Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Luns, 23 de abril de 2012 Páx. 14765

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2012 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia promovidos polos concellos e mancomunidades de concellos, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se anuncia a convocatoria para o período 2012-2013.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) foi creada como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e a coordinación do territorio rural galego, para mellorar as condicións de vida e contribuír a frear o seu despoboamento (disposición adicional 6.ª da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, modificada pola Lei 12/2008, do 3 de decembro, pola que se modifica a Lei 7/1996 e a Lei 5/2000, e mais pola Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas).

No marco das súas funcións, desenvolvidas no Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o seu regulamento, correspóndelle á Agader a xestión dos recursos destinados á dinamización das áreas rurais de Galicia.

O Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013 (PDR), aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión CE (2008) 703, do 15 de febreiro, e modificado por Decisión C (2010) 1227, do 5 de marzo de 2010, prevé no eixe 3 diversas medidas dirixidas á mellora da calidade de vida nas zonas rurais e á diversificación da economía rural, cuxa xestión corresponde á Agader. Esas medidas están financiadas, igual que as restantes que integran o PDR, polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), xunto con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia e da Administración xeral do Estado.

Dado que a promoción do desenvolvemento rural galego debe abordarse desde unha perspectiva integral, prevese, dando continuidade á liña de proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, o apoio a actuacións de diferente natureza, que a Agader vai materializar a través da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, aos concellos e mancomunidades de concellos de Galicia. As subvencións centraranse nas seguintes medidas:

3.1.3. Fomento de actividades turísticas.

3.2.1. Servizos básicos para a economía e a poboación rural.

3.2.3. Conservación e mellora do patrimonio rural.

No contexto do «chequeo médico» da PAC e do Plan Europeo de Recuperación Económica (PERE), foi modificado o Regulamento (CE) n.º 1698/2005, polos regulamentos (CE) n.º 74/2009 e n.º 473/2009, que introducen unha serie de operacións específicas asociadas aos novos retos no artigo 16 bis. Para este tipo de operacións, modificouse o artigo 70.4 do citado regulamento, que permite que a porcentaxe de cofinanciamento do Feader poida incrementarse para as rexións de obxectivo converxencia ata o 90%. A modificación do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia aprobada pola Decisión C (2010), do 5 de marzo, da Comisión, inclúe como un dos novos retos o fomento das enerxías renovables, que se implementará a través da medida 321 do PDR. Dada a exixencia da Comisión de establecer unha demarcación clara coas actuacións financiadas na Comunidade Autónoma mediante fondos Feder/Feader, a Agader asinou un convenio de colaboración co Instituto Enerxético de Galicia (Inega) en que se concretan as actuacións que financiará por cada unha das partes.

As operacións das medidas 313 e 321 que poidan afectar a competencia están amparadas no Regulamento (CE) n.º 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE (actuais artigos 107.1 e 108.1 do TFUE) ás axudas de minimis (DOUE do 28.12.2006, L379).

O réxime de pagamentos parciais e anticipos aplicables está autorizado polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 29 de marzo de 2012.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) é unha entidade pública instrumental das sinaladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O seu director xeral ten delegada a aprobación dos procedementos de selección de actuacións con cargo aos recursos que lle sexan asignados para o desenvolvemento do medio rural, así como a súa xestión orzamentaria e a súa distribución, segundo o acordo do Consello de Dirección do 21 de xuño de 2007 (DOG n.º 134, do 11 de xullo).

De acordo co anterior

RESOLVO:

1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións a proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia 2012-2013 promovidos polos concellos e mancomunidade de concellos, que se xuntan a esta resolución como anexo I.

2. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do período 2012-2013 que se xuntan a esta resolución como anexo II.

3. Convocar para o período 2012-2013, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia promovidas polos concellos e mancomunidades de concellos, cunha dotación máxima de 14.890.892 euros que se distribuirá do seguinte xeito:

Medidas

Anualidade 2012
Anualidade 2013

Importe total (euros)

Aplicación orzamentaria

31300. Fomento de actividades turísticas

1.083.706,00
160.673,00

1.244.379,00

2012-13-A1-712A-7600

32110. Servizos básicos para a economía e a poboación rural

3.336.157,00
6.000.000,00

9.336.157,00

2012-13-A1-712A-7600

32120. Novos retos. Enerxías renovables

681.027,00
1.318.973,00

2.000.000,00

2012-13-A1-712A-7600

32142. Servizos básicos para a economía e a poboación rural. Fondos adicionais

238.385,00
261.615,00

500.000,00

2012-13-A1-712A-7600

32322. Conservación e mellora do patrimonio natural

929,583,00
141.742,00

1.071.325,00

2012-13-A1-712A-7600

32330. Conservación e mellora do patrimonio cultural

648.411,00
90.620,00

739.031,00

2012-13-A1-712A-7600

Total

6.917.269,00
7.973.623,00

14.890.892,00

As solicitudes dirixiranse ao director xeral da Agader e presentaranse segundo os modelos do anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras, no prazo de 45 días naturais contados desde o seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG. Se o último día do prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Os citados modelos poderán descargarse na páxina web da Agader http://agader.xunta.es

Os investimentos xustificaranse documentalmente de acordo co disposto nas bases reguladoras. O prazo límite para a execución dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados e para a xustificación dos gastos será o 30 de xuño de 2013.

A 30 de outubro de 2012 deberá estar executado e xustificado correctamente o investimento correspondente á anualidade 2012. O feito de non xustificar correctamente esta anualidade, e dependendo das dispoñibilidades ou situación orzamentaria, podería devir en perda do dereito a ela.

Na resolución de concesión da axuda recollerase de forma expresa a súa distribución.

Á vista do volume das solicitudes presentadas para cada medida, mediante resolución do director xeral da Agader poderá redistribuírse entre elas o crédito aprobado, limitándose sempre ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional primeira.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Disposición adicional segunda. Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web da Agader http://agader.xunta.es

b) No teléfono 981 54 73 82.

c) Presencialmente, con cita previa no teléfono 981 54 73 82.

Disposición derradeira primeira.

O director xeral da Agader poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta aplicación e execución destas bases reguladoras.

Disposición derradeira segunda.

Esta resolución será aplicable desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2012.

P.D. (DOG número 134, do 11 de xullo de 2007)
Antonio Crespo Iglesias
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Anexo I
Bases reguladoras das subvencións a proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia 2011-2013 promovidos polos concellos e mancomunidade de concellos

I. Disposicións de carácter xeral.

A) Requisitos e regras xerais.

Todos os proxectos deberán cumprir os requisitos seguintes:

1. Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Os solicitantes poderán iniciar a execución do proxecto antes da resolución de concesión da subvención sempre que acrediten que non está iniciado na data de solicitude da axuda, ben cunha acta notarial que reflicta fidedignamente o non inicio da obra ou instalación, ou ben cunha acta de non inicio levantada pola Agader por petición do interesado. Non obstante, consideraranse subvencionables os gastos realizados con anterioridade á solicitude, a título de adquisición de máquinas, aparellos ou materiais de construción, sempre que a montaxe, instalación ou incorporación in situ non tivese lugar antes da presentación da solicitude ou do levantamento da acta de non inicio, así como os gastos correspondentes a honorarios de redacción de proxectos e estudos de viabilidade.

2. Que se desenvolvan no territorio de Galicia exceptuando as zonas incluídas nos perímetros urbanos, definidos como tales no planeamento urbanístico vixente, das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

3. Que sexan finalistas, é dicir, que no momento da certificación final cumpran os obxectivos e funcións para os cales foron aprobados. En ningún caso se admitirán fases de proxectos.

4. Que sexan viables financeiramente.

5. Que se axusten á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

6. Que se axusten ás especificacións indicadas para cada medida e tipo de proxecto nas presentes bases.

7. Que o promotor do proxecto non teña sido sancionado pola Consellería do Medio Rural pola comisión de infraccións en materia de subvencións no prazo de un ano se a infracción foi cualificada como leve, de dous anos se a infracción foi cualificada como grave ou tres anos se a infracción foi cualificada como moi grave. Os prazos computaranse desde a data de remate de presentación das solicitudes.

As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader e, por tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que, para o mesmo proxecto ou finalidade, leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros ...).

Coa puntualización anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública como privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 100% do importe elixible do proxecto.

Aqueles beneficiarios da axuda que en 30 de xuño de 2013 non tiveren renunciado expresamente a ela e non executasen nin xustificasen o proxecto, sen causa debidamente xustificada e comunicada á Agader, quedarán excluídos das dúas seguintes convocatorias para proxectos dinamizadores nas cales poidan ser beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas, de ser o caso, estarán suxeitos ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desenvolvido no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

B) Solicitudes.

As solicitudes presentaranse en modelo normalizado (modelo A) no rexistro xeral da Agader ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, LRXAP).

Así mesmo, as solicitudes poderán presentarse electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, segundo o previsto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Xunto coa solicitude, os interesados deberán presentar a seguinte documentación:

1. Certificación do secretario municipal da designación legal do representante da entidade solicitante.

2. Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases, se procede.

3. Fotocopia do NIF da entidade solicitante.

4. Declaración, segundo documento normalizado (modelo B), doutras axudas concedidas e/ou solicitadas a outras entidades públicas e/ou privadas para o mesmo proxecto, así como das axudas de minimis, para aquelas medidas que resulte de aplicación, solicitadas e/ou percibidas polos solicitantes nos tres últimos anos e a orixe dos fondos destas subvencións, debéndose indicar a orde de axudas correspondente, así como a data da resolución de concesión e, de ser o caso, de pagamento da axuda. No mesmo modelo tamén se declarará que non concorren as circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 de Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG).

5. Resumo do proxecto en documento normalizado (modelo C), no cal se reflicta a situación de partida, os obxectivos que se perseguen coa súa posta en marcha e a metodoloxía de traballo, así como as explicacións necesarias para a correcta comprensión do proxecto. O solicitante debe ter en conta que esta información vai ser tomada en consideración para valorar o cumprimento dos requisitos dos proxectos e para aplicar os criterios do baremo sinalados na letra K) para cada tipo de proxecto.

6. Orzamento detallado, agrupado por partidas, en documento normalizado (modelo D), dos gastos necesarios para a execución do proxecto.

7. Plan de xestión (modelo E). Deberase ter en conta o período de 5 anos en que o beneficiario se obriga a respectar o destino do investimento.

8. Plano do SIXPAC indicando as coordenadas da actuación.

9. No caso de que unha actuación requira proxecto técnico, presentarase anteproxecto que permita unha definición exacta da intervención que se vai realizar. Nos demais casos enviarase unha memoria valorada cun orzamento suficientemente detallado.

10. Documentación acreditativa da titularidade dos terreos ou inmobles sobre os cales se vai executar o proxecto, ou da dispoñibilidade deles durante un período mínimo de cinco anos, agás que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

11. Cando dúas o máis entidades cooperen de xeito efectivo no proxecto, deberán de presentar o convenio de colaboración asinado polos representantes legais das partes.

12. Calquera actuación que se vaia desenvolver dentro da Rede Natura 2000 precisa da autorización da Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Caso de que a autorizazión –ou a solicitude de informe previo– non sexa presentada coa solicitude de subvención, a Agader comprobará de oficio que o promotor solicitou a dita autorización, para o que este deberá especificar a data e o servizo provincial de Conservación da Natureza donde foi presentada a correspondente solicitude.

13. De ser o caso, e de non presentarse coa solicitude a oportuna acreditación de que as construcións que se pretenden recuperar están incluídas no Inventario do patrimonio cultural de Galicia (artigo 22.1 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia) ou nos catálogos das normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia correspondente, aprobadas pola de Orde da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas do 3 de abril de 1991, así como os contidos nos catálogos de calquera outra figura de planeamento (disposición adicional segunda da Lei 8/1995), a Agader comprobarao de oficio, para o que é preciso que o promotor forneza os datos necesarios e suficientes para a súa correcta identificación e localización.

14. Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma (artigo 11 do Decreto 11/2009).

15. Cando sexa o caso, convenio que avale o servizo compartido de canceiras.

16. No caso de que un concello presente máis dun proxecto, deberá presentar un escrito no que se prioricen estes.

17. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación e baremación do proxecto.

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá ao interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se non o fixer, terase por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da LRXAP.

Non será necesario que os solicitantes presenten a documentación que xa conste en poder da Agader, sempre que indiquen o código de expediente ou outros datos que permitan localizala, e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

C) Beneficarios.

Concellos e mancomunidades de concellos.

D) Tipo e intensidade da axuda.

A intensidade da axuda será como máximo do 100% do gasto subvencionable. Un mesmo promotor non poderá recibir axudas por máis de cinco proxectos. As axudas por promotor non superarán os 150.000 euros sumando as de todos os proxectos subvencionados. No caso de que a un promotor se lle aprobasen varios proxectos e se superase o límite máximo de axuda, o último proxecto aprobado segundo a orde de prioridade sinalado polo promotor quedará limitado na cantidade precisa para non superar o máximo de axuda total prevista (150.000 euros). Cando un concello presente un proxecto conxunto con outros concellos non computará no límite sinalado de cinco proxectos.

As axudas para as actuacións incluídas nas medidas 313 e 321 que teñan a consideración de axuda de Estado ampararanse no Regulamento (CE) n.º 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE (actuais artigos 107.1 e 108.1 do TFUE), ás axudas de minimis (DOUE do 28.12.2006, L379). As axudas que se concedan a entidades locais, na medida en que non exerzan unha actividade económica, non se califican como empresas no sentido do artigo 107.1 do Tratado CE, polo que non constitúen axudas de Estado.

E) Consentimentos e autorizacións.

De conformidade co previsto no artigo 15 da LSG, e do artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na administración pública galega, a Agader publicará no DOG e na súa páxina web as subvencións concedidas ao abeiro destas bases, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos de carácter persoal e da súa publicación. Ademais, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a solicitude da axuda significa o consentimento para que os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso, sexan incluídos e feitos públicos no citado rexistro, que depende da Consellería de Facenda.

F) Instrución do procedemento, valoración dos proxectos e proposta de adxudicación.

1. Os actos de instrución necesarios para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución serán realizados de oficio pola Subdirección de Coordinación e Planificación para o Desenvolvemento Rural.

2. As solicitudes serán valoradas en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios de adxudicación e baremación previstos nestas bases por unha comisión de avaliación.

A comisión de avaliación estará composta polo director xeral da Agader ou persoa en quen delegue, que a presidirá; o secretario xeral da Agader, que actuará de secretario da mesma, con voz e sen voto; as/os titulares das subdireccións de Relación cos Grupos de Acción Local e de Coordinación e Planificación para o Desenvolvemento Rural da Agader; catro persoas nomeadas polo director xeral da Agader por proposta das consellerías competentes en materia de Cultura e Turismo, Traballo e Benestar e Medio Rural.

3. Poderán excluírse os proxectos que, logo da súa valoración de acordo cos criterios aplicables, obteñan unha puntuación inferior a 15 puntos, ao considerarse que non acadan os niveis mínimos de viabilidade e cobertura dos obxectivos da presente convocatoria.

4. Os proxectos admitidos recibirán unha porcentaxe de subvención en función dos puntos obtidos na valoración, segundo os criterios recollidos nestas bases.

No caso de empate, terase en conta en primeiro lugar o criterio de localización xeográfica e, en segundo lugar, a data de presentación da solicitude.

5. Cando un concello obteña axudas para varios proxectos e supere o límite máximo previsto (150.000 euros), adxudicaranse aqueles de acordo coa priorización remitida polo concello.

6. Unha vez avaliadas as solicitudes, a comisión de avaliación emitirá informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada. O órgano instrutor elevará o dito informe, xunto coa proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

7. A proposta de resolución expresará de forma motivada a relación de proxectos para os cales se propón a concesión da axuda, coa identificación, en relación a cada proxecto, do beneficiario, medida, fontes de financiamento, importe e porcentaxe da subvención proposta respecto dos conceptos, a súa avaliación e os criterios de valoración seguidos para efectuala e máis, se é o caso, as condicións especiais que deban cumprirse para poder percibir a axuda. De ser o caso, contará cunha lista dos proxectos admitidos que non acadasen subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible. Así mesmo, expresará, de xeito motivado, a relación de proxectos para os cales non se propón a concesión de subvención, por falta de documentación, por non reunir os requisitos ou por non acadar a puntuación mínima necesaria.

8. No suposto de que algún beneficiario renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

G) Resolución das solicitudes.

O director xeral da Agader resolverá motivadamente a selección dos proxectos. O prazo para ditar resolución expresa e notificala aos interesados será de seis meses contados desde o día seguinte a aquel en que remate o prazo para presentación das solicitudes. O interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo se transcorren o prazo anterior sen se notificar a resolución expresa.

Ademais de publicarse no DOG as subvencións concedidas ao abeiro destas bases, as notificacións vinculadas a este procedemento, ao tratarse dun procedemento selectivo de concorrencia competitiva e acolléndose ao recollido no artigo 59 da LRXAP, faranse a través do taboleiro de anuncios da sede da Agader (rúa dos Camiños da Vida, s/n, edificio Witland, 2.º A, Santiago de Compostela) e na web da Agader http://agader.xunta.es

Nas notificacións indicarase de modo expreso que a subvención é concedida en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, e o eixe do PDR de Galicia en que se enmarca o proxecto.

Notificada a resolución, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días, contados desde a notificación de concesión da subvención, para comunicar á Agader a súa aceptación expresa (modelo F).

H) Xustificación e pagamento das axudas.

1. O beneficiario xustificará a subvención documentalmente, presentará toda a documentación requirida e solicitará o pagamento mediante a presentación do modelo K.

Cando o importe que derive da solicitude de pagamento presentada polo beneficiario exceda en máis do 3% a comprobación efectuada pola Agader sobre a admisibilidade dos gastos, aplicarase unha redución adicional pola diferenza entre ambos importes.

2. Para cada un dos gastos realizados presentaranse as facturas orixinais ou documentos probatorios de valor equivalente e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento. A Agader selará as facturas indicando a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando, neste último caso, a porcentaxe que resulte afectada pola subvención e, posteriormente, devolveraas ao promotor.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

– Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

– Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado. Neste caso, achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) na cal conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

Non se admitirán pagamentos en metálico.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento.

No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, a xustificación do pagamento realizarase mediante a achega do correspondente extracto bancario, acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco.

Para os efectos da súa xustificación, as facturas que se paguen de xeito fraccionado deberán incluírse no expediente nunha única solicitude de pagamento.

3. Cando o gasto subvencionable supere a contía establecida no artigo 138.3 do Real decreto 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público –50.000 euros cando se trate de contrato de obras, ou 18.000 euros cando se trate doutros contratos–, deberá presentarse certificación do secretario/interventor correspondente acreditando que se respectaron os procedementos de contratación pública e a dispoñibilidade do expediente no Concello para a súa comprobación.

4. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Agader na resolución de concesión da subvención e responder de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada. Sen necesidade de instar procedemento de modificación da subvención, a Agader poderá aceptar variacións nas partidas de gasto aprobadas, coa condición de que as variacións non superen en conxunto o 20% do orzamento, que non aumente o importe total do gasto aprobado e que non desvirtúen as características do proxecto e condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión.

5. Se o beneficiario xustifica conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60% do importe do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, por tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención. Se a xustificación é superior ao 60%, pero sen acadar o 100% do investimento subvencionable, percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

Na fase de xustificación do gasto a Agader poderá contrastar os prezos achegados polo beneficiario por calquera dos medios previstos no artigo 30, número 5, da LSG co fin de comprobar que os gastos subvencionables se axustan ao valor de mercado. En caso de discrepancia minoraranse os importes aprobados na concesión da axuda.

6. Cando o proxecto requira obra civil, o promotor deberá xuntar á xustificación a/s correspondente/s certificación/s de obra asinada/s por técnico competente.

7. Cando a subvención se conceda para a adquisición de maquinaria e equipamento, no momento da xustificación deberase xuntar unha relación dos equipos subvencionados na que conste a marca, modelo e número de serie ou referencia equivalente para a súa identificación (modelo L). Estes mesmos datos deben figurar, ademais, na correspondente factura.

8. Se o proxecto supón a adquisición de bens inmobles ou terreos debe presentarse un certificado dun taxador independente cualificado ou dun organismo debidamente autorizado que confirme que o prezo de compra non supera o valor de mercado e que o ben se axusta á normativa que resulte de aplicación.

9. Cando entre os obxectos da subvención se inclúan estudos, proxectos técnicos, planos e documentos similares, entregarase á Agader un exemplar en soporte informático adecuado para posibilitar a súa difusión. Tamén deben presentar copias se hai edición de libros, folletos, guías, etc.

10. O beneficiario deberá acreditar, se é o caso, que aplicou á actividade subvencionada os rendementos financeiros xerados polos fondos librados pola Agader.

11. No momento da xustificación final da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario volverá presentar a declaración contida no modelo B sobre o conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto.

12. As operacións de investimento incluirán unha visita in situ para comprobar o remate da operación obxecto da solicitude de pagamento. Os gastos xustificados deben coincidir cos compromisos adquiridos segundo a resolución de concesión da subvención.

13. Se o beneficiario previse a imposibilidade de presentar no prazo establecido a xustificación final, poderá solicitar ao director xeral da Agader unha ampliación do devandito prazo, que non excederá a metade do inicialmente concedido nin o 30 de setembro de 2013.

A solicitude de prórroga deberá ter entrada no rexistro xeral da Agader antes de finalizar o prazo de execución e xustificación co obxecto de poder resolver dentro do dito prazo, de acordo co establecido no artigo 49.3 da LRXAP. Por tanto, as solicitudes presentadas en prazo polos medios previstos no artigo 38.4 da LRXAP, pero que non tiveron entrada no rexistro xeral da Agader antes de finalizar o prazo de referencia, non serán tidas en conta. En calquera caso, a concesión de prórroga é potestativa da Agader.

Transcorrido o prazo establecido na convocatoria ou, de ser o caso, na resolución de concesión de prórroga, para a xustificación dos investimentos sen terse presentado esta, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comporta a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades que derivan da LSG.

14. Sempre que o proxecto estea debida e completamente executado –cuestión que se verificará mediante o oportuno control in situ–, se teña efectuado o pagamento efectivo de cando menos o 25% do orzamento aceptado, e todo isto estea xustificado dentro de prazo, tendo en conta os artigos 14.1.n) e 29.2 da LSG aplicaráselles o principio de proporcionalidade aos pagamentos restantes que se fagan antes do 30 de outubro do ano en que teña que estar efectuada a xustificación correspondente, e sempre que estes pagamentos se xustifiquen antes de transcorridos 10 días naturais desde o cargo efectivo na conta corrente do beneficiario. Así, sempre e cando o pagamento dos gastos da actuación ou proxecto (xustificados mediante os documentos sinalados no número 2 desta letra H) se efectúe dentro dos 40 días naturais seguintes á data final de xustificación, os criterios de graduación para determinar a subvención que finalmente teña que percibir o beneficiario ou, se é o caso, o importe que se debe reintegrar quedan establecidos do seguinte modo:

a) Cando o pagamento se efectúe dentro dos primeiros 10 días naturais posteriores á data límite de xustificación, aplicarase unha redución do 5% á subvención correspondente.

b) Cando o pagamento se efectúe entre os días naturais 11 e 20 posteriores á data límite de xustificación, aplicarase unha redución do 10% á subvención correspondente.

c) Cando o pagamento se efectúe entre os días naturais 21 e 30 posteriores á data límite de xustificación, aplicarase unha redución do 25% á subvención correspondente.

d) Cando o pagamento se efectúe entre os días naturais 31 e 40 posteriores á data límite de xustificación, aplicarase unha redución do 50% á subvención correspondente.

e) Cando o pagamento se efectúe despois dos 40 días naturais posteriores á data límite de xustificación, perderán o dereito ao cobramento da subvención correspondente.

15. Previamente ao pagamento o beneficiario deberá acreditar novamente que se atopa ao corrente día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia nin é debedor por resolución de procedencia de reintegro. Esta acreditación farase mediante a declaración responsable prevista no artigo 11 do Decreto 11/2009.

16. As actuacións que se desenvolverán dentro da Rede Natura 2000 deberán presentar coa primeira xustificación o informe definitivo e favorable da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

17. As actuacións a que se refire o número 2.2 da medida 323 deberán presentar coa primeira xustificación a pertinente autorización de intervención sobre o ben de que se trate (artigo 54 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia).

18. Para proceder ao pagamento final do expediente, o promotor deberá presentar os permisos, inscricións, informes de conformidade, e/ou licenzas requiridas pola normativa autonómica ou local para o tipo de actividade de que se trate.

19. Poderán concederse pagamentos á conta e pagamentos anticipados de conformidade co disposto no artigo 31.6 da LSG, nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009 e no artigo 56 do Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro.

De acordo co previsto no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, as administracións públicas locais están exoneradas da constitución de garantías bancarias previas; non obstante, os pagamentos a que se refire o parágrafo anterior supeditaranse á constitución dunha garantía escrita da súa autoridade competente (artigo 56.2 do Regulamento (CE) 1974/2006), a cal deberá acadar o 110% do importe anticipado ou pagado á conta; a dita garantía recollerá de xeito expreso o compromiso de aboar o importe cuberto pola garantía no caso de que non se estableza o dereito ao importe anticipado ou á conta.

A garantía a que se refire o parágrafo anterior terá validez ata que a Agader autorice a súa cancelación, una vez que o promotor acredite a realización e pagamento dos investimentos e o cumprimento dos obxectivos e condicións estipulados na resolución de concesión da axuda.

De acordo coa autorización do Consello da Xunta de Galicia do 29 de marzo de 2012, o importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados poderá alcanzar o 100% da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, sen que supere o 80% do importe da axuda concedida. Poderán realizarse ata dous pagamentos á conta, ata un máximo do 80% do importe da axuda.

20. Os beneficiarios das medidas de investimento poderán solicitar o aboamento dun único pagamento anticipado (modelo I), que non poderá superar o 50% da axuda concedida nin a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

21. En aplicación do disposto no artigo 30.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do artigo 24.2.d do Regulamento 65/2011 da Comisión, en calquera momento a Agader poderá comprobar a moderación dos custos ou valor de mercado dos gastos subvencionables e xustificados por calquera dos medios recollidos nos ditos artigos.

I) Reintegro da subvención.

1. Procederá o reintegro das contías percibidas indebidamente e a exixencia dos xuros de demora nos supostos previstos no artigo 33.1 da LSG. Estes xuros calcularanse en función do tempo transcorrido entre a notificación ao beneficiario da obriga de reembolso e o reembolso efectivo ou a dedución da cantidade que debe reembolsarse (artigo 5.2 do Regulamento (CE) 65/2011, do 27 de xaneiro).

Tendo en conta o artigo 14.1.n da LSG, se o incumprimento atinxe a cuestións como mantemento do emprego, prestación do servizo ou mantemento do ben, a cantidade reintegrable será proporcional ao tempo de incumprimento da actividade ou requisito exixido, aplicándose a razón do 3% por cada mes de incumprimento, ata acadar os dous anos, trascorridos os cales deberán reintegrar a totalidade das cantidades cobradas.

O procedemento de reintegro tramitarase nos termos previstos no artigo 77 do Decreto 11/2009.

2. Non procederá o reintegro da axuda nos seguintes supostos:

– Expropiación dunha parte importante do ben subvencionable, se esta expropiación non era previsible o día en que se concedeu a subvención.

– Catástrofe natural grave que afecte considerablemente os bens da empresa subvencionada e impida o seu normal funcionamento.

J) Modificación da subvención.

Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da subvención concedida mediante o modelo correspondente (modelo H). En particular, a variación do orzamento aceptado pola Agader, coa precisión sinalada na letra F), e a obtención concorrente de subvencións, axudas ou recursos outorgados por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. Tamén dará lugar á modificación da subvención a alteración das condicións establecidas na resolución de adxudicación da subvención. Unha vez ditada a resolución de concesión e, en todo caso, antes de que remate o prazo para a realización da actividade, o beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido.

No suposto de que as novas circunstancias afecten criterios tidos en conta no baremo, procederase a rebaremar o proxecto, podendo, neste caso, dar como resultado unha modificación, á baixa, da subvención concedida ou a perda do dereito a ela.

Para a modificación da resolución de concesión non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

Os beneficiarios terán a obriga de comunicar á Agader calquera alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención.

A modificación poderase autorizar sempre que:

a) A modificación solicitada non desvirtúe a finalidade da axuda e non supoña incremento do orzamento.

b) Non exista prexuízo a terceiros.

c) Os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de terén concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

K) Obrigas dos beneficiarios.

Con carácter xeral, son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 11 da LSG e, en particular, as establecidas nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

Cando un beneficiario non poida executar o proxecto, deberá renunciar á subvención. A non renuncia poderá conducir á instrución dun expediente sancionador en materia de subvencións. A solicitude de renuncia efectuarase no modelo G e a Agader deberá pronunciarse para tal efecto.

Con carácter xeral, o beneficiario está obrigado a respectar o destino do investimento, polo menos, os 5 anos posteriores á data da resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

Os bens subvencionados quedarán afectos á actividade subvencionada un mínimo de cinco anos desde a resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

No caso de bens inscribibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, debendo ser inscritos estes pormenores no rexistro público correspondente.

No caso de estudos, planos e outros de natureza similar, o beneficiario deberá garantir a súa dispoñibilidade pública durante un período mínimo de 5 anos contados desde a resolución de pagamento final do proxecto.

Os beneficiarios deben publicitar a concesión da axuda do seguinte xeito:

– Se o investimento consiste en obra civil, mediante unha placa cos logotipos das administracións financiadoras. O tamaño mínimo da placa será A4 (297×210 mm).

– Os vehículos deberán estar debidamente rotulados ou cun adhesivo perdurable colocado nas portas laterais, respectándose o contido e tamaño da placa citada no parágrafo anterior.

– Para estudos, materiais gráficos ou páxinas web, mediante a inclusión dos logotipos das administracións financiadoras na portada dos documentos xerados.

– Cando o orzamento da obra civil supere os 100.000 euros, o beneficiario colocará un panel publicitario durante a execución das obras, que non poderá retirar ata a visita de comprobación in situ. Para infraestruturas superiores a 500.000 euros, o panel será permanente.

O 25% do espazo, como mínimo, dos paneis e placas estará ocupado pola descrición do proxecto, o logotipo do Feader e o lema «Feader: Europa inviste no rural». Todas as actividades informativas e publicitarias incorporarán a bandeira europea e o lema anterior.

As publicacións, carteis, audiovisuais e calquera información ofrecida por medios electrónicos que versen sobre medidas e actividades subvencionadas con estas axudas indicarán claramente na páxina de portada a participación da Comunidade Europea e a contribución do Feader ao financiamento.

Agader facilitará modelos aos beneficiarios ao través da súa páxina web.

O beneficiario deberá conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, polo menos, durante o período de permanencia dos investimentos e está obrigado a facilitar a información que lle requira a Agader e a someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

Os beneficiarios estarán obrigados a levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable adecuadoo para todas as transaccións relativas ao proxecto subvencionado (artigo 75.1.c.i do Regulamento (CE) 1698/2005).

L) Conceptos subvencionables.

A expensas do establecido na normativa específica de cada medida, con carácter xeral serán subvencionables os seguintes conceptos:

1. Construción ou mellora de inmobles. Os bens inmobles só poderán utilizarse en relación cos obxectivos do proxecto.

2. Adquisición de terreos non edificados, ata un máximo do 10% do gasto subvencionable, e a adquisición de edificios xa construídos e os terreos sobre os cales se asentan, ata un máximo do 25% do gasto subvencionable. En ambos os casos axustaranse aos seguintes condicionantes:

– Deberá achegarse un certificado dun taxador independente cualificado ou dun organismo debidamente autorizado que confirme que o prezo de compra non supera o valor de mercado e que o ben se axusta á normativa que resulte de aplicación.

– Deberá acreditarse mediante declaración do propietario que o ben inmoble non recibiu nos últimos 10 anos ningunha subvención nacional ou comunitaria.

– Os bens inmobles só poderán utilizarse en relación cos obxectivos do proxecto.

– Os edificios non poderán albergar servizos administrativos de carácter público.

En casos excepcionais e debidamente xustificados, a Agader poderá autorizar –logo de conformidade da autoridade de xestión do PDR– a superación do límite do 10% do gasto subvencionable para adquisición de terreos en operacións relacionadas coa conservación do ambiente.

3. Adquisición de maquinaria, aplicacións informáticas, equipamento e material non funxible necesarios para o desenvolvemento da actividade, ata o valor de mercado.

4. Custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen, entendendo por tales os honorarios de redacción de proxectos e de dirección de obra. O importe total dos custos xerais non poderá superar o 10% do gasto subvencionable.

5. Páxinas web, sempre que presente a árbore cos seus contidos, utilicen dominios de segundo nivel (com, org, net, es, info, nom, etc.) debidamente reservados e presenten o compromiso de reserva durante os cinco anos posteriores á data da resolución de pagamento final, e estén aloxadas nun servidor (hosting), aspectos todos estes que deberán acreditar de modo que faga fe.

6. Medios de transporte. Só se subvencionarán medios de transporte imprescindibles para a prestación de servizos necesarios para o desenvolvemento do proxecto. Estes medios dirixiranse só ao transporte de persoas.

7. No caso de que o proxecto se vaia executar enteira ou parcialmente con medios propios, estes serán considerados como un gasto elixible máis do proxecto, xustificándose mediante nóminas, documentación acreditativa da porcentaxe do tempo dedicado polo traballador á execución do proxecto, así como a documentación acreditativa do pagamento das nóminas, cargas sociais e retención do IRPF. No entanto, nestes casos o procedemento para a autorización e aprobación do gasto é específico. O promotor, no momento da súa solicitude, debe poñer de manifesto a súa vontade de executar o proxecto con medios propios, debendo aparecer estes coma unha partida independente e detallada no modelo D (orzamento), presentando a seguinte documentación:

• Orzamento completo do proxecto de obra, é dicir, con medicións e cadros de prezos números 1 e 2.

• Informe elaborado polo técnico redactor do proxecto en que se describa en que vai consistir tal achega, diferenciando se se trata dunha execución con medios propios para todo o proxecto ou ben para unidades de obra concretas:

- Cando a entidade local asuma a execución de todo o proxecto, deberase achegar o documento do proxecto Xustificación de prezos, no cal se totalizará o número de horas necesarias por categorías para a súa realización.

- Cando a execución con medios propios se produza en unidades de obra concretas, o técnico redactor terá que especificar en cada unha das unidades o número de horas de persoal e maquinaria propia.

• O custo horario da man de obra deberá calcularse con base no custo que supoñen para o promotor as nóminas dos traballadores con que vai executar a obra.

• O custo horario da maquinaria corresponderase co custo de máquinas similares segundo unha base obxectiva de prezos cuxa referencia deberá incluírse no orzamento para consulta, comprobación e aprobación por parte da Agader.

• Breve memoria en que se acredite a capacidade técnica ou cualificación profesional que garanta que o investimento se pode realizar tal e como está previsto no proxecto técnico.

• Certificado do secretario do concello en que quede acreditado que se dispón dese persoal e a porcentaxe da xornada laboral que se vai dedicar ao proxecto.

A execución con medios propios deberá recollerse no orzamento presentado coa solicitude, non admitíndose posteriores inclusións nin modificacións á alza.

Con carácter xeral, para todas as operacións, non son subvencionables :

a) O IVE, posto que os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, alínea 1 da Directiva 2006/112/CE do Consello.

b) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

c) Os gastos anteriores ao levantamento dunha acta de non inicio, a excepción dos gastos recollidos na letra A) punto 1 destas bases, ou ben anteriores á presentación da solicitude de axuda, respecto daqueles proxectos que non requiran acta de non inicio.

d) A reposición ou mera substitución de equipamento e maquinaria.

e) Maquinaria, equipamento e materiais non funxibles de segunda man.

f) As obras de mantemento.

g) As taxas e licenzas administrativas.

h) Os gastos de aluguer e os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro.

M) Criterios de baremación.

Común a todas as medidas.

I. Localización xeográfica do proxecto: 10 puntos.

Valoraranse dous aspectos: 1) O nivel de desenvolvemento económico do concello medido pola renda familiar dispoñible por habitante (RFDH) do ano 2007; e 2) A variación da poboación do concello no período 2005-2010 segundo os datos do INE.

1. Asignación de puntuación para o RFDH (sendo 100 a media galega):

– Concellos cun RFDH inferior ou igual a 70: 5 puntos.

– Concellos cun RFDH maior de 70 e menor ou igual a 80: 4 puntos.

– Concellos cun RFDH maior de 80 e menor ou igual a 90: 3 puntos.

– Concellos cun RFDH maior de 90 e menor ou igual a 100: 2 puntos.

– Concellos cun RFDH maior de 100: 0 puntos.

2. Asignación de puntuación para a variación da poboación:

– Concellos cunha caída da poboación igual ou maior do 10%: 5 puntos.

– Concellos cunha caída da poboación igual ou maior do 7,5% e menor do 10%: 4 puntos.

– Concellos cunha caída da poboación igual ou maior do 5% e menor do 7,5%: 3 puntos.

– Concellos cunha caída da poboación igual ou maior do 2,5% e menor do 5%: 2 puntos.

– Concellos cunha caída da poboación igual ou maior que 0 e inferior a 2,5%: 1 punto.

– Concellos que incrementan poboación: 0 puntos.

No caso de mancomunidades de concellos ou cando o proxecto sexa promovido por varios concellos, aplicarase a media ponderada dos concellos en que se desenvolva o proxecto.

Os proxectos que non teñan localización física determinada terán 0 puntos por localización xeográfica.

II. Cooperación de varios concellos no proxecto: ata 8 puntos.

III. Carácter innovador do proxecto: ata 4 puntos.

IV. Capacidade de influencia sobre o tecido socieconómico sendo complementario de accións productivas ou con capacidade de xeralas no tempo: ata 3 puntos.

V. Utilización de enerxías renovables: 3 puntos.

VI. Utilización de TIC: 3 puntos.

VII. Calidade do programa de xestión e da memoria: ata 3 puntos.

VIII. Utilización do galego. Valorarase o compromiso de utilización da lingua galega por parte do promotor na execución e desenvolvemento do proxecto, de acordo co previsto no artigo 20.2.l da LSG. Este compromiso formalizarase marcando a parte correspondente no modelo C: 1 punto.

Específico para a medida 313.

I. Actuacións integrais que impliquen varias actividades ou elementos conectados entre si e dean maior amplitude ao proxecto: ata 5 puntos.

II. Promoción da desestacionalización do turismo: 5 puntos.

III. Promoción de produtos e recursos locais: 5 puntos.

Específico para a medida 321.

I. Proxectos que fomenten a integración social: ata 5 puntos.

II. Perspectivas de perdurabilidade alén do período mínimo de mantemento da actividade exixidas polas presentes bases: ata 5 puntos.

III. Servizos adaptados a persoas con mobilidade reducida: ata 5 puntos.

Específico para a medida 323.

I. Interese do ben a valorizar: ata 6 puntos.

• Proxectos executados en Rede Natura 2000: 3 puntos.

• Proxectos incuídos no Inventario do patrimonio cultural: 3 puntos.

II. Actuacións integrais que impliquen varias actividades ou elementos conectados entre si e dean maior amplitude ao proxecto: ata 3 puntos.

III. Incidencia sobre colectivos determinados (dependentes, persoas de idade, nenos): ata 3 puntos.

IV. Calidade do proxecto de sensibilización do patrimonio inmaterial: ata 3 puntos.

N) Normativa de aplicación.

Na medida en que as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras están previstas pola UE, rexeranse polas seguintes normas:

– Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013, aprobado pola Decisión da Comisión C (2008) 703, do 15 de febreiro de 2008, e modificado pola Decisión da Comisión C (2010), do 5 de marzo.

– Regulamento (CE) n.º 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), modificado polo Regulamento (CE) n.º 74/2009, do 19 de xaneiro, e 473/2009, do 25 de maio, do Consello.

– Regulamento (CE) n.º 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) n.º 1698/2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader, modificado polos regulamentos (CE) n.º 1175/2008, do 27 de novembro, 363/2009, do 4 de maio, 482/2009, do 8 de xuño, e 108/2010, do 8 de febreiro, e 679/2011, do 14 de xullo, da Comisión.

– Regulamento (CE) n.º 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) n.º 1698/2005, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

– Regulamento (CE) n.º 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE (actuais artigos 107.1 e 108.1 do TFUE), ás axudas de minimis (DOUE do 28.12.2006, L379).

– Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (BOE núm. 1, do 1 de xaneiro de 2010).

– Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular, a seguinte:

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O) Réxime de recursos.

As resolucións dos procedementos instruídos ao abeiro destas bases esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

– Potestativamente, recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación, se a resolución é expresa. Se non o é, o prazo será de tres meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

– Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, se a resolución é expresa. Se non o é, o prazo será de seis meses, contados desde o día seguinte a aquel en que se entenda desestimada a solicitude por silencio administrativo.

II. Normas específicas para cada medida.

Medida 313. Fomento de actividades turísticas.

1. Obxecto.

Constitúe o obxecto desta medida:

– A consolidación e mellora da oferta turística e as infraestruturas turísticas nas zonas rurais, apoiando actuacións que contribúan a crear condicións favorables para o desenvolvemento das iniciativas empresariais no sector.

– A posta en valor da riqueza histórica, cultural, patrimonial, natural e paisaxística das zonas rurais.

2. Actividades subvencionables.

2.1. Creación e desenvolvemento de produtos e servizos turísticos.

2.2. Accións de promoción e divulgación de produtos e servizos turísticos da zona mediante páxinas web.

2.3. Infraestruturas turísticas de pequena escala dirixidas á información, atención e recepción de visitantes.

3. Normas e restricións.

3.1. Os proxectos consistentes en aplicacións informáticas, estudos, vídeos promocionais, páxinas web ou traballos de consultoría en xeral, terán un límite máximo de axuda de 20.000 euros por proxecto.

3.2. As actuacións subvencionables dentro desta medida están condicionadas polo convenio de colaboración subscrito pola Consellería de Cultura e Turismo e a Agader, con data do 4 de abril de 2011, que pode consultarse na páxina web da Agader http://agader.xunta.es

3.3. A sinalización e paneis de información turística só serán financiables se están dentro de proxectos que formen parte do obxecto desta medida.

Medida 321. Servizos básicos para a economía e a poboación rural.

1. Obxecto.

O obxecto desta medida é apoiar a implantación e mellora dos servizos á poboación rural, en especial daqueles que respondan ás novas necesidades dos habitantes e empresas das áreas rurais.

2. Actividades subvencionables.

2.1. Implantación e mellora de servizos asistenciais, culturais, educativos, recreativos, deportivos e de lecer.

2.2. Medios de transporte para a prestación de servizos necesarios para o desenvolvemento do proxecto ou para cubrir necesidades de áreas con baixa densidade de poboación.

2.3. Proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse ao uso da enerxía solar fotovoltaica ou térmica en cubertas de instalacións municipais ou pérgolas dunha altura mínima de 2 metros con utilidade funcional, alén da de soportar os paneis. As instalacións de enerxía solar fotovoltaica poderán ser illadas ou conectadas á rede; neste último caso acollidas á modalidade de subministración de enerxía eléctrica con balance neto.

2.4. Canceiras. Estes proxectos deberán prestar servizo compartido, cando menos, a tres concellos.

2.5. Pequenos investimentos en infraestruturas ou obras de urbanización. Limitaranse a humanizar pequenas prazas públicas (novas ou preexistentes) que se utilicen como puntos de encontro e esparexemento en núcleos rurais de menos de 500 habitantes.

2.6. Paneis informativos destinados a facilitar o acceso á información municipal, cultural, asistencial, etc.

3. Normas e restricións.

3.1. Os proxectos consistentes en aplicacións informáticas, estudos, vídeos promocionais, páxinas web ou traballos de consultoría en xeral terán un límite máximo de axuda de 20.000 euros por proxecto.

3.2. Non se financiarán investimentos en campamentos de verán, campos de golf e rutas de sendeirismo.

3.3. A potencia máxima subvencionable dos proxectos de enerxía solar fotovoltaica será de 40 kWp cando se trate de instalacións conectadas á rede e de 10 kWp se son illadas.

3.4. Os proxectos de instalacións solares fotovoltaicas illadas deberán xustificarse adecuadamente pola dificultade ou imposibilidade de conexión á rede de distribución sen implantación de novas liñas eléctricas, ou pola idoneidade desta solución con respecto a outras alternativas de abastecemento eléctrico.

3.5. A superficie máxima subvencionable para proxectos de enerxía solar térmica será de 150 m2 de paneis se o destino da enerxía é o quentamento de piscinas, 50 m2 se é para polideportivos e 35 m2 para o resto das edificacións.

3.6. No caso da enerxía solar térmica, non serán subvencionables aquelas instalacións dedicadas á xeración de auga quente sanitaria (AQS) ou climatización de piscinas que sexan obrigatorias en virtude do documento básico HE 4-Contribución solar mínima de auga quente sanitaria do Código técnico da edificación (CTE), aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, independentemente da porcentaxe de contribución solar que cubra a instalación solar proxectada nestes usos. Para instalacións afectadas polo CTE que tamén se dedican a outras aplicacións non obrigadas pola normativa, só se poderá obter axuda pola parte correspondente a estas últimas aplicacións.

3.7. Os custos máximos elixibles para proxectos de instalacións fotovoltaicas conectadas á rede coa modalidade de subministración de enerxía eléctrica con balance neto serán os seguintes:

Rango de potencia

Custo máximo elixible (euros/kWp)

P ≤ 20 kWp

4.500-50×P

P ≥ 20 kWp

3.500

P: potencia pico total da instalación (kWp)

3.8. Os custos máximos elixibles para instalacións fotovoltaicas illadas con acumulación (baterías) serán os seguintes:

Rango de potencia

Custo máximo elixible (euros/kWp)

P ≤ 5 kWp

7.000-200×P

P ≥ 5 kWp

6.000

P: potencia pico total da instalación (kWp)

3.9. Os custos máximos elixibles para instalacións de enerxía solar térmica serán os seguintes:

Rango de potencia

Custo máximo elixible (euros/m2)

S ≤ 150 m2

1.000-2×S

S: superficie total da instalación (m2).

3.10. Os pequenos investimentos en infraestruturas ou obras de urbanización estarán limitados unicamente a obras de pavimentación, xardinaría e mobiliario urbano, quedando expresamente excluídos os de iluminación, abastecemento e saneamento.

3.11. No caso de locais sociais soamente serán subvencionables os proxectos que impliquen a rehabilitación ou equipamento de edificios para destinalos a tal fin, sempre que non haxa outro na mesma parroquia e ata unha contía máxima de subvención de 50.000 euros e 15.000 euros, respectivamente.

3.12. Os paneis informativos serán para instalación en exterior, realizados en madeira tratada en autoclave ou aluminio lacado, con porta abatible acristalada en Plexihoc de 4 mm ou similar provista de fecho con chave. A superficie expositiva mínima será de 5.400 cm2, capaz para 8 A4. Irán provistos de xuntas elastoméricas de estanquidade e sistema anticondensación e, de iren sobre postes, estes estarán ancorados sobre dados de formigón de dimensións adecuadas.

3.13. O gasto máximo subvencionable por panel informativo non superará os 400 euros se o panel é mural e 600 euros se vai sobre pés.

Medida 323. Conservación e mellora do patrimonio rural.

1. Obxecto.

O obxecto desta medida é favorecer a conservación e a valorización do patrimonio natural e cultural das zonas rurais. Preténdese apoiar a preservación da calidade paisaxística e da diversidade biolóxica, así como incentivar a conservación e a valorización dos elementos patrimoniais e culturais das zonas rurais.

2. Actividades subvencionables.

2.1. Centros de interpretación da natureza e proxectos relacionados coa restauración, mellora e posta en valor do patrimonio natural.

2.2. Proxectos relacionados coa restauración, mellora e posta en valor do patrimonio etnográfico e cultural: museos; recursos arqueolóxicos (exceptuando a intervención arqueolóxica sobre o ben); recuperación de construcións de interese arquitectónico, etnográfico e cultural; e sensibilización e difusión do patrimonio cultural inmaterial, sen que lles sexa de aplicación a alínea b da letra L e estes últimos.

3. Normas e restricións.

3.1. Os proxectos consistentes en aplicacións informáticas, estudos, vídeos promocionais, páxinas web ou traballos de consultoría en xeral terán un límite máximo de axuda de 20.000 euros por proxecto.

3.2. Os centros de interpretación da natureza encadrados no número 2.1) serán subvencionables sempre e cando o ben sobre o cal se pretende actuar estea nun concello cuxo termo municipal, ou parte del, estea declarado como espazo protexido na Rede Natura 2000 ou como hábitat de interese comunitario.

3.3. Os promotores que pretendan recuperar as construcións a que fai referencia o número 2.2) deberán ter en conta que se primarán aquelas construcións que estean incluídas no Inventario do patrimonio cultural de Galicia (artigo 22.1 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia) ou nos catálogos das normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia correspondente, aprobadas pola de Orde da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas do 3 de abril de 1991, así como os contidos nos catálogos de calquera outra figura de planeamento (disposición adicional segunda da Lei 8/1995). Nestes casos, o pagamento da subvención estará condicionado á conformidade da mencionada consellería sobre a intervención levada a cabo.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file