Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 22 de maio de 2012 Páx. 19132

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2012, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas do programa Emega para fomento do emprendemento feminino, cofinanciadas polo FSE, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 (SI429A).

A Secretaría Xeral da Igualdade configúrase como órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma ao que lle corresponden, entre outras, as competencias de promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, segundo o disposto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, así como propor medidas, programas e normas dirixidas á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos, tal e como se recolle no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, no que se establecen as funcións do departamento.

As medidas de fomento ás iniciativas empresariais promovidas por mulleres e baseadas en fórmulas de promoción do autoemprego constitúen actuacións eficaces para a xeración e o mantemento de emprego, mobilización de recursos e corrección de desequilibrios rexionais que repercuten na redución da taxa de paro feminino que certamente segue sendo máis elevada que a do home. Son, por tanto, medidas que no contexto de crise económica actual cobran especial relevancia, polo que resulta obrigado fomentalas por parte da Administración en xeral e dos organismos de igualdade en particular.

Concretamente, o crecemento do autoemprego e das iniciativas empresariais está sendo sustentado nunha ampla porcentaxe por mulleres, as cales manteñen de forma máis constante a actividade emprendedora neste momento de crise e lideran a creación de negocios, unha alternativa particularmente interesante neste momento no que son maiores as dificultades para atopar emprego asalariado.

Así mesmo, a definitiva incorporación e participación en igualdade das mulleres no mercado laboral non será posible mentres non se arbitren medidas que permitan que a responsabilidade parental e familiar se comparta entre as mulleres e os homes, poñendo en marcha medidas que favorezan a atención igualitaria das obrigas do traballo e tamén das responsabilidades familiares.

No marco destas competencias e obxectivos enmárcase o programa Emega, un programa de axudas definido para estimular as mulleres emprendedoras a materializar as súas ideas empresariais, apoiándoas mediante a concesión dunha serie de axudas económicas para que se establezan como empresarias e deste xeito acaden a súa propia promoción e contribúan á creación de postos de traballo.

O programa constitúe unha medida integral de promoción da igualdade no eido laboral, no que se complementan accións de apoio directo ao desenvolvemento da actividade empresarial e accións favorecedoras da conciliación da vida laboral e persoal, esenciais para o éxito da iniciativa emprendedora feminina. O conxunto de axudas que conforma o programa defínese por liñas, que inciden nos factores do emprendemento que posibilitan a incorporación das mulleres á vida económica e ao liderado empresarial: o proxecto, a organización e a promotora-empresaria. Así, establécense tres liñas de actuación en función de tres fases da situación dun proxecto empresarial –identificadas como inicial ou de posta en marcha, de progresión ou expansión, a través da innovación, e de consolidación– denominadas liña Emprende, liña Innova e liña Activa, que se complementan cunha cuarta liña, denominada Concilia, establecida en atención á maternidade das promotoras e á organización do proceso de traballo na empresa.

A través da presente norma establécense as bases reguladoras do sistema de axudas da Secretaría Xeral da Igualdade para fomentar o emprendemento feminino, articuladas a través do programa Emega, unha medida de acción positiva co obxectivo básico de posibilitar que as mulleres emprendedoras se integren no sector produtivo poñendo en marcha, mellorando e consolidando as súas iniciativas empresariais e implantando nas empresas novas formas de organización do traballo con que aplicar novas habilidades técnicas e de xestión, de emprego dos tempos e de desenvolvemento sustentable no emprego dos recursos; en definitiva, trátase de facilitar ferramentas adecuadas para proporcionar flexibilidade na execución do traballo e así ampliar o abano de posibilidades de integración no tecido produtivo con vocación e garantías de permanencia.

A xestión deste programa realízase por convocatoria pública de axudas para apoio ao emprendemento feminino baixo o procedemento de concorrencia competitiva, amparado no réxime de axudas minimis e financiado polo Fondo Social Europeo no Programa operativo de Galicia 2007-2013.

As bases reguladoras e a convocatoria destas axudas axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG número 121, do 25 de xuño); no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia (DOG número 20, do 29 de xaneiro); no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG número 214, do 5 de novembro); na Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia aprobados para 2012; e, no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións (BOE número 276, do 18 de novembro), e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo (BOE número 176, do 25 de xullo).

Por todo o exposto, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto, réxime e convocatoria.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión de axudas da Secretaría Xeral da Igualdade para apoio ao emprendemento feminino (programa Emega), sometidas ao réxime de minimis e reguladas polo procedemento de concorrencia competitiva.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2012.

Artigo 2. Financiamento.

Ás axudas obxecto desta convocatoria dedícase un orzamento total de 665.000 euros, que se financia con cargo á aplicación orzamentaria 2012 04.40.313B.470.0 (código de proxecto 201200094) do orzamento de gastos da Secretaría Xeral da Igualdade para o exercicio 2012 e que conta cun cofinanciamento do 80% do Fondo Social Europeo, Programa operativo FSE-Galicia 2007-2013 (eixe 2, tema prioritario 2.69).

De acordo co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, e no suposto previsto no artigo 25.3 do dito regulamento. O incremento do crédito queda condicionado á declaración da súa dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, despois da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse, preferentemente, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia mediante sinatura electrónica do/a solicitante ou representante legal, e terán que cumprir os requisitos de presentación electrónica que se definen no punto seguinte, en aplicación do establecido no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Así mesmo, tamén se poden presentar en soporte papel nos rexistros da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se optase por presentar a solicitude, ou calquera outra documentación que se achegue nas distintas fases do procedemento, ante unha oficina de Correos, farase en sobre aberto para que sexa selada e datada pola oficina antes de ser certificada, segundo o establecido no Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se regula a prestación de servizos postais.

Ao Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia accédese a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, directamente ou tamén a través do portal www.xunta.es

2. Os requisitos para a presentación electrónica son os seguintes:

– Será necesario que a presentadora sexa a persoa física que figura identificada como solicitante nos formularios de solicitude e, no caso de sociedades, a persoa física que exerza a súa representación legal.

– O/a presentador/a deberá posuír algún dos seguintes certificados:

a) DNI electrónico, conforme o disposto no Real decreto 1586/2009, do 16 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 1553/2005, do 23 de decembro, polo que se regula a expedición do documento nacional de identidade e os seus certificados de sinatura electrónica.

b) Certificado electrónico en vigor baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, conforme o disposto no Decreto 164/2005, do 16 de xuño.

c) Calquera outro certificado electrónico ou método de identificación admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es).

Os certificados deben ter exclusivamente atributos de persoa física pola que se acredita a vontade da dita persoa física e non serán válidos aqueles certificados electrónicos que ademais estean vinculados a persoas xurídicas, xa que a vontade da persoa xurídica está limitada nestes certificados a un determinado alcance, por exemplo para fins tributarios.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. As persoas interesadas presentarán unha única solicitude formada polos documentos que se especifican na base 5.ª das bases reguladoras. Os formularios normalizados regulados nesta resolución publícanse no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, preferentemente, poderanse obter, cubrir e imprimir a través da web http://www.mulleresengalicia.es. Cando a solicitude se presente a través do rexistro electrónico, os documentos que se deben xuntar aos formularios normalizados achegaranse en copias dixitalizadas, anexados á dita solicitude.

Artigo 4. Instrución, avaliación e resolución do procedemento.

A instrución, avaliación e resolución do procedemento axustaranse ao establecido nas bases reguladoras destas axudas. O prazo para resolver será de catro meses, que se computará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Lugar e prazos de presentación de xustificación.

Para a xustificación das axudas concedidas, as beneficiarias presentarán nos lugares indicados no artigo 3 desta convocatoria a documentación que se sinala na base 14.ª das bases reguladoras con data límite do 30 de novembro de 2012.

Artigo 6. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI429A, poderase obter información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nos servizos de Igualdade das delegacións territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://www.mulleresengalicia.es, no enderezo electrónico promocion.igualdade@xunta.es, no teléfono 881 99 92 33 ou presencialmente. Cando as solicitantes e beneficiarias desexen recibir directamente as alertas informativas relativas ao desenvolvemento do procedemento deberán indicar no formulario de solicitude unha conta de correo profesional a través da cal a Secretaría Xeral da Igualdade lles enviará os correspondentes avisos e calquera outra nova, meramente informativa, vinculada a esta axuda.

Disposición derradeira primeira.

A secretaria xeral da Igualdade ditará as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2012.

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino

Base 1.ª Obxecto e réxime das axudas.

1. As axudas reguladas por estas bases teñen por obxecto incentivar as mulleres emprendedoras de Galicia para a posta en marcha, mellora ou reactivación de iniciativas empresariais como medio adecuado para a súa promoción, participación e progresión no mercado laboral, a través das seguintes liñas de actuación:

1.1. Liña Emprende: programa de axudas económicas a través de primas para estimular a posta en marcha de iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino por conta propia e allea.

1.2. Liña Innova: programa de axudas económicas mediante primas para promover a realización de melloras innovadoras nas empresas lideradas por mulleres que comparten a creación de emprego feminino estable e de calidade e a mellora da competitividade.

1.3. Liña Activa: programa de axudas económicas a través de primas para favorecer a reactivación e consolidación de empresas lideradas por mulleres por medio da aplicación de medidas de renovación, relanzamento, ampliación ou cambio de localización da actividade coas cales acadar o equilibrio empresarial buscando o seu mantemento e promoción no contexto económico actual.

1.4. Liña Concilia: programa de apoio á conciliación do exercicio profesional coa vida persoal e familiar dirixido ás empresas que acceden a calquera dos programas das liñas Emprende, Innova ou Activa nas cales existan promotoras con fillos/as menores de tres anos, para favorecer o exercicio profesional das emprendedoras que compatibilizan a súa actividade co exercicio da maternidade en idades temperás e/ou nas cales, a través de acordos, convenios ou contratos de teletraballo, se implementen novos sistemas de organización, que comparten flexibilidade no uso dos tempos para a execución do traballo e o desenvolvemento sustentable dos recursos, para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral e o exercicio das responsabilidades familiares compartidas do equipo humano que integra a empresa.

2. Estas axudas están sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (CE) n.º 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE L379, do 28 de decembro de 2006). Esta circunstancia farase constar expresamente nas resolucións de concesión. Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada. Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderán concederse a empresas en crise; a empresas dos sectores da pesca e acuicultura, segundo se prevé no Regulamento (CE) n.º 104/2000 do Consello; da produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado; das actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e ao funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación; e do carbón, segundo se define no Regulamento (CE) n.º 1407/2002.

3. As axudas reguladas mediante esta resolución outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Base 2.ª Beneficiarias.

1. Poderán ser destinatarias das axudas do programa Emega as empresas formadas por mulleres emprendedoras, con domicilio social e establecemento de produción en Galicia, validamente constituídas na data de finalización do prazo de solicitudes e que cumpran os requisitos e as obrigas establecidos nesta resolución para cada liña específica de axuda. A actividade mercantil será realizada por empresarias autónomas ou sociedades, incluídas as sociedades civís e comunidades de bens, con categoría de microempresas ou pequenas empresas. Con carácter específico quedan excluídas do ámbito desta resolución as empresas públicas ou participadas e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.

1.1. Poderán ser beneficiarias das axudas da liña Emprende:

As mulleres que poñan en marcha unha iniciativa empresarial a través de microempresas ou pequenas empresas, establecéndose como empresarias autónomas ou constituíndo sociedades mercantís, incluídas as sociedades civís e comunidades de bens, sempre que se cumpran as seguintes condicións:

a) Que se acredite ausencia de actividade laboral derivada dunha situación legal de desemprego ou de inactividade por maternidade e/ou coidado de persoas dependentes a cargo, por un período mínimo de tres meses inmediatamente anterior ao día primeiro do mes de alta na actividade. No caso de empresas constituídas por máis dunha muller, esta condición exíxese ao 50% das promotoras.

b) Que se creen na empresa os postos de traballo de todas as promotoras e, no caso de empresas unipersoais, se cree, ademais, un posto por conta allea para unha muller.

c) Que o inicio da actividade empresarial se produza nos doce meses anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, computándose dentro do prazo as altas que se produzan en calquera data dos meses de inicio e de finalización deste prazo. Para os efectos deste programa de axudas, o inicio de actividade está determinado pola alta da actividade no IAE ou da declaración censual (no caso de varias actividades terase como referencia a da actividade principal que coincidirá coa que é obxecto da solicitude da axuda) e pola alta das promotoras no réxime da Seguridade Social ou mutualidade profesional que corresponda. Ambas as dúas altas teñen que formalizarse no mesmo mes. Con carácter excepcional, logo da xustificación da solicitante, sempre que a Administración convocante admita a existencia de causa razoada, poderase entender que se cumpre o requisito anterior cando, polo menos, a metade das socias causen alta no mes en que se produza a alta fiscal da empresa e o resto con anterioridade á fin do prazo de xustificación fixado na respectiva convocatoria.

d) Que presenten un plan de empresa en que se desenvolva a planificación do proxecto empresarial concretando os obxectivos, estratexias e medios necesarios para a actividade da empresa, elaborado nos termos que se indican nesta resolución.

e) Que non tivesen con anterioridade actividade mercantil na mesma actividade económica para a que se solicita a axuda e que non recibisen nos últimos cinco anos axuda do programa Emega para creación de empresas.

1.2. Poderán ser beneficiarias das axudas da liña Innova para a realización dun proxecto de mellora empresarial as empresarias autónomas, microempresas e pequenas empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que acrediten no mes de finalización do prazo de presentación de solicitudes actividade empresarial ininterrompida entre 2 e 5 anos no mesmo sector para o cal se proxecta a mellora.

b) Que presenten un plan de empresa en que defina o proxecto de mellora empresarial e a estratexia para a súa implementación, elaborado nos termos fixados nesta resolución.

c) Que o proxecto de mellora supoña a creación, polo menos, dun posto de traballo para unha muller para o que se exixa capacitación profesional media ou superior e cuxas funcións laborais estean vinculadas directamente ás accións do proxecto de mellora.

d) Que o proxecto se materialice a través dalgunha das seguintes accións:

– Proxectos de desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas para a obtención de novos produtos ou procesos ou mellora dos xa existentes.

– Proxectos de aplicación de novas fórmulas de produción e/ou distribución.

– Proxectos de diversificación de produción e/ou da oferta de produtos ou servizos no marco da mellora da calidade.

– Proxectos de reformulación empresarial para a achega ao mercado de produtos e/ou servizos innovadores ou de especial singularidade.

e) Que non recibisen nos últimos cinco anos axuda dos programas Emega para mellora de empresas.

1.3. Poderán ser beneficiarias das axudas da liña Activa as empresarias autónomas, microempresas e pequenas empresas que proxecten a reactivación da súa actividade económica para o mantemento do emprego e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que acrediten un período mínimo de actividade mercantil na actividade económica para a cal se solicita a axuda de 3 anos no mes de finalización do prazo de solicitudes, admitíndose períodos de inactividade que en total non superen os 3 meses na data indicada.

b) Que presenten un plan de empresa para a reactivación e consolidación da empresa que conteña todos os aspectos que condicionan o seu funcionamento e que, partindo da análise razoada da situación actual, recolla as necesidades que se deben cubrir a curto, medio e longo prazo de calquera medida imprescindible para acadar o equilibrio empresarial, sexan de tipo estrutural, conxuntural, de cualificación de medios humanos, de ampliación ou renovación de produtos ou servizos, de localización, de equilibrio entre oferta e demanda, específicas de mercado de proximidade, económicas, tecnolóxicas, etc. Este plan incluirá o cadro de persoal, a conta de resultados e o volume de negocio dos últimos 3 anos de funcionamento e presentarase nos termos establecidos nesta resolución.

c) Que manteñan ou incrementen o número de postos de traballo por conta propia e por conta allea preexistentes na empresa.

d) Que non recibisen nos últimos cinco anos axuda dos programas Emega.

1.4. Poderán ser beneficiarias das axudas da liña Concilia as empresas que opten a calquera dos programas establecidos nestas bases reguladoras sempre que se produza algunha das situacións que se sinalan, de acordo coas condicións definidas na base 3.ª para cada tipo de axuda desta liña:

a) Que formen parte da empresa promotoras con fillos/as que non superen os 3 anos de idade na data límite de xustificación.

b) Que se asine un acordo ou convenio de conciliación para o persoal asalariado, aprobado polas/os traballadoras/es ou representantes sindicais e vinculante para as partes, para a implantación de novos sistemas de organización que favorezan a conciliación, a non segregación e que comparten flexibilización horaria.

c) Que se asinen acordos de teletraballo, formalizados de xeito individual, co persoal vinculado á empresa por contrato laboral.

2. As categorías das empresas que poden optar ás axudas reguladas nestas bases son as pequenas empresas, que se definen como as unidades económicas que ocupan a menos de 50 persoas e cuxo volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros, e as microempresas, que son aquelas que ocupan a menos de 10 persoas e que teñen un volume de negocio anual ou balance xeral anual que non supere os 2 millóns de euros.

3. A administración de todas as empresas de tipo societario que opten a calquera das axudas establecidas nesta resolución ten que ser exercida por mulleres e o capital social pertencer unicamente a mulleres cando se trate de microempresas e estar maioritariamente subscrito por mulleres no caso de pequenas empresas.

4. Para dar cumprimento ao establecido nesta resolución, o plan de empresa, que é o documento guía para a análise, planificación e viabilidade do proceso emprendedor, presentarase nun documento cunha extensión non superior a vinte páxinas, con información totalmente actualizada, clara, concisa, veraz e comprobable, abarcará todas as áreas da actividade obxecto de axuda e definirá as seguintes epígrafes, adaptadas en cada caso ao proxecto concreto:

a) Idea e oportunidade: resumo inicial, en que se indicarán os datos identificativos (nome, enderezo, razón social, nome comercial) e se presentarán a misión e os obxectivos da empresa, definición do produto/servizo, o sector a que se dirixe, necesidades que teñan que cubrir, novidades ou innovacións achegadas, trazos diferenciais, ámbito xeográfico da actividade, obxectivos de vendas e de rendibilidade e referencia a experiencias similares de éxito.

b) Análise do contorno e dinámica competitiva: delimitación do segmento de mercado a que se dirixe o produto ou servizo e potencial de crecemento, perfil e tipoloxía da clientela, valoración da competencia directa, vantaxes competitivas do produto fronte á oferta existente.

c) Política comercial: atende ás variables produto/prezo/distribución/comercialización; nesta epígrafe definiranse as características do produto ou servizo que se vai comercializar, o proceso de fabricación (produto) ou de prestación (servizo), elementos diferenciadores do produto ou servizo (deseño, calidade, presentación, servizo posvenda, etc.), a política de prezos, plan de vendas, sistema ou canles de distribución e loxística, promoción e publicidade, imaxe corporativa.

d) Plan de produción e compras: identificaranse os medios técnicos necesarios para o proceso de fabricación ou adquisición, as instalacións e tecnoloxía aplicada, plans de control de calidade, aprovisionamentos, xestión de stocks, capacidade produtiva e flexibilidade por variacións da demanda.

e) Organización e recursos humanos: presentarase o equipo promotor (datos identificativos, historia profesional, coñecemento do sector, capacidades e complementariedade, e incluiranse os currículos de todas as persoas promotoras; cadro de persoal (indicación da denominación dos postos, ocupación por homes ou mulleres) actual e previsto, detalle do organigrama e formación, experiencia e funcións profesionais do equipo humano, política de persoal e de retribucións, programa de medidas empresariais para a conciliación da vida persoal e profesional (servizos de conciliación, sistema de organización do traballo, flexibilización da xornada para o emprego corresponsable dos tempos).

f) Plan xurídico-fiscal: referencia aos aspectos legais da constitución da empresa e da súa vida diaria, forma xurídica adoptada, réxime fiscal da empresa, permisos e licenzas, principais contratos e acordos (de alugueiros, franquías, de exclusividade de produción).

g) Plan económico-financeiro: constitúe a estimación dos resultados financeiros previstos para determinar a viabilidade financeira do proxecto, cálculo do investimento inicial necesario (gastos de constitución, instalacións e equipamentos, acondicionamentos, traspasos, fianzas, leasing, existencias iniciais, subministracións básicas, etc.) para a posta en marcha do proxecto; fontes de financiamento dispoñibles (capital propio e financiamento alleo), previsión de resultados (gastos e ingresos estimados dos tres primeiros anos da actividade proxectada).

h) Conclusións: resumo das principais fortalezas do proxecto, identificación das debilidades, ameazas e riscos e exposición das vantaxes e oportunidades.

5. Para os efectos desta resolución, considérase teletraballo o desenvolvemento dunha actividade laboral remunerada para a cal se empregan como ferramentas básicas as tecnoloxías da información e telecomunicación e na cal non existe presenza física permanente nin na empresa que ofrece os servizos ou bens, á cal está vinculada laboralmente a persoa traballadora, nin na empresa demandante deses servizos ou bens; e considérase teletraballadora ou teletraballador aquela persoa ocupada que realiza unha tarefa profesional fóra da súa sede laboral habitual e por medio dun ordenador persoal, como mínimo, unha xornada semanal. O acordo de teletraballo reflectirá, como mínimo, as condicións laborais do posto (establecerá o lugar de traballo, a accesibilidade da traballadora ou traballador por requirimento da empresa, vacacións, retribucións, etc.); os métodos de traballo (fixará o sistema formalizado de traballo –quen recibe ou supervisa o traballo, de que forma– e os tipos de comunicación); establecerá os custos variables (electricidade, teléfono, material de oficina, funcionamento do equipamento, seguros, etc.) derivados da realización do traballo e o sistema de reembolso ou compensación. A propiedade do equipamento de traballo e o seu mantemento corresponde á empresa, e o acordo deberá fixar os criterios e servizos para iso e indicar que persoas están autorizadas para o seu uso e os distintos usos segundo o traballo de que se trate. No citado acordo recolleranse tamén aqueles aspectos relativos á formación das persoas traballadoras, as cláusulas de confidencialidade e aqueloutros aspectos necesarios para o óptimo desenvolvemento do posto de traballo.

6. O período mínimo de permanencia da actividade empresarial subvencionada establécese en tres anos desde a data de alta na actividade ou desde a alta dos/as traballadores/as por conta allea, de ser esta posterior. En consecuencia, os acordos ou convenios para a conciliación teñen que manterse vixentes nese período e todos os postos de traballo e teletraballo que se creen teñen que estar cubertos por un período mínimo de tres anos, que se computará desde que se produzan as altas correspondentes no sistema da Seguridade Social ou mutualidades profesionais. En todo caso, estas altas terán lugar, como data límite, na fixada para presentación da xustificación na correspondente convocatoria. Para os efectos do disposto neste punto, cando remate un contrato por causa allea á empresa, sempre que se volva ocupar o dito posto no prazo máximo dun mes, o período mínimo de tres anos non se considerará interrompido. Para os efectos do cumprimento do requisito de creación de postos de traballo por conta allea non se computarán os contratos de interinidade.

7. Todas as promotoras das empresas beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución teñen a obriga de vincularse laboralmente a elas, desenvolvendo de xeito habitual e cotián a súa actividade profesional na empresa obxecto de axuda.

8. As persoas solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarias.

9. Os requisitos para ser beneficiarias deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manterse durante o período de permanencia da actividade.

Base 3.ª Tipos de axuda e contías.

1. As axudas destinadas ás beneficiarias do programa Emega consisten en achegas económicas en forma de prima destinadas a apoiar o desenvolvemento de iniciativas emprendedoras, a promover a creación de emprego feminino, á adopción de novas formas de organización do traballo e a favorecer a conciliación da vida persoal e laboral. Para iso establécense as seguintes contías, segundo as liñas de actuación definidas na base anterior e o número de postos de traballo, por conta propia e allea, xerados:

1.1. Liña Emprende:

1.1.a) Prima de 12.000 euros ás empresas que creen dous postos de traballo por conta propia ou un posto por conta propia e un posto por conta allea con contrato indefinido para mulleres.

1.1.b) Prima de 18.000 euros ás empresas que creen máis de dous postos de traballo por conta propia para mulleres.

1.1.c) Prima de 20.000 euros ás empresas que creen dous postos por conta propia e un posto por conta allea con contrato indefinido para mulleres.

1.1.d) Prima de 22.000 euros ás empresas que creen dous postos por conta propia e dous postos por conta allea con contrato indefinido para mulleres.

1.2. Liña Innova:

1.2.a) Prima básica de 15.000 euros por empresa.

1.2.b) Prima de 18.000 euros ás empresas que, ademais do emprego obrigatorio fixado na base 3.ª, creen un posto de traballo por conta allea con contrato indefinido para outra muller.

1.2.c) Prima de 22.000 euros ás empresas nas cales existan máis de dúas traballadoras autónomas e se cree, ademais do emprego obrigatorio, un posto de traballo por conta allea con contrato indefinido para outra muller.

1.3. Liña Activa:

1.3.a) Prima de 6.000 euros ás empresarias autónomas.

1.3.b) Prima de 12.000 euros ás sociedades constituídas por dúas promotoras e ás empresarias autónomas, sempre que, neste último caso, se manteña ou, no seu defecto, se cree un posto de traballo con contrato indefinido para outra muller.

1.3.c) Prima de 18.000 euros ás empresas que manteñan ou creen máis de dous postos de traballo por conta propia para mulleres.

1.3.d) Prima de 20.000 euros ás empresas que manteñan ou creen dous postos por conta propia e un posto por conta allea con contrato indefinido para mulleres.

1.3.e) Prima de 22.000 euros ás empresas que manteñan ou creen dous postos de traballo autónomo e dous postos por conta allea con contrato indefinido para mulleres.

1.4. Liña Concilia:

1.4.a) Prima básica de 3.000 euros por empresa con promotoras con fillos/as menores de tres anos.

1.4.b) Prima de 5.000 euros por acordo ou convenio de conciliación.

1.4.c) Prima de 1.000 euros por contrato de teletraballo, para mulleres ou homes, co máximo de 5.000 euros.

2. Para as axudas desta convocatoria establécese o tope específico de 30.000 euros por empresa, incluídos os tipos de axuda da liña Concilia, tendo en conta que as liñas Emprende, Innova e Activa son incompatibles entre si e que dentro de cada liña só se pode ser beneficiaria dunha única prima, agás na liña Concilia, en que unha empresa pode beneficiarse da prima por nais emprendedoras e dunha das establecidas en función da existencia de persoal asalariado. Todo iso sempre que se respecten os topes xerais de axuda minimis.

Base 4.ª Compatibilidade e concorrencia de axudas públicas.

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda ou subvención corrente destinada ao fomento do emprendemento feminino, ben a través da creación de emprego autónomo ou ben pola xeración de postos de traballo por conta allea para mulleres.

2. Tendo en conta o anterior, en ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere os límites legalmente establecidos.

3. As persoas solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta resolución, o cal terán que volver xuntar actualizado no momento de presentar a xustificación para o cobramento das axudas.

Base 5.ª Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazos que se indiquen na respectiva convocatoria.

2. As solicitudes estarán compostas pola seguinte documentación, da cal se presentará un único exemplar orixinal, tendo en conta as consideracións establecidas no punto 4 desta base:

1) Anexo II: datos xerais da empresa solicitante e do obxecto da solicitude.

2) Anexo III: compromiso expreso de creación de postos de traballo por conta allea, de ser o caso.

3) Anexo IV: declaración actualizada do conxunto de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

4) NIF da empresa, copia do documento de constitución da sociedade e copia da documentación acreditativa da representatividade suficiente para actuar en nome da entidade. Cando a solicitante sexa persoa física, a sinatura do anexo II de solicitude comporta autorización á Secretaría Xeral da Igualdade para a consulta dos datos de identidade, que se realizará, agás que coa solicitude se achegue copia do DNI ou NIE. No caso de que a presentación sexa electrónica, a veracidade dos datos de identidade garántese coa sinatura electrónica.

5) Informe de vida laboral actualizado de todas as persoas promotoras, emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e/ou pola mutualidade profesional, segundo corresponda.

6) Certificación da Axencia Tributaria que reflicta a data da alta fiscal da empresa e os códigos da actividade económica correspondentes ou alta censual. Nas solicitudes para as axudas da liña Emprende é obrigatoria a presentación dos dous documentos.

7) Plan de empresa.

8) Libro de familia das promotoras nais de menores de tres anos.

9) Acordo ou convenio de conciliación, de ser o caso.

10) Compromiso de teletraballo, de ser o caso.

11) De ser o caso, documentación acreditativa das situacións específicas de especial protección obxecto de valoración segundo o establecido na base 9.ª.

3. A Secretaría Xeral da Igualdade reservará para si a facultade de solicitar a información complementaria que considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

4. As solicitantes ateranse ás especificacións destas bases para a elaboración e presentación da súa solicitude, empregando obrigatoriamente os anexos normalizados para os documentos especificados nesta base. Cando a solicitude se presente en soporte papel, estes formularios presentaranse no seu formato orixinal e sen emendas nin riscadas, inobservancia que dá lugar á inadmisión da solicitude. Así mesmo, deben ter en conta que toda a documentación se debe achegar en papel tamaño DIN A4, sen usar grampas, espirais, carpetas clasificadoras, arquivadores, encadernacións ou calquera outro engadido ao papel que dificulte ou impida os procesos de tratamento, arquivo e dixitalización da documentación e supoña un gasto evitable e superfluo para as solicitantes; a presentación óptima realizarase coa documentación numerada e fixada mediante elementos metálicos tipo fastener ou clips de suxeición similares. Cómpre tamén ter en conta que o engadido de portadas á primeira folla dos modelos normalizados dificulta o proceso nos rexistros oficiais e a alta dos expedientes administrativos, polo que se deberá omitir esta práctica, procurando que o selo do rexistro de entrada figure no anexo de solicitude. Cando a solicitude se presente a través do rexistro electrónico, os documentos que se deben xuntar aos formularios normalizados achegaranse en copias dixitalizadas anexadas á dita solicitude nos formatos e tamaño establecidos na sede electrónica.

Base 6.ª Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e comporta a autorización da persoa solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificacións telemáticas. Cando da actuación de oficio resultar que a solicitante ou beneficiaria non está ao día das súas obrigas tributarias e sociais, requirirase para que regularice a situación e presente por si mesma o correspondente certificado.

De conformidade co artigo 20.3.º da Lei 9/2007, se a persoa solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación débese manter vixente e identificarase na solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das beneficiarias e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. A Secretaría Xeral da Igualdade velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recolla e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiras persoas; non obstante, a Secretaría Xeral da Igualdade revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos, e poderán exercerse, os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición, o cal se fará por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na guía de procedementos da páxina web da Xunta.

Base 7.ª Instrución dos procedementos.

1. A instrución dos procedementos corresponde á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

2. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación e prelación das solicitudes presentadas de acordo cos criterios de selección e valoración fixados nestas bases, segundo a puntuación obtida e respectando o límite orzamentario dispoñible. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, o órgano instrutor requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

4. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os citados requirimentos de emenda poderanse facer ben a través de notificación individualizada, ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

5. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarias para a tramitación e resolución do procedemento.

6. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria, serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido na base 8.ª.

7. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao seu arquivo sen posibilidade de emenda as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.

Base 8.ª Comisión de valoración.

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez instruídos os expedientes constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos, realizará a selección e emitirá o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

A comisión rexerase polo establecido na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, relativo aos órganos colexiados, e estará integrada pola persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade ou persoa en que delegue, que actuará como presidente/a; pola persoa titular do Servizo de Planificación e Programación; pola persoa titular do Servizo de Promoción e Cooperación Institucional; pola persoa titular do Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas e pola persoa titular do Servizo de Fomento, que actuará como secretario/a. A comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a persoa que exerce a presidencia, a que actúa como secretario/a e a metade dos seus membros. Se, por calquera causa, algunha das persoas que compoñen a comisión de valoración non puidese asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionaria/o designada/o para estes efectos pola persoa que exerza a presidencia.

2. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir das solicitantes información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes. Poderá estar asistida por persoas expertas externas e, así mesmo, poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión para os efectos de colaborar na revisión e valoración dos documentos achegados coa solicitude.

3. A avaliación realizarase sobre a información da documentación obrigatoria presentada na solicitude, quedando excluída a reformulación de solicitudes para as axudas reguladas nestas bases. Nos casos de solicitudes con igualdade de puntuación terase en conta, para os efectos de resolver o empate, a puntuación obtida criterio a criterio, seguindo a orde en que figuran relacionados, empezando polo primeiro, ata que se produza o desempate; no caso de esgotarse os criterios e persistir o empate, a preferencia determinarase pola data de presentación da solicitude.

4. Unha vez avaliados os expedientes e determinada a prima de cada proxecto, a comisión fixará o limiar mínimo de puntuación necesario para acadar axuda, tendo en conta o crédito orzamentario e os topes xerais establecidos nestas bases, e presentaralle á persoa responsable do departamento a correspondente proposta de adxudicación.

5. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado as solicitantes propostas para obter a axuda, especificándose a avaliación que lles corresponde e o importe da concesión que se propón para cada unha delas.

6. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas, ben co crédito que quedase libre por producirse algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado nesta base.

Base 9.ª Criterios de valoración.

A comisión de valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliará os proxectos debidamente presentados que sexan técnica, económica e financeiramente factibles, conforme os seguintes criterios:

1) Emprego feminino xerado, por conta propia e allea, máximo 15 puntos.

2) Investimento e financiamento: valorarase o esforzo investidor para realizar o proxecto e a achega de carácter privado das promotoras ao investimento inicial: máximo 15 puntos.

3) Contribución á integración laboral de mulleres en situación de especial protección: inactivas ou paradas de longa duración, mulleres con discapacidade, mulleres en situación de especial dificultade derivada da violencia de xénero ou risco de exclusión social ou mulleres que interromperon a actividade laboral pola dificultade de compaxinar a vida laboral e familiar: máximo 10 puntos.

4) Formación e experiencia do equipo promotor: valoraranse os coñecementos técnicos e profesionais no sector do proxecto ou en sectores profesionais relacionados: máximo 7 puntos.

5) Carácter innovador do proxecto: valorarase a inexistencia da iniciativa na localidade ou comarca, se se trata dun proxecto pioneiro no sector, se se promove a diversificación da actividade económica no contorno e se se incorporan tecnoloxías da información e comunicación: máximo 7 puntos.

6) Utilización de factores produtivos locais ou comarcais: valorarase o emprego na actividade de materias primas, mercadorías, maquinaria, instrumentos ou equipamentos producidos ou xerados no contorno local: máximo 7 puntos.

7) Localización do proxecto en zona rural (concellos con densidade de poboación inferior a 150 hab./km2): máximo 7 puntos.

8) Contribución do proxecto ao desenvolvemento sustentable: valorarase a introdución de elementos que minimicen o impacto ambiental, de enerxías alternativas, o uso eficiente de recursos e redución do gasto enerxético: máximo 7 puntos.

9) Iniciativa empresarial pertencente ao sector de prestación de servizos de conciliación: máximo 5 puntos.

10) Proxecto pertencente a sectores económicos en que as mulleres están infrarrepresentadas: máximo 5 puntos.

11) Período de desemprego das promotoras superior ao mínimo exixido: máximo 5 puntos.

12) Grao de elaboración e concreción do proxecto: máximo 5 puntos.

13) Presentación de toda a documentación relativa ao procedemento en galego e compromiso do seu uso no desenvolvemento do proxecto (anexo II): 5 puntos.

Base 10.ª Resolución e notificación.

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade. A resolución deberá estar debidamente motivada e indicará a solicitante ou a relación de solicitantes ás cales se lles concede a axuda, os compromisos das beneficiarias, os créditos orzamentarios a que se imputa o gasto, a contía da concesión, o fondo europeo, eixe, a compatibilidade ou incompatibilidade con outras axudas, os prazos e formas de xustificación e os prazos e modos de pagamento; así mesmo indicará, de ser o caso, a denegación do resto das solicitudes e a súa causa.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que as beneficiarias están ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste sentido, a solicitude supón a autorización ao órgano instrutor para pedir os correspondentes certificados.

2. O prazo para resolver será o establecido na corresponde convocatoria. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase desestimada.

3. A publicidade das subvencións realizarase segundo dispón a normativa vixente. Na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Igualdade, e nos cinco días seguintes ao da notificación da concesión, publicarase a relación de beneficiarias con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, segundo indica o artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

4. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, a notificación de todas as resolucións realizarase mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 59.6.º b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Nesta publicación especificaranse a data da convocatoria, as axudas concedidas, indicando a beneficiaria, a contía concedida e a finalidade da axuda outorgada. Así mesmo, indicaranse as solicitudes denegadas con indicación das causas. Non obstante, o órgano competente para resolver poderá acordar a práctica da notificación individual en substitución da publicación das resolucións correspondentes.

5. Na resolución de concesión as beneficiarias serán informadas de que a obtención de axuda comunitaria implica a aparición na lista pública de persoas beneficiarias que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2.º d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007), na cal figuran os datos de identidade ou denominación social, das operacións e da contía de fondos públicos asignada a cada operación.

Base 11.ª Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Base 12.ª Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Base 13.ª Obrigas das beneficiarias.

1. De conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable, as beneficiarias destas están obrigadas a:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das axudas.

b) Iniciar a actividade nos períodos establecidos na base 2.ª, sen prexuízo da facultade da Secretaría Xeral da Igualdade de comprobar a realización material das actuacións propias da empresa de que se trate fronte ao público en xeral.

c) Comunicar, no prazo de 15 días, todas as variacións que se produzan na empresa.

d) Facer o investimento previsto para a creación, reformulación ou mellora da empresa, manter un sistema de contabilidade con codificación adecuada que permita identificar todas as transaccións realizadas vinculadas ao proxecto subvencionado, e conservar os documentos xustificativos por un período de tres anos (ata o ano 2018) a partir do peche do programa operativo.

e) Ter unha permanencia ininterrompida na actividade de tres anos como mínimo e cumprir os requisitos de publicidade. Durante este tempo deberá permanecer exposto o cartel a que se refire a base 19.ª.

f) Cumprir os compromisos asinados de creación de emprego; achegar, no mes de decembro de cada exercicio durante o período de permanencia, o informe da situación de todos os códigos de cotización da empresa no cal consten todos os contratos vinculados á axuda e manter os postos que se creen polos períodos mínimos exixidos nesta resolución.

g) Desenvolver de xeito habitual e cotián o exercicio profesional correspondente aos postos de autoemprego na actividade empresarial obxecto de axuda.

h) Efectuar a xustificación para a percepción da axuda conforme o establecido nesta resolución.

i) Facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

j) Someterse ás actuacións de supervisión e control dos órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social e da Secretaría Xeral da Igualdade para realizar as comprobacións e verificacións que se consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

k) Comunicarlle á Secretaría Xeral da Igualdade a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, e non superar as porcentaxes máximas de acumulación establecidas na normativa comunitaria europea.

l) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, estar ao día nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Cando as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que a solicitante ou a beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase para que regularice a situación e presente por si mesma os correspondentes certificados.

m) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3.º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión. A publicidade realizarase segundo o disposto na base 19.ª, e no lugar onde se leven a cabo as accións correspondentes aos proxectos subvencionados deberá figurar, de forma visible para o público en xeral, un cartel informativo coas especificacións establecidas.

n) Reintegrar totalmente o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

– Incumprimento do obxectivo ou concorrencia con outras axudas percibidas, para a mesma finalidade, de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

2. Cando o cumprimento se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que se debe reintegrar parcialmente determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

Base 14.ª Xustificación da subvención.

1. Con base no establecido no título III, artigo 48.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as beneficiarias, para cobraren as contías concedidas, deberán presentar, no prazo e lugares sinalados no artigo 5 da convocatoria, a seguinte documentación, da cal se achegará un único exemplar orixinal, tendo en conta as consideracións establecidas no punto 4 da base 5.ª:

a) Solicitude de cobramento asinada no modelo do anexo V.

b) Copia compulsada das altas das promotoras no réxime correspondente da Seguridade Social e/ou mutualidade profesional, segundo corresponda.

c) Copia compulsada da inscrición da empresa no sistema da Seguridade Social, de ser o caso.

d) Copias compulsadas dos documentos de alta na Seguridade Social das/os traballadoras/es por conta allea e dos contratos correspondentes en cumprimento dos compromisos asumidos no anexo III.

e) Declaración responsable, asinada pola representante legal ou promotoras, acreditativa do cumprimento total do orzamento de investimentos previsto no proxecto, que inclúa a relación de xustificantes de gasto e na cal consten: identificación da persoa acredora, número e data da factura ou documento equivalente, concepto, importe sen IVE e data de pagamento.

f) Orixinal e copia do/s acordo/s de teletraballo, de ser o caso.

g) Declaración de axudas: anexo IV actualizado.

h) Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, captura de pantallas...) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

2. Para os efectos desta resolución, os investimentos e gastos dos proxectos teñen que cumprir os seguintes requisitos: ser gastos directos da acción, adecuados aos obxectivos da medida a que pertence a actuación, ser verificable documentalmente a súa realización e ser realizados dentro do período establecido. En todo caso, observarase o cumprimento das condicións establecidas na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013, e na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica.

3. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da axuda e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

4. Recibida a documentación xustificativa, os órganos competentes da Secretaría Xeral da Igualdade, antes de procederen ao pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación que consideren oportunas para verificar o cumprimento das accións subvencionadas.

Base 15.ª Pagamento.

1. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actividade subvencionada.

2. As beneficiarias poderán percibir un pagamento en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á xustificación da axuda, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión sempre que exista solicitude previa da interesada (anexo V). En aplicación do disposto no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da axuda non supere os 18.000 euros establécese un anticipo do 80% da concesión, e para as que superen esa contía establécese, ademais, unha porcentaxe adicional do 10% sobre o importe que excede esa contía. O importe restante que corresponda para completar o pagamento da axuda librarase logo da completa xustificación polas beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

As beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución están exoneradas da constitución de garantías en virtude do disposto no artigo 65.4 do citado regulamento, onde figura a relación de persoas físicas e xurídicas para as cales se establece a exoneración, na cal se inclúen as persoas beneficiarias das subvencións concedidas cuxos pagamentos non superen os 18.000 euros, entendéndose, no caso de pagamentos anticipados, ese importe referido á cantidade acumulada dos pagamentos realizados.

3. Antes de proceder ao pagamento da liquidación final, o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as adxudicatarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma. No caso de que non conste a situación da beneficiaria respecto das ditas obrigas, requirirase para que achegue os oportunos certificados. A non presentación no prazo establecido na notificación comportará a perda do dereito ao cobramento da axuda.

Base 16.ª Revogación e reintegro de axudas.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á revogación das axudas e, no caso de se ter aboado, á obriga de devolver total ou parcialmente as contías percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro. Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia n.º 2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia.

4. Sen prexuízo do establecido nesta base, poderase minorar o importe da axuda concedida no suposto de variación do número de empregos creados respecto dos compromisos asinados sempre que se cumpran os requisitos para fixar unha prima de inferior contía dentro da mesma liña e sempre que esta variación non supoña unha realización deficiente respecto da posta en marcha, mellora ou reformulación do proxecto empresarial obxecto da axuda. Para os casos en que esta minoración comporte reintegro parcial por ter recibido pagamento anticipado, procederase segundo o establecido nestas bases.

Base 17.ª Infraccións e sancións.

Ás beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Base 18.ª Control e verificación.

1. A Secretaría Xeral da Igualdade levará a cabo as actividades de control que considere oportunas para o adecuado seguimento do cumprimento das condicións das axudas reguladas nestas bases. As verificacións abordarán os aspectos administrativos, financeiros, técnicos e físicos, segundo corresponda. En todo caso, o procedemento de verificación administrativa afectará a todas as axudas aprobadas e a verificación sobre o terreo realizarase sobre unha mostra que se obterá a partir dun método de mostraxe aleatoria. Para a súa realización, a Secretaría Xeral da Igualdade, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, poderá realizar actuacións de comprobación material que, para todos os tipos de axuda, incidirán sobre todos aquelas cuestións que garantan o cumprimento dos requisitos fixados nestas bases, nomeadamente as contratacións, altas na Seguridade Social ou mutualidades profesionais, efectividade dos pagamentos, das retencións á conta dos impostos correspondentes e dos seguros sociais, así como das obrigas sobre publicidade e información. O persoal encargado da verificación redactará a acta da actuación de control, que asinará a beneficiaria á cal lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Secretaría Xeral da Igualdade xunto co informe de verificación. A beneficiaria queda obrigada a facilitarlle ao persoal asignado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

2. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento; ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás de comprobación e control obrigadas pola normativa comunitaria de aplicación.

Base 19.ª Publicidade e información.

1. As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En concreto deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento dos seus activos con fondos da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Igualdade e do Fondo Social Europeo. Para isto, no lugar onde se desenvolva o proxecto deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo no cal aparezan os anagramas da Secretaría Xeral da Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo en aplicación do disposto na normativa aplicable. Na páxina web oficial informarase das características do dito cartel e dos logos e lendas de obrigada inclusión. Cando o proxecto se publicite nun sitio da internet, as citadas referencias deberán realizarse en lugar visible na súa páxina de inicio; cando se materialice nunha aplicación informática, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares); así mesmo, cando se elaboren materiais divulgativos do proxecto empresarial (cadernos, folletos, notas informativas, CD-Rom) deberán constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

2. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, programa e crédito orzamentario, listaxe de beneficiarias, nome das operacións, contía de fondos públicos asignados a cada operación e finalidade da subvención, en aplicación do disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE)1828/2006 da Comisión. Igualmente, publicarase na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Base 20.ª Remisión normativa.

A tramitación de solicitudes e concesión destas axudas axustarase ao disposto no Regulamento (CE) n.º 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis; no Regulamento (CE) 1081/2006, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Social Europeo; no Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autonoma para 2012; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia; na Orde do 21 de decembro de 2009, da Consellería de Facenda, pola que regulan as normas para a execución, seguimento e control dos programas operativos Feder de Galicia 2007-2013 e FSE de Galicia 2007-2013; na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013, e na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica; nesta resolución e na demais normativa de aplicación.

En canto á información e publicidade das accións que se realicen ao abeiro desta resolución, rexerá o disposto no Regulamento (CE) n.º 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e no Regulamento (CE) 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo de Desenvolvemento Rexional, e demais normativa de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file