Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Luns, 16 de abril de 2012 Páx. 13425

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 30 de marzo de 2012 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Compostela Arquitectura.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Compostela Arquitectura, con domicilio na rúa Número 3, no Convento, Sarandóns, Abegondo (A Coruña).

Feitos.

1. José Carlos Seoane González, presidente do Padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Compostela Arquitectura foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 13 de abril de 2011 ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Armán, co número de protocolo 1.108, José Carlos Seoane González, que actúa no seu propio nome e dereito.

Esta escritura foi complementada por outra, outorgada tamén na Coruña o 29 de febreiro de 2012, ante o mesmo notario, co número de protocolo 658.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto: a promoción e defensa do patrimonio arquitectónico e paisaxístico de Galicia, a nivel nacional e internacional. Pretenderase conciliar e potenciar os esforzos de persoas públicas ou privadas relacionadas con ela e, de ser o caso, actuar como instrumento supletorio delas. Polo tanto, o fomento da creación, investigación e difusión da arquitectura constituirán as actividades que deberá desenvolver a Fundación.

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por José Carlos Seoane González como presidente; Juan Manuel Seoane Lestón como secretario e Óscar Fuertes Dopico como vogal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Compostela Arquitectura, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de Protectorado.

De conformidade co exposto e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais, na súa reunión do día 26 de marzo de 2012,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Compostela Arquitectura, adscribíndoa ao Protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2012.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza