Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Venres, 10 de outubro de 2003 Páx. 12.658

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2003, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 372 que afecta o monte Pedra da Mostra e Cova da Loba, do lugar de Gándara, parroquia de Vimianzo, concello de Vimianzo.

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o 29 de abril de 2003, adoptou o seguinte acordo:

Reunido o xurado, baixo a presidencia do delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente da Coruña, José Manuel Álvarez-Campana Gallo, procédese a estudiar e resolve-lo seguinte expediente:

Expediente: nº 372.

Monte: Pedra da Mostra e Cova da Loba.

Comunidade: lugar de Gándara.

Parroquia: Vimianzo.

Concello: Vimianzo.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 22 de decembro de 2000, varios veciños residentes no lugar de Gándara na parroquia de Vimianzo do concello de Vimianzo, soli

citaron a declaración como veciñal do monte Pedra da Mostra e Cova da Loba coas seguintes características:

Superficie: 40 ha.

Lindeiros: norte: monte veciñal en man común de Pasantes; leste: Coto da Gándara; sur: monte veciñal en man común de Ogas e Prado do Rei; oeste: montes veciñais en man común de Montecelos, de Cures e Mouzo.

Segundo.-Con data do 10 de maio de 2001 o xurado acordou inicia-lo oportuno expediente, nomeando instructor a Juan Ramón Beneyto Bellas. Realizouse a instrucción do expediente librando mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Corcubión, e expedindo mandamentos ó Concello de Vimianzo, e ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente da Coruña, así como a preceptiva publicación de edictos no Diario Oficial de Galicia e taboleiro de anuncios do Concello de Vimianzo, para os efectos de que tódalas persoas interesadas no expediente realizaran as manifestacións que tiveran por conveniente.

Terceiro.-Os promotores do expediente de cualificación do monte como veciñal fundamentan a súa pretensión en que desde tempo inmemorial veñen aproveitando o monte en réxime de comunidade sen asignación de cota. Presentan como proba documental do manifestado copia de acta de manifestacións ante notario onde se afirma que os veciños do lugar de Gándara veñen aproveita-lo monte en réxime de comunidade. Achegan tamén copias de cotas de partición de montes nos que hai referencias á lindancia co monte veciñal de Gándara.

Cuarto.-Con data do 10 de decembro de 2002 a Comunidade do monte veciñal en man común de Ogas presenta alegacións ó expediente nas que se opón a cualificación manifestando que o monte solicitado polos promotores é parte do antigo monte de Sange e Cortiñal. Argumentan que este monte foi obxecto de litixio ante a xurisdicción civil nun preito promovido pola empresa Ence contra os veciños das comunidades de Cures e Mouzo, Brives, A Valiña, As Pasantes, A Toxa e Ogas. Achegan copia da sentencia recaída no preito, dictada polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Corcubión, non constando como parte interesada a comunidade do lugar de Gándara.

Achegan, de igual xeito, copias do plano do monte obxecto da demanda e do bosquexo correspondente ó informe pericial practicado no pleito, que reflicte o deslindamento dos montes das respectivas comunidades intervinientes no litixio. Nos citados planos, que foron aceptados como válidos no xuízo, constátase que o monte solicitado polos promotores da cualificación está incluído na súa maior parte no monte da comunidade de Ogas.

Quinto.-O distrito forestal manifesta no informe achegado ó expediente que a superficie solicitada

polos promotores para a súa cualificación como veciñal ten sido declarada na súa totalidade como parte integrante do monte veciñal de Ogas.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Mán Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer deste expediente segundo o disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-O expediente tramitouse segundo o preceptuado na Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu Regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro.

Terceiro.-Para que un monte se poida cualificar como veciñal en man común, segundo o que dispón a Lei 13/1989, do 10 de outubro, debe de reuni-las seguintes características: 1) Que pertenza a unha agrupación de veciños na súa calidade de grupo social e non como entidade administrativa. 2) Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros. 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte.

Cuarto.-En virtude do exposto, é preciso analizar en primeiro lugar se se cumpre a premisa de que o monte pertenza á comunidade que solicita a súa cualificación, e neste sentido hai que dicir que o xurado cualificou, con data do 20 de xullo de 1981, o monte de Ogas como veciñal en man común, establecendo a lindancia do monte de Ogas co monte da comunidade das Pasantes.

Por outra banda, os promotores inclúen na súa solicitude como pertencentes á comunidade da Gándara determinados lugares tales como Fonte do Mixirico, Caseta da Mina, Monte Faro e Mosqueiro, que na resolución do Xurado de 1981 aparecen como de pertenza á comunidade de Ogas.

Así mesmo, do exame dos planos achegados pola comunidade de Ogas resulta que o monte solicitado polos promotores está incluído na súa maior parte na comunidade de Ogas.

Polo exposto, á vista da documentación que consta no expediente, da propia resolución do Xurado de 1981 e do informe do Servicio de Montes e Industrias Forestais da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente da Coruña, non se pode considerar acreditado que o monte que se pretende cualificar sexa da pertenza dos veciños que promoven a súa cualificación, co que non se cumpriría a primeira premisa para a cualificación do monte como veciñal.

Por todo o exposto, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos expostos e da proposta do instructor, e atendendo a que non se está a cumpri-la primeira premisa establecida pola lei para que un

monte sexa cualificado como veciñal en man común e non entrando, polo tanto no estudio das outras dúas condicións indispensables exixidas pola normativa,

Acorda non cualificar como veciñal o monte denominado Pedra da Mostra e Cova da Loba.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o xurado ou recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

A Coruña, 11 de xullo de 2003.

Visto e prace

Ana Mª Díaz López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

J. Manuel Álvarez-Campana Gallo

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común da Coruña