Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 29 de xullo de 2003 Páx. 9.943

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE de 17 de xullo de 2003 pola que se modifica a do 18 de novembro de 2002 pola que se procede á convocatoria para o ano 2003 de axudas encamiñadas á mellora da infraestructura enerxética de Galicia.

A Consellería de Industria e Comercio dictou a Orde do 18 de novembro de 2002 pola que se procede á convocatoria para o ano 2003 de axudas encamiñadas á mellora da infraestructura enerxética de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 230, do 28 de novembro de 2002).

A Consellería de Economía e Facenda aprobou por Resolución do 30 de xuño de 2003 unha modificación orzamentaria das partidas incluídas na dita orde, como consecuencia da circular da Comisión Europea que obrigou a unha redistribución dos fondos Feder. Por este motivo, o crédito para a anualidade 2003 da partida orzamentaria correspondente a Familias e institucións sen ánimo de lucro; fomento das enerxías renovables ten que ser diminuída.

Por outra parte, na citada disposición establécese como requisito indispensable para o libramento de axudas a presentación da documentación acreditativa do investimento realizado antes do 30 de setembro de 2003.

Tendo en conta que o elevado número de solicitudes presentadas motivou un dilatado proceso de avaliación dos proxectos e resolución dos respectivos expedientes, considérase necesario amplia-lo prazo de xustificación dos investimentos levados a cabo polos solicitantes.

En consecuencia, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifica-lo artigo 2 da orde da Consellería de Industria e Comercio do 18 de novembro de 2002, no referente ó crédito orzamentario para a anualidade 2003 da partida 08.02.631-B.780.0 Familias e institucións sen ánimo de lucro; fomento das enerxías renovables, pasando a ser de 77.008,85 A.

Artigo 2º

Amplia-lo prazo para a execución e xustificación dos investimentos ou actuacións subvencionables ó abeiro da orde da Consellería de Industria e Comercio do 18 de novembro de 2002 ata o 31 de outubro de 2003.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2003.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio