Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 6 de marzo de 2012 Páx. 8204

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se declara a utilidade pública da L.A.T. 132 kV O Porriño-Frieira II, tramo subestación Atios apoio 12 (expediente IN407A 2007/257-4).

Examinado o expediente instruído por pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avda. de Arteixo, 171, 15007 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Por Resolución do 5 de novembro de 2007 da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizouse administrativamente e aprobouse o proxecto de execución da L.A.T. 132 kV O Porriño-Frieira II, repotenciación a 220 kV, tramo subestación Atios-apoio n.º 12, no concello do Porriño (Pontevedra), expediente IN407A 2007/257-4, promovido por Unión Fenosa Distribución, S.A.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

Denominación: repotenciación a 220 kV e recuamento L.A.T. O Porriño-A Frieira II, tramo subestación Atios-apoio n.º 12.

– Liña de alta tensión aérea a 220 kV con condutor tipo LA-280 de 2.680 m de lonxitude, con orixe no apoio n.º 12A e final no apoio n.º 1 (paso aéreo subterráneo) do cal continúa subterránea 1.867 m, con condutor tipo Siprelec XLPE, finalizando na subestación de Atios.

Concello: O Porriño (Pontevedra).

Segundo. Con data 6 de maio de 2008, a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. solicita a declaración de utilidade pública, en concreto, da L.A.T. 132 kV O Porriño-Frieira II, repotenciación a 220 kV, tramo subestación Atios-apoio n.º 12, achegando a documentación establecida para o efecto polo Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Con data 26 de novembro de 2009, os servizos técnicos da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria, informan a empresa peticionaria dos dereitos mineiros afectados pola instalación eléctrica:

– Concesión de explotación Benedicta, núm. 1544, titularidade de Pocasa-Porriñesa de Canteiras, S.A.

– Concesión de explotación Raposo, núm. 2770, titularidade de Marcelino Martínez, S.L.

Cuarto. Con data 5 de febreiro de 2010, a Consellería de Economía e Industria desestimou o recurso de alzada interposto por Juan José Domínguez Pereira contra a Resolución do 5 de novembro de 2007, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas pola que se autorizou administrativamente e se aprobou o proxecto de execución da L.A.T. 132 kV O Porriño-Frieira II, repotenciación a 220 kV, tramo subestación Atios-apoio n.º 12, no Concello do Porriño (Pontevedra), expediente IN407A 2007/257-4, confirmándoa en todos os seus aspectos.

Quinto. Con data 11 de outubro de 2010, a empresa peticionaria presenta escrito ante a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria, xunto ao cal achegan copia dos acordos asinados con datas 4 de outubro de 2007 e 5 de outubro de 2010, con Pocasa-Porriñesa de Canteiras, S.A. e Marcelino Martínez, S.L. respectivamente, titulares dos dereitos mineiros afectados pola instalación eléctrica.

Sexto. Por Acordo do 27 de outubro de 2010 da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra, someteuse a información pública a petición de declaración de utilidade pública, en concreto, da dita instalación, e publicouse no DOG do 2 de decembro de 2010, no BOP de Pontevedra do 13 de decembro e no xornal Faro de Vigo do 25 de novembro, así como nos taboleiros de anuncios do Concello do Porriño e da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra.

Así mesmo, practicóuselle notificación individual aos interesados incluídos na relación de bens e dereitos afectados.

Sétimo. Durante o período en que se someteu a trámite de información pública presentáronse as seguintes alegacións, das cales se deu traslado á empresa promotora:

– Argentina Rodríguez Fernández, propietaria do predio n.º 2, presenta escrito de alegacións en que solicita máis información sobre a afección real da liña no predio da súa propiedade, tanto no propio predio como en plano.

– Adoración Ferreira Pérez, propietaria do predio n.º 2/1, presenta escrito de alegacións en que solicita a modificación do trazado da liña, xa que considera que a parte afectada da súa propiedade é mínima e pode evitarse cunha insignificante variación, non supoñendo custo ningún e resultando menos lesiva para os seus dereitos, e sen causar ningún prexuízo a intereses tanto públicos como privados.

– Antonio Ferreira Álvarez, en nome e representación da comunidade hereditaria de Antonio Ferreira Pérez, titular do predio n.º 2/4 presenta escrito de alegacións, no cal se opón á expropiación e afectación que o proxecto suporía ao predio da súa propiedade, xa que prexudicaría á explotación forestal dese predio, circunstancia prohibida no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

– Juan José Domínguez Pereira, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Atios, propietario dos predios n.º 1 e n.º 3, presenta escrito de alegacións en que pon de manifesto o absoluto e total rexeitamento por parte desa comunidade ao trazado da liña autorizado e, en particular, á súa declaración de utilidade pública, debido aos graves prexuízos ocasionados e ao agravamento da paulatina deterioración ambiental e paisaxística da zona, e solicita a non declaración da utilidade pública da instalación eléctrica. Sinala tamén a necesidade de tramitación dun expediente polo cal se declare a prevalencia da utilidade pública da instalación que se pretende executar sobre a propia natureza dos montes, de acordo co disposto na Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e no seu regulamento, que establecen que os montes veciñais só poderán ser obxecto de expropiación forzosa por causa de utilidade pública ou interese prevalente ao dos propios montes. Proponse unha alternativa de trazado, acompañada dun informe técnico, e ponse de manifesto a existencia dentro da superficie de terreo afectada dunha traída de auga de uso veciñal que ten a súa orixe no monte veciñal e que abastece a núcleos residenciais da zona.

Oitavo. Separadamente, presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan bens, instalacións, obras ou servizos, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, de ser o caso, establecesen o condicionado procedente.

Noveno. Con data do 3 de xuño de 2010, os servizos técnicos da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra emiten informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; Decreto 79/2009, do 19 de abril, e Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polos que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e das consellerías desta (DOG do 20.4.2009 e 5.1.2012, respectivamente), Decreto 324/2009, do 11 de xuño (DOG do 17.6.2009) polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, modificada pola Lei 17/2007, do 4 de xullo, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. Á vista das alegacións presentadas, da contestación a elas por parte da empresa promotora e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

– Con respecto ás alegacións presentadas por Argentina Rodríguez Fernández, débese dicir que a afección da instalación sobre o predio propiedade da alegante se corresponde cunha servidume de voo de 29 m2, tal e como vén recollida na relación de bens e dereitos afectados e nos planos parcelarios expostos ao público, afectada polas limitacións recollidas no artigo 162 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. De acordo coas informacións dadas pola empresa promotora da liña, a alegante púxose en contacto con esa empresa, que lle aclarou a natureza da dita afección. Non obstante, será durante o levantamento de actas, acto ao cal serán oportunamente convocados os titulares dos bens e dereitos afectados, o momento en que se establecerá a superficie afectada e a piquetaxe da afección.

– Con respecto ás alegacións presentadas por Adoración Ferreira Pérez, propietaria do predio n.º 2/1, e por Antonio Ferreira Álvarez, no nome e representación da comunidade hereditaria de Antonio Ferreira Pérez, propietario do predio n.º 2/4, nas cales se solicitan dúas modificacións de trazado, non se aceptan as modificacións propostas, á vista de que as variacións do trazado solicitadas non cumpren con todos e cada un dos puntos establecidos no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, contando o expediente co informe favorable dos servizos técnicos da xefatura territorial desta consellería en Pontevedra e tendo en conta que o trazado das liñas eléctricas se estuda seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no intento de buscar a solución máis óptima da instalación, e axustándose ás prescricións que establece a normativa aplicable. Tal e como se recolle no artigo 162 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a servidume do predio servente non lle impide ao dono deste cercalo, plantar ou edificar nel, deixando a salvo a dita servidume, sempre que sexa autorizado pola Administración competente, considerando que a servidume se respecta cando o cercado, plantación ou edificación construída polo propietario non afecte o seu contido e a seguridade da instalación, persoas e bens.

– Con respecto ás alegacións presentadas por Juan José Domínguez Pereira, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Atios, propietaria dos predios n.º 1 e n.º 3, non se admite a modificación de trazado proposta, á vista de que a variación do trazado solicitada non cumpre con todos e cada un dos puntos establecidos no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e afecta a terceiros, concretamente cuadrículas mineiras en explotación, contando o expediente co informe técnico favorable dos servizos técnicos da xefatura territorial desta consellería en Pontevedra e tendo en conta que o trazado das liñas eléctricas se estuda seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no intento de buscar a solución máis óptima da instalación, e axustándose ás prescricións que establece a normativa aplicable. Tal e como se recolle no artigo 162 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a servidume do predio servente non lle impide ao dono deste cercalo, plantar ou edificar nel, deixando a salvo a dita servidume, sempre que sexa autorizado pola Administración competente, considerando que a servidume se respecta cando o cercado, plantación ou edificación construída polo propietario non afecte o seu contido e a seguridade da instalación, persoas e bens. Tanto na tramitación do expediente de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución como na tramitación do presente expediente de declaración de utilidade pública seguíronse os trámites regulamentarios de acordo coa normativa vixente de aplicación, outorgándose os ditos títulos administrativos sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas. Con respecto á necesidade de tramitación dun expediente de prevalencia da utilidade pública da instalación eléctrica que se pretende executar sobre a propia natureza dos montes, deberá cumprirse co disposto no artigo 6 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, no cal se establece que os montes veciñais en man común afectados pola instalación só poderán ser obxecto de expropiación forzosa ou impoñérselles servidumes por causa de utilidade pública ou interese social prevalente aos dos propios montes veciñais, así como no disposto no artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, polo que a empresa promotora da instalación deberá presentar a correspondente solicitude ante a Consellería do Medio Rural e do Mar, co obxecto de que se proceda á tramitación do correspondente expediente de prevalencia, dándoselle trámite de audiencia ás comunidades de montes veciñais en man común afectadas, tal e como se recolle na condición primeira imposta na presente resolución.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Declarar a utilidade pública, en concreto, da L.A.T. 132 kV O Porriño-Frieira II, repotenciación a 220 kV, tramo subestación Atios-apoio n.º 12, no termo municipal do Porriño (Pontevedra), o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. A empresa promotora da instalación eléctrica, unha vez declarada a utilidade pública en concreto desta e de acordo co disposto no artigo 6 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, en que se establece que os montes veciñais en man común afectados pola instalación só poderán ser obxecto de expropiación forzosa ou impoñérselles servidumes por causa de utilidade pública ou interese social prevalente aos dos propios montes veciñais, así como no artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, deberá presentar a correspondente solicitude ante a Consellería do Medio Rural e do Mar, co obxecto de que se proceda á tramitación do correspondente expediente de prevalencia, dándoselle trámite de audiencia ás comunidades de montes veciñais en man común afectadas.

Segunda. Antes de proceder á solicitude da acta de posta en servizo da instalación, procederase á transmisión da titularidade da instalación a favor de Red Eléctrica de España, S.A.U., como xestor da rede de transporte e transportista único, de acordo co establecido na Lei 17/2007, do 4 de xullo, pola que se modifica a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no artigos 133 e 134 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2012.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas