Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 21 de maio de 2012 Páx. 18940

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2012, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se modifica a Resolución do 30 de decembro de 2011 pola que se convoca e regula o programa de axudas económicas individuais a galegos residentes no exterior para o exercicio de 2012.

A Secretaría Xeral da Emigración, segundo o disposto no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento de galeguidade, relacións coas comunidades galegas no exterior e política inmigratoria e de retorno en Galicia.

A disposición adicional segunda do referido Decreto 325/2009, do 18 de xuño, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

No Diario Oficial de Galicia núm. 10, do 16 de xaneiro de 2012, publicouse a Resolución do 30 de decembro de 2011, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se convoca e regula o programa de axudas económicas individuais a galegos residentes no exterior para o exercicio de 2012.

A convocatoria, no seu artigo 3, destina un crédito total de 2.100.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.312C.480.0 Accións políticas migratorias.

A Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira, establece que as actuacións dos axentes incluídos no ámbito de aplicación desta lei garantirán a sustentabilidade financeira das súas finanzas ao longo do ciclo económico.

Igualmente, o artigo 57 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece que non poderán adquirirse compromisos de gasto por contía superior ao importe dos créditos que figuren nos estados de gastos.

Na actualidade, a situación económica exixe a necesidade de acadar un equilibrio entre ingresos e gastos, polo que cómpre efectuar un axuste nos créditos inicialmente asignados aos diferentes centros de gasto que conforman os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por iso, e de acordo co principio de austeridade que preside a actuación da Administración pública, é preciso efectuar unha modificación na convocatoria antes mencionada, que permita un axuste do crédito previsto e adaptalo ás novas posibilidades orzamentarias, coa finalidade de manter o rigor e estabilidade das contas.

En virtude do exposto e de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO

Artigo 1.

Modifícase o parágrafo primeiro do artigo 3 da Resolución do 30 de decembro de 2011 pola que se convoca e regula o programa de axudas económicas individuais a galegos residentes no exterior para o exercicio de 2012, e a súa redacción queda como segue:

«As axudas precisas para a realización deste programa concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.312C.488.0, Accións de política migratoria, que figura no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2012. O crédito inicialmente outorgado para esta finalidade é de dous millóns de euros (2.000.000 €)».

Artigo 2.

Suprímese o parágrafo segundo do artigo 3 da Resolución do 30 de decembro de 2011, pola que se convoca e regula o programa de axudas económicas individuais a galegos residentes no exterior para o exercicio de 2012.

Disposición derradeira.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o secretario xeral da Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2012.

J. Santiago Camba Bouzas
Secretario xeral da Emigración