Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 29 de decembro de 2003 Páx. 16.180

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 9/2003, do 23 de decembro, de medidas tributarias e administrativas.

Forman parte desta lei un conxunto de medidas que desde diversos ámbitos e con diferentes graos de implicación inciden no desenvolvemento das políticas instrumentadas por medio dos orzamentos do ano 2004, aínda que os seus efectos se estenderán máis alá da vixencia temporal destes últimos. A ese respecto, o carácter permanente da maior parte das disposicións da lei garda concordancia coa natureza e a orientación plurianual, e en moitos casos recorrente, de moitos dos obxectivos perseguidos pola Xunta de Galicia a través da execución dos seus orzamentos.

Con esa pretensión de complementariedade aparecen recollidas en títulos e capítulos diferenciados unha serie de disposicións, nalgúns casos de carácter fiscal, cunha clara incidencia económica e financeira, e noutros correspondentes ó ámbito administrativo, que abranguen aspectos que van desde a

ordenación da función pública e da xestión orzamentaria ata a regulación do comercio interior, e que corresponden en cada caso a competencias que nas respectivas materias ten atribuídas a Comunidade Autónoma.

No título I, destinado ás normas tributarias, e polo que respecta ó imposto sobre sucesións e doazóns, establécese unha importante mellora nas reduccións da base impoñible do imposto nos casos de adquisicións mortis causa que afectan os descendentes ou adoptados menores de vinteún anos. Por outra parte, determínanse os diferentes coeficientes multiplicadores aplicables á cota íntegra do imposto en función da contía do patrimonio preexistente e establécese unha reducción na base impoñible cando nela se integren as indemnizacións satisfeitas polas administracións públicas ós herdeiros dos afectados pola síndrome tóxica.

No tocante ó imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, establécese o tipo de gravame aplicable ás primeiras copias de escrituras que documenten transmisións de bens inmobles nas que se teña renunciado á exención do IVE. Por outra parte, determínanse as bonificacións aplicables na cota do imposto en dous supostos diferentes: o primeiro, no caso de contratos que conteñan transmisións de bens para a construcción de parques empresariais ou actuacións de obra nova que se executen sobre leiras situadas neles, dentro dos concellos incluídos no Plan de dinamización económica de Galicia, e o outro, no caso de primeiras copias e actas notariais referentes a determinados actos xurídicos -transmisión de predios, declaracións de obra nova e outros- desenvoltos en relación con vivendas de protección autonómica.

Particularmente salientable resulta o establecemento do tipo de gravame autonómico aplicable ó imposto sobre as vendas minoristas de determinados hidrocarburos, que se afecta ó financiamento de servicios sanitarios e ambientais. Respecto da utilización que fai a Comunidade Autónoma das súas competencias normativas, hai que indicar que o gravame non se estende a tódalas clases de hidrocarburos posibles, nin tampouco se esgota, en tódolos que son obxecto de gravame, a capacidade impositiva dispoñible.

Dentro do capítulo de taxas, a modificación dos tramos de base impoñible sobre os que se aplica o tipo de gravame, polo que respecta á taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar aplicable ós casinos, e a modificación das cotas fixas aplicables ás máquinas recreativas pechan o contido das normas tributarias desta lei.

Xa dentro do título II, dedicado ás normas de carácter administrativo, o capítulo I contén diversas modificacións da Lei da función pública de Galicia en materia de adscrición a postos de traballo, vacacións, permisos e reserva de prazas para discapacitados, que na súa maior parte recollen aspectos que se considera procedente incorporar á normativa

autonómica na medida na que representan un tratamento máis favorable para o persoal respecto da situación preexistente.

No capítulo destinado á xestión orzamentaria recóllese unha modificación da Lei de réxime financeiro e orzamentario para facer extensiva ás sociedades públicas autonómicas de carácter non mercantil a posibilidade de xestionar extra orzamentariamente as operacións sobre as que se limiten a realizar labores de intermediación, en todo caso logo de autorización singularizada concedida polo órgano competente.

No referente á xestión de persoal, autorízase o Servicio Galego de Saúde para que poida efectua-las modificacións necesarias para adapta-los cadros de persoal non incluídos nas relacións de postos de traballo ás necesidades de cada centro de xestión, sempre que non se orixine un incremento do gasto.

Noutro capítulo desta lei aparecen recollidas diversas modificacións da Lei de ordenación do comercio interior de Galicia, necesarias nalgúns casos para a súa adaptación ó previsto en materia de concesión de licencias para grandes establecementos comerciais na normativa estatal de carácter básico, e noutros para actualiza-la contía das multas establecidas para os casos de infracción.

Pola súa banda, a modificación introducida na Lei de concentración parcelaria de Galicia, en relación coa presidencia das xuntas locais de concentración, ten por obxecto evita-los riscos de colisión anteriormente existentes coa doutrina do Tribunal Constitucional sobre a competencia exclusiva que respecto da asignación de funcións non xurisdiccionais ós xuíces lle corresponde ó Estado.

A redistribución de competencias orgánicas entre a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e o antigo Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, derivada da aprobación do Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, en virtude da cal parte das funcións do instituto pasou a desempeñalas a consellería, determina a conveniencia de modifica-los órganos de dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria, denominación que como consecuencia do establecido na Lei 7/2002, do 27 de decembro, pasou a corresponderlle ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

Modifícase igualmente a Lei galega da familia, da infancia e da adolescencia, en relación cos requisitos esixibles para efectos da valoración da idoneidade dos solicitantes, nos casos de adopción internacional, por razóns de coherencia e en interese do menor.

Para reforza-los criterios tendentes a evitar distorsións no desenvolvemento dos concursos, modifícase a Lei de declaración de servicio público do transporte de viaxeiros na ría de Vigo, no que respecta ós factores que se deben valorar no proceso de adxudicación das concesións dese servicio.

Finalmente, dentro das disposicións adicionais, e da mesma forma que no ano anterior, abórdase o establecemento dunha prestación familiar por coidado de fillos menores, que se aplicará cando os que os tivesen ó seu cargo non estivesen obrigados a presenta-la declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas, así como a autorización dun réxime especial de alleamento de solo industrial por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo con finalidades de fomento empresarial, e autorízase por outra parte o acceso ó corpo de profesores de música, a través dunha quenda especial, do profesorado que prestaba servicios como persoal laboral fixo nos conservatorios de grao medio no momento no que foron integrados na rede pública da Comunidade Autónoma.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgou en nome de El-Rei a Lei de medidas tributarias e administrativas.

Título I

Normas tributarias

Capítulo I

Impostos directos

Artigo 1. Reduccións na base impoñible do imposto sobre sucesións e doazóns.

1. De acordo co establecido no artigo 20.1 da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, nas adquisicións mortis causa, incluídas as dos beneficiarios de pólizas de seguro, mellóranse as reduccións ás que se refire a letra a) do artigo 20.2, no correspondente ó grupo I, que serán as seguintes:

Grupo I: adquisicións por descendentes e adoptados menores de vinteún anos, 1.000.000 de euros, máis 100.000 euros por cada ano menos de vinteún que teña o habente-causa.

2. De acordo co establecido no artigo 20.1 da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, establécese a seguinte reducción por circunstancias propias da Comunidade Autónoma de Galicia:

Cando na base impoñible dunha adquisición mortis causa se integren indemnizacións satisfeitas polas administracións públicas ós herdeiros dos afectados pola síndrome tóxica, practicarase unha reducción do 99% sobre os importes percibidos, con independencia das outras reduccións que procedesen, tendo esta carácter retroactivo.

Artigo 2. Cota tributaria do imposto sobre sucesións e doazóns.

De acordo co establecido no artigo 22.1 da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, no caso de adquisicións mortis causa, incluídas as cantidades percibidas polos bene

ficiarios de seguros sobre a vida que se acumulen ó resto de bens e dereitos que integran a porción hereditaria do beneficiario, o coeficiente multiplicador aplicable á cota íntegra en función da contía do patrimonio preexistente para o grupo I será:

Patrimonio preexistenteGrupo I

Euros

De 0 a 402.678,110,0100

De máis de 402.678,11 a 2.007.380,430,0200

De máis de 2.007.380,43 a 4.020.770,980,0300

Máis de 4.020.770,980,0400

Capítulo II

Impostos indirectos

Artigo 3. Tipo de gravame na modalidade de actos xurídicos documentados que recae sobre os documentos notariais nos que se renuncia á exención do IVE.

De acordo co disposto no artigo 31.2 do texto refundido da Lei do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1993, do 24 de setembro, nas primeiras copias de escrituras que documenten transmisións de bens inmobles nas que se renunciase á exención do imposto sobre o valor engadido, tal e como se prevé no artigo 20.Dous da Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido, o tipo de gravame será do 2%.

Artigo 4. Bonificacións na cota do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

No exercicio das competencias atribuídas no artigo 41.1.b) da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía, establécense as seguintes bonificacións na cota:

1. Bonificación do 50% da cota na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas e na de actos xurídicos documentados polos actos e contratos que conteñan transmisións de terreos para a construcción de parques empresariais e as agrupacións, agregacións, segregacións ou declaracións de obra nova que se realicen sobre leiras situadas nestes, sempre que estes parques empresariais sexan consecuencia do Plan de dinamización económica de Galicia previsto para as áreas da Costa da Morte ou de dinamización prioritaria de Lugo e Ourense.

2. Bonificación do 50% na cota da modalidade de actos xurídicos documentados, tocante ó gravame gradual, polas primeiras copias de escrituras e actas notariais en canto conteñan os seguintes actos ou contratos relacionados con vivendas de protección autonómica que non gocen de exención:

a) Transmisión de predios e cesión do dereito de superficie para a súa construcción.

b) Declaracións de obra nova e constitución de edificios en réxime de propiedade horizontal.

c) Primeira transmisión inter vivos do dominio de vivendas.

Para o recoñecemento do beneficio en relación coa transmisión dos predios e a cesión do dereito de superficie abondará con que se consigne no documento que o contrato se outorga coa finalidade de construír vivendas de protección autonómica e quedará sen efecto se transcorresen tres anos a partir do devandito recoñecemento sen que obteña a cualificación provisional.

O beneficio entenderase concedido con carácter provisional e condicionado ó cumprimento dos requisitos que en cada caso esixan as disposicións vixentes para esta clase de vivendas.

Artigo 5. Tipo de gravame no imposto sobre as vendas minoristas de determinados hidrocarburos.

De acordo co establecido no artigo 44 e na disposición transitoria terceira da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía, o tipo de gravame autonómico ó que fai referencia o artigo 9.Dez.3 da Lei 24/2001, do 27 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social, aplicable á Comunidade Autónoma de Galicia no imposto sobre as vendas minoristas de determinados hidrocarburos, será o seguinte:

a) Gasolinas: 24 euros por 1.000 litros.

b) Gasóleo de uso xeral: 12 euros por 1.000 litros.

c) Fuel: 1 euro por tonelada.

d) Queroseno de uso xeral: 24 euros por 1.000 litros.

No pechamento de cada exercicio, a Consellería de Economía e Facenda elaborará unha memoria acreditativa na que se reflicta que os rendementos derivados deste imposto quedaron afectados na súa totalidade ó financiamento de gastos de natureza sanitaria ou ambiental.

Capítulo III

Taxas

Artigo 6. Taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar.

No uso das competencias atribuídas pola Lei 18/2002, do 1 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e das condicións da devandita cesión, e consonte o disposto na letra c) do apartado 1 do artigo 42 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía, modifícanse os tipos de gravame e as cotas fixas da taxa sobre xogos

de sorte, envite ou azar, no sentido que a continuación se indica:

1. Nos casinos de xogo aplicarase a seguinte tarifa:

Porción de base impoñibleTipo aplicable

comprendida entre eurosda porcentaxe

Entre 0 e 1.500.922,8622

Entre 1.500.922,87 e 2.483.345,0438

Entre 2.483.345,05 e 4.953.044,5249

Máis de 4.953.044,5260

2. Nos casos de explotación de máquinas ou aparellos automáticos aptos para a realización dos xogos, a cota determinarase en función da clasificación das máquinas realizada pola Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, segundo as normas seguintes:

A) Máquinas tipo A especial:

Cota anual: 500 euros.

B) Máquinas tipo B ou recreativas con premio.

a) Cota anual: 3.380 euros.

b) Cando se trate de máquinas ou aparellos automáticos tipo «B», nos que poidan intervir dous ou máis xogadores de forma simultánea e sempre que o xogo de cada un deles sexa independente do realizado por outros xogadores, serán aplicables as seguintes cotas:

-Máquinas ou aparellos de dous xogadores: dúas cotas de acordo co previsto na letra a).

-Máquinas ou aparellos de tres ou máis xogadores: 6.920 euros máis o resultado de multiplicar por 2.788 o producto do número de xogadores polo prezo autorizado para a partida.

-Máquinas ou aparellos de tres ou máis xogadores: 6.920 euros máis o resultado de multiplicar por 2.788 o producto do número de xogadores polo prezo autorizado para a partida.

C) Máquinas tipo C ou de azar.

Cota anual: 4.932 euros.

No caso de modificación do prezo máximo de 0,20 euros autorizado para a partida en máquinas de tipo «B» ou recreativas con premio, as cotas tributarias establecidas na letra B) anterior incrementaranse en 68,12 euros por cada 0,04 euros no que se incremente o novo prezo máximo autorizado.

Se a modificación se producise con posterioridade ó devengo da taxa, os suxeitos pasivos que exploten máquinas con permisos de data anterior a aquela na que se autorice a suba deberán autoliquidar e ingresa-la diferencia de cota que corresponda na forma e nos prazos que determine a Consellería de Economía e Facenda.

Malia o previsto no parágrafo anterior, a autoliquidación e o ingreso serán só do 50% da diferencia se a modificación do prezo máximo autorizado para a partida se produce despois do 30 de xuño.

Título II

Normas administrativas

Capítulo I

Función pública

Artigo 7. Relación de postos de traballo. Modificación da Lei da función pública de Galicia.

Modifícase a letra b) do apartado 1 do artigo 25 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactada como segue:

«b) Denominación, tipo e sistema de provisión».

Artigo 8. Adscrición a postos de traballo. Modificación da Lei da función pública de Galicia.

Engádeselle un novo apartado 7 ó artigo 27 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, coa seguinte redacción:

«7. A Administración da Xunta de Galicia poderá adscribi-los funcionarios a postos de traballo en distinta unidade ou localidade, logo de solicitude baseada en motivos de saúde ou rehabilitación do funcionario, do seu cónxuxe ou dos fillos ó seu cargo, con informe previo do servicio médico oficial legalmente establecido e condicionado a que existan postos vacantes con asignación orzamentaria, a que o nivel de complemento de destino e específico non sexa superior ó do posto de orixe e a que se reúnan os requisitos para o seu desempeño. Esta ascrición terá carácter definitivo cando o funcionario ocupase con tal carácter o posto de orixe».

Artigo 9. Excedencia por coidado de fillos ou familiares. Modificación da Lei da función pública de Galicia.

Engádeselle un novo parágrafo ó artigo 55.4 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, coa seguinte redacción:

«No caso da excedencia prevista no parágrafo primeiro deste apartado, o dereito á reserva do posto de traballo durante o primeiro ano ó que se refire o parágrafo anterior estenderase ata un máximo de quince meses cando se trate de membros de unidades familiares que teñan recoñecida a condición de familia numerosa de categoría xeral e ata un máximo de dezaoito meses se teñen a condición de familia numerosa de categoría especial».

Artigo 10. Vacación retribuída. Modificación da Lei da función pública de Galicia.

Modifícase o artigo 69 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactado como segue:

«1. Os funcionarios terán dereito a gozar, durante cada ano completo de servicio activo, unha vacación retribuída dun mes, ou os días que en proporción lles correspondan se o tempo de servicio foi menor».

«2. Así mesmo, terán dereito a un día hábil adicional ó cumprir quince anos de servicio e engadirase un día hábil ó cumpri-los vinte, vintecinco e trinta anos de servicio, respectivamente, ata un máximo de catro. Non se considerarán como días hábiles

os sábados, sen prexuízo das adaptacións que se establezan para os horarios especiais».

Este dereito farase efectivo a partir do ano natural seguinte ó do cumprimento dos anos de servicio sinalados no parágrafo anterior.

«3. O calendario de vacacións elaborarase anualmente e nel teranse en conta as necesidades dos servicios, oídos os órganos de representación dos funcionarios».

Artigo 11. Permisos. Modificación da Lei da función pública de Galicia.

Un.-Modifícase a letra a) do apartado 1 do artigo 70 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactada como segue:

«a) Polo nacemento, acollemento ou adopción dun fillo e polo falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar dentro do primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, tres días hábiles cando o suceso se produza na mesma localidade e cinco días hábiles cando sexa en distinta localidade».

«Cando se trate do falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar dentro do segundo grao de consanguinidade ou afinidade, o permiso será de dous días hábiles cando o suceso se produza na mesma localidade e de catro días hábiles cando sexa en distinta localidade».

Dous.-Engádeselle unha nova letra g) ó apartado 1 do artigo 70 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda coa seguinte redacción:

«g) As funcionarias embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto, polo tempo necesario para a súa práctica e logo de xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada de traballo».

Tres.-Modifícase o apartado 4 do artigo 70 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactado como segue:

«4. No suposto de parto, a duración do permiso será de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliables no caso de parto múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo. O permiso distribuirase a opción da funcionaria sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto. No caso de falecemento da nai, o pai poderá facer uso da totalidade ou, de se-lo caso, da parte que reste do permiso».

«Malia o anterior, e sen prexuízo das seis semanas inmediatas posteriores ó parto de descanso obrigatorio para a nai, no caso de que a nai e o pai traballen, esta, ó inicia-lo período de descanso por maternidade, poderá optar porque o pai goce dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ó parto, ben de forma simultánea ou sucesiva co da nai, agás que no intre da súa efectividade a incorporación ó traballo da nai supoña un risco para a súa saúde.

Nos casos de parto prematuro e naqueles nos que, por calquera outra causa, o neonato debese permanecer hospitalizado a continuación do parto, o permiso poderá computarse, por instancia da nai ou, no seu defecto, do pai, a partir da data da alta hospitalaria. Exclúense deste cómputo as primeiras seis semanas posteriores ó parto, de descanso obrigatorio para a nai.

Nos supostos de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente, de menores de ata seis anos, o permiso terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliables no suposto de adopción e acollemento múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo, contadas a elección do funcionario, ben a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, ben a partir da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción. A duración do permiso será, así mesmo, de dezaseis semanas nos supostos de adopción ou acollemento de menores, maiores de seis anos de idade, cando se trate de menores discapacitados ou minusválidos ou que por circunstancias ou experiencias persoais ou que por proviren do estranxeiro teñan especiais dificultades de inserción social e familiar, debidamente acreditadas polos servicios sociais competentes. No caso de que a nai e o pai traballen, o permiso distribuirase a opción dos interesados, que poderán gozalo de forma simultánea ou

sucesiva, sempre con períodos ininterrompidos.

Nos casos de gozo simultáneo de períodos de descanso, a suma deles non poderá exceder das dezaseis semanas previstas nos apartados anteriores ou das que correspondan no caso de parto múltiple.

Os permisos ós que se refire este apartado poderán gozarse en réxime de xornada completa ou a tempo parcial, por solicitude dos funcionarios e se o permiten as necesidades dos servicios, nos termos que regulamentariamente se determinen.

Nos supostos de adopción internacional, cando sexa necesario o desprazamento previo dos pais ó país de orixe do adoptado, o permiso previsto para cada caso neste artigo poderá iniciarse ata catro semanas antes da resolución pola que se constitúe a adopción».

Catro.-Engádeselle un apartado 5 ó artigo 70 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactado como segue:

«5. O funcionario terá dereito a un permiso de paternidade de oito días naturais de duración ou dez se o parto é múltiple, que se computará desde o nacemento, con independencia da situación laboral da nai. O devandito permiso será acumulable a calquera outro dereito recoñecido na normativa aplicable, inclusive o permiso de nacemento. O permiso de paternidade computarase desde a finalización do permiso de nacemento no caso de acumularse a este.

O pai non terá dereito ó permiso se os proxenitores non estivesen casados nin estivesen unidos de feito en análoga relación de afectividade ou se non se lle recoñeceu, en resolución xudicial dictada en pro

ceso de nulidade, separación ou divorcio iniciado antes do gozo do permiso, a garda da criatura. En todos eses casos a nai, se fose persoal ó servicio da Administración pública galega, poderá utilizar, calquera que sexa a situación laboral do pai, este permiso con carácter ininterrompido desde a finalización do permiso de maternidade. Tamén poderá utilizalo, en iguais termos, se o pai falecese antes do gozo íntegro do devandito permiso ou se a filiación paterna non estivese determinada.

Se se tratase dunha adopción ou dun acollemento preadoptivo ou permanente, o permiso será de catro días a favor do pai e/ou nai que fosen persoal ó servicio da Administración pública galega ou cinco no suposto de adopción ou acollemento múltiple. O devandito permiso contarase, a elección da persoa titular, desde a resolución xudicial ou administrativa de adopción ou de acollemento preadoptivo ou permanente, e será intransferible pero acumulable a calquera outro dereito recoñecido na normativa aplicable. Cando a persoa adoptante ou acolledora fose única, o permiso será de oito días de duración e de dez se a adopción ou o acollemento son múltiples».

Artigo 12. Reserva de prazas para discapacitados nas ofertas de emprego público. Modificación da Lei da función pública de Galicia.

Modifícase a disposición adicional sétima da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactada como segue:

«Nas ofertas de emprego público reservarase unha cota non inferior ó 5% das vacantes para seren cubertas entre as persoas con discapacidade igual ou superior ó 33%, de modo que progresivamente se acade unha cota non inferior ó 2% dos efectivos totais da Administración pública galega, sempre que superen as probas selectivas e que no seu momento acrediten o indicado grao de discapacidade e a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes segundo se determine regulamentariamente».

Capítulo II

Xestión orzamentaria

Artigo 13. Operacións extra orzamentarias. Modificación da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Modifícase o apartado 4 do artigo 46 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que queda redactado nos seguintes termos:

«4. Logo de autorización do conselleiro de Economía e Facenda poderán xestionarse como operacións extra orzamentarias aquelas nas que a actividade da Comunidade, dos seus organismos autónomos e das sociedades públicas autonómicas de carácter non mercantil se limite á realización de funcións de intermediación na súa xestión».

Artigo 14. Intervención limitada. Modificación da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Modifícase a letra a) do apartado 1 do artigo 97 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que pasa a te-la redacción seguinte:

«a) Os gastos de obras, de xestión de servicios públicos, de subministración, de consultoría e asistencia e dos servicios, por importe inferior ó que de se-lo caso se estableza na Lei de orzamentos de cada ano».

Capítulo III

Xestión de persoal

Artigo 15. Servicio Galego de Saúde.

Correspóndelle ó Servicio Galego de Saúde a autorización das modificacións, dentro de cada centro de xestión, dos cadros de persoal estatutario, de persoal MIR e de calquera outro tipo de persoal de institucións sanitarias dependentes do organismo non incluídos nas relacións de postos de traballo, sempre que a modificación acordada non supoña un incremento dos créditos do artigo correspondente do devandito centro.

En idénticas condicións correspóndelle ó Servicio Galego de Saúde a autorización da modificación prevista no parágrafo anterior dos cadros de persoal funcionario sanitario pertencentes ás clases de médicos, practicantes e matronas titulares.

En todo caso, daráselle conta á Consellería de Economía e Facenda así que se tramite a correspondente modificación.

Capítulo IV

Ordenación do comercio interior

Artigo 16. Licencia comercial de grandes establecementos. Modificación da Lei de ordenación do comercio interior de Galicia.

Modifícase o artigo 7 da Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia, que queda redactado da seguinte forma:

«A instalación, a ampliación e o traslado de grandes establecementos comerciais estarán suxeitos a unha licencia comercial específica, da que lle corresponde o seu outorgamento ó conselleiro competente en materia de comercio interior».

Artigo 17. Infraccións en materia de comercio interior. Modificación da Lei de ordenación do comercio interior de Galicia.

Modifícase o apartado 5 do artigo 44 da Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia, que queda redactado da seguinte maneira:

«5. Carecer de licencia comercial específica necesaria para a instalación, a ampliación e o traslado de grandes establecementos comercias».

Artigo 18. Contía das multas por infraccións en materia de comercio interior. Modificación da Lei de ordenación do comercio interior de Galicia.

Modifícanse os apartados 1, 2 e 3 do artigo 46 da Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia, que quedan redactados nos seguintes termos:

«1. As infraccións leves serán sancionadas con multas de ata 6.000 euros. O órgano competente para impoñelas será o delegado provincial correspondente da Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

2. As infraccións graves serán sancionadas con multas desde 6.001 ata 30.000 euros. O órgano competente para impoñelas será o director xeral de Comercio e Consumo.

3. As infraccións moi graves serán sancionadas con multas desde 30.001 ata 1.200.000 euros. Os órganos competentes para impoñelas serán o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, desde 30.001 ata 300.000 euros, e o Consello da Xunta de Galicia, desde 300.001 ata 1.200.000 euros».

Artigo 19. Concesión da licencia comercial de grandes establecementos. Modificación da Lei de ordenación do comercio interior de Galicia.

Inclúese unha disposición adicional na Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia, coa redacción seguinte:

«Disposición adicional única.-Licencias para grandes establecementos.

A concesión da licencia comercial específica para grandes establecementos, á que se refire o artigo 7 desta lei, modificado pola Lei 9/2003, do 23 de decembro, de medidas tributarias e administrativas, realizarase conforme o procedemento e os requisitos establecidos no Decreto 341/1996, do 13 de setembro, polo que se crea a Comisión Consultiva de Equipamentos Comerciais e se regula a implantación de grandes superficies na Comunidade Autónoma de Galicia».

Capítulo V

Concentración parcelaria

Artigo 20. Xuntas locais de concentración. Modificación da Lei de concentración parcelaria para Galicia.

Un.-Modifícase a letra a) do apartado 1 do artigo 10 da Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, que queda redactada nos seguintes termos:

«a) Presidente, con voto de calidade: un representante da consellería competente en materia de agricultura designado polo seu titular».

Dous.-Modifícase o apartado 2 do artigo 11 da Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración

parcelaria para Galicia, que pasa a te-la redacción seguinte:

«2. No caso de vacante dalgún dos cargos públicos, ocupará provisionalmente o posto na xunta local a persoa que deba asumir legalmente as súas funcións e no seu día a persoa designada ou elixida normalmente para o cargo».

Capítulo VI

Servicios sociais

Artigo 21. Sancións. Modificación da Lei de servicios sociais de Galicia.

Modifícanse as letras a), b) e c) do apartado 1 do artigo 65 da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais de Galicia, que quedan redactadas nos seguintes termos:

«a) Infraccións leves:

-Apercibimento ou advertencia.

-Multa de 3.000 euros, nos seguintes graos:

Mínimo: ata 1.000 euros.

Medio: de 1.001 euros a 2.000 euros.

Máximo: de 2.001 euros a 3.000 euros.

b) Infraccións graves:

-Multa de 3.001 euros ata 15.000 euros, nos seguintes graos:

Mínimo: de 3.001 euros a 7.000 euros.

Medio: de 7.001 euros a 11.000 euros.

Máximo: de 11.001 euros a 15.000 euros.

c) Infraccións moi graves:

-Multa de 15.001 euros ata 60.000 euros, nos seguintes graos:

Mínimo: de 15.001 euros a 30.000 euros.

Medio: de 30.001 euros a 45.000 euros.

Máximo: de 45.001 euros a 60.000 euros».

Capítulo VII

Fondo Galego de Garantía Agraria

Artigo 22. Órganos de dirección. Modificación da Lei de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

Modifícase o artigo 3 da Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, que queda coa redacción seguinte:

«Os órganos de dirección do Ilga serán o Consello de Dirección, o presidente e o director».

Capítulo VIII

Protección da infancia

Artigo 23. Adopción. Modificación da Lei galega da familia, da infancia e da adolescencia.

Modifícase o artigo 33.1º a) da Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia, que queda como segue:

«a) Que entre o adoptante e o adoptado exista unha diferencia de idade axeitada e non superior

ós corenta anos, tomando como referente o membro máis novo da parella, agás para os solicitantes que estean en disposición de aceptar grupos de irmáns ou menores con especiais dificultades, caso no que a diferencia de idade poderá ser superior, así como para os solicitantes de adopción internacional no que se aterá ó disposto na lexislación do país de orixe do menor».

Capítulo IX

Transporte público marítimo de viaxeiros

Artigo 24. Adxudicación da concesión. Modificación da Lei de declaración de servicio público de titularidade da Xunta de Galicia do transporte público de viaxeiros na ría de Vigo.

Modifícase o artigo 3 da Lei 4/1999, do 9 de abril, de declaración de servicio público de titularidade da Xunta Galicia do transporte público de viaxeiros na ría de Vigo, que queda redactado da forma seguinte:

«A adxudicación da concesión efectuarase mediante concurso, no que se deberán valorar, entre outras, as seguintes cuestións:

-Calidade do servicio ofertado.

-Tarifas ofertadas.

-Compromiso de asunción de traballadores do transporte da ría cos criterios de antigüidade acreditada e profesionalidade.

-Garantías de preservación do espacio natural das illas Cíes na forma na que o departamento responsable da Xunta de Galicia determine».

Disposicións adicionais

Primeira.-Prestacións familiares por coidado de fillos menores.

Aquelas persoas que, na data de entrada en vigor desta lei, tivesen ó seu cargo fillos menores de tres anos terán dereito a percibir unha prestación de 300 euros por cada un deles cando, por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2002, nin elas nin ningún dos membros da súa unidade familiar estivesen obrigados a presenta-la declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a ese período.

A percepción desta prestación axustarase ó procedemento que estableza a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, que esixirá xustificación documental dos requisitos necesarios para o seu gozo, sen que o mesmo fillo poida dar lugar a máis dunha prestación.

Segunda.-Alleamento de solo empresarial polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Autorízase o Instituto Galego da Vivenda e Solo, nos supostos de alleamento de terreos destinados á creación de solo industrial, así como de parcelas ou parques empresariais rematados que se realicen a favor das sociedades públicas con participación maioritaria polo devandito organismo, para que o

alleamento se poida efectuar con pagamento aprazado non superior a dez anos e sen repercusión de xuros.

Terceira.-Acceso ó corpo de profesores de música e artes escénicas.

De acordo coa disposición transitoria sétima da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, o profesorado que prestaba servicios como persoal laboral fixo nos conservatorios de grao medio no momento no que foron integrados na rede pública da Comunidade Autónoma poderá acceder ó corpo de profesores de música e artes escénicas a través dunha quenda especial, conforme estableza a convocatoria que se realizará con esa finalidade.

Disposición transitoria

Única.-Selección e provisión de prazas de persoal estutario do Sergas.

En tanto a Comunidade Autónoma non proceda á aprobación da normativa de selección e provisión de prazas de persoal estutario do Sergas, á que se refire a Lei 30/1999, do 8 de outubro, de selección e provisión de prazas de persoal estatutario dos servicios de saúde, ou a norma que a substitúa, os procesos que se realicen rexeranse exclusivamente pola Lei 30/1999, do 8 de outubro, e polo Real decreto-lei 1/1999, do 8 de xaneiro, sobre selección de persoal estatutario e provisión de prazas nas institucións sanitarias da Seguridade Social, sen prexuízo do disposto na Lei 16/2001, do 22 de novembro, en relación cos procesos que se executen ó seu abeiro.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Comercio interior.

Quedan derrogados os artigos 8 e 9 da Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia.

Segunda.-Fondo Galego de Garantía Agraria.

Queda derrogado o artigo 9 da Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Preceptos de vixencia temporal.

Terán vixencia exclusiva para o ano 2004 o artigo 15 e mailas disposicións adicionais primeira e segunda desta lei.

Segunda.-Entrada en vigor da lei e desenvolvemento regulamentario.

Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución do disposto nesta lei, que entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2004.

Santiago de Compostela, vintetrés de decembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente