Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Martes, 15 de maio de 2012 Páx. 18267

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 7 de maio de 2012 pola que se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do Sistema Universitario de Galicia para 2012, parcialmente cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa operativo de Galicia 2007-2013.

A Orde do 24 de xaneiro de 2012, pola que se establecen as bases do programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do SUG, foi publicada no Diario Oficial de Galicia número 37, do 8 de febreiro de 2012. Nestas bases defínense as catro modalidades da axuda do programa, isto é, grupos de referencia competitiva, grupos con potencial de crecemento, redes de investigación e agrupacións estratéxicas, e ademais establécese que anualmente se procederá a súa convocatoria.

Polo que antecede esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto, condicións e finalidade da concesión da axuda.

As bases reguladoras ás cales corresponde esta convocatoria están recollidas na Orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do 24 de xaneiro de 2012, publicadas no Diario Oficial de Galicia n.º 37, do 8 de febreiro de 2012.

A orde de bases e a presente orde establecen as condicións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o acceso ás axudas para consolidar, estruturar e especializar as unidades de investigación máis competitivas do Sistema Universitario de Galicia (SUG), mediante as seguintes modalidades:

a) Grupos de referencia competitiva: as condicións detállanse no anexo I da orde de bases.

b) Grupos con potencial de crecemento: as condicións detállanse no anexo II da orde de bases.

c) Redes de investigación: as condicións detállanse no anexo III da orde de bases.

d) Agrupacións estratéxicas: as condicións detállanse no anexo IV da orde de bases.

Artigo 2. Requisitos para solicitar a axuda.

Poderán solicitar as axudas da modalidade a), b) e c), os grupos de investigación do Sistema Universitario de Galicia recoñecidos como tales pola súa universidade de orixe, que cumpran os requisitos establecidos nos anexos I, II e III respectivamente da orde de bases.

Poderán solicitar as axudas da modalidade d), as universidades do Sistema Universitario de Galicia que cumpran os requisitos establecidos no anexo IV da orde de bases, e que fosen beneficiarias das axudas para agrupacións estratéxicas nas convocatorias de 2008 e 2009.

Artigo 3. Conceptos subvencionables.

Cando estas axudas sexan cofinanciadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) 2007-2013, os conceptos subvencionables só serán aceptados se cumpren os criterios de elixibilidade que establezan os regulamentos que desenvolven o Feder, en particular os recollidos na Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre gastos subvencionables dos programas operativos do Feder e do Fondo de Cohesión (BOE n.º 53, do 1 de marzo de 2008).

En relación cos custos indirectos ou gastos xerais que regulamentariamente exixe a universidade ao grupo solicitante, e que non son elixibles para o Feder, non superarán o 20% da axuda concedida. Desa porcentaxe, 5 puntos destinaranse a financiar as subscricións de cada universidade ás publicacións electrónicas.

Artigo 4. Formalización e presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG. Dado o volume de documentación que debe acompañar ás solicitudes e para facilitar a súa presentación, atrásase a aplicación da sede electónica para este procedemento, que este ano seguirá utilizando o sistema tradicional de entrega da solicitude en papel no rexistro.

As solicitudes, segundo o modelo oficial cuxa portada se achega como anexo II a esta orde, e que, está completo ao dispor dos interesados na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es (na epígrafe da Secretaría Xeral de Universidades), presentaranse no Rexistro Único da Xunta de Galicia ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE n.º 12, do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito, a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación. A solicitude irá asinada polo responsable do grupo de investigación que solicita a axuda e levará o visto e prace da autoridade que representa legalmente a universidade correspendente.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Documentos que acrediten o cumprimento dos requisitos establecidos no anexo I desta convocatoria e no anexo da orde de bases correspondente á modalidade de axuda solicitada.

b) Certificado da composición dos grupos emitido pola universidade de orixe, indicando o código e a denominación de grupo, así como o número de membros do grupo que son mulleres. A composición certificada será a do grupo con data 1 de xaneiro de 2012, e só se admitirán cambios posteriores, de división ou reagrupamento, derivados de xubilacións ou falecementos de investigadores.

c) Certificado de ingresos de I+D competitivos obtidos polos solicitantes nos tres últimos anos, expedido pola universidade de orixe. Esta certificación só será necesaria nas modalidades de grupo de referencia competitiva e de grupos con potencial de crecemento.

d) Memoria descritiva da estratexia de investigación, estruturación e consolidación que vai seguir o grupo, a rede ou a agrupación, e que xustifica a necesidade desta axuda. O formato desta memoria está incluído no formulario de solicitude. Co obxectivo de facilitar o proceso de xestión e avaliación, a memoria en papel que deberá estar asinada, non estará encadernada e deberá incluirse unha copia desta en soporte dixital.

e) Declaración das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas ou dos seus organismos ou sociedades, consonte o documento que se inclúe no modelo de solicitude.

f) Currículum vitae dixitalizado acreditativo dos méritos alegados polo investigador ou o grupo, en formato dixital, segundo se detalla para cada unha das modalidades de axuda. Non se admitirá o currículum vitae en soporte papel. Se o solicitante desexa achegar publicacións, deberán entregarse igualmente en formato dixital.

g) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Consentimento expreso á Administración para incluír e facer públicos, nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. A reserva que puider facer o peticionario no senso de non autorizar a obtención dos datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou á revogación do acto de outorgamento.

Artigo 5. Tramitación.

A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades.

Os servizos da Secretaría Xeral de Universidades comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporán, o décimo quinto día posterior ao remate do prazo de presentación de solicitudes, a lista provisional de solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es/

Esta lista estará exposta durante dez días hábiles, e os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, emendar erros e a falta de documentos ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada, con independencia de que poidan acordarse outro tipo de actuacións.

Artigo 6. Avaliación e selección.

A selección dos beneficiarios finais das axudas realizarase a partir da suma das valoracións feitas por un panel de avaliadores e pola comisión de selección. O panel poderá asignar ata un máximo de 90 puntos a cada solicitude, e a comisión de selección poderá asignar ata un máximo de 10 puntos a cada solicitude.

A valoración farase chegar á comisión de selección, que elaborará a proposta de resolución de acordo coas bases da convocatoria, as avaliacións correspondentes, a dispoñibilidade de recursos e os obxectivos de ordenación, consolidación e articulación que suscita esta actuación.

Os criterios de avaliación das solicitudes presentadas aparecen recollidos no anexo I a esta orde.

Para garantir que as propostas financiadas teñan un nivel de calidade suficiente, só poderán recibir as axudas establecidas nesta convocatoria aquelas solicitudes que obteñan unha puntuación total superior ou igual a 60 puntos.

Artigo 7. Resolución.

A competencia para resolver estas axudas correspóndelle ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A comisión de selección elevará a proposta de resolución, que incluirá a relación de candidatos seleccionados, ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Ademais, os solicitantes das axudas concedidas recibirán unha resolución individual en que aparecerán os obxectivos de consolidación e estruturación do grupo, agrupación ou rede obxecto da axuda, segundo o establecido nos respectivos anexos. Estes deberán aceptar expresamente a axuda concedida mediante a resolución individual; en caso de non aceptar a resolución, entenderase que renuncia á axuda, e procederase consonte o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todas as solicitudes serán resoltas no prazo máximo de seis meses, contados desde a publicación da orde de convocatoria. A non resolución en prazo faculta os interesados para entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A resolución expresa ou presunta que poña fin á vía administrativa, poderá ser impugnada polos interesados mediante recurso potestativo de reposición ante o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 8. Dotación orzamentaria.

As axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 15.40.561B.744.3 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de cada ano, coa seguinte desagregación:

2012

2013

2014

2015

Modalidade a) GRC

1.200.000 €

1.200.000 €

1.200.000 €

1.200.000 €

Modalidade b) GPC

1.680.000 €

3.360.000 €

1.680.000 €

0 €

Modalidade c) Redes

600.000 €

600.000 €

0 €

0 €

Modalidade d) Agrupacións

2.000.000 €

2.000.000 €

0 €

0 €

TOTAL

5.480.000 €

7.160.000 €

2.880.000 €

1.200.000 €

Os créditos poderán redistribuírse entre as diferentes modalidades cando o volume de solicitudes presentadas e avaliadas favorablemente así o requiran.

Os importes indicados corresponderán a fondos propios da Comunidade Autónoma, salvo na modalidade d) Agrupacións estratéxicas, en que as axudas serán cofinanciadas con fondos procedentes do Feder (eje 1, tema prioritario 01: actividades de I+D en centros de investigación. Actuación 1: consolidación e estruturación sistema público de I+D). Cada unha das axudas da modalidade d) levará as seguintes porcentaxes de financiamento: 37,75% de Feder, 9,44% de FCI que cofinancia o Feder, 52,81% de Fondos Propios libres.

Disposición derradeira primeira.

A presente orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

Disposición derradeira segunda.

Contra esta orde poderase recorrer mediante recurso potestativo de reposición perante o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira.

A presente orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Criterios de avaliación

Criterios

Puntuación máxima

A) Estrutura/organización de investigación: tamaño do grupo, rede ou agrupación, mecanismos de xestión e organización e infraestruturas. Ata un total de 10 puntos.

Composición, estrutura, interdisciplinariedade e coherencia do grupo e da súa actividade

8

Liderado do grupo feminino

1

Dimensión interuniversitaria

1

B) Actividade investigadora (no período 2009-2011). Ata un total de 65 puntos.

Teses de doutoramento defendidas no período 2009-2011 / n.º investigadores do grupo

3

N.º contratados pre e posdoutorais, procedentes de convocatorias competitivas

3

N.º proxectos de convocatorias de ámbito autonómico / n.º investigadores

2

N.º proxectos de convocatorias de ámbito estatal / n.º investigadores

7

N.º proxectos de convocatorias de ámbito internacional

6

N.º de contratos e convenios con empresas ou institucións

6

Ingresos por contratos, convenios e convocatorias / n.º investigadores

3

N.º de redes de ámbito estatal e internacional ás cales pertence

1

N.º de publicacións en revistas SCI/SSCI (ou outros índices propios de Humanidades e de Ciencias Sociais e Xurídicas) e n.º de publicacións no primeiro cuartil do SCI/SSCI

N.º de libros e capítulos de libros publicados

Publicacións de actas de congresos internacionais

Resultados de creatividade artística (para grupos de Arquitectura e Belas Artes)

Para todos os criterios anteriores, indicar a referencia de cada publicación

Índice h do grupo

20

N.º de patentes rexistradas. N.º de patentes en explotación (*)

7

N.º de empresas creadas a partir de resultados de investigación do grupo

4

N.º de conferencias invitadas en congresos internacionais

Participación en comités editoriais de revistas científicas

3

C) Estratexia do grupo de investigación, agrupación ou rede. Ata un total de 15 puntos.

Calidade e viabilidade da proposta de desenvolvemento do grupo, agrupación ou rede, de acordo cos obxectivos da convocatoria

Estratexia de aplicabilidade dos resultados que obteña o grupo, a rede ou a agrupación

15

Puntuación da comisión de selección. Ata 10 puntos

Potencialidade da solicitude para satisfacer as necesidades científico-tecnolóxicas da sociedade e os sectores económicos galegos, na medida en que a actividade dos grupos aborde estas necesidades

5

Participación de grupos de investigación dos campus periféricos, isto é, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Ourense, así como a dimensión interuniversitaria da proposta

5

Puntuación total máxima

100

* Dado que as solicitudes das áreas de Humanidades e Artes e de Ciencias Sociais e Xurídicas non poden obter puntos polo rexistro e explotación de patentes, os 7 puntos máximos deste criterio acumularanse ao máximo de 20 puntos que se conceden por produción académica.

missing image file