Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Martes, 20 de marzo de 2012 Páx. 9639

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convocan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos nas convocatorias de abril e setembro, e se ditan instrucións para a súa realización.

A Orde do 19 de febreiro de 2009, DOG do 4 de marzo, pola que se regulan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para persoas maiores de dezaoito anos, foi modificada parcialmente pola Orde do 10 de febreiro de 2012 e prevé no seu artigo 5.1 que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocará as citadas probas nunha ou máis convocatorias de forma ordinaria e, no punto 2, que establecerá as datas de matrícula e celebración, así como os centros nos que se van realizar.

En consecuencia, e ao abeiro da autorización que figura na disposición derradeira primeira da orde de referencia,

RESOLVO:

Convocar as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria no ano 2012, conforme se dispón nas epígrafes seguintes:

Primeiro. Condicións das persoas aspirantes.

1. Poderanse inscribir para a realización das probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria aquelas persoas que teñan cumpridos dezaoito anos o día anterior á data de realización da proba.

2. As persoas solicitantes que estean matriculadas de forma oficial nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria, na educación secundaria para persoas adultas (nivel II das modalidades presencial ou a distancia) ou no segundo curso dun programa de cualificación profesional inicial deberán presentar ante a dirección do centro correspondente a renuncia ao dereito a seren avaliadas pola matrícula oficial. A renuncia realizarase con anterioridade á presentación da solicitude de matrícula nas probas libres, xuntando á folla de inscrición unha copia da devandita renuncia. O incumprimento deste requisito suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.

3. As persoas que, estando matriculadas de forma oficial nalgunha das ensinanzas citadas no punto anterior, se presenten á convocatoria extraordinaria de setembro de 2012 en calquera centro educativo non poderán inscribirse na proba para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria no mes de setembro, aínda que presentasen a súa renuncia á matrícula oficial.

Segundo. Contidos da proba.

1. Os contidos da proba están integrados nos seguintes ámbitos:

a) Ámbito da comunicación. Inclúe exercicios das materias de lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura, e lingua estranxeira (inglés ou francés).

b) Ámbito científico-tecnolóxico. Inclúe exercicios das materias de matemáticas, ciencias da natureza e tecnoloxía, así como aspectos relacionados coa saúde e o medio natural recollidos no currículo da educación física.

c) Ámbito social. Inclúe exercicios das materias de ciencias sociais, xeografía e historia, educación para a cidadanía e aspectos perceptivos correspondentes ás materias de educación plástica e visual, e música.

2. As xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dous días antes da data de realización das probas, enviarán un funcionario acreditado para recoller os protocolos de exames na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Logo de recibidos os protocolos, entregaránselles aos presidentes ou ás presidentas dos tribunais responsables das probas, en presenza do xefe ou xefa do Servizo Territorial da Inspección Educativa correspondente, ou do persoal funcionario en quen delegue.

3. As xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria adoptarán todas as medidas necesarias para que en ningún caso se poida coñecer o contido das probas antes da súa realización.

Terceiro. Centros e lugares de celebración das probas.

1. Constituiranse tribunais para a avaliación das probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria nas catro provincias, nas seguintes localidades e centros:

a) Provincia da Coruña:

– Centro EPA Eduardo Pondal, rúa Pepín Rivero, 3, A Coruña.

– IES Rafael Dieste, prol. Manuel Murguía/esq. Rda. Outeiro, A Coruña.

– Centro EPA de Santa María de Caranza, rúa Luis de Requeséns, s/n, Ferrol.

– IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, Santiago de Compostela.

– IES Rosalía de Castro, rúa San Clemente, 3, Santiago de Compostela.

b) Provincia de Lugo:

– Centro EPA de Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, Lugo.

c) Provincia de Ourense:

– Centro EPA de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4, Ourense.

d) Provincia de Pontevedra:

– Centro EPA Río Lérez, avenida de Buenos Aires, s/n, Pontevedra.

– IES Sánchez Cantón, avenida Raíña Victoria, Pontevedra.

– Centro EPA Berbés, rúa Marqués de Valterra, 8-1.º, Vigo.

– IES Politécnico, rúa de Torrecedeira, 88, Vigo.

– IES Santa Irene, praza de América, 7, Vigo.

2. Cando nos centros autorizados o número de persoas matriculadas exceda o aforo das aulas dispoñibles para realizar a proba, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que corresponda establecerá, na mesma localidade, o centro ou centros nos que os matriculados realizarán a proba.

3. No suposto anterior, o centro no que se formalice a matrícula elaborará listaxes definitivas de admitidos diferenciadas para cada centro no que deben presentarse para realizar as probas. As listaxes organizaranse seguindo criterios de orde alfabética, por grupos de letras.

Cuarto. Inscrición.

1. A solicitude de inscrición axustarase ao modelo que figura no anexo I desta resolución e presentarase na secretaría dun único centro dos mencionados no punto terceiro desta resolución. Xunto con ela, achegarase a seguinte documentación:

● Fotocopia do DNI ou pasaporte, ou doutro documento equivalente cando non se autorice a consulta telemática dos datos de identidade.

● Solicitude, se procede, de exención de lingua galega. Nese caso, o/a aspirante achegará o anexo II, de acordo co punto 8 deste artigo.

● As persoas que soliciten o recoñecemento de necesidades especiais deberán entregar o anexo IV, de acordo co punto 9 deste artigo. Xuntarán a autorización para a consulta do ditame de discapacidade no caso de que esta fose recoñecida polo órgano competente da Xunta de Galicia. Cando o ditame fose emitido por outra Administración, xuntarase unha certificación do ditame da discapacidade.

● Copia cotexada, se procede, do certificado dos ámbitos da proba superados en anteriores convocatorias ou a certificación académica de ámbitos ou materias superados, de acordo coas especificacións establecidas nos puntos 3, 4 e 5 do artigo sexto desta resolución.

2. No caso das cidades onde hai máis dun tribunal, o alumnado deberá matricularse atendendo á primeira letra do seu primeiro apelido na sede que se indica a continuación:

a) A Coruña:

– Da letra A á letra L: centro EPA Eduardo Pondal, rúa Pepín Rivero, 3.

– Da letra M á letra Z: IES Rafael Dieste, prol. Manuel Murguía/esq. Rda., Outeiro.

b) Santiago de Compostela:

– Da letra A á letra L: IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n.

– Da letra M á letra Z: IES Rosalía de Castro, rúa San Clemente, 3.

c) Pontevedra:

– Da letra A á letra L: centro EPA Río Lérez, avenida de Buenos Aires, s/n.

– Da letra M á letra Z: IES Sánchez Cantón, avenida Raíña Victoria.

d) Vigo:

– Da letra A á letra F: centro EPA Berbés, rúa Marqués de Valterra, 8-1.º.

– Da letra G á letra O: IES Politécnico, rúa de Torrecedeira, 88.

– Da letra P á letra Z: IES Santa Irene, praza de América, 7.

3. A identidade dos aspirantes quedará acreditada mediante un destes procedementos:

a) Mediante a consulta por medio telemático ao servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade realizada polo órgano autorizado da Administración. Para iso, o interesado prestará o seu consentimento expreso, de acordo co establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009 que o desenvolve, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

b) No caso de que o/a interesado/a non prestase o dito consentimento, deberá presentar a fotocopia do documento de identidade correspondente.

4. Os prazos de matrícula serán:

– Convocatoria de abril: 20 ao 30 de marzo, ambos os dous incluídos.

– Convocatoria de setembro: o 3 e o 4 de setembro.

5. As persoas matriculadas para a primeira convocatoria, se non superan a totalidade dos ámbitos da proba, consideraranse matriculadas para a segunda convocatoria sen que teñan que presentar nova documentación.

6. Cada xefatura territorial, a través dos medios de comunicación, dará coñecemento público dos prazos, dos centros para a matrícula e das datas das probas dispostas nesta resolución.

7. O día hábil seguinte ao do remate do prazo da matrícula de cada convocatoria, os directores dos centros nos que se realizou a matrícula deberán comunicar o número de aspirantes que solicitan a realización da proba ao correo electrónico educadultos@edu.xunta.es, do Servizo de Xestión Económica e Educación de Adultos, pertencente á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Tamén deberán comunicalo por fax á respectiva xefatura territorial.

8. Durante o período de inscrición, as persoas aspirantes poderán dirixir á dirección do centro a solicitude de exención de lingua galega para que non sexa obxecto de avaliación nesta convocatoria. Para iso utilizarase o modelo que figura no anexo II desta resolución, no que se expresará a razón pola que se solicita a exención prevista no artigo 18.1 do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüísmo na ensinanza non universitaria de Galicia.

As persoas solicitantes de exención acreditarán a procedencia doutra comunidade autónoma ou dun país estranxeiro. As persoas procedentes doutra comunidade presentarán, ademais, copia cotexada da documentación que acredite os últimos estudos realizados.

O director ou a directora do centro onde presente a solicitude, de conformidade co artigo 19 do Decreto 79/2010, do 20 de maio, resolverá sobre a concesión ou a denegación da exención, fará pública tal circunstancia no taboleiro de anuncios e comunicarallo ao presidente ou á presidenta do tribunal que corresponda, polo menos tres días antes da data de realización da proba.

Contra a resolución da dirección do centro, cabe interpor recurso de alzada, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante o xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

9. Se formalizaren a súa inscrición persoas con necesidades educativas especiais que soliciten recoñecemento desas necesidades para realizar as probas, segundo o anexo IV, o tribunal adoptará as medidas que considere oportunas para facilitar a súa realización. Cando sexa necesario, a presidencia do tribunal poñerao en coñecemento da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Quinto. Data e normas de realización.

1. As probas celebraranse en sesións de mañá e tarde os días 27 de abril e 13 de setembro para as respectivas convocatorias.

2. Entre as 8.30 e as 9.00 horas iniciarase o chamamento para acceso aos espazos de realización da proba.

3. A sesión da mañá terá dúas partes: na primeira, das 9.30 ás 12.30 horas, realizaranse as probas do ámbito científico-tecnolóxico; na segunda, das 12.30 ás 14.00 horas, realizarase a proba do ámbito social.

Na sesión da tarde, das 16.00 horas ás 19.45 horas, realizaranse as probas do ámbito da comunicación. Comprenderá os exercicios de:

a) Lingua galega e literatura.

a.1) Exercicio de redacción.

O tribunal elixirá un tema para llelo propor ás persoas aspirantes. O tema elixido debe ser preferentemente de interese social ou cultural e de ampla difusión.

Na valoración da redacción, terase en conta o xeito de estruturar os datos e os feitos, a coherencia da exposición, o vocabulario empregado, o dominio da ortografía e a presentación do escrito.

O tempo para a realización deste exercicio será de corenta e cinco minutos como máximo.

a.2) Cuestións de lingua galega e literatura.

O tempo para a súa realización será de corenta e cinco minutos.

b) Lingua castelá e literatura.

b.1) Exercicio de redacción:

Realizarase conforme o disposto no punto a.1 para a lingua galega e literatura.

O tempo para a súa realización será de corenta e cinco minutos.

b.2) Cuestións de lingua castelá e literatura:

O tempo para a realización deste exercicio será de corenta e cinco minutos como máximo.

c) Lingua estranxeira.

O tempo para a súa realización será de corenta e cinco minutos.

4. Para a realización das probas, as persoas inscritas acreditarán a súa identidade presentando o DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito. Non se permitirá o acceso ás persoas que non estean correctamente identificadas.

5. Na proba do ámbito científico-tecnolóxico, o alumnado poderá utilizar as calculadoras científicas habituais non programables.

6. Non se permitirá o uso do teléfono móbil con calquera finalidade nin ningún outro dispositivo electrónico, agás o mencionado no punto anterior.

7. Os aspirantes, unha vez resolta cada proba, que será de resposta pechada, trasladarán as opcións elixidas a unha folla de respostas.

Sexto. Avaliación e puntuación das probas.

1. O profesorado que compoña o tribunal realizará a avaliación das probas por ámbitos de coñecemento e en función da súa especialidade. Este profesorado, cando exista discrepancia na cualificación dalgún ámbito, actuará de maneira colexiada para establecer a cualificación definitiva das probas. Unha vez avaliados os tres ámbitos, cando unha persoa só fose avaliada negativamente nun deles, o tribunal poderá revisar novamente se se lograron, en termos globais, os obxectivos establecidos para a etapa nese ámbito, e modificar a nota proposta en sentido positivo.

2. Entenderanse alcanzados os obxectivos cando, a xuízo do tribunal, a persoa aspirante amose un grao de desenvolvemento das competencias básicas que lle permita incorporarse ao mundo laboral, así como proseguir a aprendizaxe ao longo da vida. O tribunal poderá, cando o considere oportuno, convocar as persoas aspirantes a unha entrevista que sirva para aclarar posibles dúbidas sobre a valoración dese ámbito.

3. As persoas para quen o tribunal determine que non procede a proposta de expedición do título de graduado en educación secundaria obrigatoria conservarán para sucesivas convocatorias as cualificacións positivas obtidas no ámbito ou nos ámbitos superados nos termos de suficiente, ben, notable e sobresaliente. Tales cualificacións deberán ser tidas en conta polos tribunais en sucesivas convocatorias, polo que non cumprirá volver realizar as probas dos ámbitos superados.

4. De acordo coas especificacións establecidas no anexo III, as persoas aspirantes que acrediten ter superado algún ámbito nas probas libres para a obtención do título de graduado en educación secundaria en convocatorias anteriores, algún módulo número catro dos ámbitos de educación secundaria de persoas adultas, algún módulo voluntario dos programas de cualificación profesional inicial ou algún ámbito dos programas de diversificación curricular de cuarto curso quedarán eximidas da realización da proba no ámbito ou ámbitos superados. A cualificación deses ámbitos consignarase nas actas de avaliación das probas nos termos de suficiente, ben, notable e sobresaliente.

5. Quen acredite ter superadas algunhas materias do cuarto curso de educación secundaria obrigatoria ou de segundo curso de bacharelato unificado polivalente (establecido na Lei 14/1970, do 4 de agosto, xeral de educación), de acordo tamén coas especificacións do anexo III, quedará eximido da realización das probas do ámbito ou ámbitos correspondentes. Neste caso, as cualificacións consignaranse co resultado da media aritmética desas materias, redondeada á unidade máis próxima e, no caso de equidistancia, á superior.

6. A cualificación de cada ámbito outorgarase consonte a seguinte escala:

a) Ámbito científico-tecnolóxico.

Matemáticas.

Ciencias da natureza.

Tecnoloxía.

Puntuación máxima: 15 puntos.

Puntuación máxima: 10 puntos.

Puntuación máxima: 10 puntos.

Total máxima puntuación: 35 puntos.

b) Ámbito social.

Ciencias sociais, xeografía e historia.

Música, e educación plástica e visual.

Puntuación máxima: 25 puntos.

c) Ámbito lingüístico.

Lingua galega e literatura.

Redacción.

Cuestións de lingua galega e literatura.

Lingua castelá e literatura.

Redacción.

Cuestións de lingua castelá e literatura.

Lingua estranxeira:

Puntuación máxima: 10 puntos.

Puntuación máxima: 5 puntos.

Puntuación máxima: 10 puntos.

Puntuación máxima: 5 puntos.

Puntuación máxima: 10 puntos.

Total máxima puntuación: 40 puntos.

7. Cualificación dos ámbitos.

a) Científico-tecnolóxico.

Puntuación

Cualificación

31 a 35 puntos

26 a 30

21 a 25

17 a 20

Menos de 17

Sobresaliente

Notable

Ben

Suficiente

Insuficiente

b) Lingüístico.

Puntuación

Cualificación

36 a 40 puntos

31 a 35

26 a 30

20 a 25

Menos de 20

Sobresaliente

Notable

Ben

Suficiente

Insuficiente

c) Social.

Puntuación

Cualificación

25 puntos

21 a 24

16 a 20

12 a 15

Menos de 12

Sobresaliente

Notable

Ben

Suficiente

Insuficiente

8. No caso das persoas exentas da proba de lingua galega, a puntuación máxima que se outorgará ao ámbito lingüístico será esta:

Lingua castelá e literatura.

Redacción.

Cuestións de lingua castelá e literatura.

Lingua estranxeira.

Puntuación máxima: 10 puntos

Puntuación máxima: 5 puntos

Puntuación máxima: 10 puntos

Total máxima puntuación: 25 puntos

Cualificación do ámbito lingüístico para o alumnado exento de galego:

Puntuación

Cualificación

25 puntos

21 a 24

16 a 20

12 a 15

Menos de 12

Sobresaliente

Notable

Ben

Suficiente

Insuficiente

9. Cualificación global da proba.

a) Logo de avaliada a proba, no prazo de dez días, a presidencia do tribunal fará pública a listaxe provisional de aspirantes con cualificacións positivas, por ámbito, no taboleiro de anuncios do centro onde se realizou a proba.

b) Contra a cualificación provisional, poderase presentar reclamación ante a presidencia do tribunal no prazo dos dous días posteriores ao da publicación da listaxe provisional.

c) Transcorrido o prazo de reclamacións, elevarase a definitiva a listaxe de cualificacións.

d) Contra a listaxe definitiva da proba, poderase interpor no prazo dun mes recurso de alzada ante o xefe ou xefa territorial correspondente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que esgotará a vía administrativa.

e) Logo de rematado o proceso de avaliación, a presidencia do tribunal entregará na secretaría do centro as actas de avaliación e demais documentación relacionada coas probas para a súa tramitación e custodia.

f) As persoas aspirantes que superen os tres ámbitos da proba serán propostas polo centro para a expedición do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, a través da aplicación de xestión administrativa de centros (XADE).

Sétimo. Tribunais.

1. Cada tribunal estará constituído por un inspector ou unha inspectora de educación que actuará como presidente ou presidenta, e catro vogais pertencentes aos corpos de catedráticos ou de profesorado de ensino secundario, preferentemente que estean a impartir o nivel II da educación secundaria para persoas adultas, designados polo xefe ou xefa territorial correspondente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Na composición do tribunal garantirase que exista un vogal que imparta docencia no ámbito de comunicación, idioma estranxeiro, e outros dous que impartan docencia nos ámbitos científico-tecnolóxico e social.

2. Os membros do tribunal poderán percibir axudas de custo por asistencia e axudas para gastos de locomoción por concorreren ás sesións de avaliación consonte o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

3. O tribunal facilitará aos aspirantes con ámbitos superados unha certificación coas cualificacións obtidas ou de proposta para a expedición do título, utilizando os anexos V e VI desta resolución, e cubrirá a ficha estatística que se xunta como anexo VII. A ficha estatística remitiráselle ao Servizo Territorial de Inspección Educativa, desde onde, co visto e prace do inspector xefe ou da inspectora xefa, se enviará á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa antes do próximo 30 de maio, para a convocatoria de abril, e antes do 30 de outubro, para a convocatoria de setembro.

Disposición derradeira única.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2012.

José Luis Mira Lema
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file