Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 5 de marzo de 2012 Páx. 7791

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 22 de febreiro de 2012 pola que se fixan as porcentaxes e contías dos premios do xogo do bingo.

Por medio do Decreto 181/2002, do 10 de maio, apróbase o Regulamento do xogo do bingo na Comunidade Autónoma de Galicia, decreto que sufriría diversas modificacións a través dos decretos 9/2007, do 25 de xaneiro, e 113/2010, do 1 de xullo. Nesta última modificación introducíase unha regulación básica, suxeita a posteriores desenvolvementos normativos, de novas modalidades do xogo do bingo, que viñan así a sumarse ao xogo de bingo tradicional pero, ademais, introducíase unha importante novidade no que respecta aos premios, posto que se modificaba o premio da prima ao dar entrada a un novo tipo de prima: a denominada prima plus.

As novidades incorporadas ao Regulamento do xogo do bingo, en canto á regulación de premios e á previsión de novas modalidades de xogo do bingo máis dinámicas e innovadoras, exixían afastarse dun esquema ríxido de distribución das porcentaxes e das contías dos premios e, por esta razón, na disposición final segunda do Decreto 113/2010, do 1 de xullo, recolleuse a habilitación á consellería competente en materia de xogo para que, mediante orde, puidese determinar o valor facial dos cartóns do xogo do bingo nas súas diferentes modalidades, así como as contías e as porcentaxes dos seus premios.

Un ano e medio despois da entrada en vigor desta reforma, as circunstancias polas que atravesa actualmente o sector propiciaron unha modificación do réxime fiscal aplicable ao xogo do bingo disposto na Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas para 2012, modificación que ten como obxectivo principal homoxeneizar paulatinamente, respecto do resto de xogos autorizados, os parámetros estruturais en canto á porcentaxe destinada a premios no xogo do bingo. A dita modificación require, ineludiblemente, o seu reflexo na normativa reguladora do xogo do bingo pois, pola contra, quedaría anulado o seu propósito e esta necesidade é o que require poñer en funcionamento o mecanismo de variación das porcentaxes e das contías dos premios a que se alude na mencionada disposición final segunda do Decreto 113/2010, do 1 de xullo.

En exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto a fixación das porcentaxes e das contías dos premios do xogo do bingo. As ditas porcentaxes unicamente serán aplicables para o xogo do bingo explotado por aquelas empresas que se acollan ao disposto pola disposición transitoria segunda da Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas para 2012.

Artigo 2. Porcentaxe destinada a premios.

A porcentaxe destinada a premios no xogo do bingo nas súas modalidades de bingo tradicional e simultáneo será do 66,875% das cantidades xogadas.

Artigo 3. Contía dos premios.

1. A cantidade para distribuír en premios en cada partida consistirá no 66,875% do valor facial da totalidade dos cartóns vendidos nela.

2. O premio da prima dotarase coa cantidade que resulte de detraer o 11,875% do valor facial dos cartóns vendidos en cada partida.

Artigo 4. Premio da prima.

1. A distribución da porcentaxe da prima, a que se refire o parágrafo 2 do artigo 3, entre o premio da prima e o premio da prima plus estará sometida ás seguintes regras:

a) Será acordada pola maioría das salas de bingo autorizadas que teñan actividade en cada municipio, de tal xeito que, ou ben o premio da prima estea dotado dun 8,875% e o da prima plus dun 3%, ou ben o premio da prima estea dotado dun 3% e o da prima plus dun 8,875%.

b) A decisión da distribución das ditas porcentaxes deberá ser comunicada á dirección xeral competente en materia de xogo con carácter previo á súa posta en práctica, e será vinculante para todas as salas de bingo do municipio que corresponda.

c) A distribución acordada terá unha vixencia mínima de tres meses a partir da data que se sinale na comunicación realizada á dirección xeral competente en materia de xogo e deberá ser anunciada de forma clara e visible ás persoas xogadoras nas instalacións das salas de bingo.

2. No premio da prima plus dotarase o 80% do seu importe para o premio en xogo ata alcanzar o seu importe máximo determinado, mentres que o 20% restante constituirá a reserva que pasará integramente a constituír a dotación inicial do novo premio de prima plus.

3. A cantidade máxima que se outorgará polo premio da prima plus será determinada por cada sala tendo como límite máximo a contía de 15.000 €.

Disposición transitoria única.

Os cambios nas porcentaxes de premios establecidas nesta orde faranse efectivos desde a primeira partida correspondente á sesión de xogo en que entre en vigor esta, non obstante os premios de prima e prima plus en xogo pendentes de outorgar nese momento rexeranse polas regras establecidas para estes con anterioridade, ata que se produza o seu efectivo outorgamento.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2012.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza