel de desagregación con que se aprobaron. Non obstante, poderán ser modificados nos supostos que se establecen a continuación:

a) Redistribución dos créditos do propio centro, atendendo á finalidade do gasto.

b) Por aumento dos ingresos procedentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

c) Os ingresos efectivamente realizados e que superen os inicialmente previstos no orzamento do centro.

2. O director é o órgano competente para propo-las modificacións que se presentarán ó Consello Escolar, xunto cunha memoria xustificativa. O Consello Escolar, co informe da Comisión Económica, procederá á súa aprobación ou denegación.

3. As modificacións, xunto coa memoria xustificativa, remitiranse á delegación provincial, a cal, no prazo dun mes, poderá formular reparos e observacións, sempre por razóns de legalidade e de xeito motivado, ás modificacións aprobadas co fin de que os órganos pertinentes procedan á súa acomodación á normativa aplicable.

Artigo 10º.-Libramentos.

1. Os libramentos de fondos ós centros efectuarase, por proposta do órgano competente, a través das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, coa periodicidade que se determine, e terán a consideración de pagamentos en firme con aplicación definitiva ós correspondentes créditos orzamentarios.

2. A periodicidade a que se refire o punto anterior débese entender para os gastos ordinarios de funcionamento dos centros, sen prexuízo doutros de carácter extraordinario que se poden facer efectivos cando a situación o requira.

3. As direccións xerais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria comunicaranlles os ditos libramentos, a través das súas delegacións provinciais, ós centros afectados, e deberán especificar na notificación a aplicación orzamentaria de procedencia do crédito, o carácter finalista ou non dos recursos e, se é o caso, a forma e o prazo de xustificación destes.

4. Non obstante, os fondos de carácter finalista poderán ser transferidos directamente ó centro pola dirección xeral competente.

Artigo 11º.-Fondos públicos.

Os fondos librados en aplicación deste decreto terán, en todo caso, o carácter de fondos públicos e consideraranse integrantes do Tesouro Público da Comunidade Autónoma.

Artigo 12º.-Contas correntes.

1. Tódolos centros públicos docentes non universitarios terán aberta unha conta corrente para xestiona-lo movemento de fondos para gastos de funcionamento e outra para a xestión do comedor escolar nos centros que dispoñan deste servicio.

As contas correntes abriranse de acordo co procedemento previsto no Decreto 51/1985, do 21 de marzo, sobre situación e dispoñibilidade de cantidades libradas en firme e para xustificar.

En tódalas contas correntes deberá figurar, xunto ó nome do centro, a denominación Comunidade Autónoma de Galicia.

A disposición dos fondos será realizada por dous funcionarios docentes autorizados para o efecto, un deles o director do centro, con sinaturas mancomunadas. Excepcionalmente, nos centros de menos de tres unidades será suficiente a sinatura do responsable.

2. As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria manterán un inventario das contas correntes autorizadas que conteña as persoas autorizadas a dispoñer dos fondos e os períodos de validez desta autorización.

Artigo 13º.-Execución do orzamento.

O director do centro é o responsable da execución do orzamento e, polo tanto, de aplica-las cantidades dispoñibles ás finalidades para as que foron aprobadas.

Non se poden autorizar gastos por un importe superior ós créditos consignados, nin ordenar pagamentos que excedan dos ingresos efectivamente obtidos.

Artigo 14º.-Contabilidade.

1. Os centros levarán unha contabilidade auxiliar á da Comunidade Autónoma, na que se detallarán tódalas operacións realizadas. A citada contabilidade axustarase ás normas, principios, procedementos e modelos que estableza a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

2. Os remanentes do exercicio anterior a que fai referencia a letra h) do artigo 5º deste decreto, e os ingresos efectivamente realizados polos centros reflectiranse na contabilidade da Comunidade Autónoma, segundo o procedemento que se estableza.

Artigo 15º.-Xustificación dos gastos.

1. O director do centro presentará ó Consello Escolar, para a súa aprobación, a conta de xestión do orzamento, referida ó 31 de decembro de cada exercicio económico.

2. Se non fose aprobada a conta de xestión polo Consello Escolar remitirase esta, xunto coa certificación do acordo que figura na acta da sesión onde consten os motivos para a non aprobación, á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e o delegado provincial resolverá o que proceda.

3. Unha vez aprobada a conta de xestión, e antes do 31 de xaneiro do exercicio económico seguinte, o Consello Escolar remitirá á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha certificación, por duplicado, segundo o modelo que se facilitará, na que figure, por unha banda, a expresión dos fondos recibidos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e demais ingresos obtidos, e doutra, os gastos realizados con cargo ós citados ingresos, así como o saldo que resulte, se é o caso.

Un terceiro exemplar unirase ós xustificantes orixinais e demais documentos acreditativos, que quedarán arquivados no centro, baixo a custodia e responsabilidade do secretario ou persoa que asuma as súas funcións, á disposición da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e dos órganos de control da Comunidade Autónoma e da Unión Europea, no caso de accións cofinanciadas, para a realización das comprobacións oportunas no ámbito das súas respectivas competencias.

No caso de xustificacións que correspondan a libramentos realizados directamente polas direccións xerais, remitirase á dirección xeral correspondente a certificación que se requira.

4. A xustificación das axudas ou subvencións finalistas que puidesen recibirse no centro formalizarase na certificación que se sinale na súa normativa específica.

5. Onde non estea constituído o consello escolar, a citada certificación será expedida polo órgano de dirección correspondente.

Artigo 16º.-Control financeiro.

Os centros docentes públicos non universitarios someteranse ás actuacións de control financeiro que o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia lle atribúe á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Disposición adicional

Primeira.-Extensión na aplicación.

A xestión económica das escolas-fogar, centros residenciais docentes, centros de formación e recursos e aqueles que determine a Administración educativa farase de conformidade co establecido neste decreto; realizarán as funcións atribuídas ó director, secretario, comisión económica ou consello escolar os órganos similares de que estean dotados.

Segunda.-Programa de contabilidade.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria desenvolverá un programa de contabilidade informático uniforme para tódolos centros adaptado ás normas citadas no parágrafo anterior.

Disposición transitoria

A implantación da autonomía de xestión, recollida neste decreto, irase realizando paulatinamente en

tódolos centros de ensino públicos non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mentres non se desenvolva este decreto, mantense a vixencia da Orde do 12 de xaneiro de 1988, pola que se regula a aprobación e xustificación dos gastos de funcionamento dos centros docentes públicos de niveis non universitarios no que non se opoña a el.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 464/1987, do 17 de decembro, polo que se regula o procedemento para a xustificación dos gastos de funcionamento dos centros docentes non universitarios, e cantas outras disposicións se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízanse as consellerías de Economía e Facenda, e de Educación e Ordenación Universitaria, para dicta-las disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto; en particular, a fixación dos importes ou tarifas esixibles por prestación de servicios ou venda de bens.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de marzo de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA