Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Mércores, 23 de maio de 2012 Páx. 19372

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 122/2012, do 10 de maio, polo que se aproba o Regulamento de composición e funcionamento do Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia.

Galicia asumiu mediante o seu Estatuto de autonomía a competencia exclusiva en materia de patrimonio histórico, artístico, arquitectónico e arqueolóxico do seu interese, sen prexuízo do que dispón o artigo 149.1.28 da Constitución española. A competencia exclusiva abrangue, pois, a potestade lexislativa, a regulamentaria e a función executiva, segundo o disposto nos artigos 27.18 e 37 do seu Estatuto de autonomía.

En virtude do Decreto 112/1992, do 30 de abril, créase a Comisión Superior de Valoración e Adquisición de Bens Culturais como órgano consultivo e asesor adscrito á consellería con competencias en materia de cultura.

Con posterioridade, en exercicio da potestade lexislativa, o Parlamento Galego aprobou a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia. Esta lei, no seu artigo 7, define, entre outros, a Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia como órgano asesor da Consellería de Cultura en materia de patrimonio cultural e determina que regulamentariamente se establecerá a composición e o funcionamento dos órganos asesores da consellería.

A experiencia acadada nos anos de funcionamento da Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia aconsella modificar as súas funcións e a súa composición. A reformulación das súas funcións pretende conseguir unha maior clarificación das súas funcións e a modificación da regulación dalgúns aspectos para mellorar o seu funcionamento e actividade, como, por exemplo, prever unha renovación gradual dos/as seus/súas membros ou especificar as condicións en que as solicitudes de valoración deben ser achegadas. Todo iso ten como obxectivo primordial a consecución dunha valoración dos bens culturais o máis xusta e axeitada á realidade que sexa posible. E coa nova composición búscase afondar na mellora cara á máxima competencia entre os/as expertos/as nas distintas facetas do patrimonio cultural e asegurar a incorporación dun/dunha especialista en arte contemporánea.

O cambio da denominación de comisión pola de consello que adopta esta norma vén determinado polo establecido no artigo 22 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de maio de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único.

Apróbase o regulamento de composición e funcionamento do Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia que figura como anexo deste decreto.

Disposición adicional primeira.

O Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia constituirase no prazo de dous meses, contados desde a entrada en vigor deste decreto.

Disposición adicional segunda.

As entidades e organismos a quen corresponda propoñer a designación de representantes no Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia deberán comunicar a súa proposta á consellería con competencias en materia de patrimonio cultural no prazo dun mes desde o día de entrada en vigor deste decreto.

Disposición adicional terceira.

A constitución e posta en funcionamento do Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia non xerará incremento das consignacións orzamentarias da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.

Disposición transitoria única.

Namentres non se constitúa o Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia, segundo a composición fixada neste decreto, a Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia, coa súa actual composición, continuará coas súas funcións.

Disposición derrogatoria única.

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango sexan contrarias ao contido deste decreto e, en particular, o Decreto 112/1992, do 30 de abril, polo que se crea a Comisión Superior de Valoración e Adquisición de Bens Culturais de Interese para Galicia.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución do disposto no presente decreto.

Disposición derradeira segunda.

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días naturais, contados desde o seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de maio de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Regulamento de composición e funcionamento do Consello Superior
de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia

Artigo 1. Natureza e adscrición.

O Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia é un órgano asesor de natureza colexiada da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, que o dotará dos medios persoais e materiais necesarios para o seu funcionamento, e dependerá funcionalmente do órgano de dirección competente en materia de patrimonio cultural.

Artigo 2. Réxime xurídico.

1. O Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia réxese pola lexislación básica estatal sobre réxime xurídico das administracións públicas, pola lexislación autonómica en materia de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, pola lexislación específica aplicable e máis polo disposto neste regulamento.

2. A consulta ao Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia será preceptiva nos casos previstos neste decreto. Os seus informes non serán vinculantes, salvo disposición expresa en contrario.

Artigo 3. Funcións.

É función do Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia a emisión de informe nos seguintes casos:

a) Sobre a valoración económica de bens culturais mobles que se pretendan adquirir, a título gratuíto ou oneroso, con destino a arquivos e museos sobre os que teña competencias a Xunta de Galicia.

b) Sobre a valoración económica de bens culturais integrantes do patrimonio bibliográfico de Galicia ou obras de especial interese ou rareza que se pretendan adquirir, a título gratuíto ou oneroso, con destino a bibliotecas sobre as que teña competencias a Xunta de Galicia.

c) Sobre a valoración económica de bens culturais mobles que se oferten en depósito ou comodato con destino a bibliotecas, arquivos e museos sobre os que teña competencias a Xunta de Galicia.

d) Sobre a valoración económica de bens culturais mobles que se pretendan adquirir, a título gratuíto ou oneroso, ou que se oferten en depósito ou comodato, con destino á Administración xeral da Comunidade Autónoma ou ás distintas entidades instrumentais do sector público autonómico.

e) Sobre a valoración económica dos bens culturais que se oferten á Xunta de Galicia como pagamento de débeda tributaria.

f) Sobre a valoración económica dos bens mobles obxecto dos achados casuais, para os efectos da concesión do premio en metálico que determina a normativa autonómica de patrimonio cultural.

g) No caso de exercicio dos dereitos de adquisición preferente do tanteo e retracto, que lle correspondan á Xunta de Galicia, ao abeiro da normativa autonómica sobre patrimonio cultural, agás no caso de poxas públicas de bens mobles con destino a bibliotecas, arquivos e museos en que teña competencias a Xunta de Galicia.

h) Realizar calquera outra función que lle sexa requirida pola consellería competente en materia de cultura en relación coa valoración de bens culturais de interese para Galicia, ou aqueloutras análogas que se lle atribúan por disposición legal ou regulamentaria.

Artigo 4. Composición.

1. O Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia ten a seguinte composición:

a) Presidencia.

b) Vicepresidencia.

c) Vogalías.

2. Na composición do Consello atenderase ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes. A comunicación que se realice aos órganos, institucións ou asociacións para a designación de representantes lembrará a importancia social de tender a aquel obxectivo de igualdade.

Artigo 5. Presidencia.

1. Exercerá a presidencia a persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.

2. Correspóndelle á persoa que desempeña a presidencia:

a) Representar o Consello.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e a fixación da orde do día.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

e) Asegurar o cumprimento das leis.

f) Visar as actas e as certificacións dos acordos do órgano asesor.

g) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á condición da presidencia do órgano.

3. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa que exerza a presidencia será substituída pola que desempeñe a vicepresidencia e, de faltar esta, polo membro do órgano colexiado de maior xerarquía, antigüidade ou idade, por esta orde, de entre os/as seus/súas compoñentes.

Artigo 6. Vicepresidencia.

1. A vicepresidencia será exercida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural.

2. Corresponde á vicepresidencia auxiliar á presidencia no exercicio das súas funcións e realizar cantas outras lle sexan especificamente encomendadas por aquela.

Artigo 7. Vogais.

Serán vogais do Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia:

a) Seis persoas nomeadas por proposta da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, elixidas entre facultativos/as de grao superior ou medio de museos, arquivos e bibliotecas, membros das academias galegas, e investigadores/as, expertos/as ou docentes en materias relacionadas coa historia, historia da arte, arquitectura, etnoloxía, arqueoloxía ou restauración, sendo un/unha deles experto/a en arte contemporánea.

b) Dúas persoas nomeadas por proposta da persoa titular da consellería con competencia en materia de facenda, titulares dunha subdirección ou xefatura de servizo, unha con funcións en materia de tributos e outra con funcións en materia de patrimonio da Comunidade Autónoma.

c) Un/unha representante do Consello da Cultura Galega.

d) Un/unha representante do Sistema Universitario Público galego, elixido entre docentes en materias relacionadas coas mencionadas na alínea a). Establecerase unha rotación entre as tres universidades cada tres anos, na seguinte orde: Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e Universidade de Vigo.

Artigo 8. Secretaría.

1. O Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia terá unha secretaría, que será exercida pola persoa titular dunha xefatura de servizo ou de sección da dirección xeral con competencia en materia de patrimonio cultural, designada polo titular da dita dirección. En función das necesidades, poderá asistir ás reunións outra persoa funcionaria designada pola presidencia para axudar nas tarefas propias da secretaría.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa que exerza a secretaría será substituída por unha persoa funcionaria designada pola presidencia.

3. Correspóndelle á persoa que exerce a secretaría do Consello:

a) Asistir ás reunións, con voz pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do órgano por orde da súa presidencia, así como as citacións aos/ás seus/súas membros.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros co órgano e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e asinar as actas das sesións, co visto e prace da persoa que exercese a presidencia.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretaria ou secretario.

Artigo 9. Nomeamentos e cesamentos.

1. O nomeamento e cesamento das persoas que ocupen as vogalías do Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia e dos seus respectivos suplentes, corresponde á persoa titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, por proposta dos órganos e entidades citados no artigo 7.

2. A persoa titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural poderá cesar os/as membros do Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia polas seguintes causas:

a) Renuncia.

b) Renovación por transcurso do prazo de nomeamento, se for o caso.

c) Condena por delito en virtude de sentenza firme.

d) Incapacidade declarada por decisión xudicial firme.

e) Petición da entidade ou órgano que propuxo o nomeamento.

f) Incumprimento grave dos seus deberes.

3. Os/as vogais do Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia serán nomeados/as por un período de catro anos, salvo os/as representantes do Consello da Cultura Galega e do Sistema Universitario Público galego, que serán nomeados/as por un período de tres anos.

4. Transcorridos os prazos establecidos no punto anterior, os nomeamentos dos/das vogais poderán renovarse por un período igual ao do mandato inicial.

5. Todos/as poderán volver ser nomeados/as transcorridos seis anos desde o seu cesamento.

Artigo 10. Dereitos e deberes dos/das membros.

1. Correspóndelles aos/ás membros do Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia:

a) Recibir a convocatoria que conteña a orde do día das reunións cunha antelación mínima de corenta e oito horas.

b) Ter á súa disposición a información sobre os asuntos que figuren na orde do día coa antelación referida na letra anterior.

c) Participar nos debates das sesións.

d) Exercer o seu dereito ao voto e formular ao/á secretario/a o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

e) Non absterse nas votacións aquelas persoas que teñan a condición de membros do órgano colexiado pola súa calidade de autoridades ou persoal ao servizo das administracións públicas, sen prexuízo do establecido no artigo 11.

f) Formular suxestións e preguntas.

g) Obter a información que precisen para cumprir adecuadamente as funcións asignadas.

h) Manter o segredo das deliberacións e votacións.

i) Cantas outras sexan inherentes á súa condición.

2. As persoas que ocupen as vogalías do Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia non poderán atribuírse as funcións de representación del, salvo que llas outorgase expresamente mediante acordo validamente adoptado, para cada caso concreto, o propio órgano colexiado.

3. As persoas integrantes do Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia terán dereito a percibir unha indemnización en concepto de axudas de custo de acordo coa normativa xeral da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Abstención e recusación.

Serán motivos de abstención e recusación dos/das membros do Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia os previstos con carácter xeral nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Funcionamento.

1. O Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia reunirase cada tres meses, ou en sesión extraordinaria cando a persoa titular da presidencia o considere pertinente ou o solicite a maioría de dous terzos dos/as seus/súas membros.

2. Para a válida constitución do órgano, para os efectos da realización de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza das persoas que exerzan a presidencia e a secretaría, ou daquelas que as substitúan, e da metade, polo menos, dos/das seus/súas membros.

3. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, agás que estean presentes todos/as os/as membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

4. Os acordos serán adoptados por maioría simple de votos.

Artigo 13. Actas.

De cada sesión que se realice a persoa que exerza a secretaría levantará a acta. As actas serán aprobadas na mesma ou na seguinte sesión do Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia. A persoa que exerza as funcións da secretaría poderá certificar, non obstante, os acordos que se adoptasen, sen prexuízo da aprobación posterior da acta, e deberá facer constar nas certificacións tal circunstancia de modo expreso.

Artigo 14. Normas de procedemento.

A emisión de informe polo Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia nos casos das alíneas d) e e) do artigo 3 deste decreto require que o órgano, institución ou ente instrumental da Administración autonómica achegue un informe que deberá conter:

a) Título da obra de arte ou a denominación do obxecto.

b) Descrición do ben, incluídos os materiais, técnicas e medidas.

c) Fotografías recentes tomadas desde tres ou máis ángulos diferentes.

d) Contextualización da obra, detallando na medida do posible a súa época, ámbito e lugar de realización, confección ou fabricación.

e) Currículum profesional da persoa ou persoas autoras, se procede.

f) Memoria xustificativa da valoración que inclúa unha referencia a prezos de mercado no momento en que se oferta ou dos catro últimos anos de bens análogos ou obras do mesmo autor, así como tamén información sobre a significación cultural, histórica, científica, técnica ou social do ben, así como calquera outra que incida sobre o valor da obra, tales como o taller artesanal ou industrial, cando proceda.

g) Estado de conservación.

h) Proposta de taxación.

i) Sinatura e data.

No caso de artistas noveis onde non sexa posible unha verificación de prezos de mercado farase especial fincapé no xuízo sobre a calidade artística da obra que se valore, nos materiais empregados e na valoración sociocultural que puider acadar.

Artigo 15. Comisións específicas.

1. Por proposta da presidencia e co voto favorable da maioría poderanse constituír comisións específicas para a realización de informes ou estudos da competencia do órgano asesor.

2. O acordo de constitución establecerá o asunto concreto que será obxecto de estudo, os membros que a integren así como a designación dos que desempeñarán a presidencia e secretaría da comisión, os medios persoais e materiais de que dispoñan e o prazo para a realización do seu traballo, que unha vez finalizado entregarán ao presidente do Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia para a toma de coñecemento do órgano colexiado ou, se é o caso, para sometelo á súa deliberación e votación.

3. Para a formación desas comisións poderá solicitarse a colaboración de especialistas, con carácter excepcional, cando as particulares circunstancias o requiran, e de forma motivada.

4. As comisións específicas extínguense automaticamente unha vez realizado o ditame ou informe sobre o asunto encomendado.