Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Venres, 09 de maio de 2003 Páx. 5.856

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 248/2003, do 24 de abril, polo que se modifica o Decreto 278/2002, do 12 de setembro, do mapa farmacéutico e delimitación territorial para a autorización de novas oficinas de farmacia conforme módulos de poboación.

O 27 de setembro de 2002 publicouse no DOG nº 187 o Decreto 278/2002, do 12 de setembro, do mapa farmacéutico e delimitación territorial para a autorización de novas oficinas de farmacia conforme módulos de poboación. O devandito decreto ten por obxecto publica-lo mapa farmacéutico de Galicia, planifica-la autorización de novas oficinas de farmacia, así como fixa-la delimitación territorial concreta na que poidan establecerse as novas oficinas de farmacia en cada zona farmacéutica.

O devandito decreto consta de tres anexos: anexo I, mapa farmacéutico que comprende as zonas farmacéuticas urbanas, semiurbanas e rurais; anexo II, planificación da apertura de oficinas de farmacia e anexo III, planificación da delimitación territorial das novas oficinas de farmacia, indicando a área de saúde; zona farmacéutica e o seu número de habitantes; parroquias e o seu número de habitantes, tanto por cento de habitantes respecto da zona farmacéutica, centros sanitarios, oficinas de farmacia abertas e novas, así como o criterio de delimitación territorial empregado.

Non obstante, os datos publicados nos anexos do devandito decreto deben ser actualizados polo que respecta a tres zonas farmacéuticas.

En primeiro lugar, vese afectada a zona farmacéutica de Ames, posto que o Pleno do Consello Xeral de colexios oficiais de Farmacéuticos de España, na súa sesión celebrada os pasados días 25 e 26 de setembro, adoptou a autorización firme en vía administrativa dunha nova oficina de farmacia na parroquia de Ames, lugar de Augapesada, ó abeiro do artigo 3.1º b) do Real decreto 909/1978, do 14 de abril, que foi comunicada posteriormente á Consellería de Sanidade polo Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia da Coruña.

Polo tanto, vense afectados os datos publicados para a zona farmacéutica de Ames no anexo I (mapa farmacéutico), no que se refire ás oficinas de farmacia autorizadas, debendo figurar seis oficinas de farmacia autorizadas en lugar de cinco.

Así mesmo, debe modificarse a planificación da apertura de novas oficinas de farmacia para esta zona farmacéutica publicada no anexo II (planificación apertura de oficinas de farmacia), dado que ó existiren na actualidade seis oficinas de farmacia autorizadas, en aplicación do módulo de poboación das zonas farmacéuticas semiurbanas, correspóndelle unicamente a apertura dunha oficina de farmacia, en lugar das dúas oficinas de farmacia planificadas con anterioridade.

Por último, cómpre modifica-lo contido do anexo III (planificación da delimitación territorial novas oficinas de farmacia), de tal xeito que a nova oficina de farmacia que se delimitaba territorialmente para a parroquia de Ames (San Tomé), deberá aparecer como oficina de farmacia autorizada, quedando unicamente delimitada territorialmente unha nova oficina de farmacia para a parroquia de Biduído (Santa María).

Hai que ter en conta que a autorización de novas oficinas de farmacia, ó abeiro do artigo 3.1º b) do Real decreto 909/1978, do 14 de abril, afecta directamente a planificación farmacéutica establecida no Decreto 278/2002, do 12 de setembro, do mapa farmacéutico e delimitación territorial para a autorización de novas oficinas de farmacia conforme os módulos de poboación, posto que o disposto na disposición transitoria terceira do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, cerramento e transmisión de oficinas de farmacia, non é de aplicación neste suposto. Establece a devandita disposición que as autorizacións de apertura consecuencia da execución de sentencias firmes dictadas en aplicación da normativa anterior á Lei 5/1999, que afectasen unha zona farmacéutica na que se convocase concurso público de adxudicación de novas oficinas de farmacia non afectarán as adxudicacións de apertura destas últimas. A non aplicabilidade desta disposición respecto deste

caso débese a que na actualidade aínda non está realizada a convocatoria de concurso público para a adxudicación das novas oficinas de farmacia autorizadas.

En segundo lugar, polo que respecta á zona farmacéutica de Barbadás, no anexo III do Decreto 278/2002 atribúese unha nova oficina de farmacia á parroquia de Piñor, zona farmacéutica de Barbadás, área de saúde de Ourense, con base no criterio de delimitación territorial consistente en parroquia sen oficina de farmacia. Nembargantes, esta parroquia conta cunha oficina farmacéutica autorizada en 1997, en cumprimento da sentencia do Tribunal Supremo do 4 de novembro de 1996, concedida ó abeiro do artigo 3.1º b) do Real decreto 909/1978.

O Real decreto 909/1978, do 14 de abril, no seu artigo 3.1º b) establece que o número total de oficinas de farmacia en cada municipio non poderá exceder unha por cada catro mil habitantes, excepto no caso de atención a un núcleo de poboación de dous mil habitantes, alomenos, tendo en conta que a distancia respecto a outras oficinas de farmacia deberá ser de 500 ou máis metros.

A Lei 5/1999, na súa disposición transitoria segunda, establece que os expedientes de autorización de novas oficinas de farmacia iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta lei se tramitarán consonte a normativa vixente no momento da solicitude. Polo tanto, establécese o mantemento da regulación do devandito artigo 3.1º b), en tanto esteamos ante solicitudes de autorización iniciadas con anterioridade á entrada en vigor da normativa actual.

En consecuencia, deberase garantir alomenos a atención farmacéutica á poboación de dous mil habitantes, aínda que a lei autonómica non distingue entre os módulos de poboación observados na aplicación do artigo 3.1º b) e o resto de autorizacións.

Polo tanto, vense afectados os datos publicados para a zona farmacéutica de Barbadás nos anexos II (Planificación apertura de oficinas de farmacia), e III (Planificación da delimitación territorial de novas oficinas de farmacia).

Por último, vese afectada a zona farmacéutica de Redondela. En aplicación do módulo de poboación relativo ás zonas farmacéuticas semiurbanas, correspóndelle a apertura de dúas novas oficinas de farmacia , unha por módulo de poboación de 2.500 habitantes e outra por proporción de 1.500 habitantes, dado que nesta zona farmacéutica hai 29.090 habitantes segundo a última revisión do padrón municipal vixente.

As dúas oficinas de farmacia correspondentes á zona farmacéutica de Redondela aparecían incluídas, tanto nos anexos do texto do proxecto de decreto remitido a tódolos posibles interesados co fin de cumpri-lo trámite de audiencia, como no texto remitido a informe de Asesoría Xurídica Xeral. Non obstante, debido a un erro informático, a devandita zona non aparece no texto definitivo aprobado no Consello da Xunta de Galicia do 12 de setembro.

Polo tanto, vense afectados os datos publicados para a zona farmacéutica de Redondela nos anexos II (planificación apertura de oficinas de farmacia), e III (planificación da delimitación territorial de novas oficinas de farmacia).

Tendo en conta o anterior, e ó abeiro do establecido na disposición derradeira primeira da Lei galega 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, e do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, cerramento e transmisión de oficinas de farmacia, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co dictame nº 176/03 do Consello Consultivo de Galicia, do 10 de abril de dous mil tres, e despois da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintecatro de abril de dos mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os anexos I, II e III do Decreto 278/2002, do 12 de setembro, do mapa farmacéutico e delimitación territorial para a autorización de novas oficinas de farmacia conforme os módulos de poboación, no que atinxe os datos relativos ás seguintes zonas farmacéuticas:

-Ames, na área de saúde de Santiago de Compostela,-Barbadás, na área de saúde de Ourense, e-Redondela, na área de saúde de Vigo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de abril de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade