Determinadas bases reguladoras das liñas de axuda do Igape establecen un prazo certo para que os beneficiarios presenten a solicitude de cobramento da subvención.
Nos casos en que o beneficiario recorre contra a resolución de concesión pode vencer este prazo sen que o recurso estea resolto e notificado, co cal se presenta o problema de se o importe da solicitude de cobramento debe ser o inicialmente concedido ou o importe que estima o beneficiario segundo o seu recurso.
Polo que antecede, e de conformidade coas facultades que teño conferidas
RESOLVO:
Primeiro. Publicar a seguinte delegación de facultades acordada polo Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica na súa xuntanza do 19 de decembro de 2011:
– Delégase no director xeral do Igape a competencia para resolver a modificación do prazo certo de presentación da solicitude de cobramento establecido en determinadas bases reguladoras do Igape, naqueles casos en que a estimación dun recurso administrativo contra unha resolución de concesión incremente o importe da axuda concedida inicialmente.
O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento respecto dos gastos e da porcentaxe de subvención definitivamente concedidos, así como a documentación xustificativa da execución do proxecto, no prazo dun mes desde a recepción da notificación do recurso.
A presentación do recurso non modificará o prazo de execución do proxecto polo que as facturas e os medios de pagamento deberán estar comprendidos nese prazo, agás que as bases reguladoras en concreto permitan modificar ese prazo e así o solicitase o beneficiario no seu recurso.
Este acordo aféctalles ás seguintes bases reguladoras:
a) Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica aos proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013 (DOG núm. 65, do 8 de abril de 2010).
b) Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica aos proxectos de consultoría externa dirixidos á análise económico-financeira das pequenas e medianas empresas (DOG núm. 76, do 23 de abril de 2010).
c) Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica á internacionalización das empresas galegas (DOG núm. 22, do 2 de febreiro de 2011).
d) Bases reguladoras das axudas do Igape para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007/2013 (DOG núm. 75, do 15 de abril de 2011).
Segundo. Esta resolución entrará en vigor desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e tamén afectará aqueles expedientes en vía de recurso pendentes de resolver.
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2012.
Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica