Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 16 de maio de 2012 Páx. 18542

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2012 pola que se recoñece oficialmente o esquema de certificación de calidade de ámbito nacional regulado no Decreto 228/2011, do 24 de novembro, polo que se modifica o Decreto 57/2010, do 8 de abril, polo que se crea o Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada e no que se ampara a marca de garantía Galega 100%.

Antecedentes:

1. O artigo 81 do Real decreto 202/2012, do 23 de xaneiro, sobre a aplicación a partir de 2012 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría, «Recoñecemento oficial dos esquemas de certificación de calidade de ámbito nacional», establece que os esquemas de certificación de ámbito nacional que impliquen uns requisitos superiores aos exixidos na normativa xeral, deberán estar recoñecidos oficialmente mediante a correspondente norma legal de ámbito autonómico que recolla as condicións e os requisitos do sistema de calidade.

A autoridade competente responsable do recoñecemento será aquela en que radique a sede social do titular do sistema de calidade, e o dito recoñecemento terá validez en todo o territorio nacional.

2. A Asociación Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (en diante LIGAL) é unha asociación sen ánimo de lucro e declarada de utilidade pública. O LIGAL creou en decembro de 2010 a marca de garantía denominada Galega 100% para as empresas que elaboren leite e produtos lácteos e que desexen garantir aos consumidores que a materia prima dedicada á elaboración de leite e produtos lácteos procede exclusivamente de explotacións inscritas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada, creado mediante o Decreto 57/2010, do 8 de abril, modificado polo Decreto 228/2011, do 24 de novembro.

3. Dado que o sistema de calidade en que se ampara Galega 100% consiste nun esquema de certificación que implica unha calidade hixiénico-sanitaria do leite por riba dos requisitos legais obrigatorios e que inclúe unha exixencia de calidade hixiénica referida ao leite cru de vaca compatible cos seguintes criterios:

– Colonias de xermes a 30ºC (por ml): ≤ 50.000.

– Contido de células somáticas (por ml): ≤ 350.000.

É necesario recoñecelo oficialmente para os efectos do establecido no Real decreto 202/2012, do 23 de xaneiro.

4. Analizado o texto onde se recollen as condicións e os requisitos do esquema de certificación de calidade de Galega 100%, este inclúe todo o exixido no artigo 80, parágrafo f) do Real decreto 202/2012, do 23 de xaneiro «Esquemas de certificación de calidade que impliquen uns requisitos superiores aos exixidos na normativa xeral».

Consideracións legais e técnicas:

1. Corresponde á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria o recoñecemento, de conformidade co previsto no artigo 15 do Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria.

2. Real decreto 202/2012, do 23 de xaneiro, sobre a aplicación a partir de 2012 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría.

3. Decreto 57/2010, do 8 de abril, polo que se crea o Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (DOG núm. 71, do 16 de abril), modificado polo Decreto 228/2011, do 24 de novembro (DOG núm. 240, do 19 de decembro).

Por todo o exposto, e vista a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

1. Recoñecer oficialmente o esquema de certificación de calidade de ámbito nacional regulado no Decreto 228/2011, do 24 de novembro, polo que se modifica o Decreto 57/2010, do 8 de abril, polo que se crea o Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada e no que se ampara a marca de garantía Galega 100%.

As condicións e os requisitos do citado sistema de calidade recóllense no seguinte enderezo web: www.ligal.es, onde pode ser consultado.

2. Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o secretario xeral de Medio Rural e de Montes, no prazo dun mes, contado desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 15 do Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, e do Fondo Galego de Garantía Agraria, e o artigo 26.3.c) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3. Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2012.

José Álvarez Robledo
Director xeral de Produción Agropecuaria