Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Mércores, 24 de decembro de 2003 Páx. 15.993

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

DECRETO 444/2003, do 18 de decembro, de traspaso do Instituto Nacional de Educación Física de Galicia (INEFG) á Universidade da Coruña.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, recoñécelle á nosa comunidade a competencia exclusiva en materia de promoción do deporte e a axeitada utilización do ocio e en materia educativa, conforme se establece nos seus artigos 27.22º e 32 respectivamente. Por outra banda, a través dos reais decretos 2434/1982, do 24 de xullo, e 3356/1983, do 28 de decembro, traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia tódalas funcións e servicios en materia de educación.

En relación ás materias sinaladas, o Decreto 323/1986, do 30 de outubro, creou como centro docente en materia físico-deportiva, o Instituto Nacional de Educación Física de Galicia, adscribíndoo á Consellería de Cultura e Benestar Social da Xunta de Galicia e vinculándoo á Universidade de Santiago de Compostela para efectos académicos.

Posteriormente, a Consellería de Cultura e Benestar Social suscribiu sendos convenios co Consello Superior de Deportes, 18 de setembro de 1986, e coa Deputación Provincial da Coruña, 24 de febreiro de 1987, co fin de financiar e desenvolve-lo Instituto Nacional de Educación Física de Galicia situado en Bastiagueiro, termo municipal de Oleiros, provincia da Coruña.

En virtude do Decreto 3/1990, do 11 de xaneiro, de segregación de centros e servicios da universidade de Santiago de Compostela ás novas Universidades da Coruña e Vigo, o Instituto Nacional de

Educación Física de Galicia queda segregado á Universidade da Coruña como centro propio e adscrito.

Pola súa parte o Real decreto 1423/1992, do 27 de novembro, polo que se dispón a incorporación das ensinanzas de educación física á universidade prevé, na súa disposición transitoria primeira, que a Administración competente poderá proceder á integración dos actuais institutos de educación física nos que se imparten as ensinanzas de Educación Física nas universidades que corresponda, logo de acordo destas e cumpridos os requisitos legais.

En sucesivas actuacións adecuáronse as condicións laborais do profesorado no marco dos sucesivos convenios colectivos únicos para o persoal laboral da Xunta de Galicia. Proceso que foi iniciado a través do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 22 de outubro de 1993, polo que se homologaron as retribucións dos profesores do INEF coas do profesorado titular da Universidade da Coruña.

Posteriormente, mediante Orde do 7 de agosto de 2002, convocáronse os procesos selectivos para o ingreso no corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, grupo A, escala de profesores do INEF de Galicia, finalizando así o proceso de adecuación do persoal docente.

Transcorrido o tempo necesario para a referida adecuación, e unha vez acometidas as actuacións necesarias en materia de persoal para homologa-las singularidades derivadas do réxime xurídico do INEF de Galicia ás propias da Universidade da Coruña, procede dispoñe-lo traspaso do Instituto Nacional de Educación Física de Galicia á Universidade da Coruña.

Na súa virtude, logo de conformidade dos órganos de goberno da Universidade da Coruña e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de decembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Traspásase o Instituto Nacional de Educación Física de Galicia (en adiante INEFG) á Universidade da Coruña.

2. O citado instituto seguirá albergando os mesmos estudios que actualmente se imparten, conducentes ó título de licenciado en ciencias da actividade física e do deporte.

Artigo 2º.-Persoal docente.

1. O profesorado funcionario da Xunta de Galicia procedente da escala de profesores do INEFG, que se recolle no anexo I, transfírese coas súas propias prazas e continuarán pertencendo á referida escala de orixe, quedando na Comunidade Autónoma de Galicia na situación administrativa que legalmente lles corresponda.

2. O profesorado funcionario interino que ocupa prazas da escala de profesores do INEFG que se relaciona no anexo II pasará a prestar servicios na Universidade da Coruña, na mesma situación administrativa e circunstancias que se especifican nos seus expedientes persoais.

3. O citado persoal percibirá as súas retribucións da Universidade da Coruña, sen que en ningún caso poidan sufrir ningunha mingua nas retribucións que viñan percibindo ata o de agora, consideradas estas de xeito global.

Artigo 3º.-Persoal de administración e servicios.

1. O persoal funcionario de administración e servicios, relacionado no anexo III, pasará a prestar servicios na Universidade da Coruña. O dito persoal seguirá pertencendo ós seus corpos ou escalas de orixe, sendo declarados na Comunidade Autónoma de Galicia na situación administrativa que legalmente lles corresponda.

2. O persoal laboral de administración e servicios relacionado no anexo IV pasará a prestar servicios na Universidade da Coruña, de conformidade co disposto no artigo 44 do Estatuto dos traballadores. O persoal que teña condición de laboral fixo será declarado na Comunidade Autónoma de Galicia na situación administrativa que legalmente lle corresponda.

3. O citado persoal percibirá as súas retribucións da Universidade da Coruña, sen que en ningún caso poidan sufrir ningunha mingua nas retribucións que viñan percibindo ata o de agora, consideradas estas de xeito global.

Artigo 4º.-Postos de traballo vacantes que se traspasan.

Os postos de traballo vacantes que se traspasan son os que figuran no anexo V.

Artigo 5º.-Bens, dereitos e medios materiais que se traspasan.

1. Aféctase o cumprimento das funcións da Universidade da Coruña os bens, dereitos e medios materiais adscritos ó INEFG, que se relacionan no anexo VI que, en virtude do disposto no artigo 80.2º da Lei orgánica de universidades 6/2001, do 21 de decembro, pasan a ser titularidade da universidade.

A relación dos bens mobles figura no inventario realizado pola Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, entregado á Universidade da Coruña e conformado por esta.

2. A Universidade da Coruña subrogarase nos contratos e convenios subscritos pola Xunta de Galicia en relación co INEFG, sen prexuízo da denuncia facultativa destes nos termos previstos pola lexislación vixente.

Artigo 6º.-Valoración das cargas financeiras das funcións e servicios que se traspasan.

1. A valoración definitiva do custo efectivo anual dos servicios traspasados, referidos ó ano 2003, elévase a 2.691.137,41 A, consonte a seguinte distribución:

Capítulo I: 2.465.728,11 A.

Capítulo II: 225.409,30 A.

Total: 2.691.137,41 A.

2. O financiamento do citado custo actualizarase en cada exercicio, no que respecta ó capítulo I, por aplicación da porcentaxe de incremento retributivo consignado na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o persoal ó seu servicio, e no que se refire ó capítulo II, provisionalmente, conforme a previsión de evolución do IPC, realizándose a liquidación dese importe unha vez coñecido o dato definitivo facilitado polo Instituto Galego de Estatística.

3. A transferencia dos fondos á Universidade da Coruña efectuarase por doceavas partes do importe total financiado en cada exercicio.

Disposición adicional

Única.-A Comunidade Autónoma de Galicia remitiralles ós órganos competentes da Universidade da Coruña copia de tódolos expedientes relativos ó persoal traspasado, así como os certificados de haberes referidos ás cantidades devengadas durante o ano 2003.

Disposición transitoria

Única.-A universidade asumirá tódalas obrigas contraídas con posterioridade á entrada en vigor deste decreto.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 402/1991, do 22 de novembro, polo que se regulan os órganos de goberno do Instituto Nacional de Educación Física de Galicia (DOG nº 240, do 12 de decembro), así como tódalas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-No marco da lexislación vixente, a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado e a Universidade da Coruña adoptarán as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o 31 de decembro de 2003.

Santiago de Compostela, dezaoito de decembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e

Voluntariado

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA