Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 16 de maio de 2012 Páx. 18492

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 2 de maio de 2012 pola que se establece o procedemento de concesión, baixo o réxime de concorrencia non competitiva, de axudas destinadas ao alumnado que curse estudos universitarios, no ano académico 2011-2012, nas universidades do Sistema Universitario de Galicia, que por causa sobrevida ou imprevista teña dificultades económicas para continuar estudos.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do Sistema Universitario de Galicia, determina a constitución do Sistema Universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, está a levar a cabo diversas accións de apoio económico ao alumnado de ensino universitario coas cales se pretende favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico. De acordo con isto, iniciáronse diferentes liñas estratéxicas, entre as cales cabe destacar o desenvolvemento da función social das universidades galegas, de maneira que ademais da súa implicación na mellora dos sistemas de ciencia e tecnoloxía, de calidade do ensino, do uso sostido de recursos, desenvolva a súa capacidade para dar resposta ás demandas sociais e a súa implicación no traballo social e a cooperación para o desenvolvemento.

As axudas e accións de apoio económico ao alumnado universitario convocadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria veñen sendo destinadas a aqueles alumnos e alumnas que acreditan os mellores expedientes académicos como recoñecemento ao seu esforzo. Non obstante, convoca anualmente unha liña de axudas destinada a alumnos cunha necesidade urxente de recursos económicos, motivada por causas sobrevidas e imprevistas.

Neste sentido, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pretende continuar a política de axudas de carácter especial, cunha finalidade simplemente paliativa, destinadas a facer fronte a causas sobrevidas que polas súas circunstancias requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos económicos que permitan a continuidade dos estudos universitarios dos alumnos afectados, sen pretender solucións plenas á problemática que poidan presentar.

Polo que antecede,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e beneficiarios.

O obxecto desta orde é regular o procedemento de concesión, baixo o réxime de concorrencia non competitiva, de axudas destinadas ao alumnado que curse estudos universitarios conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico e arquitecto técnico, no curso académico 2011-2012, nas universidades do Sistema Universitario de Galicia, cunha necesidade urxente de recursos económicos motivada por causas sobrevidas e imprevistas que lles impidan ou dificulten a continuidade dos seus estudos.

Artigo 2. Orzamento.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 15.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, cunha contía global máxima de 88.000 euros, salvo o disposto na disposición adicional segunda desta orde.

Artigo 3. Requisitos dos solicitantes.

Poderán solicitar estas axudas os/as estudantes universitarios/as, agás os recollidos na disposición adicional segunda desta orde, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevida ou imprevista (orfandade absoluta, falecemento pai/nai/titor legal, desemprego sustentador principal, enfermidade grave, violencia de xénero cara el/ela ou o seu proxenitor/a, vítimas de actos terroristas, separación, divorcio, ruína ou quebra familiar e outras circunstancias non recollidas que sendo xustificadas repercutan na situación socioeconómica familiar).

b) Que a situación sobrevida ou imprevista acontecese durante o actual ano académico 2011-2012.

c) Estar matriculado, no curso académico 2011-2012, como mínimo en 50 créditos, en estudos universitarios presenciais conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico e arquitecto técnico en calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia.

d) Que a renda per cápita da unidade familiar non sexa superior ao importe anual da pensión non contributiva individual para o ano 2012, é dicir 5.007,80 euros (417,31 euros mensuais, incluída nesta contía a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias).

e) Non ter percibido esta axuda con anterioridade.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes serán subscritas directamente polas persoas interesadas ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito. Os solicitantes a que se refire a disposición adicional segunda desta orde non terán que presentar nova solicitude, salvo o documento a que fai referencia a citada disposición (anexo III) que enviarán no prazo dun mes contado desde a publicación desta orde no DOG.

2. A presentación de solicitudes poderá realizarse desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 1 de setembro de 2012.

2.1. Con carácter xeral, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde a data en que acontecese a causa sobrevida ou imprevista, sempre que a solicitude se realice con anterioridade ao 1 de setembro.

2.2. Se a causa sobrevida ou imprevista ten acontecido con anterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación será de un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta no Diario Oficial de Galicia.

3. O formulario da solicitude, correspondente co modelo normalizado ED433A que se publica como anexo I a esta orde, e a declaración responsable necesaria que se publica como anexo II, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para a súa tramitación electrónica completa.

4. Para a presentación na sede electrónica do devandito formulario e da declaración responsable admitiranse o DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica aceptado pola sede da persoa solicitante ou representante legal.

5. Para a tramitación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención ao presentar os formularios, poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es

No caso de dúbida en relación coa presente convocatoria, poderá facer as súas consultas no enderezo electrónico orientación.sug@edu.xunta.es

6. O formulario de solicitude e a declaración responsable deberán ser cubertos en todos os seus campos sen engadir novos datos, emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.

7. No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, admítese igualmente a presentación da solicitude e da declaración responsable en formato papel unha vez cuberto o formulario en formato PDF dispoñible na sede, que se presentará asinado no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, dirixido á Secretaría Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela); ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Documentación que hai que presentar.

A solicitude (anexo I, modelo normalizado ED433A) e a declaración responsable (anexo II, na cal a persoa solicitante debe indicar se ten ou non solicitada ou concedida outro tipo de bolsa ou axuda para a mesma finalidade ante as administracións públicas ou outros entes públicos) presentaranse xunto coa seguinte documentación dixitalizada:

a) Xustificación da causa sobrevida ou imprevista en que fundamenta a petición da axuda para o cal presentará todos os documentos que a proben.

b) Informe do/a traballador/a social do concello en que estea empadroado/a o/a solicitante que recolla a causa sobrevida ou imprevista, así como a situación socioeconómica da unidade familiar, anterior e posterior á causa, que motive a necesidade urxente de recursos económicos.

c) Declaración responsable, asinada polo/a solicitante, que incluirá a relación de todas as persoas residentes na mesma vivenda ou aloxamento, en que fará constar os ingresos ou rendas anuais percibidos por todos os membros que compoñen a unidade familiar durante o ano 2011 así como a contía total mensual dos ingresos ou rendas de cada un dos membros da unidade familiar do ano 2012, achegando a documentación acreditativa dos citados ingresos.

d) Certificación académica oficial, en que consten as materias ou créditos en que está matriculado no curso académico 2011-2012.

No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica para a presentación dixitalizada da dita documentación, admitirase igualmente a presentación desta en formato papel, presentándoa xunto aos anexos I e II asinados, nos mesmos termos establecidos no punto 7 do artigo anterior.

Artigo 6. Instrución do procedemento.

1. O órgano instrutor deste procedemento será a Subdirección Xeral de Universidades e ademais crearase unha comisión de avaliación integrada por:

Presidente: o titular da Subdirección Xeral de Universidades.

Vogais: tres representantes da Secretaría Xeral de Universidades, dos cales un/unha deles/as actuará como secretario/a con voz e voto.

2. Unha vez examinadas as solicitudes e a documentación presentada polos/as solicitantes, se non está debidamente cuberta a solicitude ou non se presenta a documentación exixida, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixer se lle terá por desistido/a da súa petición, logo de resolución, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáse requirir o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 7. Contía.

1. Para determinar a contía da axuda que se lle concederá a cada solicitante, a comisión avaliadora, examinada a documentación presentada, terá en conta como criterios de distribución os seguintes limiares de renda per cápita:

Limiares de renda

Contía da axuda

Ata 3.500 €

2.500 euros

De 3.501 € a 4.000 €

2.000 euros

De 4.001 € a 4.500 €

1.500 euros

De 4.501 € a 5.007,80 €

1.250 euros

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Resolución e notificación.

1. Unha vez efectuada a selección pola comisión avaliadora, esta elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución.

2. A comisión avaliadora reunirase polo menos unha vez ao mes e elevará o correspondente informe-proposta, para a súa resolución, das solicitudes completas ata ese momento, sempre que nese período se completasen os trámites administrativos da solicitude referidos no artigo 6.2.

3. As resolucións, que lles serán notificadas aos interesados de acordo co establecido na lei, estarán debidamente motivadas e expresarán, cando menos, o número de expediente, os datos de identificación do/a solicitante, o importe e condicións da axuda e, se é o caso, a desestimación e causa de denegación.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data en que a solicitude teña entrada no Rexistro Único da Xunta de Galicia. No caso de se teren producido emendas ou melloras na solicitude, o prazo contarase desde a data en que a última destas teña entrada no citado rexistro. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución expresa, que en todo caso deberá producirse no exercicio orzamentario vixente, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 9. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde poñen fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 10. Pagamento das axudas.

1. Segundo o disposto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a contía da axuda concedida aboaráselle aos beneficiarios nun pagamento único polo importe que lle corresponda segundo as contías determinadas no artigo 7 desta orde, unha vez notificada a resolución de concesión. A tramitación do pagamento axustarase ao establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro).

2. O pagamento da axuda regulada nesta orde farase unicamente na conta que os solicitantes fixesen constar na solicitude, que debe permanecer activa para estes efectos mentres non se teña constancia da finalización do expediente, e a Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables aos solicitantes.

Artigo 11. Obrigas dos beneficiarios.

O alumnado que resulte beneficiario destas axudas comprométese ao cumprimento do establecido nesta convocatoria e na súa resolución, así como a cumprir as seguintes obrigas:

a) Seguir durante o curso académico, con carácter presencial, os estudos en que se atope matriculado.

b) Comunicar por escrito calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias alegadas na solicitude e de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral de Universidades.

c) Comunicar por escrito a renuncia á axuda no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.

d) Informar o órgano concedente da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración pública, ente público ou privado.

e) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Compatibilidade, alteración, modificación e reintegro.

1. Estas axudas son compatibles con calquera outra bolsa ou axuda destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, sempre que a suma de todas elas non supere a contía máxima de 5.000 euros.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión desta axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión ou, se é o caso, á súa revogación con reintegro das cantidades que corresponda.

3. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro, total ou parcial, polo/a beneficiario/a, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co procedemento establecido nos artigos 77 a 83, inclusive, do Regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivaron a súa concesión.

Disposición adicional primeira.

A presentación da solicitude de concesión de axuda comportará autorización á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar.

b) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como as sancións impostas cando proceda.

A reserva que o peticionario poida facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a súa publicidade nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro das cantidades percibidas.

c) De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

d) Porén, non será necesaria a publicación cando o órgano concedente xulgue que se dan as previsións do artigo 15.2.d) da citada Lei 9/2007.

Disposición adicional segunda.

As solicitudes recibidas no prazo establecido na Orde do 30 de maio de 2011 (DOG do 15 de xuño) avaliadas positivamente pola comisión por estaren completos os trámites previos pero que non puideron ser atendidas no exercicio anterior por non acadar a fase de resolución, resolveranse con cargo ao orzamento desta orde para o que se reserva un 20 por cento do total orzado (17.600 euros). No caso de que non se esgote esta contía o remanente incorporarase ao crédito destinado ás novas solicitudes.

Os solicitantes a que se refire o parágrafo anterior deberán manifestar a súa conformidade a participar no procedemento para o que deberán enviar cumprimentado o anexo III que se xunta a esta orde.

Disposición adicional terceira.

A concesión das axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De non ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia, publicarase no Diario Oficial de Galicia, mediante resolución do secretario xeral de Universidades, o esgotamento da partida orzamentaria asignada.

Disposición adicional cuarta.

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ou directamente mediante un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde esa mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
ED433AG.pdf
ED433AG.pdf