Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 18 de maio de 2012 Páx. 18733

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 16 de maio de 2012 pola que se ditan normas que determinan os servizos mínimos durante a folga no ámbito do ensino público convocada para o día 22 de maio de 2012.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG do 20 de xuño), entre os que se atopa a educación.

O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, e o persoal preciso para prestalos.

As organizacións sindicais Federación de Enseñanza CCOO (FECCOO), Federación de Trabajadores de la Enseñanza de UGT (FETE-UGT), ANPE, CSIF, STES e CSIF_Universidad comunicaron a convocatoria dunha folga para o persoal laboral e funcionario das administracións educativas establecidas dentro do ámbito xeográfico e xurídico español. A folga desenvolverase das 00.00 ás 24.00 horas, do día 22 de maio de 2012.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican na presente orde.

O servizo esencial da educación non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente, xa que, xunto a esta actividade docente, se realizan outras funcións como son a vixilancia e coidado dos nenos e nenas, menores de idade, que acoden aos centros docentes públicos, así como o coidado, mantemento e vixilancia das instalacións destinadas ao servizo público educativo.

Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial aos menores; dun xeito máis específico, a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa (DOG do 15 de xullo), dispón no seu artigo 7 que o alumnado ten dereito a que se respecte a súa identidade, integridade e dignidade persoal, e á protección integral contra toda agresión física e moral. Polo tanto, a custodia e seguridade dos menores de idade que accedan a un centro docente público, o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados, é responsabilidade ineludible desta Administración educativa e parte indivisible do dereito esencial á educación.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, dada a súa entidade, debe exercerse continuamente. Como servizo mínimo para garantilos establécese que os centros docentes permanezan abertos no seu horario habitual, coa necesaria presenza nos ditos centros do/a director/a, ou, de ser o caso, doutro membro do equipo directivo que o/a substitúa, xa que tales membros do equipo directivo teñen a representación do centro e garanten o cumprimento das leis e demais disposicións vixentes, como sinalan as alíneas a) e d) do artigo 132 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio (de educación, publicada no BOE do 4 de maio), e polo tanto están capacitados e facultados para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos menores de idade. Así mesmo, consonte a normativa citada, o director tamén está facultado e capacitado para resolver calquera incidencia que se poida producir respecto do conxunto dos bens que integran un centro docente.

A presenza dun subalterno ou subalterna trae causa das funcións que a este tipo de persoal compete respecto do coidado e vixilancia das instalacións e do control de entrada e saída do centro educativo, tanto para evitar a entrada de persoas alleas ao centro, como para evitar a saída dos menores de idades cando non corresponda.

Dentro do deber de outorgar protección básica ao menor de idade debemos incluír a súa alimentación, así cando un servizo público asume esta responsabilidade non pode desatendela, o que motiva que unha persoa con funcións de cociña deba permanecer nos centros educativos ordinarios con servizo de comedor.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores que, como se dixo, non pode ser paralizado, inclúe a actividade básica de coidar a integridade física e hixiene daqueles que por ter diminuídas as súas capacidades, necesitan unha constante vixilancia e atención (artigo 49 da Constitución) por parte de coidadores do alumnado con necesidades educativas especiais presentes nos centros docentes ordinarios. O alumnado dos centros de educación especial ten unhas necesidades de cara á súa atención aínda máis reforzadas, polo que debe haber unha presenza mínima de persoal sanitario, persoal coidador, de comedores e de limpeza. A determinación dos anteditos servizos mínimos por porcentaxes nos centros de educación especial considérase como criterio máis apropiado para a fixación do persoal que debe prestalos, dada a diversidade existente na dimensión e tamaño dos diferentes centros desa tipoloxía que hai na nosa comunidade.

Os centros residenciais docentes teñen como característica propia a presenza do alumnado fóra do horario lectivo, para realizar actos da vida cotiá que o resto fai no seu domicilio particular, como estudar, durmir ou comer. Nestes centros debe quedar garantida, xa que logo, a atención mínima para que esas actividades non poidan verse alteradas con risco ou desatención para os usuarios do servizo, trátase de garantir minimamente a hixiene, a alimentacións e a seguridade, razón pola cal resulta necesaria a presenza dun membro do equipo directivo, así como de parte do persoal de limpeza, de comedor e subalternos.

Polo que se refire ás universidades non se pode esquecer que a data da folga está dentro do período fixado para a realización das avaliacións das materias que segue o alumnado. Cos servizos mínimos que se fixan garántase a asistencia do alumnado e do persoal que non exerza o seu dereito á folga e, de ser o caso, permite a realización das probas por parte do alumnado. A presenza mínima do persoal de conserxería resulta precisa para a seguridade das instalacións. O persoal previsto nesta orde nos rexistros busca garantir a actuación das persoas que puidesen necesitalo e cuxo incumprimento poida supoñer perda ou prexuízo nos seus dereitos. Co gallo de buscar un punto de equilibrio entre o dereito á educación e o dereito á folga dos empregados da universidade, entendemos que se debe garantir a posibilidade de que o alumnado poida realizar a actividade individual de estudo, razón pola cal se fixa unha persoa por biblioteca e quenda de traballo.

De acordo coa normativa citada e cos argumentos expostos, e oído o comité de folga

DISPOÑO:

Artigo 1.

Para o persoal que desempeña o seu traballo no ámbito público da docencia non universitaria terán a consideración de servizos mínimos os seguintes:

1.1. Servizos centrais: 1 funcionario/a da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

1.2. Servizos periféricos: 1 funcionario/a da unidade de persoal da Xefatura Territorial correspondente.

1.3. Centros públicos de ensino:

– A dirección ou membro do equipo da dirección, e un subalterno ou subalterna en cada centro escolar. Nos centros de menos de 6 unidades o/a director/a poderá ser substituído/a por un membro do equipo docente. En todo caso quedará garantida a apertura e peche de todos os centros.

– Unha persoa de cociña nos centros ordinarios.

– 1 auxiliar coidador/a en cada centro educativo que non sexa centro de educación especial e que neste curso teña asignado persoal desa categoría.

– O 20% do persoal de comedores, limpeza e subalternos nos centros residenciais docentes.

– O 20% do persoal de comedores, ATS, limpeza, coidadores e persoal médico dos centros de educación especial.

A designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos relacionados no punto 1.3 será feita pola dirección do centro respectivo, procedéndose á súa publicación no taboleiro de anuncios do centro.

Artigo 2.

Terán a consideración de servizos mínimos para o persoal dependente das universidades galegas os seguintes:

– 1 empregado/a da área de conserxería por quenda de traballo en cada facultade, escola, centro de investigación e demais centros administrativos.

– 1 directivo docente en cada facultade ou escola nos que estea autorizada a realización de exames.

– 1 funcionario/a no rexistro oficial de cada campus.

– 1 empregado/a do persoal de secretaría do reitor, e dos vicereitores/as dos campus onde non estea a sede reitoral.

– 1 empregado/a en cada biblioteca por quenda de traballo.

Artigo 3.

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, se deberán observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos docentes.

Disposición derradeira.

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria