Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Xoves, 14 de agosto de 2003 Páx. 10.606

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 6 de agosto de 2003 pola que se dictan normas relativas ó recoñecemento do complemento salarial de antigüidade ó persoal laboral temporal ó servicio da Administración da Xunta de Galicia.

O cuarto convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, no seu artigo 26, establece o complemento salarial de antigüidade que, con independencia da súa categoría profesional, será percibido polo persoal laboral ó servicio desta Administración pública.

O antedito trienio, que recoñecerá a Dirección Xeral de Función Pública por delegación do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública efectuada por Orde do 11 de marzo de 2002, en aplicación da xurisprudencia do Tribunal Supremo tamén se aplicará ó persoal laboral suxeito a contratos de duración determinada.

Nesta Administración existe un importante número de traballadores/as temporais, adscritos ás distintas consellerías e con distintos réximes de prestación de servicios, coa particularidade de que, unha parte dos afectados, completan o tempo necesario para o recoñecemento dun trienio pola acumulación de períodos sucesivos prestados en distintas consellerías, dado que as persoas ocupan distintos postos, vacantes ou por substitución dos/as titulares, en virtude do sistema de lista permanentemente aberta establecido no Decreto 217/2003, do 11 de abril, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia. Esta situación dificulta a xestión dos expedientes que realiza o órgano competente para o efecto.

Para conseguir unha eficaz xestión dos expedientes de recoñecemento de trienios ó persoal laboral temporal desta Administración, evitando retrasos innecesarios na percepción do complemento por parte do persoal que completa os servicios necesarios, faise preciso dicta-las instruccións contidas na presente orde, regulando un procedemento provisional en tanto non se desenvolvan os procedementos e medios técnicos necesarios para que o recoñecemento se realice de oficio ó igual que ocorre co persoal laboral fixo.

Por isto, esta consellería, en virtude das competencias atribuídas pola Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, o IV convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, e demais normativa vixente,

DISPÓN:

Primeiro.-En aplicación do establecido no artigo 26.1º do vixente cuarto convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, recoñece

ranse ó persoal laboral con contrato de duración determinada os trienios que lles correspondan polos servicios efectivamente prestados na Administración da Xunta de Galicia, exclusivamente, como tal persoal incluído no ámbito do IV convenio.

Segundo.-Os trienios serán recoñecidos pola Dirección Xeral da Función Pública, por petición dos interesados, conforme o procedemento que se regula no artigo terceiro.

Terceiro.

1. Para aquelas persoas que presten servicios, de forma ininterrompida nunha mesma consellería durante un período de tres anos, ó completarse este, a correspondente unidade administrativa de persoal expedirá a certificación axustada ó modelo anexo I desta orde, da que lle fará entrega ó interesado que a remitirá á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, para que proceda ó seu recoñecemento.

2. Para aquelas persoas que cesen na prestación dos servicios nunha consellería sen completa-lo período de tres anos, pola correspondente unidade administrativa de persoal expedirase de oficio a mesma certificación do número 1 deste artigo, referida á data do cesamento, que se entregará ó interesado.

3. Cando un/ha traballador/a que teña prestado servicios sucesivamente en distintas consellerías e períodos de tempo complete tres anos de servicios, solicitará da Dirección Xeral da Función Pública o recoñecemento do trienio xuntando á instancia as certificacións (anexo I) orixinais nas que se detallen tales servicios.

4. A Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública recoñecerá o/s trienio/s que proceda de conformidade cos servicios prestados pola persoa, que se acumularán por orde cronolóxica. Ningún período de tempo poderá computarse máis dunha vez.

O/s período/s de tempo non computados para o recoñecemento dun trienio teranse en conta pola Dirección Xeral da Función Pública para a súa acumulación ó/s seguinte/s período/s no/s que preste servicios a persoa, de se-lo caso.

Non se terán en conta os períodos que non sexan certificados pola unidade de persoal competente, conforme o exposto nos puntos anteriores.

Cuarto.-Para o recoñecemento dos trienios, os servicios prestados a tempo parcial computaranse como se o fosen a tempo completo, e a remuneración será proporcional á establecida para os/as traballadores/as a xornada completa. Na credencial de recoñecemento do trienio, figurará a porcentaxe da contía do trienio ordinario, en atención á xornada laboral que corresponda á persoa na data en que o perfeccione, con independencia de que durante o resto do período a xornada laboral fose distinta. Os trienios perfeccionados a tempo parcial percibiranse sempre nesa contía.

Quinto.

1. O persoal laboral ó que se refire a presente orde terá dereito a percibi-los trienios expresamente recoñecidos polo órgano competente, con independencia da consellería e/ou posto de traballo no que preste servicios como persoal laboral en cada momento.

2. No momento en que o/a traballador/a cese nunha consellería, a unidade administrativa competente entregaralle o certificado dos trienios recoñecidos e a cantidade que, en concepto de complemento salarial de antigüidade, ten dereito a percibir na data do cesamento, segundo o modelo anexo II desta orde.

3. O certificado a que se refire o punto 2 deste artigo, será entregado polo/a traballador/a no servicio de persoal da consellería na que, de se-lo caso, tome posesión doutro posto de traballo, co fin de que o correspondente órgano pagador dea de alta na nómina o complemento salarial de antigüidade que lle corresponda.

Disposicións transitorias

Primeira.-Para o persoal afectado por esta orde que na actualidade preste servicios e teña recoñecidos trienios, o servicio de persoal da consellería na que estea destinado comprobará a data de vencemento do último trienio recoñecido e expedirá, cando proceda, a certificación correspondente ós servicios que acredite desde a data de vencemento ou

desde a data posterior no caso de que a persoa teña os servicios interrompidos.

Segunda.-No suposto de que a persoa con posterioridade ó último recoñecemento acredite distintos períodos de tempo en distintas consellerías solicitará de cada unha delas o certificado axustado ó anexo I desta orde e solicitará, no seu momento, o recoñecemento do trienio á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase impugnar directamente perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contado desde a mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

ANEXO II

D/Dª... (1).

Certifica que D/Dª..., con DNI nº..., prestou servicios nesta consellería como persoal laboral temporal ata o seu cesamento o día...

Na data do cesamento acredita os seguintes extremos:

a) Nº de trienios recoñecidos como persoal laboral temporal da Administración da Xunta de Galicia:...

b) En concepto de complemento salarial de antigüidade percibiu a cantidade íntegra de... euros/mes.

Para que así conste e por petición do interesado, expido a presente certificación en..., ... de... de...

(1) Cargo do/a funcionario/a que certifica.