Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 21 de maio de 2012 Páx. 18943

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 9 de maio de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan, para período 2012-2013, bolsas de formación en materia de patrimonio moble galego.

A Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia e o Decreto 314/1986, do 16 de outubro, polo que se regula o sistema público de museos da Comunidade Autónoma de Galicia, establecen a obriga de todos os museos radicados en Galicia de confeccionar un inventario e un catálogo do patrimonio que albergan, como medio para documentalo técnica e cientificamente e cumprir as funcións que a todo centro destas características lle corresponden.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración autonómica que ten atribuídas as competencias en materia do patrimonio cultural. Dentro destas competencias correspóndelle as actuacións en materia de patrimonio moble, museos e coleccións visitables. Son as súas funcións a protección, inventario, restauración e difusión do patrimonio cultural, así como o coidado, dotación, instalación e promoción de museos.

Para impulsar unha mellora no sistema documental dos museos e coleccións visitables na conservación dos bens culturais que custodian e para contribuír á promoción e difusión do seu patrimonio cultural, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca bolsas de formación que contribúan, na medida das posibilidades orzamentarias, ao cumprimento das funcións que son propias destes centros.

A finalidade das bolsas é proporcionar unha formación teórico-práctica que, engadida á formación académica, contribúa a completar o curriculum académico polo que é preciso poñer un límite no gozo das bolsas e tratar de ofrecelas ao maior número de persoas posibles, en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de obxectividade e publicidade.

Para estes efectos, é necesario establecer as bases reguladoras da concesión destas bolsas, de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia así como as normas de desenvolvemento.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade.

1. Por medio da presente orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria do programa 2012/2013 de bolsas de formación en materia de patrimonio moble en museos propios e xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. Os bolseiros realizarán a súa actividade en diversos museos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Serán tutelados, dirixidos e coordenados polos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

3. As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

4. A formación comprende unha parte teórica e unha parte práctica que será impartida por persoal técnico da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Artigo 2. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas bolsas os solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

1.a) Solicitantes de bolsas de documentación de fondos de patrimonio moble:

– Licenciatura universitaria ou equivalente, segundo o espazo europeo de educación superior, con formación académica nalgunha das materias que se relacionan a continuación:

• Historia.

• Historia da arte.

• Arqueoloxía.

b) Solicitantes de bolsas de restauración de fondos de museos e coleccións visitables de Galicia:

– Diplomatura universitaria en conservación e restauración de bens culturais ou equivalente, nas especialidades de:

• Arqueoloxía.

• Pintura ou escultura.

2. Ter acreditado dominio da lingua galega a nivel iniciación mediante título oficial.

3. Non ter gozado con anterioridade á publicación da respectiva convocatoria de bolsas dun período de tempo igual ou superior a vinte e catro meses (24) en bolsas das convocadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para inventario, catalogación e restauración de fondos de patrimonio moble.

4. Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda.

5. Non ter sido sancionado por infracción cometida por razón de bolsas concedidas para a formación en materia de patrimonio moble galego.

6. Cada solicitante só poderá presentar unha solicitude para unha bolsa como máximo.

Artigo 3. Número, duración e importe das bolsas.

1. O número de prazas convocadas será de seis (6), que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 5 desta convocatoria.

2. As bolsas terán carácter plurianual, cunha duración de doce (12) meses, contados a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de acordo co centro de destino.

3. O importe de cada bolsa non excederá da cantidade de doce mil euros (12.000,00 €).

4. As bolsas convócanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.21.432A.480.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2012 e 2013, por un importe total de oitenta mil euros (80.000,00 €), distribuídos do seguinte xeito:

Anualidade 2012: 40.000,00 €.

Anualidade 2013: 40.000,00 €.

5. Os bolseiros seleccionados quedarán asimilados a traballadores por conta allea, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social, nos termos establecidos polo Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria efectuará as cotizacións á Seguridade Social aplicando as regras de cotización correspondentes aos contratos para a formación e aprendizaxe, establecidas na respectiva Lei de orzamentos xerais do Estado e nas súas normas de aplicación e desenvolvemento. Non existirá obriga de cotizar pola continxencia de desemprego, así como tampouco ao Fondo de Garantía Salarial nin por formación profesional.

Artigo 4. Presentación das solicitudes, documentación e prazo.

1. As solicitudes, xunto coa documentación adicional requirida, presentaranse conforme ao modelo oficial que figura no anexo I da convocatoria, e por calquera dos seguintes medios:

– Preferentemente na oficina do Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou nas súas delegacións.

– Nas oficinas de Correos, en sobre aberto para o selado da solicitude.

– Por calquera outra das previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

– A presentación telemática de solicitudes poderá efectuarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es

As solicitudes poderanse presentar cubertas a máquina ou a man, pero neste caso deberá facerse con letras maiúsculas e con caracteres lexibles.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Documentación que hai que presentar:

a) Solicitude segundo o modelo que figure como anexo na convocatoria.

b) Fotocopia compulsada do expediente académico coas cualificacións obtidas nas diferentes materias.

c) Fotocopia compulsada da acreditación do curso de iniciación ou equivalente de lingua galega.

d) Fotocopia dos méritos alegados. Só contabilizarán aqueles méritos dos que se aporte proba documental.

e) Declaración responsable de non atoparse incurso en ningún dos supostos de prohibición para obter subvencións que establece o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural poderá exixir aos solicitantes a presentación dos orixinais ou fotocopia compulsada dos méritos alegados, que deberán presentarse nun prazo máximo de tres días, contados a partir do momento do seu requirimento.

5. Serán causas de exclusión a demostración da falsidade documental, a non correspondencia cos orixinais e a incorrección na documentación presentada.

6. A presentación das solicitudes comporta a autorización expresa a favor da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos ou documentos achegados nos termos previstos polo artigo 4.2 da Orde do 12 de xaneiro de 2012, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Artigo 5. Criterios de valoración.

Teranse en conta os seguintes criterios para a valoración das solicitudes:

a) Titulación académica.

1) Título universitario: 1 punto.

2) Especialización:

– Cursos de doutoramento relacionados coa especialidade do campo ao que se opta: 2,5 puntos.

– Cursos de posgrao, de especialización e másters relacionados coa especialidade do campo ao que se opta organizados exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais e cunha duración mínima de 30 créditos: 3 puntos.

b) Expediente.

Expediente académico do/a solicitante cunha valoración máxima de catro (4) puntos.

c) Formación complementaria.

1) Cursos relacionados coa especialidade do campo ao que se opta, organizados exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais:

– Por cursos con acreditación expresa entre 10 e 25 horas de duración: 0,10 puntos, ata un máximo de 0,80 puntos.

– Por cursos con acreditación expresa entre 25 e 40 horas de duración: 0,20 puntos, ata un máximo de 1 punto.

– Por cursos con acreditación expresa de 40 horas ou máis de duración: 0,30 puntos, ata un máximo de 1,5 puntos.

– Por cursos con acreditación expresa de 60 horas ou máis de duración: 0,50 puntos, ata un máximo de 2 puntos.

– Por cursos con acreditación expresa de 100 horas ou máis de duración: 0,70 puntos, ata un máximo de 2,80 puntos.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

2) Congresos, xornadas e seminarios relacionados coa especialidade do campo ao que se opta:

– Asistencia a congresos, xornadas e seminarios: 0,10 puntos, ata un máximo de 1 punto.

3) Cursos de informática:

– Por cursos de informática en xeral con acreditación expresa de menos de 40 horas: 0,10 puntos por curso, ata un máximo de 1 punto.

– Por cursos de informática en xeral con acreditación expresa de 40 horas ou máis: 0,25 puntos por curso, ata un máximo de 1 punto.

– Por cursos de informática aplicada aos museos: 0,30 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

4) Cursos de fotografía:

– Por cursos de fotografía en xeral con acreditación expresa de menos de 40 horas: 0,10 puntos por curso, ata un máximo de 1 punto.

– Por cursos de fotografía en xeral con acreditación expresa de 40 horas ou máis: 0,25 puntos por curso, ata un máximo de 1 punto.

Os cursos e congresos non específicos que se acrediten, correspondentes aos apartados 1) e 2) terán que acompañarse do seu correspondente programa.

d) Formación en lingua galega:

– Perfeccionamento ou Celga 4: 0,50 puntos.

Artigo 6. Instrución e avaliación.

1. A instrución do procedemento de concesión das bolsas correspóndelle á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non achegar toda a documentación requirida poderase reclamar aos solicitantes que emenden os defectos apreciados na documentación exixida, outorgándoselle un prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, desde a notificación do requirimento, e indicaráselle que se non o fixese se lle terá por desistido da súa solicitude de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A avaliación das solicitudes será efectuada por unha comisión técnica composta polo/a titular da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, que a presidirá, actuando como vogais dous/dúas técnicos/as do Servizo de Museos. Exercerá as funcións de secretaria/o ao/á titular do Servizo de Museos. En caso de ausencia dalgún dos membros, correspóndelle o/a titular da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural nomear un suplente. A comisión formulará o informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

3. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, á vista do expediente e do informe da comisión de avaliación, formulará a proposta de resolución provisional, debidamente motivada. A proposta de resolución provisional farase pública nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nos dos seus departamentos territoriais. O prazo de exposición pública será de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, e durante os cales se poderán facer as alegacións pertinentes.

4. Examinadas as alegacións aducidas, se é o caso, polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva, seguindo o procedemento establecido no artigo 33 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 7. Resolución e recursos.

1. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural elevaralle o informe xunto coa proposta de resolución definitiva á/ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá sobre a concesión das bolsas.

2. A/o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resolverá o procedemento de concesión no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución. O prazo máximo para resolver e notificar será de catro meses desde a entrada en vigor da orde de convocatoria. De non se ditar resolución no prazo indicado, as solicitudes entenderanse desestimadas. Non se poderá conceder máis dunha bolsa por solicitante.

3. O contido da resolución que poña fin ao procedemento axustarase ao establecido no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e deberá expresar a relación de solicitantes aos que se lle concede as bolsas convocadas, podendo designar ademais os adxudicatarios suplentes, en orde de prioridade, que serán notificados como adxudicatarios de forma sucesiva cando non se puidese formalizar a aceptación da bolsa ou se produza unha renuncia. Así mesmo, a resolución determinará de forma expresa a desestimación do resto de solicitudes.

4. Esa resolución, así como os actos que se deban notificar de forma conxunta a todos os interesados, e, en particular, os requirimentos de emenda e de trámite de audiencia, publicaranse no taboleiro de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nos dos seus departamentos territoriais, e nos outros medios de comunicación que se sinalen, de ser o caso, substituindo esta publicación á notificación persoal e producindo os mesmos efectos.

5. A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e contra esta cabe interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir da data de notificación desta aos interesados ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados, así mesmo, desde a data de notificación.

Artigo 8. Publicidade.

1. A resolución farase pública, para os efectos de notificación aos interesados, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nos dos seus departamentos territoriais.

Así mesmo, e para os efectos meramente informativos, esta resolución publicarase tamén na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A relación de centros nos que se realizarán as actividades publicarase conxuntamente coa resolución de adxudicación das bolsas.

2. De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Ademais, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas que superen individualmente os tres mil euros (3.000,00 €).

4. Incluiranse nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións, regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, segundo a autorización do solicitante que figura na convocatoria.

Artigo 9. Aceptación das bolsas.

1. Os bolseiros que resultasen adxudicatarios dunha das bolsas convocadas elixirán o seu destino por orde de puntuación.

Non obstante, para aqueles centros que xa contaran con bolseiro o ano anterior, terán preferencia os bolseiros que estiveran destinados neles.

2. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural poderá adxudicar outro destino en función do desenvolvemento da bolsa e das circunstancias que poidan producirse.

3. Dentro dos dez días naturais seguintes á publicación da resolución da concesión nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nos dos seus departamentos territoriais, os beneficiarios das bolsas deberán comunicar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a súa aceptación. De non facelo no prazo indicado entenderase tacitamente aceptada segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, de non comparecer no centro de destino no tempo estipulado, o nomeamento quedará sen efecto e será motivo de exclusión na seguinte convocatoria. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural procederá ao chamamento de suplentes para cubrir estas prazas.

5. A aceptación da bolsa supón o compromiso implícito de manter a confidencialidade da información obtida no desenvolvemento das actividades obxecto destas bolsas, de acordo coa normativa aplicable.

6. A incorporación dos bolseiros ao réxime xeral da Seguridade Social, coa conseguinte afiliación e/ou alta, así como a baixa no dito réxime, producirase a partir da data de inicio e na do cesamento da actividade, nos termos e prazos e cos efectos establecidos no Regulamento xeral sobre inscrición de empresas e afiliación, altas, baixas e variacións e datos de traballadores na Seguridade Social, aprobado polo Real decreto 84/1996, do 26 de xaneiro.

Artigo 10. Pagamento das bolsas e xustificación.

1. O pagamento das bolsas axustarase á normativa orzamentaria de aplicación. Terá unha periodicidade mensual, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e unha vez que o beneficiario teña presentada a documentación fixada no artigo 11.d).

2. Aos adxudicatarios das bolsas poderáselles requirir a documentación necesaria para proceder ao pagamento da dita bolsa.

3. Así mesmo, os beneficiarios das bolsas están obrigados a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 11. Obrigas dos bolseiros.

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia os bolseiros seleccionados quedan obrigados a:

a) Incorporarse ao destino adxudicado dentro do prazo que estipule a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. A non incorporación na data sinalada implicará a perda automática dos dereitos inherentes á bolsa concedida.

Non obstante, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural poderá autorizar un aprazamento de ata un máximo de 15 días naturais na incorporación á bolsa, que se concederá á petición expresa do/a interesado/a e por causas debidamente xustificadas e acreditadas.

b) Asistir aos centros onde resulten destinados de acordo coas directrices que fixen os responsables da execución do programa de formación. O horario será o establecido polos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de acordo co centro de destino.

c) Seguir as indicacións técnicas dos servizos técnicos coordinadores.

d) Entregar mensualmente aos servizos técnicos coordinadores informe da actividade realizada, e ao finalizar a bolsa, a memoria explicativa correspondente ás actividades desenvolvidas durante o tempo de goce da bolsa.

e) Presentar antes do primeiro pagamento unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

f) Así mesmo, antes do primeiro pagamento, deberán presentar unha declaración responsable de que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Artigo 12. Desenvolvemento das bolsas.

1. O director xeral do Patrimonio Cultural poderá autorizar a interrupción temporal da bolsa, logo da incorporación do bolseiro ao destino adxudicado, por un prazo de quince días naturais, a petición do interesado, logo do informe favorable dos servizos técnicos coordinadores.

2. O pagamento da dotación económica da bolsa proporcional á duración do período de interrupción procederá só se é recuperado e sempre que sexa posible dentro do exercicio orzamentario e as dispoñibilidades orzamentarias o permitan.

3. Á petición dos interesados, ao remate da bolsa a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, logo de informe favorable dos servizos técnicos coordinadores e entrega dos informes e memorias solicitadas, expedirá certificación acreditativa dela.

4. As bolsas non implican relación funcionarial nin laboral coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nin compromiso que se estenda máis alá do seu ámbito de duración.

5. Para a utilización do material e a información obtidos como resultado das actividades desenvolvida durante a bolsa, os bolseiros deberán contar coa autorización expresa e previa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do centro onde estiveron destinados.

6. Unha vez rematado o período de goce da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación achegada. Transcorrido o prazo dun ano, procederase á eliminación da documentación non recollida.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución de concesión.

Artigo 14. Renuncias, revogación e reintegro de cantidades.

1. A renuncia á bolsa por parte do beneficiario, unha vez iniciado o goce desta, deberá ser comunicada mediante o correspondente escrito á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural polo menos con dez días de antelación á data na que solicite sexa efectiva a súa renuncia. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas en exceso, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non gozada.

2. O persoal técnico e facultativo que coordine e dirixa aos bolseiros poderá propoñerlle á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a revogación da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

3. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora cando proceda nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A renuncia durante o período de goce da bolsa inhabilitará ao seu adxudicatario/a para efectos de presentación na seguinte convocatoria, agás nos casos de forza maior que serán valorados pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Artigo 15. Réxime sancionador.

As infraccións administrativas cometidas en relación coas bolsas reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Réxime xurídico.

Para todos aqueles extremos non previstos nas presentes bases, aplicarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais normativa vixente que resulte de aplicación. Será de aplicación o Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

A presentación electrónica das solicitudes suxeitarase á Orde do 12 de xaneiro de 2012, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase o director xeral do Patrimonio Cultural para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file