Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Luns, 16 de abril de 2012 Páx. 13473

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 30 de marzo de 2012 sobre aprobación definitiva da modificación puntual número 3 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Oroso sobre varias ordenanzas.

O Concello de Oroso remite a modificación puntual referida na solicitude da súa aprobación definitiva por esta consellería, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Oroso conta na actualidade cun PXOM aprobado definitivamente pola Orde da CPTOPT do 16.2.2005 (DOG do 28 de febreiro).

2. O Concello non solicitou o informe previo á aprobación inicial por concorrer as circunstancias conformes co segundo parágrafo do artigo 93.4 da LOUG.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 27.8.2010 non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

4. Constan informes favorables e previos á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG), técnico do arquitecto municipal, do 21.9.2010, e xurídico do secretario do concello, do 21.9.2010; e xurídico do secretario do concello, do 21.7.2010 (sic), favorable á aprobación provisional.

5. O Concello pleno aprobou inicialmente a modificación o 30.9.2010. Foi sometida á información pública polo prazo de dous meses (El Correo Gallego do 20 de outubro, La Voz de Galicia do 20 de outubro e DOG do 21 de outubro de 2010). Non foron presentadas alegacións. Déuselles audiencia aos concellos limítrofes, sen que conste ningunha alegación.

6. Consta informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia do 31.5.2011, que indica que non se aprecia afección ao patrimonio cultural de Galicia.

7. A modificación foi aprobada provisionalmente polo acordo municipal do Pleno do 28.7.2011.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

A modificación contén seis alteracións da normativa do plan xeral e dúas recualificacións de solo. En concreto, as alteracións propostas consisten:

a) Na nova regulación sobre concesión de licenzas (artigo 1.5.3 da normativa).

b) Na nova regulación da parcelación (artigo 1.5.13).

c) Na nova regulación do sistema de espazos libres e espazos peonís (artigo 2.2.1).

d) Na nova definición da planta soto (artigo 3.1.17).

e) No aumento do fondo edificable da planta soto na Ordenanza SU-3 (artigo 6.2.3).

f) Na nova regulación do parámetro de parcela mínima en núcleo rural (artigo 7.2.1).

g) Na recualificación de espazo dotacional no contorno do edificio do antigo centro de saúde.

h) Na incorporación dunha parcela de infraestrutura de servizo ao sistema local de espazos libres no sector n.º 2 de solo urbanizable.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, púidose observar:

1. Nova regulación sobre a concesión de licenzas (artigo 1.5.3 da normativa).

A modificación ten por obxecto alterar a epígrafe titulada Ampliación de prazos do artigo 1.5.3 da normativa, para eliminar aqueles aspectos da regulación da prórroga dos prazos de licenzas contidos no artigo 19 do Regulamento de disciplina urbanística, Decreto 28/1999, e que o punto 25 da Instrución 1/2011, do 12 de abril, da SXOTU, considera que non son aplicables por contradiciren o artigo 197.2 da LOUG.

Considérase motivada a proposta, pois supón a adaptación do plan á LOUG.

2. Nova regulación da parcelación (artigo 1.5.13).

Proponse unha depuración do artigo 1.5.13 da normativa, que alcanzaría:

a) A mención expresa de que no solo de núcleo rural é exixible a licenza para a realización de parcelacións urbanísticas.

b) A exixencia dunha maior precisión da cartografía achegada coa solicitude de licenzas, reducindo o máximo erro admisible do 25% ao 5%.

c) A prohibición de realizar crebas nos novos lindes.

d) A prohibición expresa de realizar parcelacións urbanísticas se non foi aprobado o planeamento que conteña a ordenación detallada.

e) A mención expresa de que as segregacións e divisións de terreos en rústico está rexida polo disposto na LOUG.

As modificacións propostas son unha mera traslación do contido legal (letras a), d) e e) ou ben están xustificadas (letras b) e c), co cal non se observa obxección.

3. Nova regulación do sistema de espazos libres e espazos peonís (artigo 2.2.1).

A modificación dálles unha nova redacción ás letras a) e b) do punto 3 do artigo 2.2.1 da normativa, referida ao sistema de espazos libres e espazos peonís, que supón:

a) Inserir a posibilidade de, mediante plans especiais cun ámbito superior a 20.000 m2, autorizar instalacións deportivas ao aire libre, sempre que se integren no contexto do parque e non se sitúen en solo rústico de especial protección.

b) Aumentar a ocupación máxima por elementos permanentes do 5% ao 10% da superficie total da zona onde se sitúen.

Unha proporción reducida do espazo libre como área deportiva descuberta non desnaturaliza o seu carácter (artigo 25.1.c) do Regulamento de planeamento.

Esta modificación afecta terreos cualificados como zonas verdes ou espazos libres públicos, polo que foi elevada ante a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia que, en sesión do 22.3.2012, emitiu informe favorable (artigo 94.4 da LOUG).

4. Nova definición da planta soto (artigo 3.1.17).

A modificación propón unha nova definición da planta soto (punto 1 do artigo 3.1.17 da normativa) para recoller os casos de terreos en pendente e dar a posibilidade de conectar co exterior.

A regulación proposta respecta o artigo 46.6 a) en relación cos criterios de cómputo de edificabilidade, polo que se considera admisible.

5. Aumento do fondo edificable da planta soto na Ordenanza SU-3 (artigo 6.2.3).

Proponse a alteración do fondo edificable na Ordenanza SU-3 de edificación agrupada, de xeito que nas plantas subterráneas pasa de 12 a 20 m, por mor da necesidade de espazo para a situación de prazas de aparcadoiro e ramplas.

A modificación pode considerarse xustificada.

6. Nova regulación do parámetro de parcela mínima en núcleo rural (artigo 7.2.1).

A modificación propón a diminución da parcela mínima na Ordenanza de solo de núcleo rural non incluído en áreas de expansión (600 m2 ou 1.000 m2 segundo o grao) a 300 m2 para as parcelas existentes no momento da entrada en vigor do plan xeral.

Considérase suficientemente xustificada a proposta.

7. Recualificación de espazo dotacional no contorno do edificio do antigo centro de saúde, en Sigüeiro.

A construción dun novo centro de saúde nos terreos dotacionais do sector 1 fai que o antigo edificio quede dispoñible para outros usos dotacionais. O plan vixente ordena o terreo ocupado polo edificio como equipamento público e o seu contorno como aparcadoiro (rede viaria) e parcela de servizos privada (Telefónica), que é, en realidade, propiedade do concello.

A proposta cualifica todo o conxunto (unhas 0,28 hectáreas) como sistema xeral de equipamento de titularidade pública. A previsión de novas dotacións públicas é a razón de interese público que fundamenta a modificación do plan (artigo 94.1 da LOUG).

8. Incorporación dunha parcela de infraestrutura de servizo ao sistema local de espazos libres no sector n.º 2 de solo urbanizable, en Sigüeiro.

Proponse que a parcela destinada a sistema de infraestrutura de depósitos de gas no sector 2 pase a ser sistema local de espazos libres públicos, dado que os depósitos quedaron fóra de servizo ao se conectar a rede de gas á rede xeral de gas natural.

A previsión de novas dotacións públicas é unha razón de interese público que pode fundamentar unha modificación do plan (artigo 94.1 da LOUG).

De conformidade cos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións puntuais dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. De acordo co punto 7 a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual n.º 3 do PXOM do Concello de Oroso sobre varias ordenanzas.

Segundo. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2012.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas