Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Mércores, 31 de decembro de 2003 Páx. 16.433

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 23 de decembro de 2003 pola que se modifica a Orde do 21 de xuño de 2002 pola que se establecen as axudas para a mellora estructural e adaptación dos procesos productivos de sementes e plantas de viveiro de calidade e se convocan para o ano 2004.

A producción de sementes e plantas de viveiro constitúe unha actividade económica cunha importante e decisiva repercusión na productividade e renovación das plantacións, así como na súa sanidade.

A normativa comunitaria imponlles ós productores a responsabilidade en materia de controis, de medidas de control e de adaptación dos seus sistemas productivos, para garanti-la calidade do material vexetal obtido; e os investimentos e medidas que se van efectuar teñen que se promover co mellor nivel tecnóloxico e de organización posible.

Por outra banda, nesta comunidade autónoma existen algunhas produccións agrarias de grande importancia e tradición que están condicionadas polo mínimo desenvolvemento do sector productor de sementes e plantas de viveiro.

Polo tanto, é necesario continuar incentivando as empresas, dentro do marco das axudas ós investimentos previsto no programa operativo integrado de Galicia 2000-2006.

A orde desta consellería, do 21 de xuño de 2002, estableceu as bases reguladoras das axudas para a mellora estructural e adaptación dos procesos productivos de sementes e plantas de viveiro de calidade.

Non obstante, a entrada en vigor do Regulamento (CE) nº 1783/2003 do Consello, do 29 de setembro, polo que se modifica o Regulamento (CE) número 1257/1999 sobre a axuda ó desenvolvemento rural a cargo do FEOGA, e a experiencia adquirida coa aplicación destas axudas durante as convocatorias precedentes, fan precisa a modificación de determinados artigos da orde mencionada no parágrafo anterior.

A devandita orde cumpre os requisitos previstos, para as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas e subvencións, no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, pola que se

aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e administrativa, polo que, previstas as bases reguladoras das axudas para a mellora estructural e adaptación dos procesos productivos de sementes e plantas de viveiro de calidade en Galicia, con vixencia indefinida, cómpre establece-la súa convocatoria para o ano 2004, mediante esta orde que, pola súa vez, cumpre os requisitos esixidos no artigo 8.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Sección primeira.-Modificación da Orde do 21 de xuño de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora estructural e adaptación dos procesos productivos de sementes e plantas de viveiro de calidade.

Artigo 1º.-Modificación do artigo 5º da Orde do 21 de xuño de 2002, relativo á contía das subvencións.

Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 5º da Orde do 21 de xuño de 2002, que queda establecido do seguinte xeito:

«A contía máxima das axudas previstas nesta orde poderá chegar ata unha porcentaxe máxima do 40% do investimento que se vai realizar, agás para aqueles solicitantes titulares de explotacións que estean situadas en zonas desfavorecidas, nas que esta porcentaxe poderá acada-lo 50%.

No caso de agricultores mozos, segundo o artigo 8º, punto 1 do Regulamento (CE) número 1257/1999, do Consello do 17 de maio, que simultaneamente á súa primeira instalación ou nos seguintes cinco anos, presente, antes de cumpri-los corenta anos de idade, un plan de mellora conforme as condicións establecidas nesta orde, poderá obter unha axuda suplementaria do 5 % como máximo, do investimento, que poderá ser aplicada en calquera dos dous supostos citados no parágrafo anterior».

Artigo 2º.-Modificación do artigo 6º.1 da Orde do 21 de xuño de 2002, relativo ás solicitudes de axuda.

Modifícase o artigo 6º.1, na alínea a), que queda redactado do seguinte xeito:

«a) Programa de mellora que inclúa, alomenos, o contido do punto 1 do anexo II. Para acredita-la viabilidade económica cómpre a realización do

correspondente estudio técnico económico para o que o solicitante achegará os datos necesarios sobre as orientacións productivas, réxime de tenza da terra, man de obra, maquinaria e instalacións».

Engádense as alíneas h) e i), que quedan establecidos como seguen:

«h) Copia da solicitude da licencia de obras para aquelas construccións ou instalacións fixas que, de acordo co establecido na normativa urbanística, deban contar con licencia municipal.

i) No caso de agricultores mozos xuntarase:

-Acreditación da capacidade e competencia profesionais a través da presentación das titulacións académicas ou dos cursos de capacitación agraria (mínimo 200 horas) que procedan. En caso negativo, compromiso a realiza-los cursos de capacitación no prazo de dous anos.

-Informe da vida laboral do titular.

-Copia da declaración da renda do ano no que se instala e a do ano anterior á dita instalación».

Artigo 3º.-Modificación do artigo 9º da Orde do 21 de xuño de 2002, referente á certificación dos investimentos.

Modifícase o primeiro parágrafo do punto 3, que queda redactado como segue:

«3. Unha vez realizados os investimentos, os interesados deberán comunica-la finalización da execución do programa, por escrito, dirixido ós servicios provinciais de explotacións agrarias da delegación provincial correspondente, con anterioridade ó remate do prazo concedido para a súa execución. Coa dita comunicación xuntaranse os xustificantes do investido e, ademais, unha memoria explicativa sobre a súa realización.

Cando se teñan realizado construccións ou instalacións fixas para as que sexa preceptiva a licencia municipal, achegarase copia dela así como do proxecto visado que fose requirido polo concello, se é o caso.

A falta de comunicación ou de realización dos investimentos entenderase como renuncia ás axudas concedidas, quedando sen efecto a resolución de concesión da axuda».

Engádese un punto 6 que queda redactado do seguinte xeito:

«6. En casos excepcionais en que o beneficiario, por causa debidamente xustificada (incapacidade temporal do solicitante, atraso na concesión de licencia de obra, causas de forza maior así como outras debidamente xustificadas), non poida remata-la mellora no prazo establecido, deberá solicitar unha prórroga do prazo de execución con anterioridade ó transcurso do prazo máximo especificando os motivos e o prazo de prórroga que deberá ser aprobado pola Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria. O incumprimento do prazo das realizacións das melloras e, se é o caso, da prórroga

aprobada, poderá levar consigo a perda dos dereitos e axuda correspondente».

Sección segunda.-Convocatoria das axudas para o ano 2004.

Artigo 4º.-Obxecto.

Esta sección ten por obxecto establece-la convocatoria, para o ano 2004, das axudas para a mellora estructural e adaptación dos procesos productivos de sementes e plantas de viveiro de calidade en Galicia, de acordo coas bases previstas na Orde do 21 de xuño de 2002, publicadas no Diario Oficial de Galicia nº 125, do 1 de xullo, coas modificacións introducidas na sección primeira desta orde.

Artigo 5º.-Condicións e finalidade.

1. Para poderen acceder ás axudas previstas no artigo 5º da Orde do 21 de xuño de 2002, os beneficiarios sinalados no artigo 2 deberán cumpri-los requisitos establecidos nos artigos 3º e 4º da devandita orde, coas modificacións introducidas na sección primeira desta orde.

2. As axudas teñen por finalidade, por unha parte, fomenta-la producción de sementes e plantas de viveiro de calidade como condicionante principal dunha producción agraria diferenciada e adaptada ás esixencias do mercado e, por outra, incentiva-lo desenvolvemento deste sector naquelas especies de especial transcendencia para Galicia que non teñen suficientemente establecido un control directo ou sistema de certificación que garanta un material vexetal de partida coa calidade contrastada e adaptado ás propias peculiaridades.

Artigo 6º.-Prazo e presentación de solicitudes de axuda.

O prazo das solicitudes de axuda iníciase o día seguinte ó da publicación desta orde e remata o vindeiro día 1 de marzo de 2004. As solicitudes presentaranse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, preferentemente, nos servicios provinciais de Explotacións Agrarias da delegación provincial competente ou nas oficinas agrarias comarcais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Os interesados presentarán a solicitude de axuda axustada ó modelo do anexo I da Orde do 21 de xuño de 2002 e achegarán, ademais, toda a documentación á que se refire o artigo 6.1º, segundo redacción dada por esta orde, así como os modelos dos anexos II, III, IV e, se é o caso, V daquela, conforme se indica na disposición adicional única desta orde.

Artigo 7º.-Xustificación.

O incumprimento da finalidade para o que foi concedida a axuda xustificarase de conformidade co previsto no artigo 9º da Orde do 21 de xuño de 2002.

Así, os interesados deberán comunicar por escrito a finalización do programa dentro do prazo concedido para a súa execución, xuntando os xustificantes do investido e, ademais, unha memoria explicativa sobre a súa realización. Ademais, no momento da certificación das ditas actuacións, deberán xustificar que están ó día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e que non teñen ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da comunidade autónoma.

Artigo 8º.-Financiamento.

1. Para a concesión das axudas reguladas nesta orde para o exercicio 2004 existe crédito adecuado e suficiente con cargo ó proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, na aplicación 09.03.614A.7760 (código de proxecto 2002.09807) por un importe total de 765.200 euros, que se poderá incrementar con outros remanentes orzamentarios e sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia das modificacións orzamentarias.

2. De conformidade co establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro do 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibílitase a tramitación anticipada de expedientes de gasto, sempre e cando exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos do exercicio do ano 2004 aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, neste momento en trámite parlamentario, quedando sometida a concesión das ditas axudas á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da súa resolución.

Disposición adicional

Única.-O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), á Tesourería Xeral da Seguridade Social e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición dos certificados acreditativos de estar ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia ou, se é o caso, cubrir, debidamente asinada, a autorización que figura no anexo V da Orde do 21 de xuño de 2002, para os efectos de que a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria ou os servicios provinciais de Explotacións Agrarias, poidan solicitala por vía informática.

Non obstante, quedan exentos de achega-los xustificantes de cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, as axudas especificadas no artigo 42 g) do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, condicionado á súa aprobación definitiva.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las instruccións que considere oportunas para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural