Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a continuación se detalla:
Solicitante: Engasa.
Domicilio social: Londres, 11 baixo, 15707 Santiago de Compostela.
Denominación: L.M.T. de evacuación enerxía central h. río Umia.
Situación: concellos da Estrada e Cuntis.
Descricións técnicas: L.M.T. a 20 kV de 8.208 m de lonxitude, 270 deles subterráneos con conductor R.H.Z. de 18/30 kV 150 milímetros cadrados de sección en aluminio e 7.938 de liña aérea con conductor LA-110, sobre apoios de formigón e metálicos, con orixe na central hidroeléctrica do Umia e remate na liña de Unión Fenosa LES 808 da subestación da Estrada a Codeseda, pasando polos concellos de Cuntis e A Estrada.
Realizada a información pública e a notificación individual a cada un dos propietarios afectados presentáronse as seguintes alegacións:
Alejandro Eirín Corbacho, propietario do predio 66, alega que, posuíndo dous predios, ambos poden estar afectados pola liña sen que estean na relación de afectados. Engasa comunica que ambos predios están afectados, polo que se lle notifica ó alegante a afección do novo predio, identificado co nº 733.
Alfonso Chao Castro, propietario do predio 33, alega que aliña discorre a menos de 5 m dunha nave da súa propiedade e por encima do transformador que a alimenta. Engasa alega o cumprimento das distancias de seguridade, o que, transmitido ó alegante, este se reafirma nas súas manifestacións.
Josefina Pereira Rivas (predios 103, 69 e 58), Carmen Eirín Corbacho (predio 197), Emilia Vilaboa Rivas (predios 1134, 673, 487 e 484), Raquel Eirín Corbacho (predio 152), Ángeles Eirín González (predios 341, 357 e 52) e Alfonso Lisardo Caeiro García (predios 109, 102 e 85), alegan individualmente pero co mesmo contido: que a liña debe ser enterrada por motivos de saúde, medioambientais, aproveitamento forestal, etc., que o artigo 161 do R.D. 1955/2000, establece que a liña debe ir por terreos de dominio, uso ou servicio público, o que, neste caso, se pode realizar por terreos da deputación. Que neste momento se está a proceder á contratación parcelaria polo que, de facerse, pode supoñer un prexuízo no reparto de propiedades. Solicitan que se denegue a declaración de utilidade pública e autorización.
Notificada a compañía, esta indica que non existen razóns técnicas nin legais que xustifiquen realizar subterránea a liña salvo a Lei 9/2002, de ordenación do territorio para certos terreos. Tampouco razóns de saúde e medioambientais xa que os valores dos campos que se producen son moi inferiores ós valores naturais. Que en canto á aplicación do artigo 161, xa que considerou levando a traza polos sitios menos prexudiciais, o que levou consigo o aumento de lonxitude en 1.300 m, que a liña non pode ocupar ou ir paralela a estradas, e non se propuxo unha traza alternativa. Respecto da concentración parcelaria, que esta se iniciou no ano 1972, e a súa tramitación ainda está na fase inicial polo que non se pode esperar á súa terminación, e que a servidume será tida
en conta no reparto que se realice. A empresa solicita que se desestimen as alegacións.
Comunicado ós alegantes, Josefina Pereira e Emilia Vilaboa alegan a existencia de diversos estudios, informes e recomendacións realizados por organismos públicos e privados sobre a afección á saúde deste tipo de liñas e a necesidade de que sexan enterradas. Que a liña pasa a menos de 300 m de casas nos lugares de Torreboredo e Abragán, polo que debe desestimarse a solicitude.
Con independencia do anterior, Raquel Eirín Corbacho indica se-la propietaria dos predios 151, 153 e 344, afectados pola liña, o que confirma Engasa e notificado a Raquel Eirín, esta non presenta ningunha outra alegación.
Ángeles Eirín González, que inicialmente non figuraba na lista de afectados, alega se-la propietaria dos predios 341, 357 e 52, o que confirma Engasa e se notifica a Ángeles, que non alega.
Alfonso Lisardo Caeiro García alega que o predio relaciondo co nº 107 e que aparece a nome de José López García é da súa propiedade. Engasa recoñece o erro, o que se notifica a Alfonso Lisardo que non alega.
Considerando que as alegacións relativas a erros na determinación de predios afectados foron recoñecidos por Engasa e realizado a notificación preceptiva ós afectados, estes non alegaron.
Considerando que as xustificacións que se indican para a aplicación do artigo 161 do R.D. 1955/2000, non son suficientes, xa que se limitan a copia-lo primeiro parágrafo, peron non aqueles que indican unha limitación na lonxitude, altura e custo do tramo que se vai variar, nin se propuxo traza alternativa ningunha.
Considerando que os estudios, recomendacións, etc. que propoñen para que a liña sexa subterránea non son regulamentos ou directivas comunitarias traspostas á lexislación española, nin regulamentos nacionais de obrigado cumprimento, e por outro lado cúmprese coa Lei 9/2002, de ordenación do territorio, non existe causa suficiente que obrigue a compañía a instalar enterrada a liña, salvo nos tramos a que afecte á lei.
Respecto a que nos concellos Narón e Padrón se transformasen en soterrado liñas aéreas existentes, non hai nada que o impida se a compañía distribuidora está de acordo.
En canto á posibilidade de que a liña afecte a un núcleo rural, será o concello, ó que se lle envía unha separata do proxecto, quen debe indicalo, o que non ocorreu. Que a liña pase a menos de 300 m de casas e perfectamente regulamentario.
A resolución A3/0238/94, do Parlamento Europeo inclúese na servidume que se impón.
Os informes que se acompañan refírense a liñas de transporte, é dicir, de 220 kV ou superiores, o que non ten nada que ver cunha liña a 20 kV.
En canto ó problema derivado da concentración parcelaria, será o órgano que a leva a cabo o que deba considera-la existencia da liña para os efectos da distribución e valoracións dos predios.
Respecto das alegacións de Alfonso Chao Castro, el Decreto 3151/1968 que aproba o Regulamento de liñas eléctricas aéreas de alta tensión, establece no seu artigo 35 as distancias de seguridade esixibles, que Engasa manifesta cumprir, polo que salvo que se incumpran na montaxe, non poden considerarse.
Polo tanto, cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, e nos capítulos II e V do R.D. 1955/2000, esta delegación provincial resolve:
Autorizar, declarar, en concreto, a utilidade pública da instalación e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita os bens afectados, así como a aprobación do proxecto de execución das devanditas instalacións, nas que as características se axustarán en tódalas súas partes ás que figuran neste e as condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan nos expedientes.
O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do R.D. 1955/2000, será de vintecatro meses a partir da recepción da presente resolución. Para efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.
Contra a presente resolución, poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que estime pertinente ó seu dereito.
Pontevedra, 14 de outubro de 2003.
Carmen Bianchi Valcarce
Delegada provincial de Pontevedra

