Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 5 de marzo de 2012 Páx. 7785

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 28 de febreiro de 2012 pola que se crea a Lonxa Virtual de Gando e se regula o seu funcionamento.

O Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, atribúelle á consellería as competencias en materia de fomento da produción agraria. Neste marco competencial, a atención ás posibilidades de comercialización dos produtores agrarios constitúe un aspecto relevante para considerar. O emprego de instrumentos de poxa na internet pode ofrecer aos produtores canles alternativas de comercialización.

A Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, establece as condicións que hai que respectar na planificación dos medios electrónicos. Estas condicións detállanse no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes; e no Decreto 201/2011, do 13 de outubro, polo que se regula a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet, que posibilita que os órganos superiores da Administración xeral de Galicia ou entidades instrumentais do sector público autonómico poidan ofrecer información ou servizos ao público a través da internet, mediante portais web propios baixo subdominios de xunta.es.

O que se pretende coa creación da lonxa virtual de compra-venda de gando é crear un mecanismo que favoreza as transaccións comerciais neste sector primario, dándolle ao comprador todas as opcións de compra nun momento determinado, permitíndolle ao consumidor achegarse se o desexa á realidade da granxa e posibilitando a venda na propia explotación, como opción complementaria da tradicional asistencia aos mercados gandeiros. Un servizo en que os compradores poidan consultar os animais que están á venda por este sistema, no que se indique a cantidade mínima que pide o vendedor, que permita realizar ofertas e que, cando conclúa o prazo fixado previamente, poña en contacto o comprador e o vendedor para que perfeccionen a transacción.

Xa que logo, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

O obxecto desta orde é a creación da Lonxa Virtual de Gando da Consellería do Medio Rural e do Mar, como un servizo gratuíto para os gandeiros galegos, destinado á compravenda de gando a través da internet, e a regulación do seu funcionamento.

Artigo 2. Ámbito de aplicación.

A Lonxa Virtual de Gando constitúese como un servizo de libre acceso para a compravenda de gando, en que unicamente os gandeiros titulares de explotacións rexistradas no ámbito territorial de Galicia, e controladas polos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural e do Mar, poderán ofertar os seus animais.

Artigo 3. Características funcionais.

1. O servizo permite a poxa de animais de abasto da especie bovina, de idades comprendidas entre os 6 e os 24 meses, destinados a sacrificio, dados de alta en explotacións rexistradas no ámbito territorial de Galicia. Poderase ampliar, en función da demanda, a outras categorías de idade e a outras especies, permitindo a transacción de animais de recría.

2. A Lonxa Virtual de Gando presta servizo consonte os criterios funcionais definidos no anexo I. Accederase a ela a través da páxina web da consellería do Medio Rural e do Mar http://mediorural.xunta.es/institucional/oficina_virtual/servizos_de_gandaria/, no punto acceso á Lonxa Virtual de Gando.

3. A data de entrada en funcionamento da Lonxa Virtual de Gando será vinte días despois da entrada en vigor da presente orde.

Artigo 4. Condicións de participación e réxime de responsabilidade dos participantes.

1. A utilización da Lonxa Virtual de Gando establece unha relación xurídica privada entre os participantes, suxeita aos seguintes condicionantes:

a) A parte vendedora comprométese a:

– Que os datos comunicados de calidade e peso dos animais ofertados se correspondan coa realidade.

– Manter os animais ofertados á disposición dos compradores mentres non se cumpre o prazo establecido para o remate da poxa.

– Poñerse en contacto co comprador ao se coñecer a adxudicación da poxa.

– Realizar a transacción comercial co adxudicatario da poxa.

b) A parte compradora comprométese a:

– Subministrar datos certos ao se rexistrar na aplicación e mantelos actualizados.

– Poñerse en contacto co vendedor ao se coñecer a adxudicación da poxa.

– Realizar a transacción comercial co propietario do animal polo importe de adxudicación da poxa.

– Retirar o animal adxudicado da explotación no prazo máximo de tres días desde o remate da poxa.

2. A aceptación expresa das condicións de uso da Lonxa Virtual de Gando por parte dos compradores (ao rexistrarse na aplicación) e dos vendedores (cada vez que inician unha poxa), establece o sometemento ás ditas condicións.

Artigo 5. Réxime de responsabilidade da Consellería do Medio Rural e do Mar.

1. A responsabilidade da Consellería do Medio Rural e do Mar respecto do servizo de Lonxa Virtual de Gando limítase aos seguintes aspectos:

a) Actuación mediadora: posta á disposición dos usuarios dun servizo gratuíto.

b) Mantemento do servizo: realización das actuacións necesarias que contribúan ao mantemento do servizo activo e en boas condicións.

c) Protección de datos e conservación de documentación: os datos persoais dos compradores que participen na Lonxa Virtual serán incorporados ao ficheiro «Rexistros» da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, co obxecto de poder xestionar a súa participación nos procesos que se levan a cabo na lonxa virtual. Por outro lado, os datos de rastrexabilidade e accións efectuadas na aplicación informática de xestión da lonxa virtual serán recollidos no ficheiro de «Seguridade e control de acceso» da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, co obxecto de poder xestionar os seus dereitos de acceso na aplicación e de poder consultar as accións realizadas no caso de que for necesario. En calquera caso, os datos persoais que se recollan en ambos os ficheiros non serán cedidos a terceiros, excepto nos casos legalmente previstos na normativa de aplicación. Conforme o disposto na normativa vixente en materia de protección de datos, os titulares dos datos recollidos, ou os seus representantes legais cando proceda, poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición mediante escrito dirixido á Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Os correos electrónicos que se xeren nos casos de superación da poxa (dirixidos a compradores), adxudicación da poxa (dirixidos a compradores e vendedores), remate da poxa (dirixidos a compradores e vendedores) ou finalización da poxa sen adxudicatarios (dirixidos a vendedores), serán conservados durante cinco anos, para os efectos probatorios.

2. A exixencia de responsabilidades realizarase de conformidade co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional única.

Nos aspectos non recollidos nesta orde observarase o disposto ao respecto na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos; no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e no Decreto 201/2011, do 13 de outubro, polo que se regula a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar os actos e instrucións que sexan precisas para a correcta execución desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2012.

Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO I
Criterios funcionais da Lonxa Virtual de Gando da
Consellería do Medio Rural e do Mar

A Lonxa Virtual de Gando é un servizo enmarcado dentro da Oficina Agraria Virtual, que ofrece os medios necesarios para a realización dunha poxa ascendente de produtos de interese para o desenvolvemento da actividade gandeira, na cal gañará a oferta máis alta, permitindo:

– Que os gandeiros titulares de explotacións galegas poidan poñer á poxa bovinos de entre 6 e 24 meses incorporados na súa explotación. En función da demanda, poderase ampliar a outras categorías de idade.

– Que compradores de calquera lugar poidan poxar polos animais postos á venda na Lonxa Virtual de Gando.

– Establecer un sistema de avaliación entre compradores e vendedores que fomente a confianza recíproca.

O acceso á Lonxa Virtual de Gando para os gandeiros que desexen iniciar unha poxa realizarase a través da Oficina Agraria Virtual. Para entrar na Oficina Agraria Virtual o vendedor deberá dispoñer dun usuario (coincidente co NIF) e dun contrasinal (o PIN), ou aquel sistema de validación e acceso aos seus sistemas de información que en cada momento determine a Consellería do Medio Rural e do Mar.

Un gandeiro poderá manter de xeito simultáneo tantas ofertas como animais posúa coas características requiridas, indicando unha serie de características deles, como a categoría comercial, o índice de engraxamento e o peso, así como o prezo de saída e o número de días que desexa que dure a poxa.

Calquera usuario, xa sexa gandeiro galego ou non, poderá acceder para poxar polos animais ofertados, una vez teña rexistrados os seguintes datos na aplicación como comprador:

– Nome e apelidos ou razón social.

– Identificación fiscal.

– Enderezo postal.

– Localidade.

– Concello.

– Provincia.

– Código postal.

– Correo electrónico.

– Teléfono.

Poderá realizar unha oferta por calquera animal que estea nunha poxa activa, podendo localizalos empregando un filtro, seleccionando unha serie de características como o sexo, a raza e o lugar de orixe do animal (provincia ou concello).

Unha vez rematada a poxa, procederase ao pagamento e á recollida do animal no prazo máximo de tres días e ao outorgamento de valoracións tanto do comprador como do vendedor, valoracións que quedarán á disposición dos participantes nas poxas no sucesivo.