Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 24 de xuño de 2003 Páx. 8.318

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 31 de maio de 2003 pola que se establece o procedemento para autorizar nos institutos de educación secundaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a impartición de cursos e avaliación de competencias conducentes á obtención das tarxetas de profesionalidade marítima de patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente dentro de programas de garantía social.

O Real decreto 662/1997, do 12 de maio, estableceu os requisitos mínimos para o exercicio profesional de patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente, determinando que as comunidades autónomas dictarían a normativa complementaria de desenvolvemento e atribuíndo a aquelas a competencia de expedición das correspondentes tarxetas de identidade profesional náutico-pesqueira.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ten a competencia relativa ás ensinanzas de carácter náutico-pesqueiro, en virtude da cal publicou o Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira, así como a Orde do 8 de setembro de 1998 polo que se regula o procedemento para a obtención, entre outros, dos títulos de patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente na Comunidade Autónoma de Galicia.

Co marco normativo establecido nas citadas disposicións a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos implantou un sistema de impartición da formación correspondente ós títulos profesionais citados, mediante cursos organizados pola propia consellería ou por entidades colaboradoras debidamente autorizadas, estando en tódolos casos establecido que os exames finais de capacitación serán efectuados por tribunais cualificadores formados por funcionarios das escalas de profesores numerarios e mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, escalas adscritas á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Coa posta en marcha de programas de garantía social impartidos en institutos de educación secundaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria por persoal docente que está en posesión das titulacións idóneas para as ensinanzas náutico-pesqueiras, e nos que se inclúe a formación correspondente ós títulos profesionais citados, resulta necesario regular un sistema de coordinación entre ámbalas Consellerías de maneira que se facilite e simplifique a xestión e inspección da formación, así como a avaliación, tramitación e rexistro das tarxetas.

En virtude do anterior, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos

DISPÓN:

Artigo 1º.-Os Institutos de ensinanza secundaria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que impartan programas de garantía social nos que se inclúa a formación conducente á obten

ción das tarxetas de identidade profesional marítima creadas polo Real decreto 662/1997, poderán realiza-los correspondentes cursos e exames oficiais de avaliación de acordo co establecido nesta orde.

Artigo 2º.-Antes do inicio de cada curso lectivo no que se programen as actividades ás que se refire o artigo anterior, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria comunicará á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos a relación de centros nos que se vaian impartir aquelas ensinanzas profesionais, con certificación dos equipamentos didácticos dispoñibles en cada un deles e as titulacións do profesorado, que se deberán axustar ós mínimos contidos nos anexos IV e V da Orde do 8 de setembro de 1998 de Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, pola que se regula o procedemento para a obtención, entre outros, dos títulos de patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente.

Artigo 3º.-A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos á vista da comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria procederá, para os efectos do previsto no artigo 5 do Real decreto 662/1997, a notificar ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a relación de centros autorizados para a impartición de ensinanzas e exame das categorías profesionais ás que se refire a esta orde.

Artigo 4º-A duración mínima e contidos dos cursos incluídos nos programas de garantía social será a establecida con carácter xeral pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para este tipo de formación.

Artigo 5º.-Unha vez finalizado o curso a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria realizará os correspondentes exames oficiais, para o que nomeará un tribunal de acordo co establecido no anexo VIII da citada Orde do 8 de setembro de 1998 antes citada, levantando a acta, que se remitirá á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e expedindo os certificados oficiais de exame necesarios para a posterior tramitación, por parte dos interesados, da súa tarxeta profesional.

Artigo 6º.-Correspóndelle á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, a inspección das ensinanzas náutico-pesqueiras nos termos previstos no Decreto 428/1993 en relación co Real decreto 662/1997 e o seu desenvolvemento para Galicia a través da Orde do 8 de setembro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e os seus anexos.

Disposición transitoria

Os cursos de patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente que, dentro de programas de garantía social da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, estean en marcha no momento de publicarse esta orde, seralles de aplicación o aquí establecido, logo de comunicación por parte daquela consellería á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro na que se fagan consta-los institutos que as imparten, o tipo de curso e a data prevista de exame.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos