Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Martes, 15 de maio de 2012 Páx. 18276

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2012, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se dispón a publicación do Convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a adaptación das institucións universitarias ao Espazo Europeo de Educación Superior.

Subscrito o día 2 de maio de 2012 o Convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a adaptación das institucións universitarias ao Espazo Europeo de Educación Superior, procede a publicación no Diario Oficial de Galicia do citado convenio que figura como anexo desta resolución.

O que se fai público para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2012.

José Alberto Díez de Castro
Secretario xeral de Universidades

ANEXO

Dunha parte Jesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nomeado mediante o Decreto 9/2012, do 3 de xaneiro, en virtude da competencia atribuída polo artigo 34.1 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Doutra parte Juan José Casares Long, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, en virtude da competencia atribuída no artigo 87 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto 28/2004, do 22 de xaneiro, e o seu nomeamento mediante o Decreto 99/2010, do 17 de xuño.

Doutra parte Xosé Luis Armesto Barbeito, reitor da Universidade da Coruña, en virtude da competencia atribuída no artigo 35 dos estatutos da Universidade da Coruña, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio, modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro, e o seu nomeamento mediante o Decreto 251/2011, do 29 de decembro.

E doutra parte, Salustiano Mato de la Iglesia, reitor da Universidade de Vigo, en virtude da competencia atribuída no artigo 58 dos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 7/2010, do 14 de xaneiro (DOG do 2 de febreiro) e o seu nomeamento mediante o Decreto 90/2010, do 10 de xuño.

Todas as partes recoñécense capacidade xurídica para actuar neste acto.

DECLARAN:

A Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se modificou a Lei 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, a través do seu título XIII proporciona ás universidades españolas o marco xurídico para o desenvolvemento e implantación do novo modelo de ensino superior en adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

A Lei 4/2007 aposta decididamente pola harmonización dos sistemas educativos superiores no marco do EEES e asume a necesidade dunha profunda reforma na estrutura e na organización das ensinanzas, que se organizarán en títulos de grao, máster e doutor. A reforma está guiada pola vontade de potenciar a autonomía das universidades, á vez que se incrementa a exixencia de render contas sobre o cumprimento das súas funcións. Este principio é impulsado pola Unión Europea apoiando a modernización das universidades europeas co fin de convertelas en axentes activos para a transformación de Europa nunha economía plenamente integrada na sociedade do coñecemento. A autonomía é a principal característica que as universidades teñen para responder con flexibilidade e rapidez ás cambiantes necesidades que a sociedade require.

A mencionada autonomía, así como a supresión do catálogo de títulos efectuado pola nova lei no seu artigo 34, e a proposta dun novo procedemento para o establecemento do carácter oficial dos títulos e a súa inclusión no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos, require poñer a énfase dos planos de estudo non só no contido dos títulos senón tamén nas condicións necesarias para o seu recoñecemento. Estas condicións supoñen un maior compromiso das universidades no contido dos proxectos de planos de estudo que deben elaborar.

Neste proceso, finalizado no ano 2010, foi decisiva a participación e colaboración de todas as administracións públicas, xeral do Estado, da Xunta de Galicia e as propias universidades galegas, destinatarias finais do proceso de innovación do sistema universitario galego.

A regra segunda do artigo 86.2 da Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria, establece que os criterios obxectivos que sirvan de base para a distribución territorial das subvencións así como a súa distribución, será fixado pola conferencia sectorial correspondente; en tanto que os compromisos financeiros para a Administración general del Estado serán formalizados mediante Acordo do Consello de Ministros.

Por Resolución do 12 de xullo de 2011, da Secretaría Xeral de Universidades, publícase o Acordo do Consello de Ministros do 1 de xullo de 2011, polo que se formalizan os compromisos financeiros orixinados no acordo da Conferencia Xeral de Política Universitaria, na reunión que tivo lugar o 24 de marzo de 2011, sobre os criterios de distribución territorial así como a distribución resultante da subvención correspondente ao exercicio económico 2011 para a adaptación das institucións universitarias al Espazo Europeo de Educación Superior (BOE do 26 de xullo).

Na citada Resolución do 12 de xullo de 2011, da Secretaría Xeral de Universidades, establecéronse os criterios a que deberán axustarse as universidades e que deberán valorar os órganos competentes das comunidades autónomas á hora de distribuír as axudas que deberán recollerse nos convenios que subscriban coas universidades para tal fin.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia esta materia está regulada polo Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 9 de decembro).

En consecuencia, acordan formalizar este convenio de colaboración segundo as seguintes

CLÁUSULAS

Primeira. Obxecto.

Constitúe o obxecto deste convenio outorgar a subvención regulada no Acordo do Consello de Ministros do 1 de xullo de 2011, polo que se formalizan os compromisos financeiros orixinados no acordo da Conferencia Xeral de Política Universitaria, na reunión que tivo lugar o 24 de marzo de 2011, sobre os criterios de distribución territorial así como a distribución resultante da subvención correspondente ao exercicio económico 2011 para a adaptación das institucións universitarias ao Espazo Europeo de Educación Superior, establecendo os criterios os que haberán de axustarse as tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e Universidade de Vigo).

Segunda. Distribución da axuda.

Destinarase ao dito fin a cantidade de catrocentos cincuenta e cinco mil setecentos setenta e seis euros con corenta e un céntimos (455.776,41 €), que se recollen na aplicación orzamentaria 2012.15.40.422C.444.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, que se repartirá da forma seguinte:

– Universidade de Santiago de Compostela: 177.856,65 €.

– Universidade da Coruña: 141.784,71 €.

– Universidade de Vigo: 136.135,05 €.

Terceira. Forma de pagamento.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria librará ás universidades o 10% da cantidade que lles corresponde á sinatura do convenio. A cantidade restante, unha vez rematado todo o proxecto, logo da presentación dunha certificación do xerente da universidade correspondente e da memoria final, tal e como prevé a normativa reguladora vixente en materia de subvencións.

Cuarta. Suxeición á Lei 9/2007.

O presente convenio de colaboración ten natureza administrativa, rexéndose para os seus efectos polo establecido nas súas cláusulas, e polo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e demais normativa vixente en materia de subvencións, e no seu defecto, pola normativa xeral en materia de contratos do sector público (Lei 30/2007).

Quinta. Concorrencia pública.

Debido á especificidade das entidades beneficiarias como do obxecto do convenio, non son de aplicación os principios de publicación e concorrencia pública, xa que son as universidades do Sistema Universitario de Galicia, as que deberán adaptar as institucións universitarias ao Espazo Europeo de Educación Superior.

Sexta. Inclusión nos rexistros oficiais.

Segundo a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, as universidades do Sistema Universitario de Galicia consenten expresamente para que a Administración inclúa e faga públicos, nos rexistros regulados neste decreto, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. A reserva que puideran facer os peticionarios no senso de non autorizar a obtención dos datos ou á publicidade destes nos rexistros que, en todo caso, terán que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou á revogación do acto de outorgamento.

Sétima. Obxectivos.

As universidades do Sistema Universitario de Galicia deberán adoitar as medidas conducentes aos seguintes obxectivos:

1. Realizar actuacións tendentes á súa adaptación ao EEES en todas as súas vertentes, tanto materiais como inmateriais.

2. Favorecer a transparencia e a rendición de contas a través do Sistema Integrado de Información Universitaria (SIIU).

3. Implantación da contabilidade analítica en cada universidade.

Oitava. Actuacións subvencionables.

As actividades que vai realizar cada universidade considerarán as seguintes liñas prioritarias de actuación:

1. Deseño de sistemas de información previa á matriculación e procedementos de acollida e orientación dos estudantes de novo ingreso para facilitar a súa incorporación á universidade e á titulación.

2. Deseño de sistemas de apoio e orientación dos estudantes unha vez matriculados.

3. Deseño do sistema propio da universidade para transferencia e recoñecemento de créditos.

4. Elaboración e análise de indicadores de graduación, abandono e eficiencia das actuais titulacións de grao e máster, co obxectivo de establecer valores estimados para os novos planes de estudo.

5. Deseño de prácticas externas e a súa avaliación.

6. Deseño de traballos de fin de grao ou máster e a súa avaliación.

7. Deseño de sistemas de garantía de calidade aplicable á titulación.

8. Deseño de sistemas de apoio e orientación dos estudantes con discapacidade.

A información en relación aos criterios do punto 2.i, ii e iii da mencionada Resolución do 12 de xullo de 2011 obterase dos ficheiros que xa estean validados e cargados a través do Sistema Integrado de Información Universitaria (SIIU).

Novena. Prazos de execución.

1. Os proxectos subvencionados deberán desenvolverse ao longo do curso académico 2011/2012 e darán lugar a unha memoria de execución por parte de cada universidade do Sistema Universitario de Galicia que deberá ser presentada ante a Secretaría Xeral de Universidades antes do 30 de outubro de 2012, e incluirá a xustificación do gasto nos termos do artigo 28.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Con anterioridade ao 31 de decembro de 2012, a Secretaría Xeral de Universidades remitirá ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a memoria de execución das actividades realizadas pola universidades con cargo á subvención transferida.

Décima. Comisión de seguimento.

Para o seguimento da execución do presente convenio, crearase unha Comisión de Seguimento que estará constituída por:

Pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria:

– O secretario xeral de Universidades ou persoa na que delegue e outras dúas persoas designadas por el.

Polas universidades do Sistema Universitario de Galicia:

– O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, ou a persoa na que delegue.

– O reitor da Universidade da Coruña, ou a persoa na que delegue.

– O reitor da Universidade de Vigo, ou a persoa na que delegue.

As dúbidas ou lagoas que puideran xurdir na interpretación e desenvolvemento do presente convenio serán resoltas por esta Comisión de Seguimento.

Décimo primeira. Natureza administrativa do convenio.

O presente convenio ten natureza administrativa rexéndose, en primeiro lugar, polas cláusulas que se establecen neste, no seu defecto polas normas de dereito administrativo que lle sexan de aplicación.

As partes comprométense á resolución amigable das discrepancias que puideran xurdir respecto da interpretación, modificación, resolución e cumprimento deste convenio que serán resoltas pola Comisión de Seguimento.

Das cuestións litixiosas que puideran xurdir na execución do convenio será competente a xurisdición contencioso-administrativa.

O presente convenio poderá ser denunciado pola parte que considere vulnerado o seu espírito por incumprimento dalgunha das súas cláusulas. A denuncia deberá efectuarse comunicándolle á outra parte, mediante escrito fundado e cunha antelación mínima dun mes. Neste suposto, e salvo acordo expreso en contrario, deberán finalizar as accións xa iniciadas.

Décimo segunda. Período de vixencia.

O presente convenio terá vixencia desde a súa sinatura ata o 30 de outubro de 2012, sen prexuízo de que se poida atender a actuacións realizadas con anterioridade á data da súa sinatura.

O que en proba de conformidade asinan as partes por cuadriplicado exemplar a un só efecto no lugar e data sinalados ut supra.

Jesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Juan José Casares Long, reitor da Universidade de Santiago de Compostela; Xosé Luís Armesto Barbeito, reitor da Universidade da Coruña; Salustiano Mato de la Iglesia, reitor da Universidade de Vigo.