Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Luns, 16 de abril de 2012 Páx. 13478

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 30 de marzo de 2012 sobre aprobación definitiva da modificación puntual do PXOM do Concello da Pobra do Caramiñal, nas áreas de reparticón e polígonos 9 e 10, para a implantación dun centro de saúde.

O Concello da Pobra do Caramiñal remite a modificación puntual referida en solicitude da súa aprobación definitiva por esta consellería conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes:

1. O Concello da Pobra do Caramiñal dispón na actualidade dun Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente polas ordes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 1.3.2007, 25.10.2007 e do 3.7.2008.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 9.9.2011 non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. Constan os informes técnico do arquitecto técnico municipal do 19.9.2011 e xurídico do secretario do concello, do 23.9.2011, previos á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG); e técnico do arquitecto técnico municipal do 18.1.2012 e xurídico do secretario do concello, con data do 20.1.2012, previos á aprobación provisional.

4. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 29.9.2011 e someteuna a información pública (La Voz de Galicia e El Correo Gallego do 12.10.2011, e DOG do 21.10.2011). Foi presentada unha alegación segundo o certificado do 31.1.2011. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Boiro, Ribeira e Porto do Son, sen que houbese resposta, de acordo con informe do secretario do concello do 20.1.2012.

5. Constan os seguintes informes sectoriais favorables:

a) Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe: informe do 9.11.2011.

b) Área de Autorizacións e Concesións de Augas de Galicia: informe do 24.10.2011.

c) Xunta de Goberno da Deputación Provincial da Coruña: informe do 9.1.2012.

Foron solicitados informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Consellería de Sanidade, sen que fosen emitidos, segundo o informe do secretario do 20.1.2012.

6. A modificación foi aprobada provisionalmente por acordo municipal en pleno con data do 26.1.2012, con desestimación expresa da alegación presentada.

II. Ámbito e obxecto da modificación proposta.

1. O ámbito da modificación afecta aos polígonos POL-9 e POL-10 de solo urbano non consolidado ordenados detalladamente no vixente plan xeral. Sitúase ao oeste do centro urbano da Pobra e linda con viarios, cemiterio parroquial de Santa María a Antiga e polígono POL-11.

2. A modificación ten por obxecto alterar a ordenación dos POL-9 e POL-10 para obter os terreos necesarios para a implantación dun centro de saúde, suprimindo a vía posterior dos POL-9 e 10 e alterando os espazos libres, volumes edificables e prazas de aparcadoiro. Tamén se modifica o límite entre ambos os polígonos para adecualos á realidade catastral.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, púidose observar:

1. A modificación implica alteracións da posición e delimitación de terreos cualificados como espazos libres ou zonas verdes polo plan xeral vixente, polo que se elevou ante a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, que en sesión do 22.3.2012 emitiu informe favorable (artigo 94.4 da LOUG).

2. A incorporación de usos necesarios, como é o dun equipamento público, pode considerarse como unha razón de interese xeral para basear a modificación do planeamento xeral (artigo 94.1 da LOUG).

3. A adaptación da delimitación dos polígonos POL-9 e POL-10 ás parcelas catastrais reais, figura como criterio nas respectivas fichas no plan xeral vixente. A delimitación do conxunto dos dous polígonos co seu contorno non se ve afectada agás no lindeiro do POL-9 co cemiterio, adaptándose tamén á parcela catastral.

4. O proxecto non altera a superficie máxima edificable do POL-9 (3.920 m2) e reduce lixeiramente a do POL-10 de 4.352 m2 a 4.144 m2.

5. Non se produce alteración dos sistemas xerais de espazos libres e zonas verdes sinalados polo plan xeral.

6. Canto aos espazos libres públicos de carácter local, a ordenación vixente prevé dous no POL-9 (de 820 m2 de superficie total, 720 m2 por medición en planos) e un no POL-10 (de 940 m2 medida en plano) que suman 1.660 m2. Na nova ordenación proxectada, o espazo libre do POL-10 pasa a ter 967 m2; e o do POL-9 1.008 m2, o que suma en total uns 1.975 m2, producíndose un aumento dos terreos cualificados en planos como espazos libres locais de 315 m2.

7. Polo que respecta aos equipamentos públicos, a nova ordenación mantén a reserva no POL-10 e auméntaa no POL-9 de 392 m2 a 1.850 m2 para a construción do centro de saúde.

8. O proxecto aprobado provisionalmente elimina as contradicións observadas anteriormente canto á extensión a parcela destinada a centro de saúde. E elimina o punto A das ordenanzas que contraviña o artigo 20.1.b) e e) da LOUG e artigo 16 do texto refundido da Lei do solo R.D.L. 2/2008.

9. O proxecto modifica a contía da reserva de terreos para vivenda protexida do 20% ao 30% establecido no artigo 47.11 da LOUG.

De conformidade cos artigos 89, 93.4 e 94.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos Plans Xerais de Ordenación Municipal e as súas modificacións, correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1.º Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM do Concello da Pobra do Caramiñal, nas áreas de repartición e polígonos 9 e 10, para a implantación dun centro de saúde, de acordo artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2.º Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3.º Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no DOG.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2012.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas