Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Martes, 15 de maio de 2012 Páx. 18290

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2012 pola que se convocan as VI Xornadas Nacionais de Defensa da Competencia: Competencia e Protección de Consumidores.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2012 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración co Consello Galego da Competencia, as VI Xornadas Nacionais de Defensa da Competencia: Competencia e Protección de Consumidores, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Analizar as cuestións que suscita a protección dos consumidores por prácticas contrarias á libre competencia e a necesaria resposta institucional para dotarse de mecanismos eficientes de reacción e solución de conflitos.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– Dereito da competencia, globalización e Europa.

– Marco institucional da protección do consumidor e a defensa da competencia.

– A perspectiva do consumidor na investigación dos ilícitos anticompetitivos.

– O benestar do consumidor como paradigma do dereito da competencia.

– Regulación comercial, libre competencia e protección dos consumidores.

– A indemnización dos danos e perdas causados ao consumidor por unha infracción da lexislación de competencia.

3. Destinatarios.

Membros das autoridades da competencia españolas, empregados públicos das distintas administracións públicas, en especial da Administración local de Galicia, empresarios, profesionais liberais e membros da comunidade académica.

4. Desenvolvemento.

Estas xornadas desenvolveranse na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) os días 24 e 25 de maio de 2012.

Duración: 10 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes.

A inscrición é gratuíta.

Para inscribirse encha o formulario anexo e envíeo por correo electrónico ao seguinte enderezo: informacion@consellogalegodacompetencia.es (recibirá un correo electrónico confirmando a inscrición).

As persoas interesadas poderán acceder ao boletín de inscrición e ao resto de
información destas xornadas na páxina web do Consello Galego da Competencia
(http://www.consellogalegodacompetencia.es/) e da EGAP (http://egap.xunta.es/).

7. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o día 18 de maio de 2012.

8. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento destas xornadas, así como a facultade de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Será entregado un certificado de asistencia, ao final das xornadas, a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa o contido, a data e o lugar de realización destas xornadas.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2012.

Pablo Figueroa Dorrego
Director da Escola Galega de Administración Pública

missing image file